A Lingua Galega: Percorrido Histórico, Desafíos Actuais e Perspectivas de Futuro
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 8,29 KB
Introdución
O fin da ditadura en 1975 e a aprobación da Constitución en 1978 abriron un novo marco legal e social para o galego. A Constitución recoñece a Galiza, Cataluña e Euskadi como nacionalidades históricas e, no artigo 3, a cooficialidade do galego e do castelán en Galicia. Tres anos despois, o Estatuto de Autonomía (1981) establece que o galego é a “lingua propia” da comunidade (art. 5). Este concepto responde a xustificacións históricas e culturais; mentres que a condición de lingua oficial ten relación coas obrigas públicas. Este contexto propiciará a entrada do galego en ámbitos sociais nos que antes estaba vetado.
Para concretar estes artigos e co fin de darlle ao galego o seu lexítimo papel, o Parlamento de Galicia aproba por unanimidade a Lei de normalización lingüística (1983), a cal sentará as bases legais para o emprego do galego na Administración, no ensino ou nos medios de comunicación autonómicos (a Compañía de Radiotelevisión de Galicia, CRTVG, crearase en 1985). Como revisión e reforzo a este documento, aprobouse no ano 2004 o Plan xeral de normalización da lingua galega, que recolle máis de 400 medidas para normalizar o idioma en sete sectores sociais estratéxicos (administración; educación, familia e mocidade; economía e industria; medios de comunicación e industrias culturais...).
Avances da Lingua Galega en Diversos Ámbitos
No ensino
Dende que en 1979 a materia de Lingua Galega entra no sistema non universitario, a necesidade de crear materiais educativos deulle gran saída ás editoriais novas ou consolidando as vellas. Tamén se lexislou dende 1990 o uso da lingua galega como vehicular noutras áreas. Neste punto é urxente destacar os nefastos resultados sociolingüísticos dos últimos anos, que evidencian a grave diminución do galego na poboación máis nova e que ten como causa principal a falta de protección do galego nas últimas medidas aplicadas para o uso das linguas no ensino de Galicia (Decreto do 2010). E como logro neste sector debemos destacar a alfabetización sistematizada en lingua galega.
Na representación política
(Xunta, Parlamento, Deputacións...) ten a obrigada representación, pero detéctase en moitas ocasións ou sectores que só é un valor simbólico e de prestixio, non un valor real.
No eido cultural
Pódese dicir que se deron e se dan grandes pasos e logros grazas, en parte, ao fomento institucional e privado. Así, debemos destacar os últimos recoñecementos no sector audiovisual en galego para series de televisión, a estrea de filmes (Matria, As bestas, O que arde), na música (Tanxugueiras, Verto, Ses, A banda da Loba), no teatro, a iniciativa Xabarín. Tamén se normalizou o sector editorial (Xerais) e a literatura, cun papel destacado na infantil e xuvenil. E, como non, o galego é lingua visible en redes sociais, webs, blogues, podcast...
Nos medios de comunicación
Audiovisuais, atopamos contido en galego, case exclusivamente, na TVG e na Radio Galega (e nalgunha canle local). A aparición da CRTVG (inicio das emisións o 25 de xullo de 1985) constituíu un feito especialmente relevante e como ente público naceu co obxectivo de promover o uso do galego e superar os vellos prexuízos. Parece que este medio foi o feito normalizador máis estendido en Galicia. Nos medios impresos, tras o peche de A Nosa Terra (2012), actualmente só contamos cun diario de ampla cobertura, Nós Diario, íntegro en galego; e o semanario Sermos Galiza. O resto de xornais publican unicamente na Internet (Praza Pública, Galicia Hoxe...).
Na Internet
A presenza do galego é notable. Está dispoñible nas aplicacións máis utilizadas na rede: navegadores como Firefox, Chrome ou Explorer; buscadores como Google; as redes sociais Facebook, Instagram, Twitter..., aínda que a súa porcentaxe de uso é moi baixa.
No mundo empresarial
Hai firmas que se decataron de que o galego funciona como marca identitaria e de que os/as consumidores/as se decantan polos produtos propios en moitos casos. Son un bo exemplo as campañas de grandes cadeas de supermercados ou de telefonía.
Ámbitos con escasa presenza
No lado oposto, é preciso destacar a súa escasa presenza no mundo da xustiza e nos oficios relixiosos.
E tamén hai serios problemas no momento de elixir a lingua de transmisión familiar e na implantación escolar. Estes dous factores son os que xustifican que a día de hoxe na idade escolar o galego sexa a lingua minoritaria. Polo tanto, a perda de falantes acelerouse, especialmente na nenez e entre a mocidade. O galego continúa a ser a lingua maioritaria de Galicia, pois un 52,29% da poboación emprega maioritariamente esta lingua no seu día a día; con todo, son datos do IGE do 2018.
Esta perda de falantes contrasta co coñecemento que a poboación ten da lingua, sobre todo, despois da súa implantación obrigatoria na escola no 1979 (lenta e con moitas discusións intermedias). Informes recentes tamén advirten de que nas actitudes lingüísticas seguen dándose prexuízos lingüísticos (“os galegofalantes non falamos ben o galego”, “o galego é unha lingua de xente vella ou do ámbito rural”).
Daquela, hai que concluír que, malia os esforzos (públicos e particulares) e logros no proceso de normalización lingüística, hai un:
Estancamento no Proceso de Normalización
- O non alcance de todos os ámbitos de uso.
- A aplicación lexislativa desigual e intermitente no ensino e nos medios públicos.
- A non redución do avance cuantitativo do castelán.
- A falta de políticas lingüísticas eficaces e con verdadeira vontade.
Evolución Normativa: As Normas Ortográficas e Morfolóxicas
Este novo contexto para o galego a finais do século XX evidenciou a necesidade de crear un modelo normativo oficial. Este foi establecido nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, publicadas por primeira vez no ano 1982 e revisadas no 2003. Nesta reforma proponse unha “normativa de concordia”, que integra solucións tanto da normativa oficialista como da reintegracionista, non admitidas na primeira edición. Entre as novidades desta reforma atópanse as seguintes:
- O encontro da preposición A co artigo O pódese representar graficamente como AO ou Ó.
- Admítese tanto a terminación -ble como -bel para as palabras cultas que teñen o sufixo latino -BILIS.
- Elimínanse os demostrativos isto, iso e aquilo como formas neutras.
- Aglutínanse acotío, amodo, apenas, decontado, decontino, decotío, deseguida, deseguido, devagar, enseguida e talvez.
- Elimínanse anque, entón, nembargantes, sen embargo.
- Admítese ouvir ao lado de oír.
Características Lingüísticas do Galego Actual e o seu Deterioro
Por último, en canto ás características lingüísticas do galego actual cómpre subliñar o seu deterioro tanto a nivel oral coma escrito. Vese claramente na deturpación de trazos fonéticos propios (entoación, sistema vocálico...), morfolóxicos (colocación pronominal, uso de tempos verbais compostos...) e léxicos (castelanismos, hipergaleguismos).