Celso Emilio Ferreiro: Temas e Estilo na Súa Poesía
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 2,57 KB
Celso Emilio Ferreiro é un dos máximos expoñentes da poesía cívica, xunto con Manuel Curros Enríquez e Ramón Cabanillas. A súa obra desenvólvese nunha época moi concreta, a derradeira etapa do réxime franquista. É un poeta comprometido cos problemas da súa terra (e tamén do resto do mundo). Celso Emilio pensaba que a misión do poeta era a de reflectir a época na que vivía, salientando e denunciando así os problemas sociais e históricos nos que desenvolvía a súa actividade literaria.
Temas e Estilo
Liñas Temáticas
Neste sentido, a poesía de Celso Emilio Ferreiro, desde a perspectiva temática, presenta unha serie de características, pois segundo o contido dos seus poemas, podemos agrupar a súa obra en base a tres liñas temáticas que son as seguintes:
- Por unha banda, unha liña social, solidaria cos oprimidos de calquera latitude e denunciadora dos males sociais como o fascismo, a inxustiza, a emigración, etc.
- Por outra banda, unha liña intimista, na que o poeta amosa o seu inconformismo e desacougo existencial, e na que Celso Emilio evoca o mundo da infancia, trata o tema da fugacidade da vida e o do amor.
- Por último, cómpre salientar unha liña irónica, moi corrosiva e crítica cos problemas sociais, na que o poeta denuncia a mesquindade humana por riba de calquera cultura, raza ou fronteira.
Características Formais
Con respecto ás características formais, temos que sinalar dúas:
- Por unha banda, o emprego da lingua, pois nos seus poemas predomina un ton coloquial acorde coa finalidade da súa poesía: chegar a todo o mundo. É por iso polo que podemos observar en boa parte dos seus poemas unha presenza tanto de castelanismos como de vulgarismos, se cadra baixo a intencionalidade populista da súa obra.
- Por outra parte, e tendo en conta as características formais da poesía de Celso Emilio, debemos ter en conta a métrica, que é moi variada e na que predomina o verso libre. Ademais, en reiteradas ocasións non se axusta aos esquemas rítmicos e estróficos naturais.
Obra Poética Principal
- Cartafol de poesía
- O soño sulagado
- Longa noite de pedra
- Viaxe ao país dos ananos
- Cantigas de escarnio e maldicir
- Terra de ningures
- Antipoemas
- Cemiterio privado
- Onde o mundo se chama Celanova
- Libro das homenaxes