Ética Kantiana: Dignidade Humana, Conflito e Desinformación na Sociedade Actual

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,38 KB

Dignidade Humana e Conflito: Unha Perspectiva Kantiana

Un ano despois dos ataques do 7 de outubro e da posterior ofensiva sobre Gaza, as cifras falan por si soas: máis de 1.200 persoas israelís asasinadas, 250 secuestradas, e máis de 41.500 palestinas mortas baixo as bombas. Diante desta traxedia humana, non podemos mirar cara a outro lado. A dignidade humana, como afirmaba Kant, é o único que posúe valor absoluto. Non depende de condicións externas, nin de relixións, identidades nacionais ou intereses políticos.

Na súa ética, Kant insiste en que debemos actuar por deber moral, non por conveniencia nin paixóns. O seu imperativo categórico ordénanos obrar só segundo aquelas máximas que poidan valer como lei universal. ¿É aceptable normalizar o asasinato de civís? ¿Podemos xustificar que un neno palestino ou unha muller israelí sexan tratados como obxectivos lexítimos? Non, se recoñecemos a cada ser humano como fin en si mesmo.

A realidade amósanos un mundo no que as persoas son usadas como medios: para a vinganza, para o control territorial, para manter o poder. O Reino dos Fins kantiano —onde todas as persoas sexan tratadas coa mesma consideración moral— está lonxe, pero é un principio imprescindible.

A resposta ética non é quedar en silencio, senón esixir un alto ao fogo inmediato, a liberación incondicional de todos os civís retidos por Hamás e das persoas palestinas detidas ilexitimamente. É deber da comunidade internacional recoñecer que toda vida ten valor, e que a violencia perpetua só xera máis dor.

Como di a cita de Kant: “A moralidade e a humanidade, en canto capaz de moralidade, é o único que ten dignidade”. Esa frase debería gravarse nas portas da ONU e nos despachos dos líderes mundiais. Todas as vidas importan. Mentres non o entendamos, a barbarie seguirá vencendo á razón.

Inmigración e Desinformación: O Desafío da Razón Crítica

Nun contexto global marcado pola desinformación e o medo ao diferente, a inmigración converteuse nun dos temas máis manipulados nos medios e redes sociais. Segundo os datos, a percepción sobre a inmigración varía segundo a ideoloxía e a vía pola que se accede á información. Mentres a televisión e a prensa tradicional seguen sendo dominantes, as redes sociais, influencers e canles de WhatsApp ou Telegram teñen un papel crecente, especialmente entre a mocidade.

Kant definía a Ilustración como a saída da minoría de idade: o proceso polo cal unha persoa comeza a pensar por si mesma, sen depender da dirección allea. Esa autonomía intelectual está hoxe en perigo. Cremos estar informados, pero moitas veces só reproducimos opinións ou narrativas que confirman os nosos prexuízos. A liberdade de pensamento non consiste en dicir o que nos apetece, senón en exercer a razón crítica.

Quen se informa só a través de redes sociais corre o risco de vivir nunha burbulla de desinformación. A razón ilustrada que defendía Kant esíxenos contrastar fontes, cuestionar datos e, sobre todo, evitar o xuízo precipitado. O medo ao inmigrante baséase moitas veces en imaxes illadas, en discursos simplistas, en estereotipos alimentados pola ignorancia.

A verdadeira liberdade nace cando usamos a razón de forma pública, aberta e valente. Por iso, Kant escribía Sapere aude, “atrévete a saber”. Hoxe máis que nunca, precisamos esa valentía para romper co discurso do odio e recoñecer que a inmigración non é unha ameaza, senón un fenómeno complexo que require comprensión, empatía e análise racional.

Só unha cidadanía ben informada pode tomar decisións libres. E só a través da Ilustración —non do medo— poderemos convivir nunha sociedade xusta, plural e consciente da dignidade de todas as persoas.

Entradas relacionadas: