Evolución Histórica da Normativización do Galego
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,3 KB
A Normativización do Idioma Galego: Un Percorrido Histórico
Todas as linguas precisan establecer unha norma estándar igualadora e unificadora do idioma, pois todas precisan dunha norma que sirva de referencia para os usos formais. Este proceso denomínase normativización e consiste en definir as formas consideradas correctas, establecer a súa grafía, a súa fonética e os seus significados, adaptándoos á evolución histórica da lingua. Deste xeito, a lingua estándar adaptarase aos novos ámbitos para converterse nun instrumento eficaz de comunicación.
O proceso de normativización do galego moderno pasou por catro fases:
1. Fase Dialectal ou Popularizante (Século XIX)
A primeira fase, que se desenvolveu durante o século XIX, denomínase “dialectal ou popularizante”. Nela, a fonte principal é a lingua oral da época, inzada de castelanismos, vulgarismos e dialectalismos. Nesta etapa, os escritores vense na obriga de escribir de acordo cos trazos propios da súa comarca de orixe; un claro exemplo disto apreciámolo no prólogo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.
2. Fase Enxebrizante (Inicio do Século XX - 1936)
Durante a segunda etapa, coñecida como “enxebrizante” (desde o inicio do século XX ata 1936), dáse unha tendencia diferencialista do castelán que vén fomentada polos autores pertencentes ás Irmandades da Fala e á Xeración Nós. Así, introducíronse formas que se apartaban do castelán, aínda que iso significase empregar hipergaleguismos, lusismos ou arcaísmos. Nesta época tamén se dan os primeiros intentos de establecer unhas normas básicas, destacando aquí a actuación do Seminario de Estudos Galegos.
3. Fase Protoestándar (Final da Guerra Civil - Anos 70)
Xa na terceira fase, denominada “protoestándar” (final da Guerra Civil ata os anos 70), destaca a simplificación ortográfica mediante a eliminación de apóstrofos, os acentos circunflexos e os guións. Comeza así un proceso de busca dunha lingua máis purista e selecta e a busca dun modelo único que sirva como estándar, destacando aquí a actuación de Editorial Galaxia.
4. Fase do Galego Estándar (A partir dos Anos 70)
Finalmente, a partir dos anos 70, dáse inicio á última etapa, a do “galego estándar”. As autoridades académicas e universitarias poñen as bases para a creación dun modelo supradialectal, simplificado na grafía e liberado de castelanismos, arcaísmos e hiperenxebrismos.
A Consolidación do Estándar: As NOMIG
Todo este traballo chegou a termo coa aprobación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG) en 1982, a pesar da oposición dos que pretendían asumir a ortografía do portugués. Estas normas tiveron unha pequena reforma no ano 2003, acordada entre todas as tendencias lingüísticas.
Impacto e Futuro da Normalización Lingüística
Finalmente, podemos concluír que desde a aprobación no Parlamento de Galicia de 445 medidas en 2004, se está a potenciar o uso do galego en distintos ámbitos co obxectivo de garantir a posibilidade de vivir en galego e introducir unha idea positiva do idioma, o cal favorece este proceso de normalización.