A Evolución Política de España: Da Crise da Restauración á Consolidación Democrática (1898-1996)

Historia54,33 KB

A Crise da Restauración e o Desastre do 98: O Inicio do Fin

O Desastre do 98 provocou un descontento xeral na poboación do país. O réxime da Restauración entrou nunha nova fase, condicionada polas intervencións de Afonso XIII na vida política. O seu reinado estivo marcado polo espírito rexeneracionista, que pretendía revisar o sistema, modificando o necesario para superar os problemas do país e adaptarse ás novas demandas sociais e políticas. As intervencións do monarca –que lle permitía a Constitución de 1876– provocaron unha gran inestabilidade gubernamental, derivando no rexeitamento social cara ao sistema e cara á monarquía, o que foi unha das causas que levou a Primo de Rivera a pronunciarse en 1923 co propósito de solventar os problemas do país. Tras a morte dos fundadores dos partidos dinásticos, Cánovas e Sagasta, houbo unha crise de liderado en ambas formacións. Os seus sucesores máis destacados, Maura e Dato no Partido Conservador, e Canalejas e o Conde de Romanones no Partido Liberal, tentaron unha rexeneración dende arriba do sistema. Primeiro, o goberno conservador de Maura propuxo unha reforma electoral para evitar a influencia do caciquismo, mais a inclusión na lei electoral do artigo 29 impediu que esta reforma conseguise sanear o sistema, pois permitía a elección automática dos candidatos se estes eran os mesmos ou menos que os escanos en liza por cada circunscrición, o que foi aproveitado polo caciquismo que se pretendía combater. As reformas de Canalejas –a Lei do Candado contra novas institucións relixiosas (1910), a Lei de Mancomunidades Provinciais que pretendía canalizar as reclamacións catalanistas mediante a mancomunidade de municipios con certa autonomía (1911), a Lei de Recrutamento (1914) que puña fin aos quintos parcialmente– e as de Romanones –redución dos consumos–, non foron capaces de gañarse a confianza de máis poboación ao perder os apoios de parte da Igrexa e dos moderados por mor das reformas. Paralelamente, a oposición, marxinada do sistema canovista, foi recollendo cada vez máis apoios. Os partidos republicanos acadaron moita forza co Partido Radical de A. Lerroux. O PSOE de Pablo Iglesias obtivo representación no Parlamento e os anarquistas seguiron ensanchando as súas bases de apoio. En 1910 crearon o seu sindicato, a CNT. En Cataluña, País Vasco e Galicia fixeron a súa aparición os partidos nacionalistas. Todos estes grupos, e fundamentalmente o movemento obreiro, protagonizaron unha serie de conflitos sociais que contribuíron á decadencia do sistema, axitando profundas protestas ou mesmo atentados, que respondían ao maior desenvolvemento económico e industrial das cidades da periferia, cunha sociedade urbana e proletaria que demandaba reformas e máis dereitos:

  • Dende o inicio do mandato de Afonso XIII producíronse protestas e folgas moi violentas e numerosos atentados anarquistas (asasinatos de Canalejas -1912- e Dato -1921-; contra o rei en París -1905-, na súa voda -1906- ou na rúa Alcalá -1913-) que retroalimentaron a conflitividade social e política.
  • O Desastre do 98 deixou moi tocado ao exército, responsable en parte da febre belicista e despois da ampla mortandade dos soldados na guerra. As críticas dos partidos políticos e da sociedade sentaron mal no exército, que se viu atacado. En 1905, tras a publicación dunha serie de viñetas na revista catalanista Cu-Cut! e do xornal La Veu de Catalunya, varios oficiais de Barcelona arrasaron as súas redaccións.

Nin o goberno nin o rei castigaron ou desautorizaron a eses militares –que contaron co apoio do resto de altos cargos militares–, e é máis, o poder militar impúxose ao poder civil ao conseguir a aprobación da Lei de Xurisdicións (1906), polo que conseguían que se sometese ao foro militar calquera calumnia, insulto ou opinión contra a patria, o rei e o exército.

  • A Semana Tráxica de 1909 foi a primeira crise grave que sufriu o sistema da Restauración tras a Guerra de Cuba. Foi unha explosión de descontento popular motivada polo embarque dos reservistas o 26 de xullo, destinados ao Rif, no porto de Barcelona. Entre os amotinados había anarquistas, republicanos e catalanistas que tomaron as rúas da cidade durante unha semana, unindo protestas a unha folga xeral obreira, á que se uniu o Partido Republicano de Lerroux. O antimilitarismo e anticlericalismo fíxose patente, sobre todo contra a Igrexa, queimando conventos e destrozando os seus bens, xa que a Igrexa beneficiaba aos intereses das clases dominantes. Maura respondeu a isto cunha forte represión (fusilamento de Ferrer i Guàrdia, promotor anarquista da Escola Moderna, institución laica e racional), o que provocou importantes protestas e a súa saída do goberno de Maura, forzada por Afonso XIII e apoiada polos liberais, comezando a ruptura da quenda de partidos.
  • Á par destes acontecementos, en xullo de 1909, sucedeu o Desastre do Barranco do Lobo, unha emboscada militar acaecida nese lugar, próximo a Melilla (o día 27), na que as tropas españolas foron derrotadas polos rifeños. Aínda que a contraofensiva permitiu recuperar o territorio e ampliar a fronteira, morreron máis de 100 soldados e 600 foron feridos, o cal supuxo un aviso para a Guerra do Rif, e acrecentou o malestar co exército.
  • A Crise de 1917, durante a Primeira Guerra Mundial, que provocou unha subida de prezos no país, mais os soldos non aumentaron á mesma rapidez que os prezos, o que desencadeou un gran malestar social. Foi considerada a crise máis profunda do sistema da Restauración, resultado da confluencia de tres tipos de conflitos: militar, coas demandas das Xuntas de Defensa; político, coas reclamacións de cambio de réxime político por parte da Asemblea de Parlamentarios; e social, coa Folga Xeral Revolucionaria de Agosto de 1917.

Despois de 1917, e tras a represión destes conflitos, o réxime seguía vivo, mais a quebra do sistema era evidente. Os partidos dinásticos estaban rotos. O seu fraccionamento acabou coa alternancia, unha das bases da estabilidade do sistema. Para enfrontarse á inestabilidade apareceron gobernos de concentración nacional, nos que participaron os distintos grupos nos que se achaban divididos tanto o Partido Conservador como o Liberal, e incluso chegaron a participar catalanistas da Lliga como Cambó, temerosos da revolución obreira. Os gobernos sucedéronse –uns 3 por ano, excepto en 1920–. Ademais, o descontento social aumentou e manifestouse no incremento da afiliación aos sindicatos, no pistolerismo (atentados anarquistas contra Dato -1921- ou a Salvador Seguí, por parte da burguesía) e no aumento da conflitividade social (folga na Canadiense) e nas revoltas campesiñas influenciadas pola Revolución Bolxevique de Rusia, en Andalucía e Estremadura.

A Crise de 1917 e a Guerra de Marrocos: Desafíos á Restauración

Durante o reinado de Afonso XIII e no contexto do período coñecido como Crise da Restauración, iniciouse a Guerra de Marrocos tras a atribución do norte deste territorio a España na Conferencia de Alxeciras de 1906. Os acordos, buscados para compensar a perda de Cuba, Porto Rico e Filipinas no Desastre de 1898, permitían aproveitar a zona para o ferrocarril e a explotación mineira. Para facer efectivo o dominio, enviáronse tropas cara a Ceuta e Melilla. No ano 1909, a derrota do Barranco do Lobo e o ataque directo ao prestixio nacional e aos intereses económicos que isto supuxo, levou ao goberno presidido por Maura á mobilización dos reservistas, que desembocou nun forte malestar social que fixo desta guerra un conflito impopular e provocou a Semana Tráxica de Barcelona, revolta de carácter anticlerical e antimilitarista que sufriu unha forte represión e que tivo consecuencias como a creación da CNT (sindicato anarquista). Con todo, despois da caída do propio Maura e do asasinato do presidente que o substituíu, Canalejas, comezaba paralelamente no resto do mundo a Primeira Guerra Mundial, na que España non participou directamente pero si indirectamente, subministrando todo tipo de produtos para os países que participaron. Isto provocou unha subida de prezos no país, mais os soldos non aumentaron coa mesma rapidez que os prezos, o que desencadeou un gran malestar social. Todo isto desembocou na profunda Crise de 1917, manifestada en tres ámbitos diferentes: o político, o militar e o social, que desembocaron nun Trienio Revolucionario (1917-1920):

  • No primeiro caso, manifestouse mediante a Asemblea de Parlamentarios, onde un grupo de deputados e senadores da oposición, a iniciativa da Lliga Catalana, demandaron un cambio na Constitución e de goberno.
  • No plano militar, creáronse as Xuntas de Defensa, onde os membros descontentos do exército expuxeron as súas reivindicacións económicas, profesionais (salarios, ascensos) e corporativas e conseguiron impoñer as súas demandas ao poder civil. E por se fora pouco, a Lei de Bases do Exército (1918) aumentaba o poder dos altos cargos e os seus privilexios á par que incrementou as retribucións dos militares profesionais e dividiu a península en 8 rexións militares, con 2 divisións en cada unha.
  • A crise social manifestouse xa na folga xeral contra o custo da vida, organizada pola UXT e a CNT en 1916. O conflito social agravouse coincidindo coa Asemblea Parlamentaria e levou ao PSOE e á UXT a convocar unha folga xeral revolucionaria, co fin de derrocar o réxime. Acabou cunha forte represión e foi maioritaria en Barcelona, Madrid, País Vasco e Asturias.

En síntese, esta época supuxo o descontento contra o sistema e a mobilización dunha parte moi ampla da poboación, e desembocou á súa vez na quebra da quenda, dando lugar ao comezo de gobernos de coalición como resultado do fraccionamento dos partidos dinásticos. A crise social, agudizada pola recesión económica da posguerra mundial e o influxo da Revolución Rusa de 1917, favoreceu un enorme crecemento dos sindicatos. En Andalucía coñécese o período 1918-1920 como o Trienio Bolxevique, coa intensificación das mobilizacións campesiñas e a ocupación e repartición de terras dirixidos polos dous grandes sindicatos (CNT e UGT); revoltas que desembocaron nunha forte represión por parte do goberno. No mundo urbano e industrial, a conflitividade provocou a radicalización das posicións da patronal e os sindicatos. Os grupos anarquistas desenvolveron unha actividade violenta a través de atentados contra o capital. A resposta da patronal foi o pistolerismo e o fomento dos sindicatos libres. O período que vai dende 1917 ata 1923 contou cun número moi elevado de mortos e feridos. Por outra parte, como continuación da Guerra de Marrocos, unha manobra do xeneral Silvestre –animado por Afonso XIII– durante a ocupación de Alhucemas levou ao Desastre de Annual en 1921, lugar onde as tropas foron contraatacadas polos indíxenas dirixidos por Abd-el-Krim con inmensa brutalidade, e que, por tanto, provocou miles de mortos. Nunha incursión do exército español para asegurar o dominio da rexión do Rif, foron atacados por Abd-el-Krim e, na retirada, a maioría dos soldados españois pereceron en Annual (entre 18.000 e 21.000 mortos). Esta derrota provocou un forte impacto na opinión pública, unha investigación parlamentaria (o Expediente Picasso que detallaría irregularidades, corrupción –incluíndo a figura do propio Rei–, erros, neglixencias e fallas de previsión nas operacións militares anteriores ao Desastre de Annual) e a petición de responsabilidades con fortes críticas ao exército, aos políticos e ao rei, co que aumentou a oposición á monarquía. Con todo, a incapacidade do sistema de rexenerarse e o cúmulo de problemas favoreceu en 1923 o golpe de Estado de Primo de Rivera. Ante a cantidade de problemas, o réxime tiña unicamente dúas posibilidades para sobrevivir: democratizarse (alterando as bases sociais e políticas do sistema) ou impor unha solución ditatorial co pretexto de pór á fronte do país un cirurxián de ferro que puxese remedio aos males de España. Evidentemente, elixiuse esta última opción. En 1923, o xeneral Primo de Rivera, gobernador civil de Cataluña, deu un golpe de Estado en Barcelona, impoñendo unha ditadura militar co apoio do rei e dos grupos oligárquicos, o que supuxo a súa futura defenestración política. Non era nada rara esta situación en Europa, ante o medo á expansión da Revolución Comunista Rusa e ante a violencia e as viscerais protestas de demócratas, republicanos e traballadores, o capital optou por autodefenderse cun movemento contrario aos individuos, ao desenvolvemento social e á razón: o fascismo.

A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930): Características e Desenvolvemento

A Ditadura de Primo de Rivera foi o réxime político que houbo en España dende o golpe de Estado do capitán xeneral de Cataluña, Miguel Primo de Rivera, o 13 de setembro de 1923, ata a dimisión deste o 28 de xaneiro de 1930 e a súa substitución polo goberno de Dámaso Berenguer. Diversos factores explican que a ditadura militar comezara a contemplarse como unha solución á crise entre a alta burguesía, gran parte das clases medias e o Exército. Un deles foi o descontento do exército tras o Desastre de Annual ocorrido en Marrocos e o afán de evitar as consecuencias do Expediente Picasso para algúns importantes xenerais, entre eles Berenguer. Outro factor foi o auxe dos nacionalismos periféricos e o ascenso dos republicanos e do movemento obreiro. Ademais, o número cada vez máis elevado de prácticas terroristas cun elevado número de vítimas provocaba un forte impacto na sociedade. Por último, o triunfo do fascismo italiano tras a Marcha sobre Roma en 1922 e o ascenso ao poder de Mussolini constituíu un importante exemplo para a situación española do momento. A sublevación de Primo de Rivera (1923) contou coa inmediata comprensión e apoio do rei Afonso XIII. O réxime da Constitución de 1876 foi substituído no medio da indiferenza popular e con escasa resistencia por unha ditadura militar. Primo de Rivera declarou o estado de guerra, a supresión das garantías constitucionais e a disolución das Cortes. O seu goberno divídese en dúas etapas:

Directorio Militar (1923-1925)

Tras o golpe, o ditador Primo de Rivera constituíuse en ministro único, pasando a ser asesorado por un Directorio Militar (composto exclusivamente de militares). Tras o novo goberno estaba o mesmo bloque de poder que dominara o país durante a Restauración: a oligarquía de terratenentes e industriais. O ditador tomou rapidamente medidas:

  • Represión dos nacionalismos: Prohibición da bandeira e himno catalán e restricción da lingua catalá ao terreo privado.
  • Política de «man dura» en todo o referente á orde pública, reprimindo folgas e manifestacións e perseguindo as manifestacións do terrorismo anarquista.
  • Formación da Unión Patriótica, partido único baixo a dirección dun militar. Tratábase de seguir o modelo fascista de Mussolini en Italia.
  • O grande éxito do Directorio tivo lugar en África. O Desembarco de Alhucemas en 1925 puxo fin á resistencia das cábilas do Rif. O seu líder, Abd-el-Krim, entregouse ás autoridades do Marrocos francés.

Directorio Civil (1925-1930)

A finais de 1925, un goberno civil, presidido por Primo de Rivera, substituíu ao Directorio Militar. Tratábase de institucionalizar a Ditadura. En 1927, constituíuse unha Asemblea Nacional Consultiva, formada na súa maioría por membros da Unión Patriótica elixidos por sufraxio restrinxido. Primo continuaba a seguir o modelo italiano, neste caso o Consello Fascista. Esta Asemblea fracasou rapidamente no seu intento de redactar unha lei fundamental que fixese o papel da Constitución da ditadura.

  • Tamén imitou o modelo social do fascismo italiano, establecéndose a Organización Corporativa Nacional, especie de sindicato que trataba de arbitrar entre patróns e obreiros mediante a creación dos comités paritarios, para o que contou coa colaboración dos socialistas que a consideraron vantaxosa para consolidar tanto o partido como o sindicato.
  • A política económica da ditadura caracterizouse polo intervencionismo estatal e o nacionalismo económico. Os seus obxectivos foron impulsar a industria nacional mediante uns elevados aranceis proteccionistas e a concesión de axudas ás grandes empresas. Tamén creou grandes monopolios estatais (CAMPSA, Telefónica) e desenvolveu grandes inversións na construción de obras públicas. Este foi un dos aspectos máis destacados desta etapa (obras de regadío, construción de encoros para a produción de enerxía eléctrica). Aínda que se beneficiou da coxuntura expansiva internacional da década dos vinte, esta política de gasto público obrigou a un incremento moi importante da débeda pública que pasaría factura ao Estado coa Crise Mundial de 1929.

A partir de 1926, a ditadura empezou a perder apoios e aumentaron a crítica e a oposición, das que non se librou Afonso XIII. Os partidos da alternancia e os republicanos comezaron a mostrar a súa oposición ao réxime; intelectuais, escritores e xornalistas enfrontáronse ao ditador a pesar da censura; tamén o fixeron universitarios e nacionalistas. Finalmente, Primo de Rivera, falto de apoios, incluso dos militares (descontentos dende a disolución do corpo de artillaría) e do rei, cunha imaxe que quedou ligada ao réxime ditatorial, presentou a súa dimisión en xaneiro de 1930.

O Establecemento da Segunda República Española (1930-1931)

Tras a dimisión do ditador Miguel Primo de Rivera o 29 de xaneiro de 1930, tivo lugar unha serie de gobernos que tentaron devolver ao debilitado réxime monárquico á senda constitucional e parlamentaria, a pesar da febleza dos partidos dinásticos. Afonso XIII nomeou presidente do goberno a Dámaso Berenguer. Este período será coñecido como a Ditabranda debido ás pretensións do presidente de restablecer o sistema de 1876. A lentitude na aplicación de reformas foi a causa do fracaso de Berenguer. Durante o seu goberno, tivo lugar o Pacto de San Sebastián (17 de agosto de 1930). Nel, a Alianza Republicana e outras personalidades políticas de ideoloxía socialista ou nacionalista acordaron a estratexia para poñer fin ao reinado de Afonso XIII e instaurar a República. Ademais, en decembro dese ano, tiveron lugar varios intentos frustrados de impoñer a República pola forza. O máis salientable foi o acontecido en Jaca, levado a cabo polos capitáns Galán e García Hernández. O resultado foi a detención e o fusilamento destes militares. Berenguer foi substituído polo almirante Juan Bautista Aznar en febreiro de 1931. O novo goberno convocou, o 12 de abril, eleccións municipais. Estas adquiriron un carácter de plebiscito a favor ou en contra da monarquía. O triunfo das candidaturas republicanas nas grandes cidades e capitais de provincia propiciou a proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931. O Goberno Provisional, que fora deseñado no Pacto de San Sebastián, proclamou presidente do goberno a Niceto Alcalá-Zamora. Sen apoios, Afonso XIII exiliouse. Dende abril a decembro, o país estivo presidido por este Goberno Provisional no que se aprobaron unha serie de decretos que abordaban temas pendentes na política española:

  • Desenvolver unha serie de medidas e decretos necesarios para poñer en marcha a República: decretar a amnistía, restablecer as liberdades públicas e sindicais, convocar eleccións a Cortes Constituíntes.
  • Debeu enfrontar o problema de Cataluña, xa que o mesmo 14 de abril, en Barcelona, Francesc Macià (dirixente de Esquerra Republicana) proclamou o Estado catalán e a república federal. O goberno provisional, tratando de reconducir a situación, acordou un programa para acelerar a inmediata posta en marcha da autonomía catalá co recoñecemento da Generalitat como órgano de goberno autónomo provisional e a inmediata elaboración dun estatuto.
  • Tamén deu inicio a unha serie de medidas reformistas para afrontar problemas que necesitaban unha resposta inmediata: a miseria agraria con medidas para favorecer aos xornaleiros agrarios como o Decreto de Labra Forzosa ou o Decreto de Termos Municipais, o analfabetismo coa dotación de escolas e mestres e a republicanización do exército coa Reforma Militar de Azaña.

Nas eleccións a Cortes Constituíntes, a coalición de republicanos e socialistas que formaba o goberno provisional obtivo unha ampla maioría. Estas Cortes aprobaron a primeira constitución republicana da historia de España: a Constitución de 1931. Esta Constitución declara a España como unha República Parlamentaria de traballadores de toda clase e laica, con separación entre Igrexa e Estado. Un Estado integral onde cabe a posibilidade de crear un Estado autonómico alí onde se solicite. Algúns dos seus trazos máis característicos son: o sufraxio universal masculino e feminino (levado á práctica por primeira vez en 1933), soberanía popular, unha ampla declaración de dereitos nos que aos dereitos individuais clásicos se lle unen a liberdade de reunión, asociación, dereito á educación, dereitos de tipo social que significan un avance significativo respecto ás anteriores constitucións. O Presidente da República sería elixido polas Cortes (órgano unicameral) por un período de 6 anos e ten a potestade de nomear ou destituír ao Presidente do Goberno, pero sempre coa conformidade das Cortes. Un sistema de controis mutuos entre as Cortes e a Presidencia da República. Tamén establece un modelo de economía no que asumía o principio de que a riqueza do país quedaba subordinada aos intereses da economía nacional e, aínda que garantizaba o dereito á propiedade privada, establecía a posibilidade da expropiación, abrindo así a posibilidade da reforma agraria. Tamén concedía ao Estado a posibilidade de intervir e dirixir os asuntos económicos e abriu a posibilidade de nacionalización de certos sectores da economía. A proclamación da República tivo unha forte repercusión no panorama político, dividindo á sociedade en polos opostos, feito que desencadearía en 1936 a Guerra Civil. Na dereita, nun primeiro momento cunde a desorientación pola proclamación da República, pero despois aparece reorganizada en torno á CEDA de Gil Robles, que aglutinou a distintas dereitas rexionais, contou co apoio da xerarquía católica e expresou de forma ambigua o seu acatamento ao sistema. Tamén na dereita apareceron partidos de perfil máis autoritario: monárquicos afonsinos (Renovación Española), carlistas (Comunión Tradicionalista) e algúns fascistas como Falange Española y de las JONS, liderada por José Antonio Primo de Rivera. Na esquerda destacan o PSOE, o PCE, o POUM (comunistas de tendencia trotskista) e o anarquismo da CNT e a FAI. Na liña de pensamento republicano temos formacións de dereitas, de centro-dereita populista como o Partido Republicano Radical de Lerroux ou de esquerda como é o caso de Acción Republicana de Manuel Azaña ou a ORGA de Casares Quiroga. No nacionalismo periférico destacan partidos de dereita como o PNV vasco ou a Lliga Catalana e partidos de esquerda como Esquerra Republicana de Cataluña.

As Reformas da Segunda República Española (1931-1933)

Este período de goberno caracterizouse pola actividade reformista, que continuaba as medidas do Goberno Provisional:

A Cuestión Relixiosa

Na España de 1931 existiu un forte enfrontamento entre unha Igrexa moi conservadora, que pretendía manter o dominio ideolóxico, cultural e social, e unha forte corrente anticlerical estendida entre republicanos e grupos de esquerdas. A Constitución, establecendo a liberdade de cultos e a separación entre Igrexa e Estado, agravou o enfrontamento. O Goberno levou adiante unha política de secularización desenvolvendo unha lexislación laicista: a Lei de Divorcio, a Lei de Confesións e Congregacións Relixiosas (extinción do orzamento do clero, prohibición do ensino ás ordes relixiosas). A Igrexa e a prensa católica consideraron estas medidas como unha persecución anticlerical. A confrontación entre Igrexa e República sería unha das claves do enfrontamento de 1936.

A Reforma Educativa

A Constitución de 1931 establecía o ensino obrigatorio, gratuíto e laico para combater as elevadas taxas de analfabetismo. O goberno desenvolveu un programa de escolarización con fortes inversións (creación e dotación de escolas, formación de mestres). Tamén se atendeu á educación popular, buscando formar cidadáns republicanos libres e responsables. Os intelectuais colaboraron nas Misións Pedagóxicas, levando a cultura por pobos e cidades (como García Lorca no grupo de teatro La Barraca).

A Reforma Laboral

O ministro de Traballo, o socialista Largo Caballero, continuou coas medidas que xa iniciara no Goberno Provisional, desenvolvendo leis que buscaban mellorar a situación dos obreiros e fortalecer as súas organizacións:

  • A Lei de Contratos de Traballo.
  • A Lei de Xurados Mixtos, que creaba estes organismos, formados por obreiros e patróns, para negociar salarios e problemas laborais.
  • A Lei de Asociacións Obreiras.

Estas leis chocaron coa forte resistencia das organizacións patronais.

A Autonomía de Cataluña

A Constitución de 1931 intentou conxugar o Estado unitario coas peticións de autogoberno dos nacionalistas, permitindo o establecemento das autonomías. A proclamación da República en Cataluña levou a establecer unha Generalitat Provisional, que iniciou o proceso de elaboración do estatuto autonómico antes de aprobarse a Constitución republicana (o Estatuto de Núria). A iniciativa partiu de Esquerra Republicana. O seu líder, Francesc Macià, converteuse no primeiro presidente da Generalitat. Á súa morte, en 1933, foi substituído por Lluís Companys. A discusión do estatuto nas Cortes foi moi polémica, pola oposición que suscitou o seu contido federalista, especialmente entre as dereitas, e unicamente saíu adiante en 1932, tras a unión de republicanos e socialistas ante o intento golpista do xeneral Sanjurjo. O Estatuto establecía un goberno catalán (Generalitat) e delimitaba as competencias lexislativas e executivas que lle correspondían. Nas outras nacionalidades o desenvolvemento autonómico foi máis lento:

  • O estatuto vasco tivo un difícil proceso de elaboración polas disensións en torno á integración de Navarra e o carácter excesivamente tradicionalista e clerical que o PNV imprimiu ao proxecto (o Estatuto de Estella). Finalmente, foi aprobado polas Cortes xa iniciada a Guerra Civil, polo que unicamente se aplicou na zona non ocupada polos sublevados, con José Antonio Aguirre como primeiro Lehendakari.
  • En Galicia, a defensa da autonomía foi liderada polo Partido Galeguista (Castelao, Bóveda), fundado en 1931. O proxecto de Estatuto foi aprobado nun referendo polo pobo galego e ía ser debatido nas Cortes cando se produciu a sublevación militar.

A Reforma Agraria: O Problema da Propiedade da Terra

O principal problema residía nos grandes latifundios no sur e nas masas de xornaleiros pobres, e por outra banda nos minifundios no norte que dificultaban a intensificación na produción e as melloras agrarias. A elo había que sumar o incremento do desemprego pola crise económica internacional, polo que se fixo necesaria unha reforma agraria. As medidas a favor dos campesiños comezaron durante o Goberno Provisional co ministro de Traballo socialista Largo Caballero. A reforma iniciouse a partir da Lei de Bases da Reforma Agraria (1932), complementada coa Lei de Intensificación de Cultivos. A lei pretendía acabar co latifundismo, redistribuíndo a propiedade mediante o asentamento dos campesiños nas terras expropiadas.

  • Establecía a expropiación, mediante indemnización, de diversos tipos de terras e especialmente das mal cultivadas polos seus propietarios. A pesar da súa moderación, a lei unicamente foi aprobada como reacción ao intento golpista de 1932 (a Sanjurjada), que levou a confiscar sen indemnización as terras da alta aristocracia. Para a aplicación desta lei foi creado o Instituto de Reforma Agraria (IRA).
  • A reforma tivo un lento desenvolvemento pola falta de medios e a resistencia de propietarios e latifundistas, o que motivou fortes protestas e mobilizacións. Esta lentitude, o paro e a frustración dos xornaleiros derivaron en insurreccións anarquistas. A reforma agraria foi paralizada polos gobernos de dereita e só volveu a reactivarse co goberno da Fronte Popular durante a guerra.

A Guerra Civil Española (1936-1939): O Conflito e as súas Implicacións

Ante as eleccións de febreiro de 1936, formouse unha coalición de esquerdas, a Fronte Popular, resultado dun acordo electoral, pero non de goberno, entre os partidos republicanos de esquerda, os socialistas e os comunistas, cun programa moderado baseado nunha amnistía xeral para os encarcerados polos sucesos de outubro de 1934 e a recuperación da política reformista do primeiro bienio. Fronte a esta coalición electoral, as dereitas e o centro presentáronse desunidos: a CEDA fracasou no seu intento dunha coalición de dereitas a escala nacional e só logrou establecer pactos concretos, e tamén fracasou a extrema dereita no intento de recompoñer o Bloque Nacional. As eleccións foron gañadas pola Fronte Popular e, primeiro Azaña e logo Santiago Casares Quiroga, foron elixidos para dirixir o Goberno. Este último dispersou aos xenerais máis contrarios á República (Franco, Sanjurjo, Mola…), por ser sospeitosos de tramar un golpe de Estado. O estoupido da sublevación acelerouse despois do asasinato do militante de esquerdas José Castillo e, ao día seguinte como represalia, do deputado de dereitas Calvo Sotelo. O 17 de xullo de 1936, as tropas situadas no Protectorado de Marrocos levantáronse en contra da República e, o día 18, fixérono na Península. Entre os días 18 e 20 de xullo o alzamento militar estendeuse ao resto do territorio español con resultados moi diversos. Triunfou en parte de Andalucía, onde o xeneral Queipo de Llano se fixo co poder en Sevilla. O xeneral Mola ocupou Navarra. En Zaragoza, o xeneral Cabanellas logrou dominar a maior parte de Aragón. A rebelión militar tamén se fixo co poder en Castela e León, A Rioxa, Galicia, Canarias, Mallorca e parte de Estremadura. Nas grandes cidades (Madrid, Barcelona, Valencia) e nas zonas industriais e obreiras de Asturias, País Vasco e Cataluña abortouse a sublevación militar. Nestes sitios, parte do exército e das forzas de orde pública (Garda de Seguridade e Asalto e Garda Civil) mantivéronse fieis á República, ao que se engadiu a fundamental e forte resistencia popular de milicianos das organizacións políticas e sindicais. Tras fracasar o intento de negociación cos sublevados, o goberno da República dirixido por José Giral dera a orde de repartir armas aos militantes das organizacións obreiras. A raíz do conflito xurdiron dous bandos: o bando nacional ou os sublevados, formado por oficiais intermedios do Exército de Terra, a Garda Civil, as masas católicas e conservadoras, pequenos e medianos terratenentes e que contaba co apoio total da Igrexa; e o bando a favor da República, coñecidos como os «vermellos» polas forzas sublevadas, que estaban constituídos por xenerais do Exército de Terra, a Armada e a mariñeiría, a Aviación, a Garda de Asalto, os partidos de esquerda, o proletariado e a pequena burguesía. Rapidamente o conflito orixinou implicacións internacionais, debido ás tensións políticas existentes nese momento en toda Europa. O auxe do fascismo en Italia e Alemaña provocara unha grande preocupación en países coma Gran Bretaña e Francia. Estes últimos tentaron non conferir un carácter internacional ao conflito acordando coas potencias fascistas un Comité de Non Intervención. Italia e Alemaña, cos que simpatizaban ideoloxicamente os sublevados, non cumpriron o establecido e proporcionaron axuda aos sublevados, material bélico e voluntarios. A Italia de Mussolini estaba moi interesada en contar con España para impoñer o seu soño imperial de dominio no Mediterráneo e no norte de África e enviou un numeroso corpo de voluntarios, coñecido como os Camisas Negras italianos. As forzas sublevadas tamén contaron co apoio de Portugal, que enviou aos Viriatos (10.000 voluntarios). Alemaña xogou un papel fundamental xa que, grazas á súa axuda, os militares puideron atravesar o Estreito de Xibraltar, protexido pola Armada, afín á República. O réxime nazi, interesado en privar a Francia dun aliado no flanco sur e facer da guerra española un campo de probas para o seu material militar e as novas tácticas de guerra, enviou aos nacionais unidades de carros de combate, forzas de defensa aérea e aviación organizadas na chamada Lexión Cóndor. Por outro lado, a República case non tivo apoios, excepto a Unión Soviética e, en menor medida, México. A URSS, dirixida por Stalin, mostrouse prudente inicialmente mais, coa intervención de Hitler e Mussolini, decidiu colaborar co goberno da República e enviar asesores militares e armas. Ademais, acudiron a participar na Guerra Civil as Brigadas Internacionais, partidas de voluntarios procedentes de diversos países, estimulados pola Internacional Comunista ou Komintern en defensa da causa republicana fronte á ameaza internacional do fascismo.

A Agonía do Franquismo e os Inicios da Transición Democrática (1973-1975)

Tras a prosperidade económica dos anos 60 (freada pola Crise de 1973), a sociedade española mudou, o que fixo xurdir unha ansia xeral de cambio e de maiores liberdades. Xurdiron diferenzas nas filas franquistas entre os sectores máis conservadores («búnker») e aqueles que estaban a favor dunha pequena apertura («aperturistas»). Ademais, o estado de saúde do ditador e as crecentes dificultades políticas e económicas anunciaban a fin do réxime. No ano 1973 produciuse unha crise enerxética mundial (subida dos prezos do petróleo, acordada pola OPEP) que afectou gravemente a economía, deixando ao descuberto os defectos estruturais do desenvolvemento económico dos anos 60 (dependencia tecnolóxica do estranxeiro, elevado endebedamento de empresa pública, necesidade dunha reconversión industrial e de adaptarse ao novo ciclo tecnolóxico). Por outra parte, o deterioro físico de Franco obrigoulle a designar a Carrero Blanco (militar e home da súa máxima confianza, representante do sector «búnker») como presidente do Goberno e a Arias Navarro como ministro de Gobernación. Pouco tempo despois, Carrero Blanco faleceu nun atentado de ETA (Operación Ogro), afectando emocionalmente a Franco e privando ao réxime da persoa que podería dar continuidade ao Movemento despois do ditador. Carrero foi substituído por Arias Navarro, quen anunciou unha serie de reformas coñecidas como o «Espírito do 12 de Febreiro»: maior liberdade de prensa, elección de alcaldes, creación de asociacións políticas, reforma da lei sindical, etc. Nesta etapa incrementáronse as forzas da oposición, tanto no interior de España como no exterior:

  • No interior destacan: o Grupo Tácito (serie de políticos e intelectuais que pretenderon unha transformación do réxime a posicións máis democráticas dende dentro do sistema), o aumento das críticas e o distanciamento por parte da Igrexa (salienta o caso do bispo de Bilbao que defendeu o uso do éuscaro nas igrexas), a Unión Militar Democrática (un sector do exército que defendía que a institución militar non debía ser un obstáculo para a democracia), as numerosas folgas e protestas de obreiros, universitarios e entidades veciñais e os atentados terroristas levados a cabo por organizacións como ETA, FRAP (5 membros destes 2 grupos foron os últimos en pagar os seus crimes coa súa vida, a pesar das peticións de clemencia) e o GRAPO.
  • No exterior, distintos partidos e organizacións antifranquistas iniciaron un proceso de unidade para restablecer a democracia; en Francia: no ano 1974, creouse a Xunta Democrática por iniciativa de Santiago Carrillo (líder do PCE) para liderar a oposición ao franquismo e o PSOE resolveu a crise entre os afiliados do interior e os do exilio no Congreso de Suresnes, elixindo a Felipe González como secretario xeral. O PSOE impulsou a Plataforma Democrática para aglutinar aos grupos políticos próximos á súa órbita ideolóxica.

Os contactos entre ambos partidos deron lugar á formación da Plataxunta en 1975. Por outra parte, a colonia africana do Sahara (onde o Goberno fixera unha promesa de realizar un referendo en 1973, xa que a Fronte Polisaria reclamaba a independencia) foi invadida en 1975 por unha marcha organizada polo rei Hassan II de Marrocos (a Marcha Verde) coa que pretendía invadir o territorio e anexionalo, ocupación que sería detida por petición da ONU. Días despois da retirada da marcha, asinouse en Madrid un acordo entre Marrocos, Mauritania e as Cortes para que os dous países se repartisen a colonia do Sahara, sen ter en conta a opinión da poboación. Finalmente, o ditador faleceu en novembro de 1975, deixando a presidencia en mans de Arias Navarro e a xefatura de Estado a Xoán Carlos de Borbón, quen foi nomeado rei e capitán dos tres exércitos e iniciou os trámites legais para configurar a España como Estado social e democrático de Dereito nun proceso coñecido como Transición Democrática. En pouco tempo o rei Xoán Carlos comezou este proceso co nomeamento de Torcuato Fernández Miranda como presidente das Cortes e de Adolfo Suárez como presidente do Goberno, que impulsaron a posta en marcha da Lei para a Reforma Política que supuxo o fin definitivo do franquismo e o inicio do proceso para celebrar unhas eleccións democráticas de forma legal («da lei á lei»), evitando rupturas traumáticas.

As Primeiras Eleccións Democráticas e a Constitución de 1978

Tras o respaldo á Lei para a Reforma Política en 1976, comezou en España a Transición cara á democracia. Esta lei permitía a legalización de partidos e sindicatos e disolvía o Movemento Nacional. A súa aprobación coincidiu cun contexto de forte violencia política, especialmente en xaneiro de 1977, coas accións do GRAPO e a Matanza de Atocha. A legalización do Partido Comunista (PCE), anunciada por Suárez no Sábado Santo de 1977 tras pactar con Santiago Carrillo, foi un feito clave. En troques, o PCE aceptaba a monarquía, a bandeira bicolor, a unidade de España e o sistema democrático. Esta decisión xerou forte rexeitamento no exército, aínda que contou co apoio do rei. O 15 de xuño de 1977 celebráronse as primeiras eleccións democráticas dende a Segunda República. Legalizáronse 78 partidos e regresaron exiliados históricos. As formacións agrupáronse por afinidades: Fraga creou Alianza Popular; Suárez liderou a UCD; o PSOE e o PSP presentáronse por separado; o PCE foi en solitario. A UCD gañou con maioría relativa, seguida do PSOE, o PCE e AP. Só tiveron representación as forzas nacionalistas catalás e vascas. Nin extrema dereita nin esquerda obtiveron escanos. A sociedade apostou polo consenso e a moderación. As novas Cortes tiñan como obxectivo redactar unha Constitución. En agosto de 1977 formouse unha comisión de sete deputados que elaborou o borrador. Tras as emendas e debates, foi aprobada polas Cortes e ratificada en referendo o 6 de decembro de 1978. É un texto de consenso, intencionadamente ambiguo, progresista e democrático, inspirado en constitucións anteriores e estranxeiras. Define España como monarquía parlamentaria, Estado social e democrático de dereito, con descentralización autonómica. Cataluña, País Vasco e Galicia foron recoñecidas como nacionalidades históricas, con acceso máis rápido á autonomía. A Constitución recoñece a aconfesionalidade do Estado, aínda que outorga consideración especial ao catolicismo. Regula dereitos civís (vida, liberdade, igualdade, propiedade...), políticos (liberdade de expresión, asociación, voto...) e sociais (traballo, educación, folga...). Para garantir estes dereitos están o Tribunal Constitucional e o Defensor do Pobo.

Trazos Xerais da Constitución de 1978

Constitución de consenso, froito do acordo entre partidos con proxectos distintos ou mesmo antagónicos. Ambigua e ecléctica, redactada así de forma intencionada para permitir diferentes interpretacións. Isto dá flexibilidade sen ter que reformala cada vez que cambia o goberno. Progresista e democrática, tanto polo seu contido como polos mecanismos de participación cidadá. Certa rixidez, xa que para modificala require a aprobación dos 3/5 das dúas Cámaras e, nalgúns casos, referendo. Estrutura dual:

  • Parte dogmática: principios básicos e dereitos fundamentais (Título Preliminar e Título I).
  • Parte orgánica: organización e funcionamento do Estado (Títulos II ao X).

Define a forma política do Estado como monarquía parlamentaria. España é un Estado unitario, pero recoñece e garante a autonomía das nacionalidades e rexións, creando o Estado das Autonomías. Pluralidade lingüística: recoñece o castelán como lingua oficial do Estado e as demais linguas como cooficiais nas súas comunidades autónomas. Pluralismo político e sindical: recoñecemento legal de partidos, sindicatos e asociacións empresariais.

Dereitos e Deberes

Deberes principais: defensa da patria e contribución ao gasto público segundo a capacidade económica. Dedícase un amplo espazo aos dereitos fundamentais, que deberán desenvolverse por leis orgánicas:

  • Dereitos civís: á vida, á integridade física, á igualdade, á liberdade, á propiedade, á intimidade, contra a tortura e á obxección de conciencia.
  • Dereitos políticos: liberdade de expresión, reunión, manifestación, asociación, participación política, folga, iniciativa lexislativa, etc.
  • Dereitos sociais: traballo digno, educación, igualdade no emprego, negociación colectiva, promoción profesional...

Para garantir estes dereitos existen o Tribunal Constitucional e o Defensor do Pobo.

Os Poderes do Estado

Modelo de Estado descentralizado, con reparto de competencias entre o Estado central e as Comunidades Autónomas. Coroa: O rei é o xefe do Estado. Representa simbolicamente a unidade nacional, pero non goberna. Pode sancionar leis, convocar eleccións e referendos, e propoñer presidente. As Cortes Xerais: Congreso dos Deputados e Senado. Congreso: 350 deputados elixidos por sufraxio proporcional. Senado: listas abertas e representación maioritaria. Elaboran leis, controlan o goberno, poden aprobar referendos e validar decretos-leis de urxencia. Goberno: Poder executivo. Formado polo presidente e os ministros. Dirixe a política interior e exterior. Poder Xudicial: Xuíces e tribunais independentes, inamovibles e sometidos á lei. A xustiza é gratuíta para quen non poida pagar e pode contar coa participación cidadá mediante o xurado. Comunidades Autónomas: Novo modelo territorial. Cada unha ten parlamento, goberno e tribunal superior. Non se nomean na Constitución, pero fórmanse entre 1979 e 1983. Recoñécese a súa capacidade lexislativa e competencial segundo os seus estatutos.

A Crise da UCD e o Intento de Golpe de Estado do 23-F (1979-1981)

A UCD, formación política creada por Adolfo Suárez, logrou gañar dúas convocatorias electorais, a de 1977 e a de 1979, pero en ambas non tiña a maioría absoluta. Esta formación era un partido moi heteroxéneo, resultado da confluencia de individualidades políticas procedentes do antigo franquismo, democristiáns, liberais e incluso da socialdemocracia. Os primeiros anos da Transición foron moi duros por varios factores: a crise económica de 1973, sentida en España dun xeito máis tardío, xerou taxas de inflación altas e un paro crecente que xerou un enorme malestar social con numerosas folgas. A gravidade da situación motivou os Pactos da Moncloa como un acordo global entre sindicatos, partido do goberno e partidos da oposición para evitar o descarrilamento dos pasos dados de cara á normalización política en España. Por outro lado, estaba a actividade da banda terrorista ETA que neses anos cometeu numerosos atentados (os «anos de chumbo») sobre membros das forzas armadas. A pesar da recén estreada autonomía vasca, as accións terroristas foron a máis, creando un profundo malestar entre o exército e os sectores inmobilistas da sociedade española. Cada funeral polos asasinados era unha ocasión da ultradereita de manifestarse en contra do goberno. O proceso autonómico era visto neses sectores ultra como unha provocación contra a unidade de España. Isto viña a engadirse á desconfianza que o exército tiña sobre Adolfo Suárez dende a legalización do PCE en abril de 1977 e á aprobación de medidas como a Lei do Divorcio que enconou os ánimos da xerarquía da Igrexa Católica e os sectores máis conservadores da UCD. Neste ambiente de construción dunha democracia, Adolfo Suárez viuse acosado tanto pola esquerda (PSOE), que lle chegou a plantexar unha moción de censura en 1980, e pola dereita (AP), de xeito que a súa supervivencia política estaba moi complicada, máxime cando o seu propio partido comezou a darlle as costas de xeito que, como formación, acabou por implosionar nun ambiente político no que había rumores de golpe de Estado. Esta situación política extrema obrigou a Adolfo Suárez a presentar a súa dimisión ante o rei en xaneiro de 1981. O 23 de febreiro dese ano, mentres se estaba producindo a votación no Congreso dos Deputados para investir presidente do goberno a Leopoldo Calvo Sotelo, tamén da UCD, un grupo de Gardas Civís ao mando do tenente coronel Tejero ocupou a cámara á espera de que un mando de maior rango pasase a encabezar o golpe de Estado. En paralelo, en Valencia, o capitán xeneral Miláns del Bosch sacou os tanques ás rúas e impuxo o toque de queda. Segundo os golpistas, o rei estaba informado de todo, dando a entender a súa complicidade no golpe, pero finalmente fracasou pola intervención pública do monarca no que declarou a súa adhesión á democracia recén creada e condenou a acción dos militares golpistas. Esta intervención televisada impediu a incorporación de novas unidades ao golpe e obrigou aos golpistas a entregarse. Ese día confluíron dúas tramas: unha, a protagonizada por Tejero, xa condenado anteriormente por outra intentona en decembro de 1978 (Operación Galaxia), vencellado a sectores inmobilistas do «búnker» franquista; e a outra, na que estaba implicado o xeneral Armada, que proxectaba un goberno de concentración nacional. As manifestacións na rúa ao día seguinte respaldando a democracia por parte da sociedade española e a posterior vitoria do PSOE en outubro de 1982 alonxaron para sempre as tentacións golpistas dese sector do exército máis conservador.

A Consolidación Democrática e os Gobernos do PSOE (1982-1996)

A vitoria por maioría absoluta do PSOE, en outubro de 1982, permitiu aos socialistas volver ao goberno do país dende a Segunda República. Este PSOE estaba liderado por Felipe González, quen asumiu a Presidencia do Goberno, e por Alfonso Guerra, ambos sevillanos que en anos anteriores conseguiran unha renovación da cúpula dirixente do partido e a aceptación da renuncia do marxismo en favor das posturas socialdemócratas en sintonía con outros partidos socialistas de Europa. Abandonar o marxismo permitiu ao PSOE vencer nas eleccións de outubro de 1982, aproveitándose da desintegración da UCD e espertando unha vaga de entusiasmo e de cambio político en España. Unha vez no poder, os socialistas tiveron que enfrontarse aos problemas herdados da etapa anterior e poñer en marcha un programa modernizador e reestruturador do país.

  • En economía puxeron en marcha unha reconversión industrial que afectou fundamentalmente aos sectores maduros da industria: a naval e a siderúrxica. Esta medida poñía fin aos anos de investimento do Estado na economía, avanzaba na idea dunha flexibilidade laboral e produtiva á par que unha modernización tecnolóxica necesaria para adaptarse ás necesidades do mercado. As rexións máis afectadas foron as do norte de España onde houbo unha forte contestación social.
  • Outra medida era a modernización e renovación do exército para alonxar a pantasma do golpismo. O PSOE, que no ano no que a UCD meteu a España na estrutura militar da OTAN manifestara a súa oposición, agora estaba a favor de manter a España dentro da organización militar.
  • Outras medidas salientables tomadas nesta etapa foron a reforma educativa e universitaria, a aprobación da Lei do Aborto e o deseño dunha política exterior con tres piares básicos: a relación con Europa, extremar unha boa veciñanza con Portugal e Marrocos, fortalecer os lazos con Latinoamérica e manter moi boas relacións con USA, así como reclamar a devolución de Xibraltar.
  • O 1 de xaneiro de 1986 España pasou a formar parte da Comunidade Económica Europea, o que impulsou o proceso de europeización de España, a consolidación da democracia, unha oportunidade de modernizar o sistema produtivo español para adaptarse a un contorno de elevada competitividade e a chegada de axudas europeas para modernizar as nosas infraestruturas viarias.
  • Cos socialistas produciuse unha posta en marcha do Estado de Benestar e deron un impulso ao Estado das Autonomías co seu proceso de transferencias de competencias do Estado central ás autonomías.

Os socialistas venceron por maioría absoluta as eleccións dos anos 1986 e 1989, debendo chegar a acordos cos nacionalistas cataláns e vascos nas dos anos 1993. Neste tempo o país camiñou por unha senda de crecemento económico que tivo o seu momento culminante en 1992 cando se celebrou a Olimpíada de Barcelona e a Expo de Sevilla. España aparecía ante o mundo como un país cunha democracia consolidada e moderno. Despois dos fastos de 1992 comezou un período de crise económica que, unido ao descrédito do PSOE en casos de corrupción por financiamento ilegal (o Caso Filesa), práctica de terrorismo de Estado contra ETA (os GAL), apropiación indebida dos fondos reservados para a loita contra o terrorismo por parte de altos cargos do Ministerio do Interior (o Caso Roldán), levaron á súa derrota electoral en 1996 a mans do Partido Popular de José María Aznar.

Descargar

PDF Word HTML