O Legado da Segunda Guerra Mundial: Causas, Desenvolvemento e Transformacións Globais

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 22,82 KB

A Segunda Guerra Mundial

1. Causas

1.1 Os Contendentes

O 1 de setembro de 1939 iniciábase a Segunda Guerra Mundial. O conflito durou case seis anos, ata o 5 de agosto de 1945, e considérase o máis importante da historia da humanidade.

Os países contendentes agrupáronse en dous bandos. Por unha parte, as potencias occidentais ou Aliados, liderados por Reino Unido e Francia; e por outra parte, as potencias do Eixe, lideradas por Alemaña e Italia. Durante a contenda, ambos os dous bandos incorporaron aliados, como a Unión Soviética e os Estados Unidos, no bando Aliado, e Xapón, no bando do Eixe, o que lle deu ao conflito un alcance mundial.

O Camiño cara á Guerra: Os Pactos

  • O Pacto de Aceiro: O 22 de maio de 1939, Hitler e Mussolini asinaron o Pacto de Aceiro, que establecía o apoio mutuo de ambos os dous países en caso de guerra. Configurábase así o chamado Eixe Roma-Berlín, ao que se sumaría Xapón en 1940, unha vez iniciada a guerra.
  • O Pacto Xermano-Soviético: O 23 de agosto de 1939, a URSS de Stalin e Hitler asinaron un pacto no que «as dúas partes contratantes se obrigan a absterse de todo ataque a unha contra a outra». As cláusulas secretas do pacto estipulaban a partición de Polonia entre rusos e alemáns.

1.2 Causas do Conflito

As Causas Xerais

As causas xerais da guerra foron múltiples. O desexo de desquite de Alemaña, pois consideraba que fora humillada no Tratado de Versalles ao impoñérselle o pagamento de indemnizacións aos Aliados e unha redución do exército e da frota. A aparición das ideoloxías totalitarias e o auxe do militarismo. Os nacionalismos, orixe de reivindicacións territoriais. E a depresión económica e o empobrecemento xeral causados pola crise de 1929.

As Causas Inmediatas e a Chispa

Entre as causas inmediatas da guerra destacan a política militarista e agresiva das potencias totalitarias nos anos anteriores á guerra. Así, Xapón invadiu Manchuria en 1932; Italia anexionou Abisinia e Albania en 1935 e 1939, respectivamente; e Alemaña, co pretexto de incorporar ao seu imperio os territorios de poboación xermana, anexionou Austria e a rexión checa dos Sudetes en 1938 e case toda Checoslovaquia en 1939. Estas agresións non foron contidas a tempo pola Sociedade de Nacións nin polas democracias occidentais, que optaron por realizar concesións para tratar de evitar o conflito.

A chispa que ocasionou o inicio da contenda foi a invasión de Polonia por Alemaña, sen que houbera previamente unha declaración de guerra, o 1 de setembro de 1939, tras asinar un pacto de non agresión coa URSS. Este feito provocou a declaración de guerra do Reino Unido e Francia contra Alemaña.

2. Acontecementos e Consecuencias

2.1 O Desenvolvemento do Conflito (1939-1945)

Características da Guerra

A guerra tivo unha enorme extensión, xa que as súas operacións se desenvolveron no Pacífico, en Europa e en África, implicou a sesenta países, e afectoulle dun xeito ou doutro ao 90% da humanidade. Foi, ademais, unha guerra de gran duración —seis anos, dous máis que a primeira—. Debeuse, sobre todo, ás vitorias iniciais de Alemaña, que obrigaron a unha longa reconquista do territorio.

Tamén destacou polo seu carácter de guerra total, xa que obrigou a organizar a economía dos países contendentes en función da guerra, mobilizou máis de 100 millóns de persoas e utilizou un potente armamento (tanques, bombas, aviación, etc.). E alcanzou unha extrema crueldade: uns 800 millóns de civís sufriron a ocupación inimiga, bombardeos e privacións; e houbo deportacións, torturas, asasinatos e xenocidios.

Etapas e Acontecementos
  • As Vitorias do Eixe (1939-1941): Alemaña lanzou unha «guerra lóstrego» baseada no uso conxunto de tanques e avións. Grazas a iso, e á neutralidade de Rusia, ocupou ata 1940 case toda Europa occidental. Logo, co apoio de Italia, forzou a Francia a asinar un armisticio, ocupou parte do seu territorio e obrigou á formación do goberno colaboracionista de Vichy. Tamén intentou render a Reino Unido mediante bombardeos; conquistou territorios no norte de África e os Balcáns (1940); e en 1941 invadiu a URSS, ante a necesidade de recursos alimentarios e enerxéticos. Isto abriu unha segunda fronte no leste europeo. Pola súa banda, Xapón, que desexaba estender a súa influencia no Pacífico, destruíu en 1941 a frota dos Estados Unidos en Pearl Harbour (Hawaii). Este feito provocou a entrada dos Estados Unidos no conflito.
  • O Equilibrio de Forzas (1941-1943): Nestes anos, Alemaña foi freada polos británicos no norte de África e polos rusos en Stalingrado; Italia foi invadida polos Aliados; e Xapón foi freado por EE. UU. no Pacífico.
  • O Predominio Aliado (1943-1945): Foi resultado dunha dobre ofensiva en Europa. Polo oeste, tras o desembarco de Normandía (1944), os Aliados liberaron París e penetraron en Alemaña. Polo leste, o Exército Vermello soviético ocupou diversos países de Europa oriental (1944), mentres os guerrilleiros partisanos liberaban Iugoslavia e Albania dos nazis. Finalmente, en abril de 1945, Mussolini foi capturado e executado; e dous días despois Hitler suicidábase en Berlín, tras a entrada na cidade do exército ruso. No Pacífico, Xapón retirábase de Birmania, Filipinas e China tras as batallas de Iwo Yima e Guadalcanal. Finalmente rendíase tras o bombardeo atómico por EE.UU. das cidades de Hiroshima e Nagasaki o 6 e o 9 de agosto de 1945. Este feito puxo fin á guerra.

2.2 As Consecuencias da Guerra

  • Perdas Humanas e Materiais: Como efecto das batallas, os bombardeos a poboacións e as represalias producíronse entre 50 e 60 millóns de mortos, a maioría civís, e 70 millóns de feridos e mutilados. Ademais, tras a guerra, houbo máis de 40 millóns de desprazamentos forzosos polas modificacións fronteirizas. A guerra destruíu tamén campos e cidades, industrias, e infraestruturas como pontes, portos, ferrocarrís, etc.
  • Repercusións Políticas: Desapareceron monarquías europeas. Caeron os réximes totalitarios e revitalizáronse as democracias. E a nivel internacional impúxose unha nova orde política mundial liderada polas dúas superpotencias vencedoras na guerra: os Estados Unidos e a URSS.
  • Cambios Territoriais: Tras os tratados de paz xurdiu un novo mapa de Europa, pois foron moitos os países que ampliaron ou reduciron os seus territorios.
  • Holocausto: O partido nazi adoptou desde a súa fundación en 1920 unha ideoloxía racista antisemita. Froito dela foi a implacable persecución que levaron a cabo contra os xudeus e as súas propiedades desde que alcanzaron o poder en Alemaña. Pero foi durante a II Guerra Mundial cando o horror alcanzou toda a súa crueza coa creación de campos de exterminio como Treblinka ou Auschwitz. Estes últimos fixéronse para facilitar o Holocausto, ou «solución final» da cuestión xudía; é dicir, o xenocidio de máis de seis millóns de xudeus. Recluídos en campos de traballos forzados, foron sistematicamente exterminados mediante cámaras de gas.

3. O Deseño da Paz: A ONU

3.1 As Conferencias Previas

Antes de finalizar a guerra en 1945, os Aliados reuníronse nunha serie de conferencias para solucionar os problemas relativos a Alemaña e a Europa oriental.

  • Na Conferencia de Teherán (novembro de 1943), acordouse que a URSS anexionase as repúblicas bálticas e o leste de Polonia.
  • Na Conferencia de Yalta (febreiro de 1945), os chamados Tres Grandes —Churchill, Roosevelt e Stalin—, estableceron o compromiso de que a reconstrución de Europa se fixese mediante gobernos democráticos; delimitaron as fronteiras de Polonia; e decidiron a división de Alemaña e da cidade de Berlín en catro zonas de ocupación militar: estadounidense, británica, francesa e soviética.
  • Na Conferencia de Potsdam (xullo-agosto de 1945), acordouse a devolución dos territorios ocupados polos nazis; a desmilitarización e a partición de Alemaña convidas en Yalta; o pagamento de reparacións; e o castigo dos responsables nazis. Os xuízos contra os crimes de guerra cometidos polos nazis celebráronse na cidade alemá de Núremberg.

3.2 Os Tratados de Paz

Despois da guerra, en 1946, asináronse diversos tratados de paz e acabáronse de axustar as fronteiras de Europa. Tras eles, a URSS ampliou o seu territorio no Báltico e no leste a costa de Polonia, que foi compensada estendendo a súa fronteira oeste ata o río Oder a expensas de Alemaña. Alemaña e Berlín dividíronse nas zonas de ocupación acordadas en Potsdam. Italia quedou ocupada por un exército angloamericano e perdeu as súas colonias; Xapón quedou ocupado polos Estados Unidos, perdeu as súas colonias e cedeulle Manchuria a China. E Europa oriental quedou ocupada por millóns de soldados rusos.

3.3 A Creación da ONU

Os Aliados decidiron tamén a creación da Organización das Nacións Unidas (ONU), unha nova organización internacional que substituíse a ineficaz Sociedade de Nacións. O seu nacemento legal produciuse en xuño de 1945, na Conferencia de San Francisco, e a súa carta de fundación foi asinada por 50 Estados. Tería a súa sede en Nova York, e estaría integrada por unha Asemblea Xeneral de todos os seus membros, un Consello de Seguridade de once membros —5 deles permanentes—, e outros organismos. Os seus obxectivos eran manter a paz e a seguridade mundial mediante a solución pacífica dos conflitos, a cooperación internacional e o respecto aos dereitos humanos e á libre determinación dos pobos.

4. A Cultura e a Arte entre 1919 e 1945

4.1 A Cultura e a Ciencia

A literatura deste extenso período histórico caracterizouse por dúas correntes contrastadas: unha pesimista e outra pacifista. O cine foi evolucionando desde películas mudas e en branco e negro a películas sonoras e en cor.

Na ciencia, Albert Einstein formulou a teoría da relatividade, e Max Planck iniciou a física cuántica.

4.2 A Evolución Artística

A Arquitectura Racionalista

En arquitectura, unha vez esgotado o modernismo a comezos de século, xurdiu o chamado movemento moderno ou racionalismo, caracterizado polo abandono dos excesos ornamentais, pola tendencia á simplificación das formas e pola valoración da función á que se destina o edificio. O racionalismo orixinou dúas correntes: o funcionalismo e o organicismo.

  • O Funcionalismo: Característico de Europa, buscou crear unha arquitectura nova baseada na razón e no principio de que «a forma segue á función». Os edificios adoptaron volumes xeométricos e sen decoración, e plantas simples perfectamente adaptadas á súa función. Os seus representantes principais foron Walter Gropius, fundador da escola alemá da Bauhaus, que integraron a arquitectura co deseño interior e o mobiliario; e Le Corbusier, que buscou recuperar a dimensión humana da arquitectura en obras como a Villa Savoye.
  • O Organicismo: Desenvolveuse sobre todo nos Estados Unidos, e buscou a integración do edificio na natureza empregando materiais máis plásticos e formas máis curvas. Nesta corrente destacou Frank Lloyd Wright, coa súa Casa sobre a fervenza.

Casa dos Mestres da Bauhaus, Walter Gropius, 1925, Dessau (Alemaña).

Casa da fervenza, Frank Lloyd Wright, 1939, Pennsylvania (Estados Unidos).

A Escultura

A escultura utilizou os novos materiais proporcionados pola industria, como o ferro, e introduciu o movemento real nas obras (esculturas con movemento).

A Pintura: Dadaísmo, Surrealismo e Abstracción
  • O Dadaísmo: Foi unha corrente provocadora que reivindicou a destrución da arte e a utilización do azar e do absurdo. Nela destacou Marcel Duchamp, creador dos ready-made, obras realizadas con obxectos de vida cotiá. Con eles pretendía demostrar que a súa simple exposición nunha sala de arte lles daba un valor artístico do que realmente carecían e que, polo tanto, a arte era só unha actitude mental do espectador.
  • O Surrealismo: Moi influenciado polos descubrimentos da psicanálise, inspirouse no inconsciente e nos soños para crear obras caracterizadas polas relacións absurdas e irracionais entre os seus elementos. Neste período, os seus principais representantes foron René Magritte e Marc Chagall. En España destacou no surrealismo Salvador Dalí (1904-1989), que realizou sempre cadros figurativos caracterizados por un magnífico debuxo. A súa orixinalidade reside na temática, inspirada no mundo dos soños e no subconsciente. Para a execución das súas obras seguía o chamado método paranoicocrítico, consistente en plasmar imaxes e asociacións entre elas creadas pola mente nun estado de paranoia ou delirio. En Galicia destacan a pintora Maruja Mallo e o artista Eugenio Granell, que tiveron que desenrolar a súa obra dende o exilio trala Guerra Civil.
  • A Abstracción: Eliminou das obras calquera referencia ao mundo real, co que a cor e as formas se converteron nas verdadeiras protagonistas do cadro. Pintores destacados desta corrente foron Vasily Kandinsky, Paul Klee e Piet Mondrian.

Roda de bicicleta, Marcel Duchamp, 1913 aprox., Museo de Israel (Israel). Esta obra segue o principio dadá de dar categoría de obras de arte a obxectos que non o son.

The lovers, René Magritte, 1928, Museo de Arte Moderna (MoMA), Nova York (Estados Unidos).

La persistencia de la Memoria, Salvador Dalí. Nesta obra o autor representa o concepto do espazo-tempo cos reloxos brandos, e introduce obxectos e formas reais ou transformadas que proceden dun mundo onírico.

Antro de Fósiles, Maruja Mallo, 1930, Museo Reina Sofía.

Paolo Uccello suelta una paloma, Eugenio Granell, 1974, Fundación Eugenio Granell, Santiago de Compostela.

Composiciónn A: Composición con Negro, Vermello, Gris, Amarelo, e Azul, Piet Mondrian, 1920.

Entre a abstracción e o surrealismo, atópase un dos pintores españois máis destacados deste século: Joan Miró (1893-1983) realizou obras que parten da fantasía, o irracional e o mundo do soño. A miúdo, conteñen elementos humorísticos, imaxes distorsionadas, formas orgánicas retorcidas, elementos da natureza como o sol ou a lúa, ou estrañas construcións xeométricas. As composicións organízanse sobre fondos planos de cor e están pintadas con tons brillantes. Non foi nunca un surrealista ortodoxo e, a partir de 1940, abandonou esta corrente pictórica para desenvolver un estilo propio.

El Carnaval del Arlequín, Joan Miró, 1925.

5. A Descolonización. Nova Xeopolítica Mundial (1945-1991)

A descolonización foi o proceso que, a partir de 1945, conduciu á desaparición dos imperios coloniais existentes e á independencia das súas colonias. Afectoulle a máis da metade da superficie terrestre e a 1.500 millóns de persoas repartidas en máis de cincuenta países.

1.1 As Causas da Descolonización

As causas que influíron no proceso de descolonización foron varias:

  • A Segunda Guerra Mundial: As colonias convertéronse en escenario de combates e colaboraron ao conflito con soldados e recursos; grazas a iso, adquiriron conciencia da súa importancia. Ademais, as derrotas sufridas polas potencias coloniais durante a guerra minguaron o seu prestixio.
  • Os Movementos Nacionalistas: Tras a Segunda Guerra Mundial estendéronse polas colonias as ideas nacionalistas impulsadas polo liberalismo e o marxismo. Estas ideoloxías defendían o dereito dos pobos a decidir o seu futuro e a gobernarse por si mesmos.
  • O Xurdimento de Líderes Carismáticos: As elites de moitos pobos colonizados estudaran nas universidades e academias militares europeas. Ao volver aos seus territorios de orixe, formaron partidos políticos organizados á imaxe e semellanza dos existentes nas metrópoles, e puxéronse á fronte do proceso de independencia. Foi o caso do Mahatma Gandhi e o Partido do Congreso, na India; de Ho Chi Minh e a Fronte para a Liberación do Vietnam, en Indochina; de Sukarno e o Partido Nacional de Indonesia, en Indonesia, e de Lumumba e o Movemento Nacional Congolés (MNC), no Congo.
  • O Apoio Internacional: Procedeu de grupos de intelectuais; de igrexas cristiás; de movementos internacionais humanitarios; e da ONU, organización que defendía o principio de autodeterminación dos pobos como un dereito fundamental destes. Neste apartado inclúense tamén as políticas dos Estados Unidos e da URSS, as dúas superpotencias vencedoras na Segunda Guerra Mundial, que viron na emancipación das antigas colonias europeas unha oportunidade para ampliar as súas respectivas áreas de influencia.

1.2 As Etapas da Descolonización

O proceso descolonizador desenvolveuse en tres fases:

  • A primeira comezou en Asia, en 1945, e prolongouse ata a Conferencia de Bandung de 1955. Afectoulles, sobre todo, ás colonias británicas, holandesas e francesas de Asia e Oriente Próximo.
  • A segunda levouse a cabo entre 1956 e 1975. Afectoulles a algúns países norteafricanos e, sobre todo, a África subsahariana.
  • A terceira produciuse a partir de 1975. Afectoulles a algúns restos coloniais —polo xeral, pequenos territorios situados na península arábiga, nas illas das Antillas e nos arquipélagos de Oceanía—, que se foron independendizando de forma pacífica e progresiva.

Nuns casos, a descolonización realizouse mediante pactos ou acordos pacíficos. Foi o caso da maior parte das colonias de Reino Unido, que mantiveron os seus lazos económicos e políticos a través da Commonwealth ou Mancomunidade Británica de Nacións. Noutros, levouse a cabo utilizando a forza, o que orixinou as chamadas guerras coloniais, caso de Alxeria, Angola ou Mozambique. Por último, nalgúns outros casos, produciuse de forma mixta; é dicir, por unha mestura da diplomacia e da guerra, caso de India e Indonesia.

2. O Proceso e as súas Consecuencias

2.1 A Descolonización de Asia e Próximo Oriente
  • En Asia, a independencia foi pacífica en Filipinas, onde os EE.UU. concedérona voluntariamente en 1946; e mixta na península do Indostán, onde a India británica se dividiu en 1947 nos estados da Unión India e Pakistán, do que máis tarde, en 1971, se separou Bangladesh. En cambio, conseguiuse mediante a guerra na Indonesia holandesa e na Indochina francesa, onde xurdiron os países de Vietnam, Laos e Camboxa.
  • En Próximo Oriente independendizáronse Siria, Líbano, Xordania, Iraq e outros países da península arábiga. Ademais, a ONU decidiu en 1947 dividir o territorio de Palestina para crear o Estado de Israel. A proclamación do Estado de Israel polos xudeus en 1948, ao finalizar o mandato británico sobre a rexión, orixinou varias guerras árabe-israelís e un conflito que perdura ata hoxe.
2.2 O Impulso Descolonizador. A Conferencia de Bandung e a ONU

A mediados do século XX a descolonización gañou un novo impulso grazas á Conferencia de Bandung e á actuación da ONU.

  • A Conferencia de Bandung (Indonesia) reuniu, en 1955, 29 países asiáticos e africanos de recente descolonización por iniciativa de Nehru, primeiro ministro hindú. O seu comunicado final tivo unha gran repercusión internacional, pois condenou o colonialismo e o racismo; afirmou o dereito das nacións a decidir o seu destino; ante a división do mundo en bloques, reclamou a coexistencia pacífica; e apostou pola neutralidade ante as grandes potencias. Con iso, sentou as bases do futuro Movemento de Países Non Aliñados.
  • A ONU, pola súa banda, condenou o colonialismo en 1960.
2.3 A Descolonización de África

En África, o proceso descolonizador foi máis tardío. En 1950 só eran independentes Exipto, Liberia e Etiopía. O resto do continente estaba en mans de potencias europeas.

  • O proceso de independencia afectou primeiro ás colonias do norte, como Libia (1951); Tunisia e Marrocos (1956); e Alxeria, tras unha longa guerra contra Francia (1962).
  • Máis tarde descolonizouse a maioría da África subsahariana (Ghana, Nixeria, Somalia, Kenya, etc.), en xeral de forma pacífica. Os únicos conflitos producíronse en Rhodesia do Sur, actual Zimbawe, onde se estableceu un réxime de apartheid que orixinou a insurrección da maioría negra; e no Congo belga (1960), onde se produciron cruentos enfrontamentos civís.
  • Por último, en 1975, independendizáronse as colonias portuguesas de Guinea-Bissau, Angola e Mozambique.
2.4 Consecuencias. O «Terceiro Mundo»

Os novos países enfrontáronse a graves problemas:

  • Políticos: O trazado arbitrario das fronteiras provocou frecuentes guerras e enfrontamentos, que serviron de pretexto para a imposición de ditaduras militares, corruptas e violentas.
  • Económicos: Moitos países seguiron dependendo das súas antigas metrópoles, ou caeron baixo a dependencia económica dos EE.UU. ou da URSS. Este fenómeno, coñecido como neocolonialismo, manifestouse en intercambios desiguais e endebedamento externo.
  • Sociais: O forte crecemento demográfico e a mala situación económica das antigas colonias provocaron un baixo nivel de vida. As súas principais manifestacións foron: a fame ou a desnutrición, as carencias médicas e sanitarias, e o analfabetismo.

O conxunto de países xurdidos da descolonización recibiu a partir de 1952 a denominación de «terceiro mundo», tanto pola súa semellanza co Terceiro Estado antes da Revolución Francesa, como pola súa decisión de non se aliñar co primeiro mundo (bloque capitalista) nin co segundo mundo (bloque comunista). Na política internacional, estes países quedaron relegados a unha posición secundaria.

Entradas relacionadas: