Explorando las Vanguardias Galegas: Creacionismo, Hilozoísmo y Neotrobadorismo

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 2,85 KB

Vanguardas Plenas: Creacionismo

Ismo que busca unha arte que non imite nin traduza a realidade. Para iso, bótase man da forza das imaxes, das rupturas temporais… O máximo expoñente do creacionismo galego é Manuel Antonio, autor que encaixa perfectamente na figura do artista de vangarda: rebelde e innovador. De feito, esta actitude rompedora coa tradición poética anterior reflectiuna no manifesto ¡Máis alá!. De catro a catro representa o cumio da súa voz poética, amais de se converter no poemario máis representativo do vangardismo galego. Obra que ten unha grande unidade temática a causa da constante presenza do mar, un mar visto dende dentro, alumado por estrelas, polo sol...; e dotado de realidade existencial: soidade, saudade, monotonía...

Presenta unha estrutura circular, 19 composicións que representan unha viaxe –singradura– en barco: saída–navegación–regreso, viaxe marítima dun eu poético que pasa polas experiencias cotiás dunha aventura. Conta cunha estética que rompe cos esquemas métricos tradicionais (rima, división en estrofas...) e utiliza trazos marcadamente vangardistas: disposición orixinal dos versos, uso dos espazos en branco, as maiúsculas, léxico propio do mar, abundancia de imaxes suxestivas…

Vanguardas Enxebres: Hilozoísmo e Neotrobadorismo

No hilozoísmo, o elemento fundamental é a paisaxe, que aparece constantemente animada e humanizada mediante a personificación dos elementos da natureza (ríos, árbores...) e imaxes moi suxestivas: visuais ou auditivas. O máximo expoñente do hilozoísmo, tamén coñecido como imaxinismo, na literatura galega é Luís Amado Carballo. As súas obras Proel e O galo (póstuma) tiveron unha moi boa acollida pola crítica do momento. Nelas, a paisaxe das terras do Lérez convértese no tema central, unha paisaxe natural, rural e humanizada (abundante uso da personificación).

O autor emprega unha métrica conservadora (regular de rima asonante e arte menor), pero vangardista na preferencia polas metáforas. Unha segunda vangarda enxebre é o neotrobadorismo, posible grazas á difusión e coñecemento na Galiza das primeiras décadas desta centuria, da nosa lírica trobadoresca medieval, ignorada durante séculos. Recréanse temas (amor, lamento, coita…), recursos estilísticos e ambientes (paisaxes primaverais…) propios da lírica galego-portuguesa.

Esta corrente foi iniciada por Fermín Bouza Brey con Nao senlleira, obra na que combina recursos formais da lírica medieval (leixaprén, paralelismo, refrán…) con estrofas e ritmos propios da literatura popular (octosílabos, pareados...). Canto aos temas, predominan o mar, a soidade e o amor.

Entradas relacionadas: