Electrónica: Compoñentes e Funcionamento
Clasificado en Tecnología
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,88 KB
A Electrónica: Deseño e Aplicacións
A electrónica é o campo da enxeñaría relativo ao deseño e aplicación de dispositivos electrónicos. O seu funcionamento depende do fluxo de electróns para a xeración, transmisión, recepción e almacenamento de información, entre outros.
A electrónica estuda como se controla a electricidade mediante unhas pezas chamadas compoñentes electrónicos.
Sinais Analóxicos e Dixitais
- Sinal analóxico: Un sinal analóxico é aquel que pode ter infinitos valores. Por exemplo, as ondas de radio ou de televisión son sinais analóxicas.
- Sinal dixital: Un sinal dixital só pode ter dous valores ou estados, chamados ceros e uns, e a combinación deses valores dannos a información. Nos ordenadores a información transmítese de xeito dixital.
Resistencias Cerámicas
As resistencias cerámicas son aquelas que teñen un valor determinado, fixo, marcado por un código de cores.
- A primeira franxa indica a primeira cifra.
- A segunda franxa indica a segunda cifra.
- A terceira franxa indica o número de ceros.
- A cuarta franxa indica a tolerancia.
Potenciómetros
Os potenciómetros son uns dispositivos que constan dun contacto móbil. Empréganse para controlar manualmente a resistencia dunha parte dun circuíto.
Díodos
Un díodo é un compoñente que actúa como unha válvula, controlando o paso da corrente eléctrica de xeito que só permite que circule nun determinado sentido, dende o ánodo (+) ata o cátodo (-), e impide que circule no sentido contrario. Están compostos por un material semiconductor.
Polarización dun Díodo
- Polarización directa: O díodo está polarizado directamente cando entre os seus extremos se aplica unha tensión positiva. Deste modo o díodo permite o paso da corrente eléctrica, compórtase como un interruptor pechado.
- Polarización inversa: O díodo está polarizado inversamente cando entre os seus extremos se aplica unha tensión negativa. Deste modo o díodo impide o paso da corrente, compórtase como un interruptor aberto.
Leds
Os leds úsanse como indicadores de control e elementos luminosos, en substitución das lámpadas tradicionais e as luces de neón.
Transistores
Un transistor é un compoñente electrónico que se utiliza para amplificar sinais eléctricos, é dicir, para obter correntes de saída maiores cás correntes de entrada. Funciona tamén coma un interruptor. Está formado por semiconductores e ten tres patillas, denominadas colector, base e emisor. Pode ser NPN ou PNP.
Estados dun Transistor
- En corte: Non hai corrente de base e, polo tanto, tampouco haberá corrente de colector a emisor.
- En activa: Hai unha pequena corrente de base e permítese o paso de corrente de colector a emisor. A relación existente entre as intensidades é Ic= β Ib, sendo β a ganancia do transistor.
- En saturación: A intensidade do colector e do emisor chegan ao máximo posible.
Condensadores
Os condensadores son elementos que permiten almacenar carga eléctrica. Poden almacenar carga durante un tempo determinado para liberala posteriormente. Constan de dúas placas metálicas separadas por un material illante, tamén chamado dieléctrico, e a cada placa únese un terminal para a conexión ao circuíto. Os condensadores úsanse para acumular enerxía ou para filtrar os sinais eléctricos.
Fotorresistencias (LDR)
Unha fotorresistencia ou LDR (light dependent resistor) é unha resistencia na que o seu valor depende da cantidade de luz que incide sobre ela.
- A resistencia diminúe cando hai luz.
- A resistencia aumenta cando hai escuridade.
Termistores ou Termorresistencias
Os termistores ou termorresistencias son resistencias que modifican o seu valor ao variar a temperatura. Utilízanse en detectores de incendios, etc.
- NTC (coeficiente de temperatura negativo): Diminúen a súa resistencia ao aumentar a temperatura.
- PTC (coeficiente de temperatura positivo): Aumentan a súa resistencia ao aumentar a temperatura.
Relés
Un relé é un interruptor automático controlado pola electricidade. Os relés permiten abrir ou pechar circuítos eléctricos sen a intervención humana. O relé é o elemento que dá a orde de que funcione o motor dunha porta automática, as luces dun semáforo, o motor dun ascensor e multitude de sistemas automáticos.