Filosofía de David Hume: Empirismo, Percepción e Coñecemento

Enviado por Miguel y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,26 KB

David Hume: O Empirismo e a Orixe do Coñecemento

David Hume, como máximo expoñente da corrente empirista, considera que todo o noso coñecemento procede dos sentidos.

As Percepcións de Hume: Impresións e Ideas

Nas primeiras páxinas da súa obra máis madura, Investigación sobre o Entendemento Humano, Hume defende que a mente do home se compón de percepcións. Estas poden ser de dous tipos: impresións ou ideas, que se diferencian polo seu grao de forza ou vivacidade.

  • Impresións: Son máis vivaces e intensas, e constitúen todo o que sentimos, oímos, vemos, amamos, odiamos, etc.
  • Ideas: Son imaxes débiles das impresións, menos intensas, e utilízanse cando pensamos ou razoamos.

As ideas son copias debilitadas das impresións; por iso, as impresións constitúen a orixe do noso coñecemento. Hume rexeita as teorías racionalistas que defenden a existencia dunhas ideas innatas. Se queremos saber o grao de certeza que ten unha idea, debemos buscar a súa impresión correspondente, xa que non é posible pensar algo que non estivese antes nos nosos sentidos.

División das Percepcións: Simples e Complexas

Hume realiza outra división das percepcións en simples e complexas:

  • As percepcións simples, que poden ser tanto impresións como ideas, son as que non admiten separación.
  • As complexas son as que poden dividirse en partes.

Lei de Asociación de Ideas

As ideas simples poden ser separadas pola imaxinación e volver unilas como se queira. Isto é posible porque a imaxinación, por unha tendencia natural, se atopa sometida a unhas leis que explican as posibles combinacións das ideas. As leis de asociación de ideas son tres:

  1. Semellanza

    Consiste en pasar dunha idea a outra semellante. Por exemplo, cando miramos un cadro que representa unha paisaxe, a imaxinación condúcenos a pensar na orixinal.

  2. Contigüidade Espazo-Temporal

    Se tomamos as ideas de obxectos que se atopan contiguos espazo-temporalmente, a mente tende a percorrelos de forma continua. Por exemplo: se alguén nos menciona un cuarto que se atopa nunha casa, podemos facilmente imaxinar o resto das dependencias.

  3. Causa-Efecto

    Cando contemplamos un acontecemento (efecto), inmediatamente pensamos na causa que o produciu. É a conexión máis forte que se realiza na fantasía e é a que fai que a mente lembre rapidamente unha causa, sendo o fundamento da crítica á metafísica.

Os Obxectos da Razón

O home relaciona ideas e xera proposicións coas que se comunica e que son a base do coñecemento científico.

  • Relacións de Ideas: Pertencen ao ámbito das matemáticas e considéranse afirmacións intuitivas ou demostrativamente certas. Non é preciso recorrer á experiencia para comprobar a súa veracidade. A súa negación non é falsa, é contraditoria porque é imposible; afirmar que tres máis dúas son catro é contraditorio porque non se pode dar nunca.
  • Cuestións de Feito: Pertencen ao ámbito da experiencia e constitúen razoamentos probables.

Entradas relacionadas: