Conceptos Fundamentais da Idade Media na Península Ibérica
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,06 KB
Mozárabe
Mozárabe: Cristián sometido aos musulmáns en al-Ándalus. A cambio de conservar a súa fe e os seus costumes, tiñan que pagar elevados impostos, polo que moitos foron desprazándose cara ao norte, aos territorios controlados polos reis cristiáns, ou foron converténdose ao Islam (muladís). En cidades como Toledo, Córdoba e Sevilla perduraron importantes comunidades, que sempre residiron en barrios diferenciados dos musulmáns.
Marca Hispánica
Marca Hispánica: Territorio ao sur dos Pirineos controlado nos séculos VIII e IX polos emperadores e reis dos francos que formaba a fronteira entre o Imperio Carolinxio e al-Ándalus. A Marca Hispánica foi creada polo emperador Carlomagno para frear a expansión musulmá. O seu obxectivo era conquistar o val do Ebro, pero fracasos como o da batalla de Roncesvalles (778) obrigárono a limitar o seu dominio á zona pirenaica. Estivo gobernada por condes designados polos monarcas francos, pero ao longo do século IX os condes foron adquirindo unha crecente autonomía ata crear condados e reinos independentes como os de Navarra, Aragón e os condados cataláns.
Taifas
Taifas: Reinos que xurdiron da desmembración do Califato de Córdoba en 1031. Estaban dominados polas oligarquías locais ou polos xefes militares das principais cidades de al-Ándalus. Enfrontados entre si, as fronteiras flutuaban e o seu poder foi cada vez máis débil, sendo incapaces de facer unha fronte común ante os ataques cristiáns (aos que frecuentemente deberon pagar fortes tributos denominados parias). Ante estes ataques buscaron o apoio de almorábides e almoades, que as conquistaron e incorporaron aos seus imperios. Rexurdiron á disolución dos mesmos. O derradeiro reino taifa foi o de Granada, conquistado en 1492 polos Reis Católicos, o que puxo fin á Reconquista.
Manso
Manso: Unidade de explotación familiar (casa e terras de cultivo) que o señor feudal cedía en usufruto a un colono libre ou a un servo a cambio de certas prestacións en traballo e censos (pago de rendas). Os mansos, xunto coa reserva señorial (terras directamente explotadas polo señor xeralmente mediante as prestacións en traballo de colonos e servos), constituían os elementos básicos de explotación dos feudos na Alta Idade Media.
Presura (ou Aprisio)
Presura (ou Aprisio): Forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a partir de finais do século VIII para ocupar as terras ermas, pouco poboadas ou que se ían reconquistando aos musulmáns. Os reis autorizaban a establecerse nun determinado territorio, que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e explotase. Houbo dúas modalidades:
- A oficial, desenvolvida polo rei ou polos seus delegados.
- A privada, efectuada por nobres, eclesiásticos ou familias de campesiños libres.
Carta de Poboamento (ou Carta Puebla)
Carta de Poboamento (ou Carta Puebla): Documento polo que os reis (e algúns grandes señores laicos e eclesiásticos) concedían na época medieval privilexios forais a quen se establecese en determinados lugares ou cidades coa finalidade de atraer poboación e repoboar os territorios que estaban despoboados ou que se ían reconquistando aos musulmáns. En Galicia, os monarcas Fernando II e Afonso IX foron os que máis potenciaron a fundación ou repoboación de núcleos urbanos, concedendo numerosos privilexios aos seus habitantes.
Mesta
Mesta: Organización dos gandeiros do reino de Castela fundada en 1273 polo rei Afonso X. Estaba rexida polo Honrado Concello da Mesta, que chegou a ser unha poderosa institución ao servizo dos grandes gandeiros e da propia Coroa, que se beneficiaba das taxas pagadas pola exportación da la. Regulaba a trashumancia da gandería (principalmente ovina) a través das cañadas reais. Os privilexios dos gandeiros orixinaron numerosos conflitos cos agricultores ata que a Mesta foi abolida en 1836.