Literatura Galega: A Revolución Narrativa e o Grupo Nós
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 4 KB
A Prosa no Primeiro Terzo do Século XX: As Irmandades da Fala e o Grupo Nós
A etapa Nós, un período especialmente favorable para a cultura galega no que se comeza a escribir narrativa, ensaio e teatro de forma consolidada, comprende dende 1918 até 1936. Este movemento conta con figuras fundamentais como Vicente Risco, Otero Pedrayo e Castelao.
As Irmandades da Fala e o Grupo Nós desenvolveron unha intensa actividade política, literaria, científica e cultural, destacando a fundación do Partido Galeguista e das editoriais Céltiga, Lar e Nós, ademais do desenvolvemento do xornalismo e a consolidación do ensaio.
Narrativa
A narrativa galega do século XX modernízase a través de varios eixos:
- Consolidación do conto literario breve.
- Innovación temática e introdución de espazos urbanos.
- Incorporación de técnicas europeas: introspección, monólogo interior e ruptura da secuencia temporal.
- Introdución do lector implícito.
- Fin do bilingüismo diglósico: creación de narrativa monolingüe en galego (A Nosa Terra, revista Nós).
- Renovación da linguaxe (lusismos, cultismos, préstamos e hiperenxebrismos) para acadar un modelo de lingua literaria culta.
Autores destacados
Vicente Risco
Escribe a súa obra na etapa galeguista anterior á guerra. A súa narrativa é de carácter intelectual, vencellada ao seu pensamento filosófico e ao seu labor etnográfico. Destacan obras como Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán. A súa obra máis importante é O porco de pé, unha sátira humorística sobre a ignorancia e o materialismo dos "filisteos" da sociedade urbana ourensá. Caracterízase polo emprego da ironía, o sarcasmo e o uso de caricaturas para crear efectos humorísticos.
Ramón Otero Pedrayo
O narrador máis prolífico do grupo. A súa obra clasifícase en:
- Novelas realistas: Narran a decadencia da fidalguía galega e os cambios na sociedade rural (ex: Os camiños da vida).
- Novelas culturalistas: Obras ideolóxicas sen acción que narran a evolución da conciencia galeguista (ex: Arredor de si).
A súa prosa destaca pola abundancia de descricións, imaxes, metáforas, referencias culturais e un ritmo musical marcado por extensos parágrafos.
Castelao
A súa produción narrativa inclúe:
- Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete.
- Cousas: 45 relatos curtos humorísticos e de denuncia con ilustracións.
- Retrincos.
- Os dous de sempre: novela longa sobre as peripecias de Pedro e Rañolas.
A súa obra caracterízase polo humanismo, a crítica social, o galeguismo e o lirismo. En Cousas, aborda problemas como a emigración, a situación da muller e a morte.
Rafael Dieste
Autor de Dos arquivos do trasno, contos que xiran arredor da psicoloxía e experiencias da xente galega. Os seus relatos, influenciados por Castelao, sitúanse nunha Galicia rural e mariñeira de tempo impreciso, con personaxes marcados pola inocencia e a humanidade.
Ensaio
Os autores do Grupo Nós foron os impulsores do ensaio e a investigación a través do Seminario de Estudos Galegos:
- Vicente Risco: Teoría do Nacionalismo Galego.
- Otero Pedrayo: Ensayo histórico sobre la cultura gallega.
- Castelao: Sempre en Galiza, considerada a biblia do galeguismo.
Xornalismo
Nesta etapa, o labor xornalístico foi fundamental, con colaboracións constantes en medios como A Nosa Terra, a revista Nós e El Pueblo Gallego.