Legado Cultural del Exilio Gallego en América: Poesía y Resistencia
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,44 KB
O Exilio Galego en América: Preservación Cultural e Política
A derrota do bando republicano na Guerra Civil empurrou ao exilio a moitos galegos, entre eles escritores, artistas e intelectuais. Os países de América, principalmente Arxentina e Uruguai, acolleron o maior continxente de exiliados galegos. Existían xa alí comunidades galegas máis ou menos nutridas e estables, consecuencia do continuo fluxo migratorio desde o século XIX. Este feito, unido á existencia dun tecido asociativo, mutualista e cultural importante, facilitou en boa medida o inserimento profesional e o arroupamento político e afectivo dos exiliados galegos nestes países.
En Bos Aires e Montevideo, cidades entón prósperas e cosmopolitas, concentráronse intelectuais como: Castelao, Dieste, Seoane, etc. E a eles sumáronse os que, vivindo xa nesas cidades como emigrantes, optaron por compartir con eles a condición de exiliados: Blanco Amor, Pita, etc.
Esta concentración de intelectuais axudou a dinamizar a vida asociativa da comunidade galega, reforzando as posicións políticas do galeguismo. En 1944 constitúen o chamado Consello de Galiza, presidido por Castelao, que defendía a legalidade republicana usurpada no 36, a recuperación do Estatuto de Autonomía e o recoñecemento da pluralidade nacional do Estado español mediante o pacto de Galeuzca. O exilio mantivo así acesa a chama da cultura galega que non podía desenvolverse baixo o franquismo, ao mesmo tempo que garantiu a continuidade do galego como idioma escrito.
A Poesía no Exilio Galego: Voces de Resistencia e Identidade
O ámbito poético foi o que recibiu maior número de achegas desde o exilio. A maior parte dos poemarios apareceron en Bos Aires e abordaron temas que estaban vetados na Galicia dominada polo franquismo ou reflectían problemáticas específicas da colectividade exiliada: a denuncia social, a emigración, o patriotismo galego, a reflexión sobre a situación do exiliado, etc. Entre os principais poetas do exilio galego destacan:
- Luís Seoane: na súa poética máis coñecida, "Fardel de exiliado", cultiva unha poesía social e comprometida, de corte socialrealista. Seoane, como Lorenzo Varela, desenvolve esta poesía nun momento anterior á poesía de compromiso político que imperará na literatura galega nos sesenta e comezos dos setenta. A temática da emigración vai ser a máis frecuente, pero orientada desde unha óptica progresista de trasfondo marxista, denunciando as causas que a provocaron, e ao seu lado rexistramos unha visión mítico-reivindicativa da historia de Galicia que axude ao pobo galego a ter unha formación da súa conciencia histórica con dous momentos protagonistas: o celta e o medieval irmandiño.
- Lorenzo Varela: principiou a súa actividade poética en español, pero o seu poemario máis destacado está escrito en galego, "Lonxe". As vivencias tráxicas da Guerra Civil, o pasado histórico das clases populares, certas figuras emblemáticas ou míticas da Galicia medieval e a saudade da terra son, resumidamente, os seus temas recorrentes.
- Emilio Pita: animador incansable das iniciativas culturais antes mencionadas, publicou tamén varios poemarios: a nostalxia por Galicia, a condición do emigrante, a denuncia da opresión franquista e as vivencias persoais son os temas básicos da súa poesía.