Evolución das Teorías e Políticas de Desenvolvemento Económico Rexional e Local
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 50,76 KB
Lóxica Funcional vs. Lóxica Territorial
Existen dúas grandes perspectivas ou enfoques na economía rexional. Non teñen que ver coas escolas do pensamento económico, son transversais. Estas dúas lóxicas foron variando co tempo e coas distintas escolas do pensamento económico.
Que é a Lóxica Funcional?
Cando falamos da **lóxica funcional**, estamos poñendo o fincapé no papel que xogan as rexións e os territorios nun esquema económico ou político funcional máis amplo. O papel que xogan na economía rexional. As características internas de cada un dos territorios non son relevantes; o relevante é o papel que xoga ese territorio no conxunto máis amplo. O territorio enténdese como algo homoxéneo, un mero contedor de actividades económicas. Cada economía achega algo funcional ao global e retroaliméntanse unhas a outras. O importante é o papel que xoga cada unha das economías no conxunto.
A Lóxica Territorial
Fronte a esta lóxica, aparece a **lóxica territorial**, que cobra importancia desde os anos 80. Cando aplicamos esta lóxica, o fincapé vaise poñer nas **características internas**, que dan condicións de rexión homoxénea e que diferencian unhas de outras, aínda que o que é unha rexión e como planificar o crecemento dunha rexión é diferente.
- Carácter localizado e distintivo dos **factores de produción**.
- Tratan de aproximacións que dan énfase ao **crecemento rexional** desde o lado da oferta.
- O máis importante para o crecemento rexional vén dado por **factores endóxenos** (internos). Un maior ou menor crecemento vén dado polos factores internos.
A partir da mesma, enriquécese o propio concepto de **desenvolvemento**. Normalmente intégranse no **desenvolvemento rexional** aspectos económicos, culturais, políticos, institucionais e ecolóxicos.
Indicadores de Concentración Espacial
Miden o **grao de concentración** das distintas actividades económicas nun espazo concreto.
a) Cotas Acumuladas
Sumar as cotas rexionais das 5 rexións que teñen maior número de empregados no sector que queremos medir. A concentración dos distintos sectores dá lugar ás diferentes **cotas acumuladas**, obtendo un valor determinado.
b) Índice de Herfindahl
Se a participación ou cota da rexión i dentro do total rexional da variable para a cal queremos calcular o **grao de concentración** do sector, a concentración será máxima cando tome o valor 1, que indica que todo o emprego dese sector está localizado nunha certa rexión.
c) Índice de Gini
É unha medida de **concentración ou desigualdade**, e mídenos o **grao de desigualdade** dunha distribución determinada, comparando cunha distribución igualitaria.
Perspectiva dos Economistas Clásicos
Adam Smith
Consideraba que a **división do traballo** era o motor do **crecemento económico**, e que a propensión humana ao intercambio é o que dá lugar gradualmente á división do proceso produtivo, que se pode dividir na **división técnica do traballo** e **división social do traballo**. A división técnica é a subdivisión do traballo en diversas etapas. A división social fai referencia á separación e á aparición de novos oficios e novas industrias.
A **división do traballo** é moi importante para este autor, posto que explica que orixina incrementos na **produtividade**, o que dá lugar a:
- Menos perdas de tempo en cambiar de actividade.
- Especialización naquilo no que se é máis produtivo.
Por que se dan incrementos na produtividade?
Trátase de mellorar os procesos produtivos, e tamén permite centrarse no proceso produtivo no que se teñen máis habilidades e no que se é máis produtivo. A **división do traballo** está limitada pola extensión ou tamaño do mercado, polo que o grao de especialización tamén. Isto dá lugar a un proceso circular: canto maior é o mercado, maior nivel de produtividade, polo que existe unha maior cantidade de produtos a intercambiar, o que leva a un maior tamaño do mercado. A **acumulación de capital** posibilita unha maior división do traballo e, polo tanto, un maior **crecemento económico**, pola compra de novas máquinas máis eficientes, mellor material de traballo.
David Ricardo
Foi o primeiro autor que fala dos **Rendementos Decrecentes**. Ricardo dividía á sociedade en 3 clases:
- Capitalista (Beneficios)
- Traballadora (Salarios)
- Terratenentes (Rendas)
Cada unha destas clases sociais repartíanse un tipo de renda. Segundo o esquema de David Ricardo, observouse que o crecemento da poboación dun país ía derivar nunha caída da taxa de beneficios e, por tanto, íanse reducir as posibilidades de **crecemento económico** ata chegar á situación do **Estado Estacionario**. Os beneficios son os que orixinan novos investimentos para seguir crecendo, pero a terra, que é finita, é o que limita o crecemento económico. David Ricardo propuxo a teoría de que cando a cantidade dun input aumenta e a dos demais permanece constante, alcánzase un punto a partir do cal o **rendemento marxinal** ou produto marxinal dos inputs vese reducido.
O pensamento dos economistas neoclásicos salienta a teoría de onde o capital sexa máis abundante, vanse dar lugar rendementos baixos.
W. Rostow
A **Teoría da dependencia do centro á periferia**. Rostow describía un **desenvolvemento secuencial** onde os países, as rexións, van pasando por diferentes fases a medida que se vai producindo un cambio na súa estrutura produtiva e un proceso de **crecemento económico**.
- 1ª etapa: Sociedade tradicional.
- 2ª: Condicións previas ao despegue.
- 3ª: Despegue (Proceso de industrialización).
- 4ª: Proceso cara á madurez.
- 5ª: Era do consumo de masas.
Se un país é pobre, é porque está nas primeiras etapas; a medida que se expande o proceso capitalista, chégase aos últimos niveis. Estas teorías están ligadas a pensamentos de tradición marxista, como as teorías desenvolvidas na **CEPAL**. O que tratan de explicar estas teorías é por que, a pesar de que determinados países introduciran características propias do capitalismo, non eran capaces de saír dunha situación de pobreza (de desenvolverse economicamente). Polo que idearon unha teoría, a **teoría centro-periferia**. Esta teoría, que serve para explicar situacións de desigualdade, aplicouse a nivel rexional e local (aplicouse á lóxica interna dos países).
Desenvolvemento e subdesenvolvemento son dúas caras dun mesmo proceso. Para que uns países sexan desenvolvidos, outros van ter que estar subdesenvolvidos. O sistema económico mundial caracterízase pola existencia de dous polos, dous extremos: o **centro** e a **periferia**. O centro serían **economías desenvolvidas** e equilibradas, mentres que as economías da periferia serían **economías subdesenvolvidas**, desarticuladas e polarizadas. As relacións económicas internacionais benefician ao centro e prexudican á periferia, de tal maneira que se crea unha situación de **dependencia económica** da periferia ao centro económico. O **desenvolvemento económico** da periferia está pensado para cubrir as necesidades dos países centrais, e non as necesidades propias. Os mecanismos de interacción económica que teñen eses países son as relacións económicas que fan que a periferia dependa do centro.
O **Comercio Internacional** dá lugar a beneficios diferentes no centro que na periferia. Os produtos que demanda o centro da periferia son materias primas e produtos básicos, e, sen embargo, os países do centro están especializados en produtos dun alto nivel de especialización e de **alto valor engadido**, o que fai que os países sexan máis competitivos que os países da periferia. As **Empresas Multinacionais** neste esquema teórico actuarían como **industrias de enclave**, empresas que se situaban nun país determinado para aproveitar un recurso (man de obra barata) pero non tiraban da economía nacional, polo que non crean economías externas, non dan lugar a procesos de **crecemento económico integrado**. As teorías de dependencia centro-periferia tiveron un impacto moi importante e fomentaron un modelo que se chamou **modelo de substitución de importacións**, sobre todo en países de América Latina. Tamén foron criticadas por certo **simplismo metodolóxico**, simplismo que quedou demostrado empiricamente, que países que eran da periferia foron capaces de desenvolverse (Países asiáticos).
Schumpeter
A esencia do capitalismo é o cambio, a ruptura dos equilibrios. As empresas e as industrias, en liñas xerais, están en continuo cambio co obxectivo de diferenciarse do resto de empresas e gañar competitividade e evitar a caída de beneficios. Para conseguir iso existe o chamado **posición de monopolio temporal**, que consiste en innovar nalgún sistema, e mentres unha empresa desenvolve esas ideas, e as demais empresas non innovan, ten ese monopolio. As empresas seguen cambiando e modificando; o cambio fai que esa empresa sexa máis competitiva e, polo tanto, dáse unha vantaxe temporal. A este proceso chámanlle proceso de **destrución creativa**, que consiste en cambiar algo vello para producir algo novo; estas ideas van estar aplicadas ao territorio local.
Outra idea de Schumpeter que é importante destacar é o papel que lle outorgou aos **empresarios**, que para el eran sinónimo de **emprendedores**. Schumpeter foi un dos primeiros economistas que destacou o papel dos **emprendedores** como recurso económico. Os emprendedores non como sinónimo de capitalista; un emprendedor é unha persoa que ten unha idea/invención e a transforma en algo economicamente rendible. Schumpeter distingue:
- Capitalista
- Emprendedor
- Inventor
O inventor é a persoa que inventa un produto, pero non ten por que coincidir coa persoa que lle saca rendemento económico, ou o que o conduce á **innovación**. O papel do emprendedor vai estar destacado nas teorías do **desenvolvemento local**.
- A capacidade de **innovación** é esencial para o **desenvolvemento económico** dos territorios.
- A relativa importancia do empresario-emprendedor. Existen empresarios que non son inventores (emprendedores). E xustamente é o que non queren algúns empresarios é cambiar as cousas.
- A importancia de crear as condicións de que nos territorios se cree **coñecemento propio**, e absorber **coñecemento** de fóra.
Perspectivas Actuais de Desenvolvemento Económico
No último cuarto do século XX, comezan a desenvolverse unha serie de teorías económicas sobre o **desenvolvemento económico** cun enfoque alternativo ás teorías tradicionais.
- Enfoque que se sustenta no **desenvolvemento humano**.
- **Desenvolvemento sostible**.
Significou unha mellora na contextualización do **desenvolvemento económico** dos países e das rexións tamén. Os teóricos queren enriquecer a visión estritamente económica da idea de **desenvolvemento**. O **Desenvolvemento Sostible** ten que ter en conta 3 variables diferentes:
- **Dimensión económica**: O que entendemos por **desenvolvemento económico clásico**.
- **Dimensión social**: Ten que ver coas condicións de traballo, coa existencia ou non de desigualdades. **Responsabilidade social corporativa**.
- **Dimensión medioambiental**: **Desenvolvemento económico** que respecta o medio natural e a biodiversidade existente.
Capacidades de Amartya Sen
O libro que publicou Amartya Sen é Desenvolvemento como liberdade. O **desenvolvemento** ten que medirse como as **capacidades das persoas** para poder desenvolver a forma de vida que elixan. O importante non é o nivel de renda medio, senón a capacidade que teñen as persoas de transformar esa renda naquilo que consideren necesario para levar a vida que escollan. Parte das ideas de que os individuos somos suxeitos activos e non suxeitos pasivos. O individuo non debe considerarse un suxeito pasivo que non recibe axuda, senón como un motor para a xeración do cambio, do **desenvolvemento** e da **xustiza social**.
Unha parte das políticas de **desenvolvemento rexional e local** van primar a participación activa dos axentes ou factores do territorio á hora de tomar decisións que afectan ao **desenvolvemento económico**, xa que as decisións se toman desde abaixo cara arriba (**bottom-up**). En ámbitos reducidos estas políticas fanse máis activas.
Os Neoclásicos
Os **neoclásicos** utilizan a ferramenta das matemáticas nas súas análises. A diferenza dos clásicos, comezaron a utilizar o aparello matemático para conseguir facer da economía unha ciencia máis exacta. Para ser capaces de emitir leis universais, necesítase unha ferramenta como son os **modelos matemáticos**. Esta é a diferenza clave respecto a outras escolas do pensamento económico, xa que as outras escolas dubidan que a economía poida emitir leis de validez universal. O **método dedutivo** parte dunha serie de premisas, e estas premisas é a ruptura na que constituíu a visión neoclásica.
A escola neoclásica trataba de explicar o funcionamento dos mercados; de feito, estableceuse unha teoría para explicar a formación dos prezos, que tamén constitúe unha diferenza teórica clave respecto aos clásicos, xa que cando os economistas clásicos explicaban que os prezos das mercadorías dependían das horas de traballo que custaba fabricar a mercadoría. Os economistas neoclásicos distinguían prezo e valor da mercadoría. E para isto explicaron o concepto de **escaseza relativa**, que explica que os prezos teñen que ver coa escaseza do ben, é o valor que lle dá o consumidor á **escaseza relativa** dese ben. A economía que idearon os economistas neoclásicos foi a **microeconomía**. O centro de análise eran os axentes individuais. Entendendo o comportamento individual, poderase comprender moito mellor o comportamento colectivo.
Co paso do tempo, a **economía neoclásica** converteuse na escola de pensamento económico dominante, entre outras cousas foi posible porque os economistas pertencentes a esta escola trataron de abarcar todos os campos da economía, foi un número elevado de campos e tamén a problemática que podía existir na economía. Os **neoclásicos** elaboraron un modelo para explicar os procesos de **crecemento económico rexional e local**. Estes **modelos neoclásicos de crecemento rexional** son coñecidos tamén como **modelos de crecemento equilibrado** ou **modelos de converxencia rexional**, porque van prognosticar que no longo prazo as rexións medrarán acompasadamente e tenderán á **converxencia**. Postulaban que as diferenzas entre rexións diminúen a longo prazo se deixamos funcionar ao mercado libremente.
Modelo Básico Aplicado á Converxencia Rexional
Parten dunha realidade simplificada. Existen dúas rexións, unha rexión máis rica e outra máis pobre (unha máis desenvolvida e outra menos). Tamén existen 3 factores de produción que son o **capital (K)**, o **traballo (L)** e a **tecnoloxía (T)**. Tanto o capital como o traballo teñen rendementos determinados: K (rendementos), L (salarios). É diferente no caso da tecnoloxía, posto que vaise entender que a **tecnoloxía** é exóxena desde o punto de vista do proceso produtivo e está dispoñible libremente para calquera empresa que queira utilizala.
- O crecemento da produción rexional do PIB vai depender do crecemento do ratio (K/L), é dicir, canto maior sexa o capital por traballador, maior vai ser a renda per cápita rexional. En modelos posteriores vaise entender que o crecemento tamén vaise dar polo **progreso tecnolóxico**.
- Asumimos que vai existir a **perfecta mobilidade de factores** entre rexións.
- A existencia de **rendementos constantes ou decrecentes a escala**. Isto quere dicir que a medida que incrementamos a cantidade dun factor de produción mantendo estables os outros, os **rendementos marxinais** obtidos serán cada vez menores ou iguais.
O que vai acontecer é que tanto o **capital (K)** como o **traballo (L)** vanse mover entre rexións buscando sempre o maior rendemento ou remuneración para cada un deles. O capital moverase cara aquela rexión onde a taxa de beneficios é maior e os traballadores vanse mover cara aquelas rexións onde teñan salarios elevados. A remuneración dos factores vai depender da súa **escaseza relativa**; canto máis escaso sexa o factor nunha rexión, a remuneración nesa rexión será máis elevada. Se (K/L)A > (K/L)B, a remuneración de L en A vai ser maior en B, pero a remuneración de K vai ser maior en B que en A. Os factores vanse mover entre rexións ata que se igualen, e o resultado deste proceso no longo prazo vai dar lugar á **converxencia rexional**.
Problemas do Modelo Neoclásico
As principais críticas deste modelo van dirixidas ao escaso realismo das **hipóteses de partida**:
- A **mobilidade perfecta** do capital e traballo, sobre todo o traballo. Non existe a mobilidade perfecta entre rexións.
- A existencia de **rendementos decrecentes ou constantes a escala** do capital. O capital non fluirá desde as rexións menos avanzadas ata as rexións menos avanzadas; o capital consegue escapar dos **rendementos decrecentes** por múltiples vías. O **progreso tecnolóxico**, que non se produce só nos centros de investigación, senón que tamén se produce nos procesos produtivos e toda unha serie de factores máis, fan que o capital non se vexa suxeito á lei de **rendementos decrecentes**. O capital vai seguir obtendo rendementos maiores nas rexións ricas.
- Suposición de que exista libre disposición da **tecnoloxía** e que todas as empresas poden dispoñer da mesma tecnoloxía. As empresas compiten a ver quen produce a mellor tecnoloxía, posto que a **tecnoloxía** é un **factor endóxeno**, e non está dispoñible para todo o mundo e as empresas protexen a súa tecnoloxía. A **tecnoloxía**, ao ser un **factor endóxeno**, non existen **rendementos decrecentes ou constantes a escala**, e está detrás de que unhas rexións sexan ricas e outras pobres. As rexións non soamente dependen de K e L, senón que tamén dependen de T, e a **tecnoloxía** non está dispoñible para todo o mundo.
- Unha última cuestión é que a **teoría do comercio rexional** está intimamente ligada e é complementaria da **teoría do comercio internacional de Heckscher-Ohlin**. O modelo que explica o comercio internacional é o mesmo, pero nese modelo é unha hipótese ou premisa que non se dá, que é a **mobilidade de factores**. Polo que o comercio interrexional pode substituír ao comercio internacional neste modelo, é dicir, é o mesmo modelo, pero nun modelo o que se moven son as mercadorías e noutro os que se moven son os factores de produción.
Alfred Marshall
Foi un dos economistas máis importantes de finais do século XIX e principios do século XX. Dentro da escola neoclásica, é un dos pais da escola neoclásica. As súas achegas son das máis importantes e é o autor da **teoría do equilibrio xeral competitivo**. Foi o autor do que se chama a **síntese neoclásica**. Dalgunha maneira xuntou aspectos que teñen que ver co utilitarismo con aspectos da economía clásica. Sen embargo, sendo a parte referida ao funcionamento dos mercados a máis coñecida da súa obra, o seu traballo foi tamén moi relevante para a nosa disciplina, a **economía rexional** e a **xeografía económica**. En particular, foi moi importante a distinción feita por Marshall entre **economías de escala internas** e **economías de escala externas**.
As **economías de escala internas** prodúcense a nivel de empresa e refírense ás vantaxes derivadas dun aumento da escala da produción e que son atribuíbles a unha maior eficiencia na organización da produción (redución de custos); as vantaxes refírense a un aumento no nivel de produtividade. Pero tamén existen as **economías externas**, que se dan a nivel de industria, polo tanto, xa non se dan ao nivel interno das empresas e refírense ás vantaxes concretas nas internas derivadas da concentración de negocios de empresas dun carácter semellante, vinculadas a unha mesma industria, nun determinado territorio. Estas tamén son coñecidas como vantaxes ou **economías de localización**, que teñen que ver co **desenvolvemento xeral da industria** de que se trata. A existencia destas dúas economías fai que exista unha contradición coa estrutura do razoamento neoclásico, posto que fai incompatible que as empresas operen en réxime de **competencia perfecta**, xa que estamos violando un dos principios básicos na economía do modelo de produción neoclásico (a existencia de **rendementos decrecentes a escala**).
As Economías Externas e Distritos Industriais Marshallianos
Na súa obra, Marshall fálanos, para referirse ás **concentracións de varios sectores**, de **distritos industriais**. Estes distritos son concentracións de empresas especializadas nun determinado sector nunha localidade específica, nun territorio específico e nos que o feito de estar xuntos e as interaccións derivadas da **proximidade xeográfica** dan lugar a vantaxes para as empresas localizadas baixo a forma de **economías externas** ou **externalidades**. Economías externas ás empresas pero internas ou endóxenas para a rexión onde se localizan estas empresas. As **externalidades** son procesos que se escapan ao mercado pero poden afectar negativa ou positivamente.
Existen 3 tipos diferentes de vantaxes nas **economías de localización**:
- **As vantaxes derivadas dos vínculos interindustriais**: A existencia de concentración de empresas dun sector favorece o establecemento doutras actividades complementarias provedoras de inputs e servizos de carácter especializado e de bens de equipo específico do sector. Nese contexto, o grao de **división do traballo** que se pode acadar grazas á existencia dunha masa crítica mínima reduce os custos de produción para o conxunto das empresas.
- **A existencia ou formación dun mercado de traballo especializado**, compartido por todas as empresas dun sector localizadas no mesmo territorio. Neste caso, tanto as empresas como os traballadores poden obter vantaxes derivadas da concentración; as empresas van contar cunha oferta ampla de traballadores cualificados. Os traballadores gañan a seguridade de non depender dunha soa empresa para obter un posto de traballo.
- **Atmósfera Industrial**: “Hai algo no aire que favorece que as empresas estean alí”. Refírese aos fluxos de información relacionados coas habilidades e cos **coñecementos específicos** do sector que se difunden facilmente entre as empresas e dan lugar a un proceso de **acumulación de coñecemento** (“**Know How**”) vinculado a ese sector e a ese territorio en concreto.
Co paso do tempo, este ideal de **economía de localización** foise estendendo e foise enriquecendo sempre baixo o mesmo prisma que é tratar de entender por que se producen procesos de **concentración da actividade económica**.
Como vemos, Marshall reducía a súa análise a un mesmo sector, pero máis adiante, outros autores como **Jane Jacobs**, comezaron a falar de vantaxes derivadas de formar parte dun espazo, territorio onde están concentradas moitas empresas, non soamente dun sector, senón de outros sectores, e non soamente empresas, senón tamén un número elevado de consumidores.
Estas vantaxes derivadas da presenza de varios sectores foron chamadas **economías externas de urbanización**, e refírense ás vantaxes derivadas de compartir infraestruturas e bens públicos, como é o exemplo de Estados Unidos.
Está a vantaxe dunha oferta ampla e diversificada de provedores de inputs de produción, pero tamén existe unha demanda moi ampla.
Tamén está a existencia dun **mercado de traballo amplo e diversificado**, que dá lugar á existencia de diferentes niveis de especialización e tamén facilita satisfacer a diversidade da demanda.
Hirschman
A **teoría do crecemento desequilibrado**. É un economista que ten a súa principal obra na metade do século XX. Parte da idea de que o **crecemento económico** non é equilibrado, ao contrario do que se supoñía na escola neoclásica, senón que se produce de forma paulatina, constante. O **crecemento económico**, de acordo con Hirschman, está marcado pola existencia de **ondas de investimentos** concretos (de industrias e particulares) que atraen recursos e factores de produción a territorios concretos, e que, polo tanto, orixinan procesos de **concentración económica**. Hai momentos e espazos de **concentración económica** que despois dun tempo van desaparecer, polo que se di que o momento é desequilibrado.
Concepto de **encadeamento produtivo**: Fai referencia aos **efectos de arrastre** que crea un investimento inicial dunha industria concreta, orixinando procesos de difusión cara a novos investimentos, polo que fai que exista unha difusión de **crecemento económico**. Este **efecto de arrastre** pode ser:
- **Encadeamento cara atrás**
- **Encadeamento cara adiante**
Nada garante que estes procesos e, en definitiva, o proceso de **crecemento económico** se produzan de xeito equilibrado e homoxéneo ao longo dun territorio dun país. Estamos supoñendo que a actividade económica vai presentar un maior ou menor grao de concentración, e ademais os territorios onde se producen eses **encadeamentos produtivos** derivados dun investimento inicial, que se vai xuntar cunha serie de vantaxes de aglomeración. As interaccións económicas entre rexións adiantadas e rexións rezagadas poden dar lugar ou dan lugar a **efectos de riqueza**, contrarios desde o punto de vista da **converxencia económica**. Hirschman identificou **efectos positivos** tamén chamados **efectos difusión**, como por exemplo un incremento da demanda dos produtos das rexións rezagadas, menos desenvolvidas, para satisfacer as demandas das rexións desenvolvidas. Sen embargo, tamén había **efectos negativos** para a converxencia, tamén chamados **efectos de polarización**, por exemplo, un **efecto de polarización** é a emigración de man de obra de alta cualificación das rexións menos desenvolvidas cara ás desenvolvidas.
Perroux
**Polos de Crecemento**. Moi na liña de Hirschman. Esta idea dos **polos de crecemento** inspiraron as políticas de **desenvolvemento rexional** que se aplicaron en Europa nos anos 60-70. O espazo económico hai que entendelo e partir das **relacións de produción intraindustriais e interindustriais**. A medida que estas relacións son menos densas, o espazo económico vai sendo máis concentrado, e estaría formado por **polos ou centros**, dos cales emanan **forzas centrífugas** e **forzas centrípetas**. Perroux, polo tanto, enfatizaba tamén os efectos dos investimentos iniciais e dos investimentos produtivos. A partir deste concepto de **polos de crecemento rexional**, moitas políticas de **crecemento rexional** o que trataron é de impulsar procesos de **crecemento e desenvolvemento económico** en territorios desfavorecidos financiando a implantación de industrias que tiran pola economía, que impulsarán procesos de **encadeamento produtivo** e **crecemento económico**.
Myrdal
A **Teoría das Causalidades Acumulativas**. Economista e sociólogo, autor de “Teoría económica rexional subdesenvolvida”. **Teoría da Causación Circular**, e procede de estudos sociolóxicos nos que el mesmo desenvolveu para explicar o problema do racismo nos Estados Unidos. A idea central é que hai **factores de desequilibrio** que se retroalimentan creando **círculos viciosos ou virtuosos**. Esta é unha explicación no eido do **desenvolvemento rexional**.
Cales eran os efectos retardadores segundo Myrdal?
E que, por tanto, agudizaron as diferenzas ricos-pobres.
- **O movemento da man de obra**, as migracións. O movemento do **capital humano** é selectivo. Emigra man de obra máis nova e con maior potencial para rexións máis preparadas.
- **Os movementos de capital**. Nada garante que o capital se mova porque “a demanda das rexións máis adiantadas impulsa o investimento neses lugares, provocando **rendementos crecentes** e isto, á súa vez, produce maiores rendementos de renda e de demanda nesas rexións”. E aquí é onde entra en xogo o papel do **sector bancario**, que poderá actuar como un mecanismo de **drenaxe** de absorción do **aforro** que se produce nas rexións pobres cara ás rexións ricas. Os niveis de investimento non veñen determinados polo aforro, senón pola demanda para desenvolvelos.
- **O comercio**. Porque pode acontecer que as rexións máis pobres sexan incapaces de abandonar os tipos de **especialización produtivas** en sectores primarios ou de baixo valor engadido.
Tamén hai **efectos impulsores**, que axudan á **converxencia** que comezan polo prezo do comercio (interrexional), en concreto a demanda de produtos por parte das rexións avanzadas de produtos que se fabrican nas rexións pobres poden dar lugar a procesos de **rendemento endóxeno**. Outro **efecto impulsor** (que axuda á converxencia) son os procesos de **difusión tecnolóxica**. Nada ten que impedir que as tecnoloxías que se utilizan nas rexións máis avanzadas se difundan de forma rápida cara a rexións máis pobres, coas que teñen múltiples interaccións. En definitiva, o resultado converxencia-diverxencia, o que dicían as teorías neoclásicas non está garantido.
Nova Xeografía Económica (NXE)
Xorde nos anos 80 e trata de explicar por que se producen **aglomeracións económicas**, por que as actividades están concentradas no espazo, ou por que co paso do tempo uns territorios desenvólvense máis que outros. A **NXE** toma prestadas achegas/contribucións de diferentes escolas, e incluso ramas científicas. Colle ideas da chamada “**xeografía económica clásica**”, en concreto, todo o que ten que ver coa importancia da **distancia xeográfica** e os **custos de transporte** das mercadorías, para explicar a localización das actividades económicas. En segundo lugar, é unha economía de **desenvolvemento**, toma prestadas ideas de Myrdal, Hirschman e outros autores, sobre todo da **teoría circular** (**círculos viciosos e virtuosos**). Esta **NXE** vai estar influenciada polo uso de **modelos matemáticos**. A primeira contribución é a novidade con respecto á **economía neoclásica** e a incorporación de fenómenos de **competencia imperfecta** nos seus modelos; a incorporación da **competencia imperfecta** implica que a produción das distintas rexións vai estar suxeita a **rendementos crecentes**.
Estes autores utilizan nos seus modelos o concepto de **economías de aglomeración**, que fan referencia a vantaxes desde o punto de vista dos custos de produción derivados de estar preto unhas empresas doutras, ben sexa do mesmo sector ou de sectores diferentes, ou de alí onde existen mercados de traballo grandes e amplos. Son vantaxes estáticas, pero tamén existen vantaxes dinámicas, que teñen que ver co tipo tecnolóxico ou do **coñecemento**; ao estar preto das empresas do mesmo sector, fanse máis competitivas. As vantaxes derivadas da **concentración das actividades económicas** danse, sobre todo, en grandes cidades; desa maneira, aínda que o factor traballo sexa moito máis caro nunha zona, o factor capital non terá incentivos a moverse cara a outras rexións, e o mesmo tenderá a concentrarse aínda máis para beneficiarse desas vantaxes que outorgan esas **economías de aglomeración**. En conclusión, o **libre mercado** pode conlevar unha intensificación das **disparidades rexionais** e unha consolidación do **modelo centro-periferia** onde coexisten unha rexión moi desenvolvida (centro) con outras rexións menos desenvolvidas.
Novos Distritos Industriais
Xorde nos anos 80 para explicar como determinadas rexións, sobre todo no centro-norte de Italia, foron capaces de emerxer como rexións moi dinámicas, despois da crise dos anos 70. Estes autores van fundamentar esta nova teoría no enfoque Marshalliano clásico. Observan que aparecen pequenas empresas de distintos sectores pero relacionados entre si en zonas non moi desenvolvidas. Chegan á conclusión de que estas empresas se benefician desas interconexións que existen entre elas. Outra conclusión á que chegan estes autores é que esta forma de **produción en rede** as fai máis eficientes en comparación coas grandes empresas fordistas. Por iso crean este concepto de **Novos Distritos Industriais**.
Un **distrito industrial** sería unha **entidade social e territorial** caracterizada pola presenza activa dunha comunidade de persoas e de empresas moi vinculadas entre elas, situadas nunha zona con trazos naturais, históricos e culturais ben definidos. Esta comunidade comparte unha mesma cultura e uns mesmos valores, e estas características dan lugar a **vantaxes** desde o punto de vista produtivo. Prodúcense procesos de **aprendizaxe** derivados da interacción entre persoas, entre empresas e mesmo coa participación da administración pública. Hai unha necesidade de **flexibilidade** á hora de organizar a produción que é posible cando existen contextos produtivos de elevada confianza onde os actores, empresas, os traballadores amosan unha gran confianza uns nos outros. A idea central que enlaza co concepto de **distrito industrial** é que se crean unha serie de **externalidades positivas** procedentes da transmisión da información da competencia e da complementariedade entre empresas; se a isto lle unimos que compartir o mesmo espazo cultural e histórico lles permite adoptar métodos de organización máis flexibles, teriamos unha combinación que garante altos niveis de **competitividade** nestas rexións. Un inconveniente desta dependencia de coñecementos dunha determinada rexión pode facer que te illes do resto do mundo.
Millieux Innovateurs ("Entorno Innovador")
Presenta a idea da importancia da **innovación**; a capacidade de innovar dos territorios depende da súa capacidade de **desenvolvemento**. Este concepto xorde da área de **xeografía económica francesa**; observan que determinadas rexións concentraban actividades económicas moi dinámicas e innovadoras, e trataron de estudar que acontecía nestas rexións, polo que o chamaron o **Entorno Innovador**. É un ámbito territorial onde se desenvolven **interaccións entre axentes económicos** (empresas, traballadores, científicos) que dá lugar a procesos de **aprendizaxe** e xeran **externalidades** propias da **innovación** e para a xeración de novos **coñecementos**; isto, á súa vez, dá lugar a métodos de produción máis eficientes e un ambiente máis innovador. Son zonas onde existe un forte proceso de **aprendizaxe** derivado das interaccións das empresas. Para estes economistas, as interaccións entre as empresas dan lugar a un ambiente máis innovador, pero á parte disto téñense que cumprir dous requisitos máis:
- A **apertura ao exterior**: que permita adoptar e adaptar coñecementos e recursos necesarios para a **innovación**.
- A capacidade de crear **redes de innovación** entre empresas, empresas e universidades... que posibiliten a creación e acumulación de novo **coñecemento**.
Sistemas Rexionais de Innovación
Este enfoque xorde a partir dos anos 90, a través dunha literatura que trata de explicar e entender o **proceso innovador**, como innovan as economías. Houbo unha serie de autores que observaron como a forma de organizar e os axentes económicos que interveñen no **proceso de innovación** varían nos diferentes países. Estes autores, a partir desta cuestión, definiron un **sistema nacional de innovación** como un entramado interactivo onde participan distintos axentes e institucións que dan lugar, a partir das interaccións entre eles, a procesos de **innovación** a nivel do país, e que caracterizan os procesos de **innovación** de cada país.
**Centros tecnolóxicos** son centros especializados; o que fan é resolver problemas técnicos. Están financiados por empresas e universidades. Serve como vinculación da empresa ao mundo da ciencia e da tecnoloxía. Pero finalmente quen innova son as empresas. Esta idea foi aplicada posteriormente ao ámbito rexional, e basicamente da fortaleza do **sistema rexional de innovación** vai depender a **capacidade competitiva** de cada rexión. A **traxectoria cultural**, a **traxectoria histórica e social** dos territorios inflúe no seu **sistema rexional de innovación** e, polo tanto, inflúe na súa **capacidade innovadora**. De todo isto vai saír unha maior ou menor capacidade de **desenvolvemento**.
Que teñen en común estes 3 enfoques?
- Céntranse na importancia do **proceso de innovación** e do fenómeno da **innovación** como fenómeno competitivo e, asociado a isto, os 3 enfoques polo xeral fan referencia ás **externalidades positivas** xurdidas do proceso de **aglomeración**.
- O territorio é algo máis que un concepto xeográfico, posto que ten asociadas unha serie de características culturais, sociais e históricas. Polo que existe un **carácter distintivo**.
- A importancia das **institucións** entendidas como formas de organización social que tamén afectan á esfera económica (actividade económica e actividade produtiva). As **institucións formais** son marcos legais que poden ser importantes para o **proceso innovador**, son usos e costumes, ou regras de conduta.
O Ámbito Local e as Teorías de Desenvolvemento Endóxeno
O **desenvolvemento económico** que serve para aplicarse a distintas realidades ten a súa orixe no campo da **planificación do desenvolvemento local**. É unha transformación que sofre a economía local, e comezan a falar dunha serie de teorías chamadas **teorías do desenvolvemento endóxeno**. Ata os anos 80, dominaba tanto nas teorías como nas políticas de **desenvolvemento local** o enfoque ou **lóxica funcional**; o **desenvolvemento económico** dos territorios viña dado pola función ou lugar que cada territorio ocupa na lóxica do sistema económico no seu conxunto. O enfoque funcional danos parte dunha visión abstracta do territorio, é dicir, o territorio é un mero contedor de actividades económicas, de recursos, de capital e traballo, pero as características dese territorio non son particularmente importantes. As políticas xurdidas desde esta perspectiva funcional eran políticas pensadas de arriba cara abaixo, e que na maioría dos casos trataban de propiciar de forma imitativa os procesos de **desenvolvemento** nas rexións máis pobres semellantes aos existentes nas rexións máis ricas.
A partir dos anos 80 xorde a **lóxica territorial**, outra perspectiva de como debe ser o **desenvolvemento rexional**, que contrasta co enfoque anterior. A primeira idea que está presente nesta lóxica é que o territorio non é un ente abstracto, é un espazo concreto de **interacción social** e cunha traxectoria e uns trazos culturais, sociais e naturais determinados. A segunda é que o **desenvolvemento económico** dun territorio consiste nun proceso de transformación e cambio, baseado nas **capacidades endóxenas** internas do territorio; polo tanto, son fundamentais os **recursos naturais e humanos** propios e característicos do territorio, a caracterización social do territorio, as **institucións** existentes nese territorio, e todo isto é fundamental para explicar o proceso de **desenvolvemento económico** do territorio. Desde este punto de vista, as políticas (**políticas de desenvolvemento endóxeno**) susténtanse no **enfoque de abaixo cara arriba**; nacen da realidade concreta do territorio, e implica a posta en marcha de medidas específicas para cada territorio, e non tanto medidas de validez universal. O obxectivo disto é poñer en valor os **recursos existentes no territorio**. Para apostar polos **procesos participativos** para tratar de desenvolver esas políticas, é necesario implicar á sociedade e aos axentes desa sociedade nas **estratexias de desenvolvemento**. Estas políticas perseguen a creación de empresas e actividades produtivas en base aos **recursos locais**, e tamén implican unha aposta pola **innovación**. Isto é conectar **coñecementos técnicos e científicos** con actividades produtivas mesmo nos tipos tradicionais.
Orixe e Definición das Políticas Rexionais
As **políticas rexionais** xorden nos países máis desenvolvidos ao redor dos anos 30 do século XX. Comezaron a desenvolverse en EUA e xorden como unha resposta aos **desequilibrios** creados pola dinámica do **crecemento económico capitalista** e que evidentemente exprésase en importantes **disparidades territoriais**. As **políticas de desenvolvemento rexional** son un conxunto de medidas destinadas a reducir os **desequilibrios interterritoriais** e a fomentar o **crecemento ou desenvolvemento** daquelas rexións ou territorios máis pobres e menos favorecidos, cunha finalidade: asegurar unha maior **cohesión social e territorial** dentro do país.
Pódense apreciar dúas aproximacións das **políticas rexionais**:
- Onde predomina a idea de crise ou atraso dunha rexión concreta e nese caso as actuacións de **política rexional** estarán centradas nas circunstancias dese territorio en concreto e perseguirán impulsar unha **estratexia de modernización e diversificación produtiva** para ese territorio (desde abaixo).
- Existen **disparidades rexionais** entre territorios, e a segunda idea está en que debemos corrixir esas **disparidades** que existen (desde arriba).
Polo que podemos aproximarnos ao concepto de **políticas de desenvolvemento rexional** mediante estas dúas ideas. O obxectivo principal destas **políticas rexionais** é a **Cohesión Social e Territorial**.
Podemos falar dalgunhas experiencias pioneiras do xurdimento das **políticas rexionais**, e estas primeiras experiencias proceden de EEUU, en concreto na década dos 30 (no contexto da crise do 29), no territorio do **Val do Tennessee**, onde se implantou o primeiro **plan integrado de desenvolvemento rexional**. A partir dese momento (a partir das décadas dos anos 30 e 40), no Reino Unido tamén se implantaron as primeiras experiencias de **políticas rexionais**, baixo a denominación de **áreas reprimidas** e **áreas de desenvolvemento**. Son políticas deseñadas no ámbito central. En Francia e en Italia nos anos 50 e 60, implantáronse tamén **políticas rexionais**; en Francia as chamadas políticas de “**polos de desenvolvemento**” e en Italia seguían a denominación específica, deseñadas para apoiar o **desenvolvemento económico** das rexións do sur de Italia.
Da análise das experiencias das **políticas rexionais**, podemos indicar o seguinte:
- Primeiro, tanto as estratexias como os instrumentos foron evolucionando co tempo e onde antes primaban incentivos á localización de empresas e dotación de infraestruturas, pois hoxe aparecen un tipo distinto de incentivos e de instrumentos concretos, dos que falaremos máis adiante.
- Segundo, a **crise estrutural dos anos 70** significou un cambio de enfoque en moitas das **políticas rexionais**, posto que fixo aflorar problemas e reivindicacións diversas de rexións, non unicamente atrasadas, senón de diverso tipo. O momento máis potente foi nos anos 70 e 80.
- Terceiro, o feito de que durante décadas as **políticas rexionais** fosen competencia practicamente exclusiva da administración central do goberno, pero de forma máis recente (nos últimos 30 anos) houbo unha **tendencia crecente cara á descentralización** destas políticas, polo que instancias territoriais, fosen rexionais ou locais, foron asumindo cada vez máis competencias e tomando máis protagonismo. En liñas xerais, viveuse en Europa e nos países máis centralizados unha **descentralización política** para que os gobernos rexionais tivesen máis protagonismo, como foi o caso italiano. Nos países federais como son Alemaña e Suíza, o enfoque será moi diferente. Algúns países tiveron que crear distintas rexións, xa que non existían no seu país, como é o caso francés, que no ano 59, dividiuse o país en 21 rexións diferenciadas.
Obxectivos e Instrumentos das Políticas Rexionais
Conseguir a **cohesión social e territorial** no país, como se dixo anteriormente, pero o **desenvolvemento rexional** como obxectivo da **política económica** foi, pouco a pouco, mudando e tamén foi incorporando aspectos vinculados á mellora da **calidade de vida** ou mellora da **calidade ambiental**, e outros vinculados á mellora do **capital humano**, dos **recursos humanos** ou a creación de **contornos innovadores**.
Orixes do Enfoque DRBT (Desenvolvemento Rural de Base Territorial)
O enfoque nace da constatación (anos 80) de que as políticas existentes de **desenvolvemento económico** para o rural foran insuficientes.
- Políticas sectoriais agraristas.
- Políticas non adaptadas ao territorio.
O enfoque **DRBT** insírese nos paradigmas de **desenvolvemento endóxeno**, de recursos propios que apareceron a partir dos anos 80. A principios dos 90, aparece a iniciativa **LEADER** da UE: “Liaison entre actions de développement rural”.
Implementación e Éxito do Enfoque LEADER
Aplícase nos territorios rurais da UE, o que implica un cambio de enfoque importantísimo, xa que antes as políticas facíanse para a adaptación dos prezos e sempre pensando no mercado. A partir dos 90, pénsase en diferentes actividades que se poden facer; primeiro aplícanse en territorios pilotos, logo de que a UE sacara este enfoque, a nivel de Estado e a Xunta de Galicia saca diferentes programas, como foi o **PRODER** ou **AGADER**. O programa da UE foi tan exitoso que os **grupos de acción costeira** funcionan con políticas baseadas no **LEADER**. Á parte de por Europa, estendeuse a outros lugares como América Latina.
Políticas Sectoriais Agraristas
En moitos países do mundo, os títulos de propiedade son un elemento moi importante, e durante moito tempo tratouse de solventar. En Galicia existiron as famosas **concentracións parcelarias**, e en Galicia queríase solventar o **minifundismo** e a partición, nada que ver con Castela ou Andalucía.
Políticas Non Adaptadas ao Territorio
**Políticas pensadas desde arriba**, e que non se preocupan polo territorio.
Principios Básicos do Enfoque DRBT
Existen 7 principios básicos do enfoque **DBRT**.
Enfoque Territorial
Desde o punto de vista económico e xeral, debemos comprender que o **desenvolvemento** implica un **enfoque global**, xa que temos que ter en conta as culturas, as institucións... O **enfoque territorial** parte da necesidade de concentrar, consensuar e agrupar os diferentes intereses dos actores do territorio; necesítase un **enfoque concertado**. O **enfoque territorial** implica que debemos concibir o **desenvolvemento** a través dos **recursos endóxenos**, con recursos propios (físicos, materias primas, financeiros, humanos...).
Enfoque Ascendente (Bottom-up)
**Bottom-up**, ou o que quere dicir que as decisións se toman de abaixo cara arriba; as decisións son tomadas polo territorio, é un elemento esencial das **políticas de desenvolvemento local**. Existe unha **democracia local**, un **proceso participativo**; polo tanto, temos que facer o diagnóstico e facer un plan, temos que contar coa xente do territorio, elemento esencial porque hai que tomar decisións no territorio.
Nova Institución: Os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR)
Para aplicar esta política, precísanse persoas que leven a cabo os plans, polo que se crean os **Grupos de Desenvolvemento Rural**. Estes grupos van xestionar as **estratexias de desenvolvemento** e van tomar decisións sobre o **desenvolvemento**. Son unha nova estrutura, con estatutos xurídicos variados (nin administración pública, nin sector privado). Estes grupos créanse para:
- Representar os intereses de axentes e da poboación do territorio.
- Establecer unha estratexia común e o programa de desenvolvemento.
- Dispor dun poder de toma de decisión e xestión.
Quen forma parte dos Grupos de Desenvolvemento Rural?
Normalmente falamos de 3 tipos de axentes do territorio:
- **Axentes económicos e empresas privadas**
- Organizacións de empresarios
- Sector competitivo agrícola
- Sector financeiro
- Empresas de servizos á poboación
- **Institucións públicas**
- Autoridades locais-Administración
- Servizos públicos
- **Persoas ou asociacións de persoas**
- Asociacións con vocación: de defensa de intereses, territorial, cultural.
En principio, ningún destes axentes ten que predominar sobre os outros. O problema disto é que ata o ano 2005 os concellos podían ter o 48% nas votacións. Os **Grupos de Desenvolvemento Rural** contarán cun **equipo técnico e cualificado** formado por:
- Animar o proceso de desenvolvemento.
- Informar, formar, aconsellar.
- Organizar a concentración.
- Identificar aos axentes e asociar aos proxectos.
- Acompañar aos promotores de proxectos.
A Innovación
**Concepto básico**: non se trata de facer o mesmo, senón de **valorizar os recursos** que ten o territorio, os non explotados, os abandonados e os recursos que están subestimados. É un **proceso colectivo**, coa capacidade de asumir riscos e con respostas adaptadas ao territorio.
Enfoque Integrado
Baséase na:
- **Integración vertical**: apostar por pechar o ciclo dos sectores.
- **Integración horizontal**: económica, cultural, social e medioambiental, **sinerxías** entre actividades que é igual a un **enfoque integrado**.
Redes de Cooperación
Promoción da **cooperación** con outro territorio:
- Establecemento de contactos (persoas, proxectos, territorios).
- Intercambio e transferencia de coñecementos.
- Fomento da cooperación entre territorios.
- Capitalización das ensinanzas observadas.
Financiamento e Xestión da Proximidade
As decisións de **financiamento baseado na proximidade**:
- Facilitan a **corresponsabilidade** no financiamento dos proxectos.
- Simplifican os procedementos.
- Diferentes posibilidades na xestión do financiamento:
- Polos GDR
- Por unha administración local
- Polo goberno rexional
A **Triloxía do Desenvolvemento**: estratexia, territorio, GDR.