Historia

Clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,5 KB

Estatuto Real: carta outorgada redactada en 1834 polo ministro Martínez de la Rosa durante a rexencia de María Cristina de Borbón. O Estatuto Real, como carta outorgada, pretendía realizar concesións políticas aos liberais, pero en realidade foi extremadamente moderada (conservadora). Trátase dunha convocatoria a Cortes (moi restrinxida), na que non aparece a soberanía nacional, nin a separación de poderes nin os dereitos dos cidadáns. 

Ludismo: tamén denominada mecanoclastia. Primeira forma de manifestación obreira que se dá na primeira fase da Revolución Industrial consistente na destrución da maquinaria dentro dunha fábrica, porque esta quita postos de traballo. O nome de ludismo ven dun personaxe ficticio, o capitán Ned Ludd, no nome do cal os ludistas ingleses asinaban as súas reivindicacións. Un dos exemplos máis destacados en España foi a destrución da fábrica téxtil ou vapor “Bonaplata” en Barcelona (primeira fábrica a vapor en España) ou na fábrica de tabacos na Coruña. 

Manifesto dos Persas: documento subscrito en 1814 por varios deputados de tendencia absolutista, participantes nas Cortes de Cádiz no que se solicitaba a Fernando VII o retorno ao Antigo Réxime e a abolición da lexislación de Cádiz, incluída a Constitución de 1812. O documento toma o nome dunha referencia que se contén, ao principio do mesmo, sobre os costumes que había en Persia no momento do cambio dinástico. 

Manifesto de Sandhurst: manifesto de carácter político asinado o 1 de decembro de 1874 polo entón príncipe Afonso de Borbón (futuro Afonso XII), mentres se atopaba no exilio na academia de oficiais británica de Sandhurst. No documento móstrase disposto a converterse en rei de España e partidario da monarquía parlamentaria. 

Pragmática Sanción de 1830: norma aprobada por Fernando VII pola que anula o Auto acordado de 1713 (a “Lei Sálica” de Filipe V), que imposibilitaba á muller a acceder ao trono. A pragmática sanción restablecía o sistema de sucesión normal das “Sete partidas” (Obra lexislativa de Afonso X, século XIII), segundo o cal as mulleres poden reinar se non hai irmáns varóns. Posibilitou o reinado da filla de Fernando VII, Isabel II, pero os carlistas (absolutistas partidarios de que reinara o irmán de Fernando, Carlos María Isidro) non o aceptaron, causando as guerras carlistas

Pronunciamento: tentativa revolucionaria, característica da España do século XIX e gran parte do século XX, empregada por distintas faccións liberais para derrubar un goberno ou facer presión sobre el para que adopte reformas ou cambie o sistema político vixente. Tiña que contar co apoio de determinados xefes e forzas militares que se manifestaban e pronunciaban a favor desas peticións de cambio. Exemplos, en 1854, o pronunciamento de Vicálvaro, do xeneral Leopoldo O’Donell levou ao bienio progresista. En 1874, o pronunciamento de Sagunto, do xeneral Martínez Campos, esixiu a Restauración borbónica de Afonso XII no trono de España. 

Pucheirazo: método de manipulación electoral usado principalmente durante o período da Restauración borbónica para permitir a alternancia pacífica pactada previamente entre o Partido Conservador e o Partido Liberal, dentro do sistema de dominación política local (principalmente no rural), coñecido como caciquismo. Para levar a cabo a manipulación gardábanse as papeletas en “pucheiros” que se engadían ou sacaban da urna. 

Rexeneracionismo: corrente intelectual política e literaria de finais do século XIX e principios do XX caracterizada pola análise dos males do país e a súa crítica aos vicios do sistema da restauración como polo seu propósito de atoparlle remedio e de renovar e modernizar a vida política e económica de España. O representante máis destacado do rexeneracionismo foi o Aragónés Xoaquín Costa. 

Sistema de quenda: alternancia pacífica no goberno polo mutuo acordo entre as forzas monárquicas (Liberais e Conservadores) durante a Restauración borbónica (a partir de 1874). O sistema baseábase en que cando o partido gobernante sufría un desgaste político a Coroa nomeaba como presidente do goberno ao xefe da oposición. Este convocaba novas eleccións para obter, mediante métodos caciquís (fraude, manipulación electoral) unha nova maioría parlamentaria. 

Sufraxio censatario e universal: O sufraxio censatario só permitía o dereito ao voto aos varóns maiores de idade cun determinado nivel de renda (só votaban os máis ricos e unha pequena parte da poboación, podía chegar a ser menos do 1 por cento dos electores). O sufraxio universal permitía o voto a todos os varóns maiores de idade (con independencia da súa riqueza), pero inicialmente excluía ás mulleres. A Constitución da Segunda República de 1931 foi a primeira que recoñeceu o dereito ao voto ás mulleres, que o exerceron por primeira vez nas eleccións de 1933. No século XIX, liberais moderados e progresistas eran partidarios do sufraxio censatario (máis amplo nos progresistas), demócratas e republicanos foron partidarios do sufraxio universal. 

Tratado de Valençay: acordo asinado en decembro de 1813 polo emperador Napoleón Bonaparte, polo que ofrece a paz e recoñece a Fernando VII como rei de España, como consecuencia das derrotas da guerra da Independencia, do deterioro progresivo do exército francés e do acoso das tropas españolas e británicas. O tratado non entrou en vigor polo rexeitamento das Cortes e da Rexencia españolas. 

Unión liberal: partido político de carácter liberal fundado por Leopoldo O’Donnell na segunda metade do século XIX. Nel participarán os sectores máis progresistas que veñen do partido moderado e os máis moderados que proveñen do partido progresista, coa finalidade de crear un “centro” liberal. Na práctica tratouse de crear un partido que estabilizase os distintos gobernos da segunda década moderada isabelina (gobernos de moderados e de unión liberal, 1856-1866). 

Entradas relacionadas: