O Conflito Razón-Fe: A Supremacía da Verdade Revelada no Cristianismo Primitivo

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,06 KB

O Cristianismo e a Afirmación da Verdade Absoluta

O cristianismo aparece no século I como o que é: unha relixión que acepta unhas ideas dadas (os dogmas) que son consideradas como verdades absolutas incuestionables. Ademais, esta verdade non era humana, era unha verdade divina revelada por Deus.

Os cristiáns opoñen á verdade natural (racional, humana) unha verdade de orde distinta e para eles superior: a verdade divina ou revelada. Esta afirmación da orde superior da súa verdade provoca o rexeitamento e mesmo a persecución de calquera outro coñecemento distinto do emanado dos textos sagrados, ao mesmo tempo que impide a coexistencia de distintas correntes ao non permitirse a discrepancia, xa que se considera falsa aínda que sexa lóxica.

O cristianismo afirma o carácter absoluto da verdade. Consideran que os seus textos sagrados conteñen a única verdade posible. Ademais, como xa dixemos, é unha verdade dunha orde superior ao ser revelada por Deus fronte ao carácter (procedencia) humano da verdade filosófica.

A Verdade Filosófica fronte á Verdade Relixiosa

Ningunha teoría filosófica afirmou posuír unha verdade absoluta, nin tampouco se considerou a si mesma dunha orde superior ás outras, xa que todas tiñan a mesma orixe: o entendemento humano. Só así era posible a tolerancia e o diálogo entre as distintas correntes.

Podemos establecer unha distinción clara entre ambas as concepcións da verdade:

  • Verdade da Filosofía: É unha verdade natural, humana, que procede da razón.
  • Verdade da Relixión: É unha verdade revelada, divina, que procede da fe e é á que chegamos acatando os dogmas das sagradas escrituras.

O Problema da Coerción do Pensamento

Esta interpretación da verdade é a causa principal dun dos problemas filosóficos máis devastadores da historia do pensamento: a coerción da liberdade do pensamento pola consideración da supremacía da verdade da fe fronte á razón (esencia do conflito razón-fe).

A Resposta de Agostiño de Hipona

Agostiño de Hipona, no século V, será o primeiro filósofo cristián en dar unha resposta a este problema medieval. Se por filósofo entendemos un pensador que se limita ao ámbito do que se pode coñecer a través dun proceso exclusivamente racional, sen apelar á fe no curso da súa investigación, entón Agostiño non é un filósofo en sentido estrito.

En contra dos pensadores cristiáns como Taciano ou Tertuliano, que rexeitaban toda colaboración da razón coa fe cristiá, el considera que, no individuo cristián, razón e fe funcionan solidariamente tendo como fin o coñecemento da verdade revelada, a única verdade que existe e que o home cristián acepta por un acto de fe.

Entradas relacionadas: