Arte Románica e Gótica: Unha Viaxe pola Historia e Arquitectura Medieval
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 11,94 KB
Contexto da Arte Románica: O Primeiro Estilo Internacional Medieval
O Románico foi o primeiro estilo artístico internacional da Idade Media, impulsado pola Igrexa con fins relixiosos e didácticos. Máis que buscar a beleza estética, a arte románica servía como símbolo espiritual e ferramenta para ensinar aos fieis. Os artistas eran considerados artesáns e moitos deles eran itinerantes, aínda que algúns comezaron a asinar as súas obras.
Factores Clave na Expansión do Románico
O seu contexto histórico está marcado por catro grandes factores:
- O terror do ano mil: A crenza na posible fin do mundo en torno ao ano 1000, baseada na Apocalipse, provocou angustia en Europa. Cando a destrución non ocorreu, a Igrexa impulsou unha renovación relixiosa que se reflectiu na arte, especialmente na representación do Xuízo Final e do inferno.
- O feudalismo: O sistema xerárquico feudal fixo que nobreza e clero, como principais mecenas, financiasen a construción de mosteiros, catedrais e castelos. A arte servía tamén como mostra de poder.
- A expansión monástica: A orde de Cluny, en Francia, xogou un papel fundamental na difusión do Románico, influíndo na estética das igrexas por toda Europa.
- As peregrinacións: A busca de reliquias e santuarios levou á construción de templos ao longo de rutas como o Camiño de Santiago, que se converteu nun centro de intercambio cultural e económico. A competencia por atraer peregrinos era intensa, chegando a haber roubos de reliquias entre distintas localidades.
Outros factores clave foron a reforma gregoriana, que unificou a liturxia cristiá, e as cruzadas, que fortaleceron a unidade relixiosa. Todo isto contribuíu á expansión e consolidación da arte románica en toda Europa.
Contexto da Arte Gótica: Urbanismo e Innovación
O contexto do gótico está marcado polo crecemento urbano e económico. As cidades substitúen os mosteiros como centros culturais e económicos, destacando as catedrais como símbolo da comunidade. Aparecen gremios para organizar os oficios e a burguesía gaña poder nos gobernos municipais.
A nivel espiritual, xorden as ordes mendicantes (franciscanos e dominicos), que influencian a sociedade e a arte. As universidades convértense en centros de coñecemento, con San Tomé de Aquino como referente do pensamento escolástico, baseado na filosofía de Aristóteles reinterpretada en clave cristiá.
O Rol do Artista Gótico
Os artistas son considerados artesáns e valorados polo seu dominio técnico máis que pola súa creatividade. Organízanse en gremios e confrarías, aínda que non sempre correspondentes co seu oficio específico. A medida que avanza o gótico, os artistas comezan a asinar as súas obras e gañan recoñecemento.
Mecenas e Mercado Artístico no Gótico
A arte desenvólvese principalmente en cidades, cun mercado artístico en expansión. Os artistas aínda son itinerantes, viaxando en busca de encargos. Os mecenas inclúen:
- A realeza e a nobreza, que promoven obras luxosas.
- A burguesía, que financia lonxas, palacios e sedes municipais.
- A Igrexa, aínda que moitas das súas obras son patrocinadas por nobres ou burgueses.
En definitiva, o gótico reflicte unha sociedade máis urbana e dinámica, cunha arte vinculada ao poder político, económico e relixioso.
A Catedral de Santiago de Compostela: Un Icono do Románico
En Compostela, e ao abeiro do sepulcro do Apóstolo, érguese un dos templos máis característicos das chamadas igrexas de peregrinación e o exemplo máis maduro e monumental do Románico español. Arredor do ano 813, na diócese de Iria Flavia, no bispado de Teodomiro, un eremita chamado Paio descubre os restos dunha capela antiga con tres tumbas no bosque de Libredón. Pénsase que son as de Santiago o Maior e os seus discípulos Atanasio e Teodoro, que, segundo a tradición, portaron o corpo do Apóstolo dende o seu lugar de martirio, Xerusalén, ata Galicia. Teodomiro deu noticia do achado ao rei de Asturias, Afonso II o Casto, que se converteu no primeiro peregrino e mandou construír a primeira basílica, unha igrexa que seguía o modelo do prerrománico asturiano. No ano 899, reinando Afonso III, consagrouse un novo templo, que destruirá o caudillo andalusí Almanzor no ano 997.
O Camiño de Santiago e a Súa Importancia
En plena Reconquista, o rei Afonso II necesitaba un elemento aglutinador para o seu reino e converteu o apóstolo nun símbolo da loita contra o Islam. O sepulcro de Santiago converteuse axiña no centro de peregrinación do momento; estas peregrinacións darán lugar ao Camiño de Santiago, vía de intercambio cultural e artístico do Románico. As fontes que temos para o estudo deste Camiño e da Catedral son: o Códice Calixtino, de Aymeric Picaud, e a Historia Compostelana, mandada redactar por Diego Xelmírez.
Fases Construtivas da Catedral de Santiago
A construción da actual catedral corresponde ao padroado do rei Afonso VI e do bispado de Diego Peláez, dando comezo as obras no ano 1075. Desde ese momento, sucédense unha serie de campañas construtivas:
Primeira Etapa (1075-1088)
- A primeira etapa ten á súa fronte o mestre Bernardo o Vello, axudado por Roberto e unha cuadrilla de 50 canteiros, que eran franceses ou, cando menos, de formación francesa.
- Esta etapa dura ata 1088, ano en que é destituído o bispo Diego Peláez, acusado de intrigar contra o rei Afonso VI. Neste tempo érguese parte da cabeceira: as tres capelas máis orientais e o correspondente tramo da xirola.
Segunda Etapa (1090-1124)
- Unha segunda etapa iníciase na década de 1090, trala concesión do título de conde de Galicia a Raimundo de Borgoña (1092) e o traslado da diócese de Iria Flavia a Santiago (1095).
- A sé episcopal é ocupada por Diego Xelmírez, primeiro arcebispo de Compostela, que propiciará a reactivación das obras. Dende entón e ata 1122-1124 constrúese practicamente todo o conxunto catedralicio, agás a fachada occidental.
- A dirección das obras corre a cargo inicialmente do mestre Estevo –discípulo de Bernardo o Vello– e, dende 1109, do mestre Bernardo o Novo. Xelmírez potenciou urbanisticamente toda Compostela e foi un bispo controvertido, xa que non dubidou en enfrontarse coa raíña castelá Dona Urraca, o seu marido Alfonso I de Aragón, e incluso coa nobreza e a burguesía compostelá para acadar os seus propósitos.
Terceira Etapa (1168-1211)
- Unha terceira e derradeira etapa comeza en 1168, cando o cabido da Catedral lle encarga ao Mestre Mateo a realización da Cripta (mal chamada Catedral Vella), soporte previo do Pórtico da Gloria, rematado en 1188. A Catedral conságrase definitivamente en 1211. Séculos despois hase reformar no interior cunha serie de actuacións barrocas que trastocan a súa orixinal imaxe románica.
Características Arquitectónicas da Catedral de Santiago
A Catedral de Santiago corresponde ao modelo de igrexa de peregrinación e como tal consta de planta de cruz latina de tres naves, un amplo transepto moi destacado en planta, así mesmo dividido en tres naves, con catro absidiolas nos seus brazos, e unha ampla cabeceira cunha notable ábsida central semicircular, deambulatorio e cinco capelas radiais ó seu arredor. Estas cinco absidiolas da ábsida teñen formas diversas: a capela central, a do Salvador, ten forma rectangular no exterior; a flanquean as capelas de San Xoán Evanxelista e de San Pedro, de forma semicircular; e as dúas dos extremos do deambulatorio, as de Santa Fe e San Andrés, teñen forma poligonal. No interior todas teñen forma semicircular.
Capelas do Transepto e a Súa Simboloxía
Nos brazos do transepto ábrense as capelas de:
- Brazo Norte: San Nicolás e Santa Cruz
- Brazo Sur: San Martiño e San Xoán Bautista
A dedicación das distintas capelas pode ser explicada en función de ser un importante centro de peregrinación, e como unha lectura iconográfica, segundo o historiador da arte Serafín Moralejo. As capelas centrais da xirola (capelas do Salvador, San Pedro e San Xoán Evanxelista) xunto co altar maior (Santiago o Maior) farían referencia ao tema da transfiguración do monte Tabor, na que estaba Xesús con eses apóstolos. Na Capela do Salvador hai 2 pequenos vans, que serían unha referencia a Moisés e Elías, presentes tamén nesa pasaxe evanxélica. As outras capelas están relacionadas coa peregrinación:
- Santa Fe: por Santa Fe de Conques
- San Martiño: por San Martiño de Tours
- Santa Cruz: por Xerusalén e Terra Santa
- San Nicolás: por San Nicolás de Bari, patrón dos peregrinos e camiñantes, de aí a súa colocación cerca da porta Norte, por onde entraban os peregrinos do Camiño Francés
- San Xoán Bautista: polo seu carácter bautismal (a carón da Porta Sur, que utilizaban habitualmente os residentes en Compostela)
Cubertas e Alzado
As cubertas da Catedral son bóvedas de canón reforzadas por arcos de faixa na nave maior e na central do transepto, e de aresta nas naves laterais e na xirola. As absidiolas cóbrense con bóveda de cuarto de esfera e, no centro do cruceiro, érguese un ciborio con cúpula octogonal, asentado sobre trompas. Robustos contrafortes exteriores reforzan todo o sistema de cubertas. O alzado é igualmente elegante e monumental: hai que destacar a enorme altura (22 metros na nave central) que ten a catedral para tratarse dunha igrexa románica, xa que este estilo tende á horizontalidade. Nun primeiro nivel, articúlase o sistema de soportes a base de piares cruciformes compostos, con medias columnas adosadas que reciben os impulsos dos correspondentes arcos de faixa das naves. Os arcos formeiros son de medio punto, peraltados e dobrados. O coidado polos detalles apréciase na alternancia rítmica de piares de base circular e de base cuadrangular.
Nun segundo nivel álzase a tribuna por riba das naves laterais. En cada un dos tramos, que configuran os piares e as columnas adosadas que se prolongan ata o arranque dos arcos de faixa, ábrese un arco cego –cuxa luz equivale á do arco formeiro inferior– que acubilla dous arcos xeminados soportados por columnas pareadas. A tribuna é bastante grande, pero carece de fiestras de iluminación.
O muro vai percorrido por columnas superpostas, que parecen continuarse no arco de faixa, e que derivarán en molduras na arte gótica. O desnivel do terreo orixinal entre a cabeceira e a fachada occidental foi salvado cunha cripta, que está, ao contrario que na maioría das igrexas románicas, aos pés. Foi o Mestre Mateo o que deu a esta cripta a forma definitiva, engadíndolle bóvedas de cruzaría e o machón de columnas central. A igrexa da Corticela nesta época estaba separada, pero hoxe está unida á catedral. O exterior está moi desvirtuado polos engadidos barrocos. O aspecto orixinal salientaría pola harmonía dos volumes, do que sobresairían as dúas torres dos pés e unha magnífica decoración escultórica, hoxe reducida á fachada sur, das Praterías (aparte do Pórtico da Gloria, cuberto hoxe pola fachada barroca do Obradoiro). A Catedral de Santiago é unha obra exemplar en moitos aspectos. É a culminación das grandes igrexas de peregrinación. Resalta especialmente a súa plena harmonía construtiva, existindo unha perfecta correlación matemática entre todos e cada un dos seus elementos. Ademais, a madurez demostrada na solución construtiva de tódalas súas partes, explica a súa perfección técnica, que permite afirmar a súa preeminencia sobre outros exemplos contemporáneos, como é Saint Sernin de Toulouse.