Poesia das vangardas

Clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,56 KB

L2A poesía de vangarda.As vangardas foron correntes de renovación artística e literaria que se desenvolveron en Occidente ao longo das primeiras décadas do século XX. Entre elas atopamos o dadaísmo, o surrealismo, o cubismo, o futurismo, o creacionismo ou o expresionismo. Tiñan en común un desexo de ruptura coas convencións estéticas vixentes, a través da deshumanización e o antisentimentalismo, da renovación da linguaxe poética e da liberdade radical do creador. Estas correntes difundían as súas ideas artísticas a través da publicación de manifestos..Na literatura galega, as innovacións das vangardas europeas foron introducidas pola denominada Xeración do 25, formada por autores nados arredor de 1900. Non obstante, nas súas obras a ruptura coa tradición literaria non foi total, debido á súa ideoloxía nacionalista, á influencia do movemento saudosista portugués e á presenza do sentimental ismo. Elaboraron manifestos para dar a coñecer as súas ideas, tanto estéticas coma políticas, como Máis Alá (1922), de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro, e tamén publicaron revistas vangardistas: Alfar, Ronsel, Resol, Cristal... Soen distinguirse varias correntes dentro do vangardismo galego: o hilozoísmo, o neotrobadorismo, o creacionismo e a vangarda pura..O hilozoísmo, que acadou unha enorme resonancia na época, é unha corrente continuadora do paisaxismo do Rexurdimento e de Antón Noriega Varela, ao que engade o recurso ás imaxes humanizadoras e o uso de formas rítmicas sinxelas e populares. O máximo representante do hilozoísmo foi Luís Amado Carballo, que publicou dous libros de poemas en galego: Proel (1927) e O galo (1928), póstumo..O neotrobadorismo xorde como consecuencia da divulgación da nosa lírica medieval polo filólogo portugués José Joaquim Nunes, en 1928. Os neotrobadoristas tentarán reproducir os temas e as formas das cantigas medievais, empregando



recursos como o paralelismo, o refrán e o leixaprén. Os mellores representantes desta corrente foron Fermín Bouza Brey, que escribiu Nao senlleira (1933), e Álvaro Cunqueiro, con Cantiga nova que se chama Riveira (1933)..O creacionismo defende a liberdade creativa do artista, que non debe limitarse a imitar a natureza, senón crear algo novo, a través de imaxes suxestivas e arriscadas (simbolismo). A esta corrente pertence Manuel Antonio, que publicou en 1928 o poemario máis importante do vangardismo galego: De catro a catro. Formado por 19 poemas e concibido como o diario dunha travesía marítima, nel Manuel Antonio describe unha viaxe externa a través do mar que simboliza, ao mesmo tempo, unha viaxe interna a través da soidade e o sentido da existencia. En canto á súa lingua, trátase dunha lingua culta, sen referencias dialectais, inzada de tecnicismos propios da navegación..Por último, hai que citar os autores da vangarda pura, como Manuel Luís Acuña, que escribiu Fírgoas (1933), e Álvaro Cunqueiro, con Mar ao norde (1932) e Poemas de si e non (1933). Eles foron os que máis fielmente seguiron os presupostos das vangardas europeas, sobre todo do surrealismo e do cubismo..Un caso á parte é o de Luís Pimentel. As súas obras poéticas, Triscos (1950) e Sombra do aire na herba (1959), publicáronse na posguerra, aínda que os poemas que as forman son da época vangardista. A súa poesía é profundamente lírica e intimista, con imaxes poéticas tomadas do mundo dos soños e presenza constante de espazos interiores, e cunha expresión sinxela e delicada con predominio do verso libre.

Entradas relacionadas: