Explorando a Historia Moderna: Economía, Sociedade e Poder na Península Ibérica

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,14 KB

En que consisten as teorías de Hamilton?

Unha das características deste desenvolvemento económico do Antigo Réxime, que coincide co apoxeo do Renacemento, da Reforma e das viaxes de descubrimento, foi unha persistente inflación dos prezos dos alimentos básicos. Entre 1500 e 1600, os prezos dos cereais e produtos derivados da actividade agropecuaria en xeral, non deixaron de subir constantemente todos e cada un dos anos do século. De tal xeito que o prezo do pan era 6 ou 7 veces máis elevado en 1600 que en 1500. A este enigmático fenómeno coñécese na bibliografía como a Revolución dos Prezos do Século XVI. En tanto comportamento económico sen precedentes, os propios contemporáneos percibiron a existencia desta imparable inflación dos prezos. Nunca antes ocorrera nada semellante na historia da economía europea!

De onde provén o poder centralizado e divino da monarquía hispánica?

Os fundamentos básicos da orixe do poder creado polos Reis Católicos proveñen, por unha banda, da recepción do Dereito Romano, sendo este considerado como un auténtico poder político, exercido sobre un territorio e uns súbditos, e cun elemento característico que era o carácter divino, sendo os Reis “pola graza de Deus”. Este Dereito Romano proporcionou unha base doutrinal nova para as monarquías que xustificaban o poder rexio absoluto, desenvolvendo así as ideas de Soberanía e Estado, tamén recollidas en As Partidas de Afonso X o Sabio.

Por que dicimos que a Guerra de Sucesión foi, ademais dun enfrontamento internacional, unha guerra civil?

Porque ademais das diferentes potencias europeas que se enfrontaron pola Coroa Española, tamén houbo un enfrontamento no interior de España entre os dous reinos que a formaban naquela época: Castela e Aragón. Castela decidiu acatar o escrito no testamento de Carlos II e apoiar a Filipe de Anjou, pero Aragón tiña medo de que a chegada dun Borbón rematase coa autonomía da que gozaba. Por iso decidiu apoiar ao Arquiduque Carlos.

Como se dividía a sociedade estamental?

Dous dos tres estamentos eran os privilexiados: a nobreza e o clero non pagaban impostos; só eles podían ocupar cargos públicos e honores, e non estaban sometidos á xurisdición dos xuíces ordinarios. O terceiro estado, ao que pertencía a maioría da poboación, era o que carecía de privilexios, pagaba impostos e estaba sometido á lei común.

Que son os foros en Galicia?

O foro era o contrato a longo prazo, que tiña unha duración media de tres xeracións, asinado entre o señor (seglar ou eclesiástico) e o labrego ou unha aldea representada polos cabezaleiros, en virtude do cal o primeiro lle cedía ao segundo o uso dunhas terras e este comprometíase a entregarlle a aquel todos os anos unha determinada cantidade de gran ou viño e outros produtos. Cando vencía o prazo estipulado, o foro adoitaba renovárselle aos descendentes dos primeiros foreiros. Incluso podía venderse o dereito de cultivo mediante o pagamento dun canon ao dono das terras. Ata o século XVII, facíase por tres vidas (voces) de foreiros e 27 anos máis; a partir deste século, por cuestións prácticas, facíase por tres vidas (voces) de Reis/Raíñas e 27 anos máis.

Esquematicamente, cales son as características básicas do que chamamos Antigo Réxime?

  • Unha economía fundamentalmente agrícola.
  • Unha sociedade estamental.
  • Unha política de absolutismo monárquico.

Que significa o centralismo borbónico na administración territorial?

Con Filipe V, a administración territorial baseouse nunha división provincial, na que cada provincia quedaba ao mando dun Capitán Xeneral nomeado polo rei, con funcións militares e gobernativas, e actuaba como delegado da autoridade real (gobernador) nos diferentes territorios.

Entradas relacionadas: