Glosario de Termos Xeográficos e Demográficos Esenciais
Clasificado en Geografía
Escrito el en español con un tamaño de 7,64 KB
POBOACIÓN ACTIVA: Concepto referido á poboación que está en idade legal de traballar e traballa ou busca traballo activamente. A poboación economicamente activa é o conxunto de persoas que engloba a poboación activa ocupada (persoas de 16 e máis anos que ten un traballo por conta allea - asalariados- ou exercen unha actividade por conta propia –autónomos-) e a poboación activa desempregada, desocupada ou parada (parados que buscan o seu primeiro emprego e parados que tiveron traballado anteriormente). Todas as persoas que non están incluídas en ningunha destas categorías (estudiantes, tarefas domésticas, xubilados, rentistas, pensionistas, incapacitados, etc.) considéranse poboación inactiva.
ESPERANZA DE VIDA: Número medio de anos que unha persoa, ben ao nacer ou ben cando acada unha determinada idade, espera vivir, nun territorio e nun ano concreto, supoñendo que as condicións de mortalidade permanezan constantes. A esperanza de vida de España é das maiores do mundo. É maior nas mulleres (85 anos) ca nos homes (80).
RÉXIME DEMOGRÁFICO: Concepto demográfico que se refire a cada unha das etapas ou fases na evolución do movemento natural da poboación dun país, nas que a natalidade, a mortalidade e o crecemento natural presentan características homoxéneas.
CRECEMENTO VEXETATIVO: O crecemento vexetativo ou natural da poboación é a diferencia entre o número de nacidos e o número de falecidos nun lugar durante un ano, expresado normalmente en tantos por 100. É positivo cando o número de nacidos supera o de falecidos; é negativo cando as mortes superan os nacementos. Se ao crecemento vexetativo lle sumamos a inmigración e lle restamos a emigración, o resultado é o crecemento real, que pode ser tamén positivo ou negativo.
PADRÓN MUNICIPAL: Rexistro administrativo onde consta a relación de habitantes dun municipio. Tamén contén información sobre as características sociodemográficas da poboación, aínda que algo menos detalladas ca no censo. É un rexistro dinámico que se actualiza anualmente, polo que constitúe unha fonte esencial para o estudo da poboación.
SALDO MIGRATORIO: Balance que existe entre a inmigración e a emigración nun determinado lugar; cando o saldo migratorio é positivo -hai máis inmigrantes ca emigrantes-, a poboación aumenta; cando o saldo migratorio é negativo -hai máis emigrantes ca inmigrantes-, a poboación diminúe.
INVERNO DEMOGRÁFICO: Situación que se produce actualmente en países que están no réxime demográfico moderno, con taxas de fecundidade que están por debaixo da taxa de reposición (2,1 fillos por muller), o que provoca un avellentamento da poboación e a necesidade de favorecer a inmigración de cara a cubrir os postos de traballo necesarios para o funcionamento da economía. Esta problemática é significativa nos países máis avanzados da UE a Xapón, así como tamén en Rusia.
VEXETACIÓN CLÍMAX: Concepto bioxeográfico, que se refire á vexetación que está en equilibrio coas condicións ambientais dun lugar, é dicir, a vexetación potencial que debería existir nun lugar de non mediaren outros factores fora dos meramente ambientais. Un exemplo de vexetación clímax é a de carballos no piso basal da provincia eurosiberiana na península Ibérica.
CUNCA FLUVIAL: Territorio no que as súas augas son drenadas por un río principal e a súa rede de afluentes. Todo o territorio drenado por un río. O límite entre dúas cuncas fluviais denomínase divisoria de augas.
ESTIAXE: Período durante o cal os ríos ou outras correntes de auga acadan o seu caudal mais baixo. A dito nivel se lle da o valor 0 e a partires del mídese a altura da auga. En España as estiaxes son especialmente acusadas nos ríos mediterráneos da metade meridional da Península.
MARISMA: Terreos chas localizados xunto ao mar que se inundan tanto coas augas mariñas como dos ríos próximos. A mestura de auga doce e salgada é denominada salobre. Estes espazos están asociados a un ecosistema vexetal húmido de carácter herbáceo.
ACUÍFERO: Formación constituída por unha ou máis capas de rochas, capaz de almacenar e ceder auga infiltrada no solo. Os acuíferos son permeables e gardan auga coterránea que se transmite a lagos, pantanos, fontes e pozos. A súa sobreexplotación para regadío fainos estar no punto de mira da sostibilidade ambiental.
DESALGADORA: Planta que produce auga doce a partir de auga salgada mariña. No litoral mediterráneo, onde a cantidade de precipitación recibida é escasa para atender as necesidades de consumo dunha poboación en medra, trátase dunha solución para o abastecemento de auga doce con diferentes usos vencellados, sobre todo, ao consumo humano.
ARIDEZ: Característica dun clima cunha evaporación superior ás precipitacións. Está marcado pola habitual insignificancia das chuvias (nos verdadeiros desertos, os espazos máis áridos, as chuvias son inferiores aos 100 mm) e a sequidade do aire. As temperaturas tenden a variar moito debido á falla de humidade e de nubes que amortigüen as oscilacións. As súas principais causas son a circulación xeral atmosférica, a continentalidade, as barreiras montañosas e/ou a influencia das correntes marítimas frías.
BARLOVENTO: Ladeira orientada cara ao vento, afectada por chuvias orográficas. É un termo oposto a sotavento.
INVERSIÓN TÉRMICA: Fenómeno que se produce sobre todo no inverno, cando o aire frío, máis pesado, acumúlase no fondo dos vales. Isto débese a que a superficie de contacto co solo, que está a moi baixas temperaturas, é maior nos sectores baixos que nos cumes.
ISÓBARA: Liña imaxinaria que une os puntos da superficie terrestre que rexistran unha mesma presión atmosférica. Nos mapas do tempo, as isóbaras trázanse cada 4mbs. Cando o seu valor supera o da presión normal (1013mb) constitúen anticiclóns, cando se sitúa por baixo, borrascas.
ISOHIETA: Liña utilizada nos mapas climáticos para unir os puntos coas mesmas precipitacións, expresadas en milímetros (mm).
DANA / DINA / GOTA FRÍA: Acrónimo de “depresión illada en niveis altos da atmosfera“. É unha “gota fría“ que se illou e desprendeu do Jet Stream e provoca habitualmente choivas torrenciais por mor da convección atmosférica. É cada vez máis habitual nos períodos dende finais da primavera ata comezos do outono na cunca mediterránea, onde a mestura de aire quente en superficie e aire frío en altura da lugar a situacións atmosféricas treboentas.
EMERXENCIA CLIMÁTICA: Característica das consecuencias do quecemento global, acentuado no Antropoceno, a causa das emisións de gases de efecto invernadoiro por mor do consumo masivo de combustibles fósiles. Diversos activistas como Greta Thumberg e Extinction Rebellion fan fincapé nas consecuencias do desxeo polar ou o incremento do nivel do mar, e solicitan aos gobernos mundiais a posta en práctica de políticas ecoloxistas que reduzan os riscos medioambientais.
AMOC: Acrónimo de Atlantic Meridional Overturning Circulation, cinta transportadora de calor que facilita a suavidade térmica en Europa occidental. Esta estase a ver diluída pola fusión de xeo ártico nas costas de Groenlandia; en consecuencia, o aporte de auga doce ralentiza a corrente do Golfo, que pouco a pouco desaparece.