A Crise do Século XVII en España: Decadencia e Transformación Social

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 2,9 KB

A Crise do Século XVII en España

O século XVII foi unha época de decadencia económica, demográfica e social en todos os países europeos, pero en España alcanzou cotas especialmente graves pola súa coincidencia coa crise política da monarquía.

A Crise Demográfica

A crise demográfica maniféstase nun forte descenso da poboación até 1660. Diminuíu probablemente en torno ao millón de persoas. Foron varias as causas:

  • As epidemias periódicas de peste.
  • A reiteración de malas colleitas, que incrementaban a mortaldade.
  • A expulsión dos mouriscos en 1609, que fixo diminuír a poboación dalgúns reinos hispanos.
  • A emigración a América e as continuas guerras no continente europeo.

O Deterioro da Economía

O deterioro da economía afectou a todas as actividades:

  • A agricultura sufriu un grave ciclo de malas colleitas e viuse prexudicada pola expulsión dos mouriscos e polos fortes impostos.
  • A gandería resentiuse da perda de poboación e tivo lugar unha caída na produción de la.
  • Descenderon igualmente a produción artesanal e o comercio.

Neste eido salienta a crise das actividades téxtiles debido á diminución da demanda, o aumento de impostos e a competencia estranxeira. Houbo ademais unha crise no comercio ultramarino agravada polos ataques ingleses e holandeses. Asemade, produciuse unha diminución da chegada de metais preciosos, e o pouco que chegaba destinábase a pagar as débedas da monarquía.

A Facenda Real e a Mentalidade Social

A crise da Facenda real veu dada polos gastos da Corte e o custo das campañas bélicas, todo o cal levou á bancarrota do Estado en varias ocasións. Toda esta situación crítica agravábase coa mentalidade dos grupos privilexiados, caracterizada polo desprezo por calquera actividade produtiva, o que contribuíu ao atraso económico da España do s. XVII.

Porén, a toma de conciencia destes problemas por parte dun grupo de intelectuais chamados arbitristas, levounos a reflexionar sobre as causas dos mesmos e a propor solucións.

A Recuperación na Segunda Metade do Século

Na segunda metade do XVII a crise foi remitindo nas áreas atlántica e cantábrica grazas á introdución do millo procedente de América. Cataluña e Valencia comezaron a recuperarse a mediados de século mentres Castela non se recupera até as últimas décadas.

Entradas relacionadas: