Grandes Pensadores da Filosofía Contemporánea: Conceptos Esenciais e Aplicación Actual

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 18,38 KB

Hannah Arendt: Totalitarismo e Condición Humana

1. Vida e Obra

  • Xudía alemá (1906–1975), escapou do nazismo.
  • Influencias:
    • Heidegger (existencialismo, comprensión da existencia humana).
    • Jaspers (o diálogo e a comunicación son fundamentais para a existencia humana).
  • Obras clave:
    • As orixes do totalitarismo (1951)
    • A condición humana (1958)
    • Eichmann en Xerusalén (1963)

2. Condición Humana

O ser humano desenvolve dúas actividades:

  • Vita contemplativa: pensamento e reflexión. É unha actividade pasiva no sentido de que non implica unha transformación directa do mundo.
  • Vita activa: clave para a liberdade. Ten tres dimensións fundamentais:
    • Labor: accións necesarias para a supervivencia.
    • Traballo: actividades que diferencian o ser humano da natureza, constrúe un mundo artificial.
    • Acción: é a actividade máis elevada, racional e libre. Implica interacción co resto da sociedade e a existencia da política e da pluralidade na sociedade.

É importante a idea de **responsabilidade**, xa que a liberdade leva consigo responder dos nosos actos.

3. Totalitarismo

Forma de goberno que non se limita a reprimir os seus inimigos, senón que busca transformar a sociedade enteira segundo unha ideoloxía única. A súa característica fundamental é o dominio absoluto sobre todos os aspectos da vida.

Os elementos clave do totalitarismo son:

  • Ideoloxía única (nazismo: racismo; estalinismo: loita de clases).
  • Uso do terror constante: elimina a liberdade.
  • Sociedade de masas: persoas illadas, manipulables.

4. Mal Radical vs. Mal Banal

  • **Mal radical**: dano deliberado que busca a deshumanización das súas vítimas.
  • **Mal banal**: cometido por persoas comúns que non pensan nas consecuencias. Os sistemas totalitarios permiten este tipo de mal. O paradigma desta banalidade é **Eichmann**, un oficial das SS do sistema nazi que organizou o transporte de millóns de xudeus aos campos de exterminio.

5. A Vita Activa para Superar o Totalitarismo

Defende:

  • O poder como acción colectiva, non violencia.
  • Un espazo público vivo, con igualdade real.
  • Vita activa: actuar libremente, cooperar, participar.

Simone de Beauvoir

1. Historia do Feminismo

  • 1ª onda (séculos XVIII-XX): Dereito ao voto (Wollstonecraft, sufraxistas).
  • 2ª onda (1960-1980): Igualdade laboral, sexualidade, educación, aborto (Betty Friedan).
  • 3ª onda (1990s-actualidade): Diversidade (raza, xénero, clase), redes sociais, feminismo *queer*.

2. Vida e Obra de Simone de Beauvoir

  • Nace en París (1908). Parella e colaboradora de Jean-Paul Sartre.
  • Tivo un gran compromiso político (Resistencia, feminismo).
  • Obra clave: O segundo sexo (1949) – obra fundamental para a análise da opresión feminina.
  • Influencias:
    • Marxismo: crítica á opresión do capitalismo, pero considerada insuficiente para explicar a opresión feminina.
    • Existencialismo: O existencialismo de Sartre postula que a existencia precede a esencia, o que significa que os seres humanos se definen polas súas accións, non por unha natureza predefinida. A moral existencialista baséase na acción e o compromiso, e a liberdade do individuo está ligada á dos demais.

3. Pensamento Feminista

Ser muller non é algo natural, senón o resultado dun proceso de aprendizaxe desde os primeiros momentos da vida. Simone de Beauvoir sintetizaba esta idea coa seguinte frase: «A muller non nace, faise».

O Segundo Sexo: Ideas Clave

  • Analiza a situación da muller segundo o **método regresivo-progresivo**:
    • Regresivo: condicións históricas e sociais.
    • Progresivo: liberdade individual e proxectos vitais.
  • «A muller non nace, faise»: a feminidade é unha construción social.
  • A perspectiva do home asúmese como a visión universal do ser humano, mentres que a muller é **«a Outra»**, definida en función del. Esta diferenza establece unha relación de poder desigual e inxusta.
  • As mulleres non se afirman como suxeitos e acaban asumindo a visión masculina, atopándose en situación de **«vasalaxe»** respecto aos homes. A superación desta relación de submisión require oportunidades para a emancipación plena das mulleres.

4. Corpo, Xénero e Desigualdade

  • O corpo feminino é controlado e xulgado pola sociedade. As mulleres son xulgadas pola súa aparencia física e presionadas para cumprir cos estándares de beleza impostos pola sociedade.
  • A sexualidade feminina está estigmatizada.
  • A socialización desigual desde a infancia perpetúa os roles de xénero.

5. Propostas para a Igualdade

  • Liberación dos roles tradicionais (ex. maternidade e fogar).
  • Autonomía e liberdade sexual.
  • Educación e traballo: independencia económica.
  • Cambio estrutural: transformación social para eliminar xerarquías de xénero.

Immanuel Kant

1. Introdución: O Proxecto da Moral Kantiana

  • Pregunta central da ética de Kant: «Que debo facer?»
  • Kant busca establecer os fundamentos racionais da moral.
  • Obras principais: Crítica da Razón Práctica, Fundamentación da Metafísica dos Costumes.

Diferenza entre Coñecemento Teórico e Moral

  • **Coñecemento teórico**: baséase no que *é*; usa xuízos descritivos («S é P»).
  • **Moral**: trata sobre o que *debe ser*; usa imperativos (mandatos).
  • Exemplo: «Debe respectarse a vida humana».
  • Non intervén o entendemento, senón a vontade.
  • A moral sitúase fóra da experiencia, é autónoma e racional.

2. Tipos de Imperativos e a Distinción entre Éticas Materiais e Ética Formal

Un imperativo non expresa un coñecemento, senón un mandato.

Imperativo Hipotético

  • Son aqueles que ordenan algo como **medio para conseguir un fin**. A súa validez está sempre condicionada por algo.
  • Exemplo: «Se queres ser feliz, non interveñas en política».

Imperativo Categórico

  • Son aqueles que ordenan algo como **fin absoluto**. A súa validez non está condicionada por nada.
  • Exemplo: «Debes actuar con honestidade (porque é o teu deber)».
  • É universal, necesario e racional.
  • É a base dunha moral autónoma, onde a razón se dá a súa propia lei.

Ética Formal Kantiana

  • Kant considera que as teorías éticas anteriores expresábanse mediante imperativos hipotéticos. É dicir, todas elas dicían o que debemos facer para conseguir un determinado fin (por exemplo, a felicidade, a salvación, etc.). Kant chámalles **éticas materiais**, pero estas non poden ser universais, están subordinadas á experiencia e, polo tanto, non son autónomas.
  • A ética formal kantiana non define que accións son boas, senón como deben ser as accións.
  • A moralidade non depende do resultado, senón da intención e do respecto ao deber.
  • **Acción moral**: feita por deber, non por medo a consecuencias.

Dúas Clases de Accións Segundo Kant

  • **Conforme ao deber**: correcta, pero feita por interese.
  • **Por deber**: correcta, feita por respecto á lei moral (auténtica acción moral).

3. A Formulación do Imperativo Categórico

1ª Formulación (Universalidade)

  • «Actúa de modo que a máxima da túa acción sexa lei universal».
  • Exemplo: roubo porque non teño que comer. Isto non é universal porque non é igual para todos.
  • Avalía se a regra que segues podería valer para todos, sen contradición.

2ª Formulación (Dignidade Humana)

  • «Obra de modo que trates a humanidade, tanto na túa persoa como na de calquera outro, sempre como un fin e nunca como un medio».
  • Respectar as persoas pola súa dignidade, non usalas para fins propios.
  • Non instrumentalizar os demais.

Características das Formulacións

  • Non dan contido, senón forma moral.
  • Son principios *a priori* (non baseados na experiencia).
  • Teñen carácter universal e racional.

4. Postulados da Razón Práctica

Condicións que fan posible o comportamento moral.

O Problema da Liberdade

  • A ciencia moderna parece indicar que todo está determinado, mais de ser así, non quedaría espazo para a liberdade moral.
  • Kant diferencia dous planos:
    • **Fenoménico**: mundo da experiencia, da ciencia (causa-efecto).
    • **Nouméno**: realidade máis alá da experiencia, o mundo das cousas en si (liberdade e moral).

Postulados Necesarios para a Moral

1. Liberdade
  • Se non hai liberdade, non hai responsabilidade moral.
  • A vontade debe poder decidir libremente.
2. Inmortalidade da Alma
  • A perfección moral absoluta require unha vida infinita.
  • Nunha vida finita non é posible que todas as accións se fagan por deber.
3. Existencia de Deus

O ser humano busca a felicidade e a moralidade, pero estas cousas poden ser contraditorias. Deus é necesario como garante da harmonía entre felicidade e moralidade.

Consideracións Finais sobre os Postulados

  • Non se poden demostrar empiricamente.
  • Son condicións racionais necesarias para que a moral sexa posible.
  • A metafísica, aínda que inútil como ciencia, ten sentido na moral (razón práctica).

Karl Marx

Obxectivo final: derrubar o Estado burgués e construír unha sociedade sen clases (**comunismo**).

1. Alienación

Estar «fóra de si» ou «perderse a si mesmo» por estar sometido polo modo de produción. Marx analiza a **alienación** do traballador no sistema capitalista, que non se recoñece no seu traballo nin no que produce.

Tipos de Alienación

O traballador é vítima dunha cuádrupla alienación:

  1. Con respecto ao **produto do traballo**: o que crea é alleo, apropiado polo capitalista.
  2. Con respecto á **actividade laboral**: o traballo, que debería ser realización persoal, é algo imposto, repetitivo e deshumanizador.
  3. Con respecto á **natureza**: deixa de ser algo próximo e útil; convértese en propiedade doutros.
  4. Con respecto a **outros seres humanos**: perde a capacidade de traballar para o ben común, e aparece a competencia.

A causa fundamental da alienación é a **propiedade privada**, e Marx propón abolila para eliminar o traballo alienado.

Outras formas de alienación:

  • Social: por división en clases.
  • Política: separación entre sociedade civil e Estado.
  • Ideolóxica: relixión e filosofía deforman a realidade, creando unha falsa conciencia.

2. Ideoloxía

A **ideoloxía** xustifica o sistema de dominación e fai que os oprimidos o acepten.

  • Presenta a explotación como lexítima: «o capitalista merece o beneficio porque posúe os medios de produción».
  • A ideoloxía disfraza a realidade, transformando as relacións reais en ideas imaxinarias.
  • Último grao de alienación: o traballador cre que a explotación é xusta. Cre que o empresario ten dereito a quedarse cunha parte do seu traballo, o que xera un círculo vicioso de lexitimación.

3. Análise da Economía Capitalista

A Mercadoría

Ten **valor de uso** (utilidade) e **valor de cambio** (traballo necesario para producila).

A Plusvalía

**Plusvalía**: fonte do beneficio capitalista. É a diferenza entre o valor creado polo traballador e o salario que recibe. O capitalista aprópiase desa diferenza.

Tipos:

  • **Absoluta** (aumento da xornada laboral).
  • **Relativa** (mellora tecnolóxica que permite máis produción co mesmo tempo).

Consecuencias do Capitalismo

  • O capital concéntrase nas mans dos empresarios.
  • Os traballadores acaban en salarios de subsistencia.
  • Isto xera **conciencia de clase** e o desexo de revolución.

Contextos Filosóficos

Contexto de Immanuel Kant

Kant desenvolve o seu pensamento no século XVIII, en pleno contexto da **Ilustración**, movemento que confiaba plenamente na capacidade da razón humana para liberar a humanidade da ignorancia e da superstición. Nunha Europa dominada aínda por monarquías absolutas pero tamén en proceso de transformación social e política, Kant herda a influencia da ciencia de **Newton** e das ideas filosóficas de autores como **Locke** e **Hume**. Fronte á confianza cega na razón ilustrada, Kant propón unha reflexión crítica sobre os límites do coñecemento humano, buscando establecer os fundamentos que permitan á razón avanzar sen caer no dogmatismo nin no escepticismo.

Contexto de Karl Marx

Marx desenvolve a súa filosofía no século XIX, no contexto da **Revolución Industrial** e das revolucións liberais que transforman Europa. O crecemento do capitalismo industrial trouxo consigo profundas desigualdades sociais, provocando a aparición do **proletariado** e das primeiras organizacións obreiras. Neste escenario de explotación e inxustiza, Marx analiza os mecanismos de **alienación** e **ideoloxía** que sosteñen o sistema, propoñendo unha crítica radical ao capitalismo e unha aposta pola emancipación da clase traballadora.

Contexto de Hannah Arendt

Hannah Arendt (Linden-Limmer, 14 de outubro de 1906 - Nova York, 4 de decembro de 1975) foi unha escritora e teórica política alemá, posteriormente nacionalizada estadounidense e de relixión xudía. Foi unha das filósofas máis influentes do século XX polas súas contribucións no campo da filosofía política.

Contexto de Simone de Beauvoir

Simone de Beauvoir viviu nunha Francia marcada por dúas guerras mundiais, a ocupación nazi e a posguerra. Politicamente, inclinouse cara á esquerda, apoiando causas anticolonialistas e feministas. Filosoficamente, foi figura central do existencialismo xunto a Jean-Paul Sartre. Criticou as estruturas patriarcais e sociais que oprimían a muller. A súa obra máis influente, O segundo sexo (1949), revolucionou o pensamento feminista. Defendeu a liberdade individual e a responsabilidade ética nun mundo sen verdades absolutas.

Comentarios de Actualidade

Comentario de Actualidade: Gaza, Obediencia e a Banalidade do Mal

Durante a ofensiva militar de Israel sobre Gaza en 2023-2024, informes de medios e organizacións como Human Rights Watch denunciaron a morte de miles de civís, incluídos nenos. Moitos soldados xustificaron as súas accións ao alegar que só seguían ordes ou cumprían protocolos establecidos polo Estado.

Este comportamento pode ser analizado a partir da teoría da **«banalidade do mal»** de Hannah Arendt, que explica como persoas correntes, sen odio persoal, poden cometer actos atroces só por non reflexionar sobre as consecuencias morais das súas accións. Arendt, no caso de Eichmann, demostra que a **obediencia cega** aos superiores non exime de responsabilidade moral. Os militares israelís, ao seguir ordes sen cuestionar a súa xustiza, replican este patrón de desresponsabilización.

A **racionalidade burocrática**, ao tratar os ataques como «obxectivos militares» ou «danos colaterais», facilita a **deshumanización** do outro, xa que as vítimas son vistas como obstáculos que hai que eliminar. Este mecanismo de xustificación elimina a empatía e permite que se legitimen actos inhumanos.

Desde o meu punto de vista, a responsabilidade moral dos implicados non se dilúe só por seguir ordes. Arendt subliña que a capacidade de **pensar por un mesmo** e reflexionar sobre as nosas accións é crucial para evitar a banalización do mal e a violencia innecesaria.

En conclusión, a teoría de Arendt mostra como a obediencia sen reflexión pode xustificar actos atroces. A deshumanización e a tecnificación da guerra son elementos que facilitan este tipo de violencia, pero só a conciencia moral e a reflexión ética poden evitar que isto se repita.

Comentario de Actualidade: Marx e a Precariedade Laboral Dixital

Recentemente, coñeceuse a noticia de que os traballadores das plataformas dixitais, como os repartidores de comida ou condutores de transporte privado, xeran grandes beneficios para as empresas, pero reciben só unha pequena parte deses ingresos. Estes traballadores operan como «autónomos», sen contrato fixo nin seguridade social, o que lles impide acceder aos dereitos laborais básicos.

Este feito pode relacionarse coa filosofía de **Karl Marx**, quen argumentaba que no sistema capitalista os traballadores producen máis valor do que reciben como salario. Para Marx, a riqueza que crean os traballadores non se queda con eles, senón que as empresas, propietarias dos medios de produción, quedaranse coa maior parte deses beneficios. Isto é a **plusvalía**, un concepto marxista que explica como os traballadores son explotados para maximizar as ganancias dos empresarios.

A situación tamén se pode analizar desde a perspectiva da **alienación**. Segundo Marx, os traballadores séntense alienados cando non teñen control sobre as condicións do seu traballo. Neste caso, os repartidores están sometidos á burocracia das plataformas, sen posibilidade de decidir sobre as súas xornadas ou as condicións laborais.

Desde o meu punto de vista, esta situación reflicte unha clara forma de **explotación**. A pesar de ser os responsables de xerar valor, os traballadores reciben moi pouco en comparación co que as empresas obteñen. Para mellorar as condicións destes traballadores, sería necesario reformar as leis laborais, garantindo dereitos básicos como a seguridade social e salarios xustos.

En conclusión, a teoría de Marx axúdanos a comprender como as empresas se aproveitan da precariedade laboral para maximizar os seus beneficios á costa dos traballadores.

Entradas relacionadas: