O Galego Hoxe: Traxectoria, Retos e o Futuro da Lingua Propia de Galicia

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,85 KB

Características Lingüísticas Fundamentais

Nas características lingüísticas fundamentais destacan dous factores novos: a difusión do actual estándar e a escolarización en galego. Estes feitos depuraron a lingua de castelanismos léxicos propios da fala popular e difundiron un modelo fonético considerado por algúns menos “auténtico” (sen gheada, sen seseo...). Isto xera na lingua oral unha “diglosia interna” entre o galego estándar e o dialectal.

Esta etapa é a que se inicia coa disputa pola normativización entre a Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG). Establécese o galego estándar coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, legalizadas en 1982 con revisións en 1995 e 2003. A normativización soluciónase, pero non así a normalización, xa que uns cren que é suficiente con promover e incentivar o uso do galego, mentres que outros consideran que se debe impoñer.

Contexto Histórico e Marco Legal

O contexto histórico está marcado polo remate da ditadura coa morte de Franco en 1975. En 1976 constitúese na Universidade de Santiago de Compostela (USC) o Departamento Universitario de Galego-Portugués.

Por primeira vez, o galego vese amparado nun marco legal que lle dá rango de lingua oficial e promove a súa normalización. Entre os fitos lexislativos máis importantes atopamos:

  • A Constitución Española (1978)
  • O Estatuto de Autonomía de Galicia (1981)
  • A Lei de Normalización Lingüística (1983)
  • A Mesa pola Normalización Lingüística (1988)
  • O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004)

En galego desenvólvese a práctica pública da Xunta e do Parlamento de Galicia. Tamén se observa unha maior presenza nos medios de comunicación:

  • A radio e a televisión locais (desde 1985)
  • Medios escritos como xornais e revistas (entre 1976 e 1980), por exemplo: Man Común, A Nosa Terra, O Correo Galego.

Ademais, publícanse estudos literarios e lingüísticos sobre o galego, e os nenos galegos teñen a posibilidade de ser alfabetizados na lingua propia desde 1979.

Na cultura acádase un maior grao de normalización en diversas áreas:

  • Teatro e música
  • Literatura e editoriais (como Do Cumio, Vía Láctea, Anaya)
  • Avances no sector audiovisual nos anos 90 (series de TV, filmes, Internet)

Situación Sociolingüística Actual

Avances na Recuperación da Lingua

Na situación sociolingüística, obsérvase un avance na recuperación da lingua, manifestado en varios aspectos:

  • Incremento da súa presenza na vida pública.
  • Unha mudanza positiva na valoración social da lingua, coa perda de vellos prexuízos.
  • Comezamos a romper cos códigos que reducían o galego aos usos informais.

Retos e Desafíos

Con todo, tamén hai feitos negativos, xa que o galego está a sufrir un continuo descenso de falantes, sobre todo entre a xente nova. Hai pouco, o galego era a lingua exclusiva no ámbito rural; agora, nas vilas e nas cidades, o seu uso tamén está en descenso.

Conclusión e Perspectivas de Futuro

Para concluír, 30 anos de política lingüística con pretensións normalizadoras non inverteron a tendencia desgaleguizadora. Observamos un retroceso en varios ámbitos:

  • Na escola, o galego sofre un retroceso.
  • A prensa en galego desaparece.
  • Os políticos falan en castelán.
  • Os cativos ignoran a lingua.

Estas expectativas son desesperanzadoras, a non ser que nós e a Xunta comecemos a ver o galego como o maior sinal de identidade que posuímos.

Entradas relacionadas: