Cantiga de amor: características, temas, tipos e recursos formais
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,21 KB
Cantiga de amor: definición e contexto
A cantiga de amor é unha composición de temática amorosa na que unha voz poética masculina expresa o seu amor a unha unha dama (a «senhor»). É unha adaptación á literatura galego-portuguesa da cançó provenzal e segue a teoría do amor cortés, unha transposición ao amor das relacións feudais: a dona é unha muller aristocrática e o trobador débelle completa fidelidade e submisión. A dama é sempre un ser idealizado: posúe todas as virtudes e é perfecta tanto no plano moral coma físico.
Temas
O amador manifesta a súa veneración por tan admirable dona ou a súa profunda dor (coita) porque o seu amor non é correspondido.
Os principais subtemas da cantiga de amor son:
- Elogio da dama: valoración da beleza física ("fermosa senhor", bo parecer, ben talhada...) e da perfección moral (ben falar, bon sen, mesurada).
- Declaración de amor: a confesión dos sentimentos e do afecto do poeta cara á dama.
- Reserva da dama: atitudes de indiferenza e distanciamento ante as manifestacións do amor.
- A coita de amor: o sufrimento por un amor non correspondido provoca no trobador a perda do sono e do apetito, chegando mesmo á loucura ou a morrer de amor.
Tipos de cantigas de amor
As cantigas de amor constan dun número variable de estrofas, que non pasan de tres. Cada estrofa, á súa vez, está formada por un número de versos que acostuman ser catro nas de refrán e sete nas de mestría.
- Cantigas de refrán: teñen uns versos que se repiten no remate de todas as estrofas e constitúen o refrán. Son composicións próximas á cantiga de amigo e comparten algunhas das súas características: refrán, paralelismo, rima asonante feminina (rematada en palabra grave) etc.
- Cantigas de mestría: non teñen refrán. Son as máis próximas ao modelo provenzal (cançó) e eran consideradas polos trobadores as máis perfectas, de aí o seu nome.
Recursos formais
Entre os recursos formais máis característicos das cantigas de amor cabe destacar:
- Dobre: consiste na repetición dunha mesma palabra en lugares simétricos da mesma estrofa.
- Mordobre: é a repetición de palabras da mesma familia léxica en lugares simétricos dunha mesma estrofa (un mesmo lexema con diferentes sufixos; ex.: amar, amou).
- Finda: é unha estrofa máis breve situada ao final da cantiga que resume o seu contido.
- Ata-finda: consiste no encabalgamento entre estrofas ata chegar á finda. A oración iniciada no último verso dunha estrofa complétase no inicio da estrofa seguinte.
Observacións finais
As cantigas de amor constitúen un exemplo representativo da recepción e adaptación da tradición trobadoresca provenzal na península. A idealización da dama, a suxeición do amor á etiqueta feudal e o conxunto de recursos formais configuran o xénero e permiten comprender a súa relación coa praxe poética medieval.