Poesia das irmandades da fala

Clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,61 KB

L1 A poesía das Irmandades da Fala.No primeiro terzo do século XX producíronse cambios sociais importantes en Galicia. Foi a etapa das reivindicacións agrarias e da redención dos foros, coa conseguinte desaparición da fidalguía que os impoñía. Nas cidades desenvolveuse unha burguesía industrial e comercial que necesitaba man de obra, polo que aumenta a emigración do campo á cidade e aparece o proletariado. En canto á emigración a América, continúa de forma intensa, coma no século anterior..Dende o punto de vista literario, podemos establecer dous períodos: o anterior a 1916 e, por tanto, ás Irmandades da Fala, caracterizado pola repetición dos temas e as formas do Rexurdimento (costumismo, ruralismo ... ); e o período que as Irmandades inician, que supón a apertura do galego literario a xéneros distintos da lírica, pasando a empregarse na narrativa e no teatro, así como no ensaio, na investigación científica, na política... Así, á primeira etapa pertencen autores como Antón Noriega Varela, na poesía, Manuel García Barros (Ken Keirades), na prosa, e Xosé San Luís Romero e Xavier Prado Rodríguez, no teatro. O máis destacado é, sen dúbida, Noriega Varela, que publicou unha única obra poética, Do ermo (publicada en 1904 co primeiro título de Montañesas), logo ampliada e revisada en sucesivas edicións (a última en 1946). Nela destacan dúas liñas temáticas: unha de poesía costumista, centrada na Galicia rural; outra de poesía intimista, na que se aproxima á natureza adoptando un ton lírico e emotivo influído polo movemento saudosista portugués..A creación en 1916 da primeira Irmandade da Fala, nA Coruña, por Antón Vilar Ponte, dá inicio a unha nova etapa de esplendor na literatura galega. Os intelectuais das Irmandades publican o semanario A nosa Terra, crean editoriais como Céltiga ou Lar, e consolidan a ideoloxía nacionalista, xa non tanto baseada no pasado histórico,



senón na lingua e na cultura propias, que defenden e desenvolven conscientemente. Ademais, dan gran importancia ao teatro como medio de concienciación ideolóxica e cultural das clases humildes. Entre eles destacan, na poesía, Ramón Cabanillas; na narrativa, Xosé Lesta Meis; no teatro, R. Cabanillas e Armando Cotarelo Valledor; e no ensaio Xoán Vicente Viqueira e Antón Vilar Ponte..Ramón Cabanillas é a figura máis relevante desta etapa. Cultivou principalmente dous xéneros: o poético e o teatral. No xénero poético, sen romper coas figuras do Rexurdimento, tomou un novo rumbo estético da man do modernismo (R. Darío) e dos poetas románticos europeos (Heine, Bécquer). A súa poesía lírica presenta tres liñas temáticas: a cívica, cun labor de concienciación social, combatendo os foros; a intimista, manifestando a súa conmoción ante a natureza, o amor ... ; e a costumista, tratando os costumes como reivindicación das nosas raíces. Destacan dous títulos: Da terra asoballada (1917) e A rosa de cen follas (1927). Na poesía narrativa, en cambio, aposta pola reconstrución do pasado mítico, adaptando a materia de Bretaña para relacionala con Galicia. Así xorde Na noite estrelecida (1926), poema narrativo composto por tres partes ou sagas e cunha finalidade ideolóxica evidente: a dignificación da nosa cultura. No estilo destacan o simbolismo, a adxectivación e riqueza modernistas, e a métrica, que combina romances e pareados de alexandrinos. Por último, tamén no teatro buscou Cabanillas a dignificación do noso pasado, nesta ocasión a través da figura do mariscal Pardo de Cela en O mariscal (1926).

Entradas relacionadas: