A Crise de 1973 e a Transición Económica Europea: Do Estado do Benestar ao Monetarismo
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 4,2 KB
Transformacións Sociais e Económicas na Europa de Posguerra (1950-1990)
Os Perdedores da Industrialización e a Marxinalidade Social
Houbo algúns perdedores: labregos cuxas explotacións xa non eran rendibles; pequenos comerciantes vítimas das grandes superficies e cadeas de distribución; artesáns que non se adaptaron á masiva industrialización; refuxiados ou inmigrantes extraeuropeos que caeron na marxinalidade social.
Diverxencias e Desigualdades na Europa de Mediados do Século XX
Persistían, con todo, grandes diverxencias entre os países europeos. Primeiro, entre os que non sufriron destrucións na guerra, e os que as sufriron. As diferenzas entre centro e periferia non desapareceron. No 1950 a renda per cápita de Suíza, Suecia, Dinamarca e Gran Bretaña era catro veces superior á de Grecia ou Portugal; tamén eran Estados máis urbanizados, con poboación alfabetizada case nun 100%. A esperanza de vida na Europa meridional e Irlanda era cinco anos inferior á dos países nórdicos ou da Europa central, e a mortandade infantil o dobre.
A Saída Migratoria
Cal foi a saída para moitos europeos meridionais? A emigración. A América (ruta tradicional, que seguiu vixente ata 1970, en proporcións menores e novos destinos) ou Australia: irlandeses aos EUA, portugueses ao Brasil, italianos aos EUA, Brasil e Arxentina. Entre eles había tamén exiliados, xudeus refuxiados, algúns nazis; tamén un fluxo constante, máis reducido, de xudeus europeos cara a Palestina / Estado de Israel.
O Choque Enerxético de 1973 e a Crise do Modelo
No 1973, a OPEP, dominada polos países produtores de petróleo de Oriente Medio, África e Latinoamérica, acordou reducir a produción de cru, co que o prezo do barril se cuadruplicou; houbo unha segunda suba no 1979. A opinión pública constatou que o progreso europeo dependía de países extraeuropeos. Tamén se tornou consciente de que eses recursos enerxéticos non eran ilimitados.
O Fin dos Trinta Gloriosos e a Nova Economía
Á crise enerxética uniuse a fin do sistema monetario definido no 1944. Volveuse a tipos de cambio variables, que fixeron máis inestable o comercio internacional. A fin dos trinta gloriosos levou a unha etapa de maior ralentización do crecemento económico europeo, o influxo da doutrina monetarista na política económica e financeira, a tendencia á privatización do sector público e mais á desregulación dos mercados financeiros, o novo pulo á globalización económica coa irrupción forte de competidores económicos da Asia, e a conversión paulatina de Europa nunha economía de servizos, e non industrial.
Ralentización e Desemprego
A mediados dos setenta, as taxas de crecemento anual reducíranse á metade (2%). Reagudizouse a inflación, aumentou o desemprego desde os anos oitenta (do 6% ao 10% de media na Europa no 1989). Xamais se volveu ás taxas de plena ocupación anteriores a 1973.
Teorías sobre a Crise Económica Occidental
Por que se ralentizou a economía da Europa occidental? As principais teorías apuntan a:
- Esgotamento da capacidade de innovación industrial.
- Competencia dos “tigres asiáticos”.
- Deslocalización da produción cara á periferia.
- Custos de mantemento crecentes do Estado do Benestar, e altos salarios mantidos polo poder dos sindicatos.
Non había un grande sector punteiro que actuase de motor do crecemento económico xeral, como fora a industria do automóbil nos cincuenta e sesenta.
O Cambio de Paradigma Político-Económico: De Keynes ao Monetarismo
Tamén mudaron as concepcións da política económica. O keynesianismo, partidario da intervención do Estado na economía, inspirou ata os oitenta aos gobernos socialdemócratas e democristiáns. Pero agora gañaban terreo quen vían no sector público un freo á innovación e á competitividade: a escola de Friedrich von Hayek e Milton Friedman (Escola de Chicago), que pregoaban a volta ao dogma liberal (libre competencia e confianza no poder autorregulador do mercado, diminución de impostos e desmantelamento do Estado do Benestar).