Características Distintivas de Réptiles, Aves e Mamíferos
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,78 KB
Características dos Réptiles
As características principais dos réptiles son as seguintes:
- Teñen catro patas, aínda que nalgúns casos, coma o das serpes, están ausentes.
- Posúen unha pel dura, seca, e con escamas. Algúns réptiles, coma as serpes, ao medrar producen unha nova capa de escamas debaixo das antigas, que se acabarán desprendendo en forma de funda ou camisa.
- Respiran por pulmóns.
- Igual ca os peixes e os anfibios, os réptiles son animais ectotermos, e por iso a temperatura do seu corpo depende da do medio.
- Teñen fecundación interna e son ovíparos. Os ovos dos réptiles son diferentes dos de peixes e anfibios. Trátase de ovos amniotas. Este tipo de ovos posúen unha casca dura e, no seu interior, teñen varias bolsas que lle dan protección e alimento ao embrión en desenvolvemento. Unha delas é o amnio, que está repleto dun líquido no que se pode desenvolver o embrión. Grazas a isto, os réptiles pódense reproducir fóra da auga, en ambientes secos.
Características das Aves
As características principais das aves son as seguintes:
- Teñen a pel recuberta por plumas, que se renovan periodicamente.
- Teñen catro extremidades. As posteriores son patas e as anteriores, ás.
- Moitas son capaces de voar, aínda que algunhas, coma a avestruz, non o poden facer.
- Carecen de dentes, pero posúen un forte peteiro. Para compensar que o alimento non se mastiga, as aves posúen un boche no que se atopan pedras que a ave tragou e que axudarán a triturar o alimento.
- Posúen ósos ocos que, ao seren máis lixeiros, facilitan o voo.
- As aves poden controlar a temperatura do seu corpo, son endotermas.
- As aves respiran por pulmóns, dos que parten os sacos aéreos. Os sacos aéreos son órganos que axudan na respiración e fan que o animal sexa máis lixeiro.
- Teñen fecundación interna e son ovíparas. O ovo das aves é de tipo amniota. A diferenza dos réptiles, as aves incuban os seus ovos.
Características dos Mamíferos
As características principais dos mamíferos son as seguintes:
- Posúen catro extremidades adaptadas ao medio de locomoción de cada animal. Así, por exemplo, nos terrestres teñen forma de patas; nos acuáticos, de aletas; e nos voadores, de ás.
- Moitos posúen cola.
- Teñen a pel recuberta por pelo e con diferentes tipos de glándulas. Nas femias destacan as glándulas mamarias, que producen o leite co que se alimentan as crías.
- Respiran por pulmóns.
- Son endotermos; é dicir, a temperatura do seu corpo non depende das condicións do medio (poden regulala internamente).
- Posúen un sistema nervioso moi complexo.
- A fecundación sempre é interna.
- Na maioría dos mamíferos, o embrión desenvólvese no interior do corpo da nai, coa achega de nutrientes que lle proporciona un órgano denominado placenta. Nalgúns casos, coma no do canguro, a placenta non está desenvolvida e por iso o crecemento das crías remata dentro do marsupio. Uns poucos casos, coma no dos ornitorrincos, reprodúcense mediante ovos.