Explorando a Literatura Galega: Voces do Exilio, Versos Modernos e o Desafío Lingüístico

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,72 KB

A Literatura Galega do Exilio (1936-1976)

Cando se produciu o alzamento militar contra a República, comezou unha represión brutal. O Partido Galeguista mantivo actividade nos anos 40 con Ramón Piñeiro como enlace interno e co exterior, e da súa man desapareceu en 1950 para dar paso ao galeguismo cultural de Galaxia. Tamén no exilio mantivo a súa presenza a través do Consello de Galiza, unha especie de goberno galego, presidido por Castelao.

Nos anos 40, a cultura galega mantívose unicamente fóra de Galiza cos exiliados, que se estableceron onde xa había bases de emigrados. A figura máis importante será Castelao, polo seu labor político e cultural. En Bos Aires, estreou Os vellos non deben de namorarse, publicou Sempre en Galiza e As cruces de pedra na Galiza.

Poesía do Exilio

Luís Seoane

  • Estilo realista, ás veces case xornalístico.
  • Poesía sobria, discursiva, pero chea de forza e de paixón comunicativa.
  • Dominio do verso longo, case prosaico, seminarrativo.
  • Temática preferentemente social, con predominio do tema da emigración tratada desde a perspectiva dos propios emigrantes.
  • Escaseza de poemas persoais, nos que fale o propio eu de Seoane.

Obra destacada: Fardel de exiliado.

Lorenzo Varela

Escribe dous libros de poesía en galego, o máis significativo dos cales é Lonxe. Dúas temáticas dominan o libro: unha mítico-histórica, baseada na Guerra Civil na que canta aos guerrilleiros antifranquistas, e outra saudosa, en torno á ausencia da Terra e ao exilio.

Narrativa do Exilio

As obras narrativas foron escritas no exilio e case todas publicadas na democracia. Son obras realistas e cargadas de elementos autobiográficos que tratan o tema da Guerra Civil:

  • Non agardei por ninguén, de Ramón de Valenzuela (Bos Aires).
  • Era tempo de apandar, de Ramón de Valenzuela.
  • O silencio redimido, de Silvio Santiago.
  • O siñor Afranio, de Antón Alonso Ríos.

Pero tamén se publican obras clave da nosa literatura como A Esmorga, de Blanco Amor, ou Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas.

Teatro do Exilio

Manuel Varela Buxán foi un dos principais animadores do teatro galego na Arxentina. Tamén en Bos Aires, Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego e escribiu varias pezas que se coñeceron en Galicia.

A Poesía Galega de Fins do Século XX e Comezos do XXI

Esta etapa caracterízase por unha ruptura co socialrealismo e un distanciamento entre o poeta e a sociedade. As súas principais características son:

  • Busca de novos suxeitos líricos.
  • Experimentación e interdisciplinariedade.
  • Culturalismo e intertextualidade.
  • Integración de elementos da cultura urbana e marxinal.
  • Incorporación do erotismo explícito.
  • Recreación mítica.
  • Preocupación formalista, barroquismo.

A poesía é entendida como a arte da linguaxe.

Autores e Obras Destacadas

Darío Xohán Cabana

Gran dominador do verso e da linguaxe, é tamén tradutor ao galego de Dante e Petrarca.

Manuel Vilanova

Mítico e simbolista, escribe E direivos eu do mester de cobras.

Xosé María Álvarez Cáccamo

Aberto á realidade a través de vivencias familiares, escribe Praia das Furnas.

Miguel Anxo Fernán Vello

O amor, o corpo, o desexo e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.

Tendencias a Partir dos Anos Noventa

Desde o punto de vista formal, achamos desde propostas clásicas ata o versolibrismo. Desde o punto de vista temático, algúns autores adoptan unha actitude desmitificadora, combativa ou provocadora. Outras características inclúen:

  • Linguaxe máis directa e coloquial.
  • Predominio dos recitais.
  • Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades.
  • Algúns difunden tamén os seus versos a través de Internet.

Linguas Minorizadas e Linguas Minoritarias: Unha Perspectiva Sociolingüística

Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, estas reproducen a xerarquía social existente dentro dela: unha das linguas —a dominante— vai ocupando progresivamente os ámbitos da outra —a dominada— e provocando a súa substitución. A esta lingua dominada chámaselle tamén lingua minorizada e é empregada unicamente nos ámbitos socioculturais máis baixos e ignorada ou desprezada nos máis elevados.

O concepto de lingua minorizada é sociolingüístico e nada ten que ver co de lingua minoritaria, que é só cuantitativo. Pode suceder que unha lingua minorizada sexa a maioritariamente falada na comunidade lingüística, ou pode que non.

No caso europeo, case todos os Estados actuais son plurilingües. Hai, polo tanto, gran cantidade de linguas minorizadas. O status e o nivel de uso das diversas linguas minorizadas, case todas minoritarias tamén, son moi distintos.

O actual marco legal senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua, pero cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:

  • Acción institucional do poder político: Levada a cabo polas Administracións Públicas de Galicia.
  • Acción colectiva non institucional.
  • Acción individual: Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma.

Entradas relacionadas: