Descartes: Ideas Innatas, Existencia de Dios y Garantía del Mundo

Clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en español con un tamaño de 3,06 KB

Entre as ideas innatas, Descartes descubre a idea de infinito, que se apresura a identificar coa idea de Deus. Tamén a idea de perfección, que non tarda en atribuír a Deus. Con argumentos convincentes demostra Descartes que a idea de Deus non é adventicia (non o é, evidentemente, xa que non posuímos experiencia directa de Deus) e con argumentos menos convincentes esfórzase en demostrar que tampouco é facticia (tradicionalmente mantivérase que a noción de infinito provén, por negación dos límites, da idea de finito).

Probas da Existencia de Deus

Descartes proba a existencia de Deus mediante dous tipos de probas que tradicionalmente son denominadas proba da marca impresa e proba ontolóxica. A primeira proba faise derivar directamente do cogito ou existencia da substancia pensante, e parte do suposto de que existe en min a idea de Deus posta en min polo propio Deus creador “para que configurase, por así dicir, a marca do artesán impresa na obra”(Meditacións,3a). Unha modalidade desta proba pon o acento na perfección divina e deriva dela que, sendo eu imperfecto, non só non puiden producir a idea dun ser perfecto (é loxicamente imposible que o menos perfecto sexa causa do máis perfecto), senón que a miña propia existencia só pode ser explicada porque efectivamente existe un ser perfecto de cuxa acción causal eu son efecto (porque se eu puidera crear a perfección, faríame máis perfecto do que son). Aplica o argumento da causalidade á idea de Deus:”a realidade obxectiva das ideas require unha causa que posúa tal realidade en si mesma, é dicir, a idea como realidade obxectiva require unha causa real proporcionada.

A Proba Ontolóxica

O segundo tipo de argumento non é máis que unha adaptación da proba ontolóxica xa proposta por Anselmo de Canterbury no s.XI, que Descartes reformula así: « a existencia non pode estar separada da esencia de Deus na mesma medida na que non se pode separar da esencia dun triángulo o feito de que a suma dos seus tres ángulos é igual a dous ángulos rectos» (Meditacións,5a). É dicir, da mesma idea de Deus séguese necesariamente a súa existencia.

Deus como Garantía da Existencia do Mundo

Grazas á demostración dunha existencia distinta do cogito, Descartes está en disposición de demostrar a existencia do mundo a partir da existencia de Deus: posto que Deus existe e é infinitamente bo e veraz, non pode permitir que me engane ao crer que o mundo existe, logo o mundo existe. Deus aparece así como garantía de que ás miñas ideas correspóndelle un mundo, unha realidade extramental. Convén, sen embargo, sinalar que Deus non garante que a todas as miñas ideas lles corresponda unha realidade extramental. Descartes (como Galileo e toda a ciencia moderna) nega a existencia de calidades secundarias; Deus só garante a existencia dun mundo constituído exclusivamente pola extensión e o movemento (calidades primarias).

Entradas relacionadas: