Evolución histórica e rexurdimento da literatura galega

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,5 KB

A evolución da lingua galega: Do medievo ao século XVIII

Na Idade Media existía unha única lingua, o galego-portugués, falada en Galicia e en Portugal. A partir do século XIII, coa independencia de Portugal e a integración de Galicia na Coroa de Castela, Galicia comeza a sufrir un proceso de castelanización que reduciu o galego ao uso oral, sen consolidar unha norma culta. Portugal, en cambio, consolidou o portugués como lingua oficial, polo que o antigo galego-portugués deu lugar a dúas linguas diferenciadas: galego e portugués.

No século XVIII, a chegada das ideas da Ilustración tivo como obxectivo coñecer e mellorar a realidade do país, impulsar a educación, a cultura e a ciencia, fomentar reformas económicas en agricultura, industria e comercio, e valorar a historia e a lingua galegas como elementos centrais do progreso.

O contexto social e o nacemento do Rexurdimento

Nos séculos XIX e XX, a progresiva introdución do castelán nas capas medias e populares da sociedade veu favorecida por tres factores:

  • A implantación da escola pública, que ensinaba en castelán.
  • A aparición dos novos medios de comunicación, que reforzaban o seu uso.
  • O triunfo do Estado liberal, que consolidaba o castelán como lingua oficial e de prestixio.

Precursores e o papel dos Xogos Florais

No ámbito literario, destacaron os precursores do Rexurdimento, entre os que sobresae Xoán Manuel Pintos (1811–1876), poeta e escritor que publicou en 1853 A gaita gallega, considerada a primeira obra culta en galego contemporáneo. Outros precursores importantes foron Francisco Añón e Alberto Camino.

Un acontecemento cultural destacado foron os Xogos Florais, celebrados na Coruña en 1861. Como consecuencia, en 1862 publicouse o Álbum de la Caridad, que consolidou o galego como lingua literaria.

O Rexurdimento e o pensamento rexionalista

O Rexurdimento considérase que comeza en 1863, coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Os rexionalistas defendían a valoración da realidade social, histórica e cultural de Galicia, loitando pola preservación da identidade galega e criticando a emigración e os abusos do sistema político da Restauración.

Fitos culturais da segunda metade do século XIX

Destacan a aparición das primeiras gramáticas galegas, a consolidación da prensa (El Heraldo Gallego, Revista Galaica, La Propaganda Gallega) e a creación de editoriais galeguistas.

A obra de Rosalía de Castro

Cantares gallegos (1863)

Esta obra marca o gran salto do Rexurdimento literario. Estrutúrase en tres partes: un prólogo, os cantares (poemas de temática social, amorosa e folclórica) e un epílogo. Ten unha clara finalidade sociopolítica, denunciando a emigración e a marxinación das mulleres.

Follas novas e a madurez literaria

Follas novas é un poemario máis íntimo e reflexivo, dividido en cinco libros que abordan a soidade, o desengano, a vida rural e a emigración. No poema "Negra sombra", Rosalía expresa a angustia existencial e a presenza da morte.

A lingua empregada por Rosalía parte do galego suroccidental falado, combinando o espírito popular coa profundidade persoal, consolidando así o galego como lingua literaria plenamente madura.

Entradas relacionadas: