Clima, Ríos e Vexetación de Galicia: Unha Exploración da Súa Riqueza Natural
Clasificado en Geografía
Escrito el en español con un tamaño de 7,81 KB
A Diversidade Climática de Galicia e as Súas Características Fundamentais
Pola súa posición xeográfica, entre os 41º 48' e 43º 47' de latitude norte, Galicia inclúese dentro das rexións de clima oceánico de fachada occidental. Estas caracterízanse por contar cunha amplitude térmica reducida, con invernos suaves, veráns frescos e precipitacións abundantes regularmente repartidas durante todo o ano.
Non obstante, certos factores como a disposición do relevo —que segue en moitos casos unha orientación transversal ás masas de aire dominantes, de compoñente O e SO—; a orientación da maioría das rías a favor dos ventos oceánicos, a distancia ao mar, ou as peculiares características das depresións e dos vales fluviais, introducen unha serie de matices climáticos.
De modo simplificado, pódese dicir que de oeste a leste e de norte a sur se produce unha progresiva gradación dos trazos típicos do dominio oceánico. Esta transición bioclimática dá que poidamos distinguir, polo menos, cinco ámbitos diferentes: a Galicia occidental, a fachada cantábrica, as áreas de montaña, a Galicia interior e os vales e depresións do sector meridional.
Principais Dominios Climáticos en Galicia
Galicia Occidental
As temperaturas medias sitúanse arredor dos 12 °C, mentres que as precipitacións poden chegar a superar os 1.500 mm anuais. No caso da área centro occidental de Galicia, a orientación das rías favorece a entrada das masas de aire que, ao se atoparen cos pés das serras centrais, producen abundantes precipitacións.
Nas Rías Baixas rexístranse temperaturas elevadas durante gran parte do ano (entre 12-15 °C de media) e, aínda que o total de precipitacións é similar ao resto da fachada, estas presentan unha distribución máis estacional, cunha forte tendencia á aridez estival.
Fachada Cantábrica
A Mariña lucense presenta un descenso relativo das precipitacións, que se sitúan entre os 800 e os 1.000 mm anuais, con respecto á fachada atlántica, aínda que sen aridez estival. As temperaturas mantéñense, así e todo, en valores semellantes, con invernos frescos e veráns suaves.
Áreas de Montaña
En Galicia o clima oceánico de montaña dáse, en xeral, por riba dos 700 metros de altitude, aínda que as súas características esenciais (aumento xeral da oscilación térmica anual e diaria, e maior frecuencia das precipitacións en forma de neve) rexístranse fundamentalmente nas serras orientais e sudorientais.
Galicia Interior
A distancia ao mar e a protección das serras nos sectores da Terra Chá, Chantada, Terra de Lemos, Arnoia e A Limia fan que as chuvias sexan inferiores ás dos outros dominios e que aumente a oscilación térmica, que se aproxima aos 14 °C, con invernos rigorosos e veráns moi cálidos.
Vales e Depresións do Sector Meridional
Os vales do Miño medio e do Sil, así como as pequenas depresións do sur, constitúen os sectores máis áridos de Galicia, sobre todo durante a época estival. En xeral, as precipitacións adoitan ser inferiores a 700-800 mm e rexístrase un aumento xeneralizado das temperaturas, cunha media anual superior aos 14 °C. Estas características fan que a zona sexa considerada de transición ao clima mediterráneo.
A Rede Fluvial Galega: Réxime e Principais Cuncas
A compartimentación do relevo xunto cunha elevada pluviometría e un substrato litolóxico moi impermeable propicia unha rede fluvial moi densa. Os ríos galegos teñen un gran poder erosivo e presentan na súa maioría un réxime pluvial oceánico, cun ritmo anual simple dun máximo no inverno, en xaneiro ou febreiro, e un mínimo no verán, en agosto ou setembro.
Os cursos da cunca hidrográfica costeira divídense en dúas zonas: os ríos da vertente norte nacen nas serras litorais, a excepción do Eo e do Navia, que teñen o seu nacemento nas serras orientais. Son de curso moi curto, agás o Navia, o máis longo desta vertente, que desemboca fóra de Galicia. Os ríos da vertente atlántica nacen nas serras litorais ou nas occidentais. Destacan o Tambre, o Ulla e o Eume.
O Miño e o Sil son os ríos máis longos de Galicia. O Miño nace na Serra de Meira e, despois de percorrer 340 km, desemboca nun esteiro. O Sil nace fóra da Comunidade, na Cordilleira Cantábrica, a 1.980 m. Esta elevada altitude fai que sexa o único río galego de réxime pluvionival.
A cunca meridional situada ao sueste, inclúe algúns ríos que nacen en Galicia pero que desembocan fóra da Comunidade, como o Támega, que desauga no Douro, e o Limia, que desemboca en augas oceánicas portuguesas.
Importancia das Zonas Húmidas e Acuíferos en Galicia
Galicia conta con gran cantidade de terreos húmidos diseminados por todo o territorio en forma de zonas de marismas, esteiros, deltas, lagoas, etc. Entre estas zonas húmidas galegas destacan cinco pola súa riqueza natural e pola cantidade de especies endémicas que as habitan. Trátase de:
- A ría de Ribadeo
- A ría de Ortigueira e Ladrido
- A lagoa e areal de Valdoviño
- O complexo das praias, dunas e lagoas de Corrubedo
- O complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e lagoa Bodeira
Os acuíferos, bastante numerosos, supoñen un importante recurso xa que as súas augas abastecen os pequenos núcleos das áreas rurais e algunhas industrias, aínda que a súa principal función é subministrarlles auga ás zonas húmidas e lagoas de Galicia.
Vexetación e Rexións Bioxeográficas: Un Mosaico Natural
O noroeste peninsular atópase no límite de dúas importantes rexións bioxeográficas: a Eurosiberiana, que ocupa gran parte de Galicia, e a Mediterránea, restrinxida fundamentalmente ao sueste da provincia de Lugo e á maior parte de Ourense. Esta transición faise visible no paso do dominio do carballo (Quercus robur) ao do cerqueiro, cerquiño ou rebolo (Quercus pyrenaica); o primeiro, típico da fachada atlántica, adáptase á humidade e aos solos silíceos, mentres que o segundo representa o tránsito cara a condicións climáticas caracterizadas por unha maior irregularidade das precipitacións e pola existencia dun período de seca estival.
En xeral, pódese establecer unha estreita correspondencia entre os diferentes dominios climáticos e as unidades bioxeográficas. Non obstante, a proliferación das plantacións de piñeiro e de eucalipto (orixe antrópica) esvaneceu, en gran medida, a distribución de especies tradicionais que, como o carballo ou o castiñeiro, sufriron un notable retroceso nos últimos tempos debido á menor rendibilidade económica. Nas beiras dos ríos e, polo xeral, en áreas húmidas medran amieiros, salgueiros ou freixos. Pola contra, nas áreas máis secas están presentes as sobreiras e as aciñeiras.
Dentro das formacións arbustivas atópanse os breixos, que invaden amplas áreas como sotobosque ou como cuberta arbórea debido á intensiva deforestación; as xestas, que ocupan principalmente a Galicia interior e de montaña; e o piorno, que se estende polas serras orientais. Nas áreas máis secas dos vales e orientacións sur aparecen formacións de xarais, que poñen de relevo a existencia de condicións mediterraneizantes. Nas zonas de marismas e dunas predominan especies adaptadas á salinidade e á area (como a Ammophila ou o cardo mariño), e ás pozas (xuncos, carrizos e especies do xénero Ranunculus).