A Dimensión Biolóxica do Ser Humano: Evolución, Darwin e Hominización
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 4,06 KB
A Dimensión Biolóxica do Ser Humano
Os humanos somos seres vivos, coma calquera organismo, bacteria, planta ou animal. O noso corpo está feito das mesmas moléculas que as de calquera ser vivo e a nosa vida explícase, en parte, dende a nosa dimensión biolóxica.
A Teoría da Evolución das Especies de Charles Darwin
A teoría da evolución das especies afirma que as diferentes especies vivas xorden unhas das outras a partir de procesos evolutivos de transformación. Atopamos teorías evolucionistas en pensadores antigos como Anaximandro, pero os primeiros en formulala con rigor científico son Charles Darwin e Alfred R. Wallace. Podemos resumir a súa teoría en catro pasos:
- Dentro de cada especie prodúcense, ao azar e xeración tras xeración, pequenas modificacións entre individuos.
- Debido a diferentes causas (depredadores, recursos limitados, enfermidades...) non todos os descendentes dunha especie poden sobrevivir. Só o fan aqueles que teñan algunha vantaxe na adaptación ao medio. Os sobreviventes transmitiranlle eses trazos aos seus descendentes. Isto é o que se coñece como selección natural.
- O proceso evolutivo é gradual e continuo. É dicir, non hai saltos na evolución, senón que se produce a partir de pequenas variacións.
- Hai unha continuidade nas especies, é dicir, todas as existentes teñen a súa orixe nunha única especie.
Dende que Darwin publicou A orixe das especies (1859), fixéronse moitas achegas que modificaron a súa teoría, dando lugar á teoría sintética da evolución que, tendo en conta as achegas da xenética, define a evolución como o cambio na composición dos xenes que ocorre nunha poboación ao longo do tempo.
O Proceso de Hominización
A hominización é o proceso evolutivo que conduce á aparición da nosa especie, o Homo sapiens. O Homo sapiens aparece en África hai uns 200 000 anos (para poñelo en perspectiva: hai vida na Terra dende hai 3900 millóns de anos). Os trazos que o caracterizan como especie son os seguintes:
- Bipedismo: os homínidos son primates que camiñan sobre o chan apoiándose nas súas extremidades posteriores. Esta modificación coincide cunha época de cambio climático que provocou unha alteración radical en África oriental, de onde provén o Homo sapiens. O que era unha zona de bosques espesos transformouse nunha zona seca, na que os homínidos capaces de desprazarse sobre dúas patas tiveron moitas máis vantaxes adaptativas, porque podían ver aos depredadores dende máis distancia que os que camiñaban a catro patas. O bipedismo trouxo dous cambios anatómicos fundamentais:
- A pelvis cambiou, estreitándose para poder soportar o peso do corpo. Por iso, o parto dos humanos é máis complicado que o do resto de animais.
- A columna vertebral adoptou unha posición vertical, provocando un aumento do cerebro, que podemos asociar cun aumento da intelixencia.
- Unha das consecuencias máis importantes do bipedismo é a liberación das extremidades superiores, que provocou unha modificación das mans, facendo posible o manexo de ferramentas con maior precisión. O desenvolvemento desta precisión traerá a coordinación entre as mans e a vista.
- Posúe un índice elevado de cerebralización (relación entre o peso do cerebro e o do corpo) e características singulares asentadas no neocórtex, entre as que destaca a capacidade de manexar unha linguaxe lóxico-simbólica, permitíndolle comunicarse e reflexionar.
Ningunha destas características fai do Homo sapiens un ser vivo capaz de sobrevivir na natureza valéndose só do seu físico. Se pode facelo é grazas á capacidade de valerse de ferramentas coas que transformar a natureza e de símbolos e linguaxe para comprender o mundo e comunicarse con outros. Isto lévanos a outra das dimensións fundamentais para comprender ao ser humano: a cultura.