Literatura Galega: Tradición Oral e Escrita na súa Historia
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,26 KB
A literatura: as diferentes tradicións literarias
Se buscamos no dicionario o significado da palabra literatura, atoparemos definicións semellantes a esta: arte que utiliza a palabra escrita ou oral como medio de expresión.
A palabra literatura vén do étimo latino LITTERATURAM que, á súa vez, vén da palabra LITTERA, que significa 'letra'. A literatura era o que se representaba con letras, é dicir, o que se escribía, nun sentido que ía máis alá da mera finalidade estética. Así, para un latino, a exposición escrita dos feitos históricos —o que hoxe para nós é a historia— era literatura.
No mundo antigo só se escribía o que se consideraba que pagaba a pena ser conservado para a memoria. Así, escribíronse leis, narracións que recollían as crenzas colectivas (mitos), narracións de feitos importantes (historia), xenealoxías..., pero tamén aquilo que emocionaba esteticamente, como poesía, textos teatrais...
Non todas as culturas desenvolveron unha maneira de escribir. Porén, as culturas ágrafas tamén tiñan gusto por crear e gozar da literatura. Esta transmitíase oralmente xeración tras xeración e gardábase na memoria.
Tanto nun caso (culturas con tradición escrita) coma noutro (culturas ágrafas), a literatura cumpría unha importante función social, axudando a crear vínculos entre o colectivo que compartía un territorio, unha experiencia común de adaptación a ese territorio, unha organización do tempo e un conxunto de crenzas e afinidades estéticas. Todo isto, escribísese ou non, será o material imaxinario que está na base de calquera literatura e que lle dá personalidade con respecto a outras. Por iso, aínda que durante moito tempo só se lle chamou literatura á que acadaba forma escrita, paralelamente sempre existiu unha literatura oral fóra dos libros, dos pazos e mosteiros. En Europa, esta rica tradición cultural non escrita empezou a tomarse en serio a finais do século XVIII co Romanticismo.
A literatura galega responde perfectamente a isto que acabamos de dicir: desde moi pronto tivo unha literatura culta de carácter escrito, feita de acordo coas modas literarias que rexían naquela época en Europa. Pero esta tradición culta axiña se achegou á fonte da literatura oral autóctona e introduciu no mundo cortesán e nos ambientes cultos as cantigas de amigo.
A literatura escrita en galego decaeu desde finais do século XV ata o século XIX, pero a literatura popular de carácter oral seguiu viva e vizosa, polo que vai servir de punto de partida para que Rosalía de Castro inicie o Rexurdimento na Idade Contemporánea co seu libro Cantares gallegos. Non hai dúbida: a poesía popular é unha arma poderosa que conmove a propios e estraños.
Cronoloxía xeral da Historia da Literatura Galega
- Idade Media: s. XIII – XV
- Séculos Escuros: s. XVI-XVIII
- Rexurdimento: mediados s. XIX
- Segundo Rexurdimento: Primeiro terzo do s. XX (ata 1936)
- Posguerra: Desde 1939 ata finais dos anos 50
- Décadas de 60 e 70
- Transición e Autonomía: Anos 80 ata a actualidade