Entropía e Enerxía Libre de Gibbs: A Espontaneidade das Reaccións Químicas
Clasificado en Francés
Escrito el en
español con un tamaño de 3,51 KB
Entropía de Reacción (ΔS)
Como nunha reacción química se obteñen unhas substancias a partir doutras, e a cada substancia lle corresponde un valor de entropía, esta variará durante a reacción. Ao ser a entropía unha función de estado, a súa variación nunha reacción, ΔSr, non depende das etapas polas que transcorre o proceso. A temperatura constante, pódese calcular a partir das entropías absolutas dos produtos e dos reactivos.
Sendo np e nr os números de moles (coeficientes estequiométricos) de produtos e reactivos, respectivamente. Se as condicións son estándar, a variación de entropía calcúlase como:
ΔS°r = Σnp · S°(produtos) - Σnr · S°(reactivos)
Predición Cualitativa do Signo de ΔS
En ocasións, non nos interesa o valor numérico de ΔS, senón só se a entropía aumenta ou diminúe no proceso, é dicir, o seu signo. Nestes casos, debemos ter en conta o seguinte:
- Se o número de moles de gas aumenta, a entropía aumenta (ΔS > 0). Se o número de moles de gas diminúe, a entropía tamén diminúe (ΔS < 0).
- Se o número de moles de produtos é considerablemente maior que o de reactivos, e non interveñen gases, a entropía do sistema aumenta.
- Se a variación do número de moles de substancias non gasosas non é moi significativa e non interveñen gases, non se pode predicir cualitativamente se a entropía aumenta ou diminúe no proceso.
Enerxía Libre de Gibbs (ΔG) e Espontaneidade
Nunca será posible un proceso no que aumente a enerxía libre de Gibbs. Pola contra, ocorrerán espontaneamente aqueles procesos nos que esta diminúe. A medida que o sistema evoluciona, a enerxía libre de Gibbs vai diminuíndo e o sistema vai perdendo a capacidade para seguir cambiando, ata que ΔG se fai nula, é dicir, ata que se acada o equilibrio.
En resumo, ao avaliar a enerxía libre de Gibbs para un proceso, podemos predicir se será ou non espontáneo.
Criterio de Espontaneidade
- Se ΔG < 0, o proceso é espontáneo.
- Se ΔG > 0, o proceso non é espontáneo (será espontáneo no sentido contrario).
- Se ΔG = 0, o sistema está en equilibrio.
Relación entre ΔG, ΔH e ΔS
Observando os signos de ΔH (variación de entalpía) e ΔS e a ecuación que os relaciona, a ecuación de Gibbs, podemos determinar a espontaneidade:
ΔG = ΔH - T·ΔS
- Unha reacción que transcorra cunha diminución de entalpía e un aumento de entropía (ΔH < 0 e ΔS > 0) será sempre espontánea, ao ser ΔG < 0 a calquera temperatura.
- Pola contra, unha reacción cun aumento de entalpía e unha diminución de entropía (ΔH > 0 e ΔS < 0) nunca será espontánea, ao ser ΔG > 0 sempre.
- Ademais, pode ocorrer que os termos entálpico e entrópico estean enfrontados. Neste caso, a espontaneidade da reacción dependerá dos valores absolutos destas magnitudes e da temperatura (T).