Desafíos da Ilustración en España: Obstáculos e Resistencia
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 2,67 KB
As Limitacións do Proxecto Ilustrado en España
Os gobernos ilustrados atopáronse con multitude de obstáculos, que proviñan tanto da ignorancia e da miseria das masas populares como da oposición da meirande parte da nobreza e dos eclesiásticos, grupos que estaban satisfeitos coa sociedade tradicional vixente. A pesar da moderación das súas propostas e de que nunca pretenderon alterar as bases políticas e sociais, os partidarios das reformas tiveron serias dificultades para levar a cabo os seus proxectos.
A Vixilancia da Inquisición
Aínda que sometida á autoridade de Carlos III, a Inquisición mantivo unha atenta vixilancia ás novas ideas ilustradas (censura de libros e escritos, vixilancia sobre a conduta e o pensamento dos individuos...) de modo que se converteu nun freo das reformas máis avanzadas; logrou impedir que clandestinamente se estendesen as ideas máis radicais. Un dos procesos máis destacados foi o de Olavide, intendente en Andalucía e crítico coas formas de tenencia da terra e os problemas dos campesiños andaluces.
Os Atrancos dos Privilexiados e a Resistencia ás Reformas
Os atrancos dos privilexiados, nobreza e clero, foron moi numerosos, sobre todo, no que se referiu ao intento dunha reforma agraria para a que se realizaron numerosos estudos, entre os que destacan os de Campomanes e Floridablanca. A oposición dos grupos dominantes, temerosos de perder poder, fixo que se prolongase no tempo a súa concreción e que non se puxese en marcha. A mesma oposición encontrou a reforma fiscal.
Sen embargo, o atranco dos poderosos foi abrindo paso, a partir de finais da década de 1780, a novas ideas, de momento minoritarias, que propugnaban a transformación radical do sistema e que máis adiante darían orixe ao liberalismo español, que se manifestaría nas Cortes de Cádiz. Paralelamente, entre os inimigos das reformas (alta nobreza e xerarquía eclesiástica), foise urdindo un pensamento conservador e reaccionario contrario a todo tipo de cambio e innovación.
O Temor á Revolución Francesa e o Control da Propaganda
Desde 1789, o temor ao contaxio coa Francia revolucionaria levou ao goberno de Carlos IV, dirixido polo conde de Floridablanca, a realizar un severo control da propaganda revolucionaria, fundamentalmente por medio da Inquisición.