Literatura Galega do Século XX: Autores, Movementos e Vangardas

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 27,56 KB

Introdución: A Literatura Galega Post-Rexurdimento

Despois do Rexurdimento, a literatura galega continuou coa influencia de Rosalía, Curros e Pondal. Durante as primeiras décadas do século XX, dous movementos sociais e ideolóxicos marcaron a dinámica literaria: o agrarismo, protagonizado polas asociacións de campesiños que buscaban abolir os foros e lograr unha reforma agraria, e as Irmandades da Fala, creadas en 1916, que eran agrupacións galeguistas que defendían a lingua galega e reivindicaban a identidade de Galicia como nación. Arredor delas agrupáronse autores como Antón Noriega Varela e Ramón Cabanillas.

Autores Destacados do Período

Antonio Noriega Varela (1869-1947)

Influído polo agrarismo e a literatura portuguesa, evolucionou dende un estilo costumista e ruralista ata unha poesía máis culta e refinada. A súa relación co galeguismo foi progresivamente afastándose, e nos seus últimos anos vinculouse co réxime franquista. Publicou un único libro titulado inicialmente Montañesas (1904, 1910), que evolucionou ata Do ermo (1920, 1929, 1946).

Etapas e Estilo

  • Na súa primeira etapa destacou pola poesía costumista, centrada na vida rural e os costumes, con gran musicalidade e ironía.
  • Na segunda etapa, influído por Rubén Darío e autores portugueses, desenvolveu unha poesía máis elaborada, con simbolismo relixioso e espiritual.

Tamén escribiu poesía satírica e burlesca, así como composicións cívicas que posteriormente eliminou das súas edicións.

Lingua e Métrica

En canto á lingua, emprega un galego coidado e próximo ao rexistro popular. Métricamente, destaca o uso de estrofas tradicionais, como os romances e os versos octosílabos.

Outros Autores Relevantes

  • Victoriano Taibo García (1865-1966): Seguiu as directrices de Cabanillas con poesía costumista, intimista e cívica. Publicou Abrente (1922) e Da vella roseira (1925).
  • Xerardo Álvarez Limeses (1871-1940): Publicou Antre dous séculos. Versos gallegos (1934), co que continuou os temas do Rexurdimento e a denuncia social.
  • Gonzalo López Abente (1878-1963): Cultivou poesía amorosa, social e dedicada ao mar, con obras como Escumas da ribeira (1911), Alento de raza (1918) e Nemancos (1929).
  • Xosé Crecente Vega (1896-1948): Foi autor de Codeseira (1933), un libro de poemas de inspiración campesiña e estética tradicional.

Ramón Cabanillas: Traxectoria e Obra (1876-1959)

En Cuba, os intelectuais galeguistas animárono a escribir en galego, iniciando unha produción prolífica. Estivo vinculado coas Irmandades da Fala e co galeguismo, colaborando activamente co Partido Galeguista. Durante a Guerra Civil, apoiou a República e, na posguerra, participou na recuperación cultural galega.

Etapas Principais

Cabanillas desenvolveu a súa obra en catro etapas principais:

  • Na etapa de formación (1910-1915), iniciou escribindo poesía en castelán, pero en Cuba adoptou o galego influído por intelectuais como Basilio Álvarez. Publicou No desterro (1913) e Vento mareiro (1915), onde combinou temas intimistas e sociais, denunciando a miseria dos labregos e os abusos dos caciques. Formalmente, mestura o legado do Rexurdimento e o modernismo.
  • Na etapa galeguista (1916-1920), asumiu unha voz educativa e galeguista en obras como Da terra asoballada (1917) e a peza teatral A man de Santiña (1921), centrando a súa denuncia nas inxustizas sufridas por Galicia.
  • Durante a etapa mitolóxica (1921-1930), escribiu sobre o pasado mítico galego en Na noite estrelecida (1926) e O Mariscal (1926). A súa poesía faise máis erudita, con referencias cultas e unha métrica que combina versos clásicos e populares.
  • Na etapa de posguerra (1939-1959), destacan obras como Camiños no tempo (1949), Antífona da cantiga (1951) e Samos (1958), reflectindo unha gran perfección técnica e empregando formas clásicas como o alexandrino, o hendecasílabo e as silvas.

Liñas Poéticas

En canto ás liñas poéticas, a obra de Cabanillas inclúe temas:

  • Intimistas, como o amor e a natureza.
  • Cívicos, relacionados coa denuncia social e o galeguismo.
  • Costumistas, cunha visión crítica e humorística dos costumes rurais.

Na súa poesía narrativa recrea o pasado mítico de Galicia, destacando Na noite estrelecida, onde adapta lendas célticas e artúricas á tradición galega.

Lingua e Métrica

En canto á lingua, utiliza un galego culto que evoluciona cara a un estándar literario afastado de vulgarismos. Métricamente, domina o octosílabo, o hendecasílabo e o alexandrino, adaptando os versos aos temas tratados cun elevado nivel técnico.

Análise de Poemas Clave

"En Pé!" de Ramón Cabanillas

"¡Irmáns no amor á Suevia de lexendaria historia, ¡en pé! ¡en pé dispostos!" (En Pé, Ramón Cabanillas. Da terra asoballada). Explica cal é a mensaxe deste himno e dúas características, con exemplos tirados do texto, que xustifiquen a súa adscrición á poesía cívica do autor. Indica outros dous títulos de poemarios de Cabanillas.

Ramón Cabanillas, tras publicar os seus primeiros poemarios na emigración cubana, regresou a Galicia, onde participou na creación das Irmandades da Fala. Con Da terra asoballada (1917), asumiu o papel de poeta civil, facendo de Galicia o suxeito principal da súa poesía. Este poema, cunha mestura de dez versos heptasílabos e dous hendecasílabos con rima asonante nos versos pares, pode considerarse un himno debido á abundancia de sintagmas exclamativos.

Mensaxe e Contexto

O suxeito lírico, o poeta, actúa tamén como receptor da mensaxe dirixida aos seus "irmáns", os galegos, defendendo o dereito á liberdade e á superación da opresión, como deixa claro o derradeiro verso: "¡A nosa terra é nosa!". Adoptando unha actitude didáctica, Cabanillas ofrece exemplos históricos da resistencia galega, como "a Suevia de lexendaria historia", que remite ao Reino Suevo de Galicia, e "o día do Medulio", en referencia á resistencia ante a conquista romana. Ademais, a súa poesía cívica caracterízase pola presenza de símbolos como "a oliva" (paz), "a fouce" (loitas agraristas) e "a bandeira azul e branca" (símbolo da nación galega). A obra de Cabanillas é diversa e rica, destacando o seu primeiro poemario No desterro (1913), publicado en Cuba, e o poema narrativo Na noite estrelecida (1926), pertencente á súa etapa mítico-saudosista.

"A Espada Excalibur" de Ramón Cabanillas

Que virtudes se destacan do protagonista? Xustifica, con exemplos extraídos do texto, a que etapa da traxectoria poética de Ramón Cabanillas corresponden estes versos. Lembra indicar a orixe dos elementos poéticos do seu estilo. Por último, indica outras obras, non só poéticas, publicadas polo autor nesta etapa. "É Merlín o profeta, o celta armoricán, dos silfos e das lumias ollado por irmán" (Ramón Cabanillas: "A espada Excalibur", Na noite estrelecida, 1926).

Contexto e Estilo

Ramón Cabanillas, membro da xeración das Irmandades, presenta unha forte evolución ao longo dos anos, alcanzando unha especial fecundidade na década dos 20 do século pasado. A súa estética, alén de presentar influencias da poesía tradicional (a poesía popular, os clásicos e os autores do Rexurdimento), recibe tamén as dos movementos poéticos contemporáneos, especialmente do Modernismo e do Saudosismo portugués.

Descrición de Merlín

O tema do texto é a descrición do mago Merlín, que se nos presenta como unha figura maxestosa e mítica (trata con silfos e lumias), con coñecementos de herboloxía (sabedor das virtudes das herbas) e astroloxía (aprendeu a linguaxe dos luceiros), e é señor dos elementos (as augas, o lume...).

Influencias Modernistas

Do Modernismo, Cabanillas adopta, sobre todo, as roupaxes externas: a versatilidade métrica e rítmica, co emprego de sonetos de arte menor ou de versos alexandrinos, coma neste texto, conformado por 6 pareados de versos alexandrinos con rima consonante (AABB...); o gusto polo sensual; a musicalidade; o preciosismo verbal e os efectos coloristas.

Etapa Mítico-Saudosista

Neste período, a etapa mítico-saudosista, sempre dentro das coordenadas ideolóxicas do galeguismo, Cabanillas leva a cabo unha reconstrución mitificadora do pasado nacional, desde unha perspectiva saudosista e centrándose en varios momentos clave: a época celta, a época medieval e a crise do século XV. Así, neste fragmento recrea a figura do mago da mitoloxía celta, Merlín (o celta armoricán, o bardo das idades), como parte da actualización da materia de Bretaña que realiza en Na noite estrelecida para adaptar a complexa lenda medieval a unha mensaxe patriótica e cristiá. Nesta década escribe en colaboración con Antón Villar Ponte a obra teatral O Mariscal e publica A rosa de cen follas. Breviario dun amor (1927), que retoma a liña intimista e amorosa, en clave modernista, propia dalgunhas páxinas dos seus primeiros libros.

Figuras Literarias: Conceptos Fundamentais

Plano Fónico

  • Aliteración: Consiste na repetición eufónica de sons en posición próxima.
  • Onomatopea: Consiste na representación no poema de sons reais.
  • Fonosimbolismo: Prodúcese cando a través dos sons do poema se evocan sensacións visuais, táctiles, de movemento ou anímicas.
  • Paranomasia: Consiste na colocación próxima de dúas palabras de son similar.
  • Similicadencia: Consiste na utilización de dúas ou máis palabras próximas coas mesmas terminacións gramaticais, producíndose un efecto de eco.

Plano Morfosintáctico

  • Elipse: Supresión de elementos da frase que se dan por sobreentendidos.
  • Enumeración: Acumulación de palabras ou frases de estrutura similar. Pode ser ordenada (cando responde a unha certa lóxica) ou caótica.
  • Pleonasmo: Redundancia de termos de significado semellante, innecesarios para comprender a idea que se transmite, pero con forte valor expresivo.
  • Anadiplose ou reduplicación: Repetición da palabra ou palabras que rematan un verso no inicio do verso seguinte.
  • Anáfora, epífora e complexión: Repetición de palabras en posicións simétricas dun texto. Se a repetición se produce ao principio de varios versos próximos, chamámoslle anáfora; se se produce ao remate, epífora. Cando se dan a anáfora e a epífora de forma simultánea, prodúcese unha complexión.
  • Epanadiplose: Repetición dunha palabra ao principio e final dunha unidade métrica (verso ou estrofa) de maneira que lle serve de enmarque.
  • Calambur: Xogo lingüístico que se produce ao reordenar as sílabas dunha frase dando lugar a outras palabras.
  • Hipérbato: Alteración na ordenación lóxica dos elementos dunha unidade sintáctica para enfatizar as palabras dislocadas.
  • Anacoluto: Ruptura da concordancia gramatical entre palabras dunha mesma unidade sintáctica.

Plano Léxico-Semántico

  • Antítese: Oposición de dúas ideas, pensamentos, expresións ou palabras contrarias.
  • Diáfora: Repetición dunha palabra con dous sentidos distintos.
  • Eufemismo: Rodeo que se usa para evitar unha palabra malsoante, groseira ou tabú.
  • Gradación: Enunciación de conceptos nunha escala ascendente ou descendente.
  • Hipérbole: Esaxeración de accións ou calidades.
  • Ironía: Consiste en dar a entender o contrario do que se di, cunha intención burlesca. Cando é cruel ou ferinte denomínase sarcasmo.
  • Lítote: Consiste en negar o contrario do que se quere afirmar.
  • Paradoxo: Unión de dúas ideas aparentemente opostas.
  • Perífrase: Expresión indirecta dunha idea con varias palabras, circunloquio.
  • Prosopopea ou personificación: Atribución de calidades de seres animados a seres inanimados, ou calidades humanas a seres que non o son.
  • Símil: Comparación entre dous termos expresos.

Comentario de Textos Poéticos das Vangardas

"Excelsior", de Manuel Antonio (Creacionismo)

Este texto pertence ao libro Foulas de Manuel Antonio, composto entre 1922 e 1925 e de publicación póstuma. É unha mostra de caligrama (relación con Guillaume Apollinaire, Caligrammes) na que xa amosa a súa vontade rupturista. O poema é unha mostra do creacionismo característico da poética de Manuel Antonio: escaso emprego dos signos de puntuación, valor expresivo da disposición do texto e da tipografía, cosmopolitismo, individualismo, orixinalidade.

Análise do Caligrama

O título "Excelsior" (comparativo latino que significa superior, excelente, sublime...) relaciónase coa disposición gráfica do texto. O máis importante é o "eu" e a súa relación co cosmos (os puntos cardinais). O texto forma unha rosa dos ventos (instrumento usado para orientarse na navegación) coa frase "EU SON" apuntando a cada punto cardinal: ao oeste en francés, ao sur en inglés, ao leste en latín e ao norte en galego. Con isto expresa o seu individualismo e tamén o seu compromiso coa lingua galega (o seu norte, o que o guía como creador); esta lingua xorde do latín e é compañeira doutras como o francés ou o inglés, idiomas internacionais. Así expresa o seu cosmopolitismo e o seu desexo de universalidade. Por medio do caligrama amosa visualmente o contido, pois para os poetas vangardistas o poema debía falar a varios sentidos.

Estrutura e Linguaxe

Na segunda parte do poema (versos inferiores), pode dividirse á súa vez en tres partes, sendo o núcleo "EU SON", destacado coa tipografía e a admiración (función expresiva da linguaxe). Esta parte comeza co uso de palabras técnicas como radiograma e pirotecnia. A primeira remítenos á situación actual do poeta, no mar, aínda que o poeta elude falar de si mesmo. A palabra pirotecnia suxire a idea de "explosión de luces de cores", que podemos relacionar coa primeira parte do poema onde había unha explosión de palabras. Isto pode entenderse como o desexo do poeta de fundirse co universo. O poeta, só no mar, envía mensaxes que se espallan no universo, o cal é unha maneira de afirmarse individualmente. O poema remata nun ton esperanzado e optimista, expresado mediante o uso do futuro e a sublimación da fusión do poeta co cosmos (imaxe plástica: o seu nome acenderá unha estrela nova en cada constelación, que lembra o comezo do texto). A nivel morfosintáctico destaca a escaseza de verbos e o predominio dos substantivos. O poema carece de anécdota. No nivel fónico podemos sinalar algunhas rimas: instintos, labirintos; son, Constelación, que axudarían a crear unha certa musicalidade.

A Poesía de Vangarda en Galicia

Orixe e Tendencias

A poesía de vangarda xurdiu a principios do século XX como unha reacción contra as formas tradicionais da arte e a literatura, influída polos avances científicos, os novos descubrimentos no campo da psicoloxía e as novas correntes filosóficas. As vangardas buscaron romper co establecido, rexeitar as convencións e explorar novas formas de expresión e comunicación. Este movemento incluíu diferentes tendencias como o futurismo, o creacionismo, o surrealismo e o dadaísmo, que se caracterizaron pola súa radicalidade e ruptura coa tradición.

Vangarda Matizada

En Galicia, os escritores comezaron a incorporar elementos das vangardas durante as décadas de 1920, fundindo os aspectos da tradición galega coas novas sensibilidades da poesía moderna. A literatura galega das vangardas pode dividirse en dúas correntes principais. A primeira, a vangarda matizada, conserva certos elementos da tradición literaria galega, aínda que reinterpreta e actualiza estes recursos.

Vangarda Plena

Exemplos disto son Luís Amado Carballo, Proel (1927, trinta e cinco poemas nos que aparecen motivos como a bandeira, o escudo, o mundo exterior —a natureza, o solpor, o faro, o cruceiro—, pero tamén espazos da Pontevedra urbana e o amor por Marucha, que sería a súa compañeira e que semella un anaco máis de vida natural). O galo (1928, contén 17 poemas), que mestura o hilozoísmo cunha visión modernista, e autores como Fermín Bouza Brey (Lelías ao teu ouvido, Nao senlleira, Seitura) ou Álvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama riveira), que traballan con influencias do neotrobadorismo, facendo unha relectura dos mitos e temas tradicionais da literatura galega. A segunda tendencia, a vangarda plena, supón unha ruptura máis radical coa tradición literaria, adoptando influencias de correntes internacionais como o creacionismo e o surrealismo. Un dos principais representantes desta corrente foi Manuel Antonio, que defendía a creación dunha poesía totalmente nova, sen ataduras á linguaxe convencional e á gramática, buscando expresar as emocións e as imaxes dun xeito inédito e audaz.

Impacto e Legado

En xeral, a poesía galega das vangardas reconfigurou as influencias literarias europeas no contexto galego, creando un espazo único onde se mesturaban a renovación estética, a linguaxe experimental e a identidade cultural galega. Este movemento abriu camiños para futuras xeracións de poetas que continuarían explorando as posibilidades de experimentación lingüística e formal.

Obras Relevantes

  • Foulas (1922-1925), obsérvase un achegamento máis directo ao vangardismo mediante o uso de caligramas e incorporación de termos técnicos e científicos.
  • Sempre e máis despois (1923-1924).

A Lingua Galega (1900-1936)

Contexto Histórico e Sociolingüístico

Entre 1900 e 1936, a Restauración foi un sistema corrupto e pouco democrático, que deu paso á ditadura de Primo de Rivera en 1923. A oposición levou á proclamación da Segunda República en 1931, pero a Guerra Civil estalou en 1936, interrompendo este proceso. Durante este período, destacaron fenómenos como o agrarismo, o movemento obreiro e o nacionalismo galego, liderado polas Irmandades da Fala, que loitaron pola defensa da lingua e a identidade galega. A situación do galego era precaria, cun proceso de substitución lingüística, no que a lingua se desbancaba en favor do castelán. A Igrexa e o sistema educativo marxinaban o galego.

O Papel das Irmandades da Fala e o Partido Galeguista

As Irmandades da Fala loitaron por dignificar o idioma, pedindo a súa cooficialidade, a inclusión no ensino e a creación de materiais pedagóxicos. O movemento tamén contribuíu á recuperación da toponimia galega e á expansión do galego en novos ámbitos como a literatura, o teatro e a radio. O Partido Galeguista, fundado en 1931, recolleu as demandas das Irmandades e participou na elaboración do Estatuto de Autonomía de 1936, que proclamaba a oficialidade do galego, pero a Guerra Civil impediu a súa aplicación.

Estandarización do Galego

O proceso de estandarización do galego tamén avanzou, cun modelo que procuraba diferencialo do castelán e unificar as variantes dialectais.

Análise de Textos de Noriega Varela

"A brétema"

  • Fragmento: "A brétema /a bretema/os piñeirales/sempre descalza/ en mans do sol é cada lagrimiña/estrella brilladora"
  • Contido: Ton intimista centrado na loanza de elementos da natureza (a brétema) que se impregnan de humildade e relixiosidade. Poema franciscanista, neovirxilianista.
  • Temática: Paisaxismo e humanista.

"Unha sarta me pides"

  • Fragmento: "¿Ti sabes?/mil veces se me ocorre/xa non soño/¿que eu faría?/unha sarta me pides"
  • Voz poética: Eu lírico, que se dirixe a un "ti".
  • Recursos:
    • "chora, chora...": Reduplicación.
    • Morfosintaxe: Oracións e puntuación ligadas á admiración (interrogativos, exclamativos, puntos suspensivos – non ter palabras). Anáfora, reduplicación.
  • Fragmento: "Chora copiosamente a probresiña!"
  • Análise: O sufixo "-iña" está ligado ao afectivo, pero tamén á humildade. Anáfora.
  • Fragmento: "¿Unha sarta me pides? Lograreina, ¡como un rei a quixera pra unha reina!, como nunca se veu na xoiería."
  • Plano gráfico: Podemos ligalo ao fónico: dous cuartetos e dous tercetos, un soneto (poema culto), con versos hendecasílabos (arte maior) con rima encadeada ABAB consonante ("-iña" / "-ora"). Ten algún encabalgamento.
  • Léxico-semántico: Personificación da brétema, metáfora (a brétema é unha xala), hipérbole ("nunca se viu outra xola así"), símil, sufixo "-iño" para a humildade.

"Teño amores na montaña"

  • Neste poema repítense moitos aspectos analizados no poema "Diante dos que aturuxan forte": voz poética, temática... Mención á lingua ao final.
  • Plano fónico: Trátase dun romance (versos octosílabos con rima asonante e/a nos pares: montañesa, festa, meixelas, folerpas...). Fragmento: "Teño amores na montaña / teño moza montañesa".
  • Recursos:
    • Paralelismo.
    • O sufixo "-iño" está ligado ao afectivo, pero tamén á humildade.
    • Voz poética: Eu lírico, que se dirixe a un "ti": "as poucas almas sinxelas".

"Diante dos que aturuxan forte"

  • Voz poética: Eu lírico, dirixíndose a un "vós".
  • Contido: En ton descritivo-narrativo, loanza da vida da montaña, da humildade desa vida e da felicidade que produce.
  • Tópicos: Locus amoenus, beatus ille. A vida e a natureza rodeada de relixiosidade. Poesía tradicional, costumista-ruralista.
  • Nivel fónico: Octosílabos, arte menor, rima ABBA, consonante. Tipo de estrofa: Redondilla.
  • Encabalgamentos: Aceleran o ritmo, a emoción, máis cando son abruptos (quedan na metade do verso).
  • Morfosintáctico: Hipérbatos, paralelismos, oracións exclamativas, interrogativas axeitadas para a exaltación da montaña. Hipergaleguismos, moi natural que alí viva. Hipérbato, palabras con relación ao título.

Introdución á Literatura Galega Post-Rexurdimento e Vangardas

Despois do Rexurdimento, na literatura galega abriuse unha nova etapa marcada pola continuidade temática e formal dos seguidores de Rosalía, Curros e Pondal. Nas primeiras décadas do século XX xorden dous movementos sociais e ideolóxicos: o agrarismo e as Irmandades da Fala.

Antonio Noriega Varela

Na poesía de Noriega Varela distínguense dúas liñas: a primeira de carácter costumista e ruralista e a segunda de carácter máis culto e refinado. Convértese no poeta das "humildes cousas que ninguén olla".

Luís Amado Carballo

Na década de 1920 produciuse unha importante transformación no panorama literario de Galicia, xa que a cultura galega se foi adaptando a todos os ámbitos do coñecemento, debido ao labor de intelectuais como os das Irmandades da Fala, o Grupo Nós ou o Seminario de Estudos Galegos (SEG). As vangardas serán o equilibrio entre tradición e modernismo. Ao falar de vangardas cómpre distinguir dúas tendencias: a vangarda plena e a vangarda matizada. Dentro desta atópase o hilozoísmo, cultivado por Amado Carballo, que bebe da tradición da paisaxe.

Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro destacou fundamentalmente como narrador, aínda que tamén como dramaturgo e xornalista. Cultivou varias tendencias vangardistas: o cubismo, o surrealismo e o neotrobadorismo.

Manuel Antonio

Manuel Antonio é a figura máis innovadora e avanzada das vangardas e un dos poetas máis iconoclastas da literatura galega. En política representa o nacionalismo galego máis radical da súa época. En canto á lingua, defende a ultranza o monolingüismo en galego, e no ámbito literario, simboliza a modernización da nosa literatura.

Fermín Bouza Brey

Na década de 1920 produciuse unha importante transformación na literatura galega, xa que a cultura galega se foi adaptando a todos os ámbitos do coñecemento debido ao labor de intelectuais como os das Irmandades da Fala, o Grupo Nós ou o Seminario de Estudos Galegos (SEG). As vangardas serán o equilibrio entre tradición e modernidade. Ao falar de vangardas cómpre distinguir dúas tendencias: a vangarda plena e a vangarda matizada. Dentro desta atópase o neotrobadorismo, cultivado por Fermín Bouza Brey. Este cultivou a vangarda matizada, destacando por cultivar o neotrobadorismo, que se centraba nos cancioneiros medievais.

Conceptos Lingüísticos Clave

  • Bilingüismo: Uso de dúas linguas por igual por parte dun individuo ou comunidade.
  • Diglosia: Desequilibrio entre dúas linguas nun territorio, onde a lingua dominante ten máis prestixio e está presente en funcións sociais importantes, mentres que a lingua minorizada está relegada aos ámbitos informais.
  • Estereotipo: Imaxe simplificada comúnmente aceptada por un grupo social.
  • Funcións sociais da lingua: Funcións que a lingua desempeña nunha comunidade, como identidade, familiar, local, laboral, cultural e institucional.
  • Lingua dominada e dominante: A lingua dominante ten maior prestixio e uso, mentres que a lingua dominada está relegada a ámbitos informais.
  • Lingua habitual: A lingua que se emprega con maior frecuencia e para máis funcións sociais.
  • Lingua inicial: A lingua coa que un individuo comeza a falar.
  • Lingua maioritaria e minoritaria: A maioritaria é a lingua usada pola maioría da poboación; a minoritaria, pola minoría.
  • Lingua minorizada: Lingua con menor prestixio e uso debido á presenza doutra lingua dominante.
  • Normalización: Proceso de restauración do uso dunha lingua que foi desbancada por outra.
  • Normativización: Codificación dunha lingua a través de gramáticas e dicionarios.
  • Prexuízo: Opinión negativa previa sobre algo ou alguén, en especial sobre as linguas ou os seus falantes.

Entradas relacionadas: