O Franquismo en España: Características e Estrutura Institucional da Ditadura
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 5,27 KB
Características do Réxime Franquista
- Autoritarismo: Como era propio dunha ditadura militar, Franco gobernaba de forma autoritaria. Concentraba todos os poderes e exercíaos sen controis legais, esmagando toda oposición política mediante o uso da forza. As liberdades foron suprimidas.
- Militarismo: Franco consideraba que os valores e procedementos do exército debían dominar na vida pública española. Por iso, o poder civil quedou sometido ao poder militar.
- Antiliberalismo e Antisocialismo: Franco xustificaba a súa ditadura como unha medida necesaria para frear os grandes inimigos de España que para el eran a democracia liberal e o movemento obreiro.
- Conservadurismo: Defensa da orde social existente e das tradicións culturais e sociais.
- Catolicismo: Isto significou unha alianza moi estreita entre o Estado e a Igrexa católica, que logrou importantes privilexios, o monopolio sobre a educación e o control sobre a vida cultural.
- Influencia Fascista: O réxime franquista xurdiu cando os fascismos estaban en auxe. Para atraer a axuda dos países fascistas e aproveitar a capacidade de mobilización e de control político que tiñan estes movementos, o réxime franquista adoptou características formais propias do fascismo:
- Creación dun partido único (o "Movemento Nacional", cuxo núcleo era a "Falanxe Española Tradicionalista e das JONS").
- Un sindicato único dirixido polo Estado (a esta práctica chámase sindicalismo vertical).
- Actos públicos de masas.
- Símbolos tomados da Falanxe, como o saúdo fascista, a camisa azul, o xugo e as frechas, etc.
- Uniformismo: Eliminación de todos os elementos lingüísticos que non formasen parte da lingua oficial, sendo os lugares máis afectados Cataluña, País Vasco ou Galicia.
Institucións do Franquismo
A estrutura institucional do réxime franquista estaba deseñada para consolidar o poder e o control do Estado. A continuación, detállanse as principais institucións:
Xefatura do Estado
Pertencía a Francisco Franco, ao cal lle correspondía tamén, con carácter vitalicio, a Xefatura Nacional do Movemento, que podería delegar no Presidente do Goberno.
Consello de Ministros
Era o órgano que determinaba a política nacional, aplicaba as leis e asistía de modo permanente ao Xefe de Estado. Estaba constituído por:
- Presidente do Goberno: Desde 1939 ata 1970 foi Franco. A partir desta data, o cargo ocupouno Carrero Blanco.
- Vicepresidente: Creouse esta figura en 1962 e ocupou o cargo Agustín Muñoz Grandes. A partir de 1967, foi nomeado o almirante Luís Carrero Blanco, quen se converteu no indiscutible home forte do réxime.
- Ministros.
Secretaría Xeral do Movemento
Era o ministerio encargado dos asuntos do Movemento Nacional. Era un órgano de asistencia directa ao Xefe Nacional do Movemento (Franco). O Secretario Xeral do Movemento era designado por Franco.
Cortes
Era o órgano de “participación” e elaboración das leis, cuxa sanción correspondía ao Xefe de Estado. Estableceuse unha única cámara, chamada de Procuradores. A súa función era elaborar e aprobar as leis, pero a iniciativa legal residía en Franco desde o mesmo momento da promulgación da lei en agosto de 1939.
Consello Nacional do Movemento
Era unha segunda cámara representativa que, xunto ás Cortes, outorgaba unha aparencia de sistema parlamentario bicameral. Estaba formada polos Conselleiros Nacionais do Movemento. As súas funcións serían as de promover, suxerir e elevar ao Goberno as medidas que estimase convenientes para a maior efectividade dos principios do Movemento e das leis fundamentais do Reino.
Consello do Reino
Era o órgano presidido polo Presidente das Cortes que asistía ao Xefe de Estado en todos aqueles asuntos.
Consello de Rexencia
Asumiría as funcións da Xefatura do Estado en caso de vacante. Estaba constituído por:
- O Presidente das Cortes.
- O Prelado de maior xerarquía.
- Un Conselleiro do Reino.
- O Capitán Xeral dos Exércitos de Terra, Mar e Aire.
Xunta de Defensa Nacional
As súas funcións serían as de propor ao Goberno as liñas xerais concernentes á seguridade e defensa nacional.
Tribunal de Orde Pública
Instancia xudicial especial existente na fase final do franquismo. A súa misión foi a da represión das condutas consideradas delitos políticos. Funcionou desde 1963 ata 1977.
Gobernador Civil
No plano territorial, o poder do Goberno transmitíase mediante a vella institución dos Gobernadores Civís de cada provincia, que agora eran Xefes Provinciais do Movemento. En cada provincia instituíuse tamén un Gobernador Militar como proba desta dualidade do poder.
Sindicato Vertical
Organización sindical única que agrupaba tanto a empresarios como a traballadores, organizados por ramas de produción. A dirección e o control recaían sempre en dirixentes da FET e das JONS. Xurdiron en 1940, seguindo o modelo italiano.