Grandes Voces da Narrativa Galega: Un Percorrido Literario

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 6,24 KB

Ánxel Fole

Obra Narrativa

A técnica empregada por Fole é a do conto oral. Deste xeito, as historias adoitan comezar cunha fórmula introdutoria que establece unha localización temporal ou espacial máis ou menos precisa, desenvólvense de forma linear e rematan cunha sentenza de carácter didáctico.

Os contos de Fole teñen fontes diversas (tradición oral, acontecementos vividos polo autor e a súa propia imaxinación), así como tamén é variada a súa tipoloxía (relatos fantásticos), sendo os elementos temáticos referenciais a paisaxe e o humor.

As súas obras son: Á lus do candil e Terra brava.

En Terra brava predominan máis as historias nas que aparecen experiencias parapsicolóxicas e misteriosas, case sempre premonitorias de acontecementos como a morte.

Lingua e Estilo

A intención de Fole de retratar unha Galicia misteriosa e máxica a través de experiencias paranormais e lendas tradicionais maniféstase tamén na súa maneira fluída de contar. Este desexo de ser fiel á realidade lévao ao emprego dunha prosa áxil e enxebre.

En consonancia con isto, a lingua da súa obra narrativa é propia das zonas de Lugo polas que transcorren as súas historias. É un galego vivo, recollido da fala popular, inzado de dialectalismos, vulgarismos, castrapismos e castelanismos.

Xosé Neira Vilas

Obra Narrativa

Constante presenza do mundo rural galego de posguerra, dominado pola miseria e no que os protagonistas manteñen unha conflitiva relación co medio debido á situación de opresión que padecen.

As súas obras máis destacadas, que conforman o ciclo do neno, son:

  • Memorias dun neno labrego
  • Cartas a Lelo
  • Aqueles anos do Moncho

Memorias dun neno labrego

Maniféstanse as inquedanzas e a frustración de Balbino, un rapaz que vive nun mundo labrego de miseria e represión.

Cartas a Lelo

É unha especie de continuación do primeiro libro, onde Balbino escribe a Lelo.

Aqueles anos do Moncho

Ten un narrador en terceira persoa a través do cal o lector coñece a historia do Moncho, o rapaz protagonista.

Álvaro Cunqueiro

As obras deste autor adoitan clasificarse en dúas liñas principais:

  • Narrativa longa: Merlín e familia, As crónicas do Sochantre e Se o vello Sinbad volvese ás illas.
  • Libros de semblanzas: Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes.

Así, nos libros de narrativa longa adoitan aparecer personaxes míticos como Merlín ou Sinbad e as accións transcorren xeralmente en terras afastadas. Pola contra, nos libros de semblanzas, os protagonistas, ambientes e espazos son totalmente galegos.

Cunqueiro foi, en definitiva, un particular narrador realista, non só no sentido de reproducir fielmente o mundo exterior, senón no de artellar unha prosa na que a inclusión de referencias a lugares, personaxes, etc., reais ou de aparencia real lle confiren un alto grao de verosimilitude ao narrado.

Merlín e familia

É unha sucesión de historias relacionadas entre si pola presenza do personaxe principal, o mago Merlín. Ao longo do texto, Filipe e Amancia, que fora paxe do mago Merlín, van lembrando os diferentes episodios acaecidos na consulta daquel cando vivía nas terras luguesas de Miranda. Destaca a abundancia de descricións.

As crónicas do Sochantre

Nesta novela, Cunqueiro sitúa a acción na Bretaña (Francia) na época da Revolución Francesa. O personaxe principal é o sochantre de Pontivy, quen, indo un día actuar a un oficio fúnebre, é recollido nunha carroza na que viaxan varios defuntos. O Sochantre viaxará con eles durante varios anos visitando lugares e vivindo diversas peripecias.

Se o vello Sinbad volvese ás illas

Novela protagonizada polo mítico personaxe das Mil e Unha Noites que nesta obra se presenta como un mariñeiro vello que, retirado no país de Bolanda, ten que inventar diariamente historias diante de amigos e veciños para manter o prestixio. Deste xeito, ao longo da obra vanse integrando numerosos relatos contados polo protagonista.

Escola de menciñeiros e fábula de varia xente, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes

Nelas, Cunqueiro, utilizando o modelo do conto oral, retrata personaxes insólitos e curiosos, con poderes extraordinarios, típicos da Galicia rural e máxica.

Eduardo Blanco Amor

Obra Narrativa

A acción nas obras narrativas de Blanco Amor desenvólvese sempre no mesmo marco espacial, Auria (Ourense), e no mesmo tempo, as dúas primeiras décadas do século XX.

Escritas en primeira persoa e inxustas de personaxes, pódense atopar nelas certos temas recorrentes: o mundo da infancia e adolescencia, o mundo da violencia e marxinación, as relacións familiares, a educación nas escolas...

A esmorga

O narrador explica en primeira persoa como chegou a coñecer a historia que vai contar. Son cinco capítulos onde se transcriben as declaracións de Cibrán. Conta o que fixo co Bocas e o Milhomes durante 24 horas. Percorren Auria nunha ambientación sórdida, que dá como resultado a morte de todos (ao final introdúcese un narrador para comentar a morte de Cibrán).

Cibrán é un mozo ben intencionado que carece de vontade, e vese involucrado polo Bocas, de forte personalidade, e o Milhomes, algo afeminado.

Blanco Amor emprega a técnica "telefónica": o lector só pode ler a voz do encausado e ten que reconstruír as palabras da acusación.

Os biosbardos

Está formada por un conxunto de sete narracións curtas onde aparece un mundo infantil misterioso.

Xente ao lonxe

É a crónica da familia Villar, de clase traballadora e formada por activos sindicalistas. Abarca temporalmente desde o nacemento do fillo máis novo ata a inminente morte do pai, enfermo no cárcere de Burgos, suceso que acontecerá cinco anos máis tarde.

Entradas relacionadas: