O Matrimonio Arnolfini de Jan van Eyck: Detalles e Simbolismo

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 9,54 KB

Ficha técnica: O Matrimonio Arnolfini

  • Autor: Jan van Eyck (Maaseik, c. 1390 – Bruxas, 1441)
  • Cronoloxía: 1434
  • Técnica: Óleo sobre táboa
  • Medidas: 57 x 84 cm
  • Estilo: Gótico flamengo
  • Tema: Escena costumista ou de xénero (retrato nupcial)
  • Localización: National Gallery (Londres)

Contexto histórico-artístico

Nos séculos XII-XIII desenvólvese unha etapa de prosperidade económica e comercial que posibilitou o renacer urbano, emerxendo unha incipiente burguesía, resultado do crecemento mercantil. O gótico acabaría substituíndo ao románico, converténdose nun estilo urbano e burgués, fronte a un románico máis vencellado ao rural. O auxe das cidades levaría a realizar diferentes edificacións, como casas consistoriais, palacios, casas gremiais, lonxas... pero serían as catedrais o símbolo das novas cidades. A súa construción materializaba o poder e a riqueza das urbes.

A denominación desta arte como gótica foi dada por Vasari no s. XVI cun sentido pexorativo, relacionándoa coa arte dos godos ou bárbaros. A orixe desta corrente artística está en Francia, nas rexións do norte, a mediados do s. XII. Faríase arte internacional, con marcadas variedades rexionais, grazas particularmente ás peregrinacións, e manteríase como tal ata os ss. XV-XVI.

A pintura do gótico é diversa, en evolución cronolóxica e con diferenzas rexionais. Así, é máis correcto falar de escolas pictóricas da época do gótico antes que de pintura gótica. Concretamente, a obra perante a que nos atopamos pertence á pintura flamenga. Na pintura flamenga o colorido é de gran riqueza, con tons vivos de infinitos matices, luminosos e translúcidos. A temática relixiosa adoita ir acompañada dun marcado simbolismo que dificulta a interpretación da obra. Tamén destacaron os temas profanos, con retratos e paisaxes. A busca da realidade maniféstase no detallismo e no interese pola terceira dimensión. O primoroso debuxo define as formas e os obxectos con gran minuciosidade, captando cada detalle. Utilizan a técnica do óleo para lograr un maior realismo e detallismo. Destacaron os chamados «primitivos flamengos», como os irmáns Van Eyck, Robert Campin e Roger van der Weyden.

O artista: Jan van Eyck

Jan Van Eyck foi considerado un artista (e non un artesán), que mesturou realismo e simbolismo, abordou temas diversos (paisaxes, retratos, escenas relixiosas...), utilizou unha rica gama cromática e creou espazos tridimensionais. Nos seus cadros amosounos o seu minucioso detallismo e un gran virtuosismo na aparencia táctil dos obxectos. A súa obra convertiuse nunha ferramenta para coñecer o mundo urbano e de comerciantes no que viviu. Algunhas das súas obras máis importantes son Virxe do chanceler Rolin, Retrato dun home, Adoración do Cordeiro místico ou Virxe do canónigo Van der Paele.

Descrición e interpretación da obra

A pesar de ser unha das pinturas máis famosas da historia, tamén é unha das máis intrigantes. O cadro pode ser catalogado a un tempo como un retrato, como unha escena costumista de ambiente burgués ou como unha alegoría verbo do carácter sacramental do matrimonio e da maternidade.

O matrimonio Arnolfini sería un retrato nupcial de Giovanni Arnolfini, comerciante italiano establecido en Bruxas, con Giovanna Cenami. A escena desenvólvese na súa vivenda, a xeito de cámara nupcial, segundo o rito do dereito canónico, aplicado ata o Concilio de Trento, no que son os propios contraentes os ministros do sacramento e non o pastor sacerdotal. Os elementos decorativos da estancia, como a riqueza das telas, son indicativos do nivel económico do matrimonio.

Os esposos posan nun xesto de bendición e compromiso: Giovanni, de fronte en posición dominante, toma a man de Giovanna, ao tempo que levanta a man dereita para prestar o xuramento sagrado. Pola súa parte, Giovanna pousa a súa man esquerda sobre o ventre, suxerindo a fertilidade, alusión na que incide a cor verde do seu vestido (o verde considerábase entón símbolo de fecundidade) e baixa a cabeza en signo de submisión. As mans xuntas aluden á unión de dúas persoas nunha soa carne. Ambos van descalzos, signo de que asisten a un ritual sagrado. Os rostros da parella resultan pouco expresivos e serios, tal vez pola solemnidade do momento.

Composición, perspectiva e técnica

A composición é estática, sen movemento, equilibrada, xerando sensación de harmonía dentro da diversidade de elementos da escena. As dúas figuras de pé, unidas a través das mans, ocupan a posición central e todo se organiza a partir dun eixe de simetría que parte da lámpada, pasa polo espello, as mans e remata no can. Créase profundidade a partir das táboas do chan e da disposición do mobiliario nos laterais, elementos que se dispoñen seguindo as liñas de fuga e converxendo no fondo. Estase a aplicar o sistema de perspectiva lineal, aínda que non plenamente lograda pois hai máis dun punto de fuga.

A perspectiva amplíase grazas ao recurso máis efectista da obra, o espello do fondo. Nel reflíctense os protagonistas e algúns detalles e personaxes que non son recollidos na composición principal, o que incrementa a profundidade e deixa claramente definido o conxunto do espazo. É así como vemos a asistencia á cerimonia doutras dúas personaxes vestidas en azul e vermello, unha delas o propio pintor.

Predomina a liña sobre a cor, delimitando suavemente as formas e os contornos con absoluta minuciosidade en cada obxecto, facendo que estes adquiran unha corporeidade e solidez case escultórica. A técnica do óleo permite plasmar a realidade ata no máis mínimo detalle, cunha escrupulosidade microscópica, con pinceis extremadamente finos.

Luz e Cor

Ademais da luz que entra pola fiestra aberta á esquerda, parece haber outro foco frontal que alumea desde o punto de vista do espectador. A luz incide directamente no rostro da muller, resaltado ademais polo branco do velo, e modela a figura do comerciante deixando en penumbra a metade do rostro por mor da ala do sombreiro. É unha luz brillante, suave e envolvente, que coas veladuras do óleo crea unha atmosfera na que parece representado o aire. As cores son tamén vibrantes, cheas de matices e tons, destacando especialmente tres:

  • O marrón (nas madeiras do chan e do mobiliario, e na vestimenta do mercador).
  • O verde (na roupa da muller).
  • O vermello (nas teas que cobren o mobiliario).

Simbolismo na obra

Ningún obxecto aparecería gratuitamente, xa que todo tería o seu valor simbólico:

  • A candea acesa, en pleno día, na lámpada: simboliza a luz de Cristo (que todo o ve e que coa súa presenza santifica o acto e bendice a unión).
  • A imaxe de Santa Margarida (patroa dos partos) sobre a cabeceira, xunto a unha vasoira que simboliza a Santa Marta (patroa do fogar).
  • O can: símbolo da fidelidade.
  • O espello e o rosario ao seu lado: representan a pureza da muller que acode virxe ao matrimonio (é o Speculum sine maculam, que definiu á propia Virxe e, por extensión, ás mulleres virxes).
  • As laranxas da fiestra: son símbolo da riqueza da parella e lembran o paraíso perdido (a froita do pecado orixinal, que será redimido co matrimonio).
  • O ventre avultado de Giovanna: alusión á consecución de descendencia como obxectivo do matrimonio.
  • O leito: simboliza a unión matrimonial e a súa cor vermella, a paixón.
  • Os zocos quitados: evocan a santidade do lugar e ademais teñen disposicións distintas (o del apunta ao exterior, o seu traballo estará fóra da casa, mentres o dela mira ao interior, a súa ocupación será o fogar).

A sinatura e o seu significado

A obra está asinada e datada cunha inscrición colocada sobre o espello, no que se representan diversas escenas da Paixón. A sinatura do pintor «Johannes van Eyck fuit hic» (Jan van Eyck estivo aquí) en lugar do habitual «…me pixit» (pintoume), situada sobre o espello, fai pensar que o artista participou no enlace en calidade de testemuña. O cadro semella ser así unha especie de acta notarial do matrimonio. Polo menos esa viña sendo a hipótese comunmente aceptada sobre a temática do cadro, aínda que existen interpretacións alternativas sobre o significado do mesmo.

Influencia posterior

Jan Van Eyck tivo unha ampla influencia na pintura posterior, especialmente no desenvolvemento da pintura ao óleo, que se convertería no principal método dos pintores flamengos (Van der Weyden ou Van der Goes, entre outros) e pouco despois dos venecianos (Tiziano ou Tintoretto), para ser posteriormente a técnica máis empregada.

Entradas relacionadas: