La Monarquía Borbónica en el Antiguo Régimen

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 14,03 KB

A Monarquía borbónica no Antigo Réxime: O CAMBIO DINÁSTICO E A GUERRA DE SUCESIÓN

En 1700, Carlos II de Habsburgo morreu sen descendencia deixando como herdeiro da Coroa de España a Felipe de Borbón, neto de Luís XIV de Francia e emparentado por liña materna coa dinastía dos Habsburgo. Así se produciu un cambio dinástico que non foi aceptado por todos os países europeos e orixinou un conflito bélico. Guerra de Sucesión á Coroa de España. Tivo lugar entre 1702 e 1713. Causas. Nun principio, en 1701, o novo rei Felipe V foi aceptado e recoñecido como rei polas Cortes de Castela. Pouco despois viaxou a Aragón, Cataluña, Sicilia, Nápoles e Milán, onde tamén foi recoñecido como rei, xurando respectar en cada sitio os seus privilexios forais. Sen embargo, os Habsburgo de Austria non aceptaban que a Coroa de España pasase aos Borbóns e defendían o seu propio candidato, o arquiduque Carlos de Austria, fillo segundo do emperador Leopoldo I. Ademais, a posibilidade da unión das Coroas de Francia e España e o papel prepotente e de control que desempeñaba Luís XIV, atemorizaron a resto de estados europeos, que se uniron con vistas a un inminente conflito bélico. Bandos en conflito. En 1701, formouse unha alianza antiborbónica entre Austria, Inglaterra e Holanda, á que logo se uniron Prusia, Portugal, Savoia e a maioría dos príncipes alemáns e italianos. Uns trataban de evitar a hexemonía borbónica e defender a candidatura ao trono de España do arquiduque Carlos de Austria. Outros buscaban a división das posesións españolas e obter vantaxes no seu comercio colonial. A Guerra de Sucesión foi tanto un conflito internacional como un conflito interno dentro da monarquía española. Os territorios da Coroa de Castela apoiaron a Felipe V. En cambio, os territorios da Coroa de Aragón, apostaron polo arquiduque Carlos de Austria, temerosos ante a política centralizadora que representaba a monarquía borbónica e partidarios da antiga monarquía pactista dos Habsburgo. O conflito afectou a toda Europa e á Península Ibérica, con vitorias e derrotas para ambos bandos. Os ingleses tomaron Xibraltar e o arquiduque Carlos desembarcou en Barcelona, onde foi recoñecido como rei de España. Os aliados ocuparon Flandres, Menorca, Nápoles e Sardeña, pero non puideron controlar Madrid. As batallas de Almansa, Brihuega e Villaviciosa decidiron a sorte da guerra na Península en favor das tropas franco-españolas.


Fin do conflito e Tratados de Paz

Sen embargo, o factor desencadeante da fin do conflito foi a morte do emperador austríaco. Este falecemento fixo que o arquiduque Carlos se convertera no herdeiro do Imperio. Entón, as potencias europeas iniciaron as conversacións para a paz, dado que a hexemonía de Austria era tan perigoso para o equilibrio europeo como a unión entre Francia e España. A paz asinouse nos Tratados de Utrechte de Rastadt nos que, co obxectivo de manter o equilibrio europeo, estableceuse:

  • O recoñecemento de Felipe V como rei de España, con expresa renuncia aos dereitos sobre a Coroa francesa.
  • Gran Bretaña obtiña Xibraltar e Menorca, así coma importantes concesións comerciais: un navío de permiso para comerciar coa América hispánica e o asento de negros.
  • Austria obtiña os Países Baixos españois, Nápoles, Milán e Sardeña.
  • Holanda obtiña varias prazas para súa defensa na fronteira cos Países Baixos españois.
  • O duque de Savoia recibiu Sicilia e o título de rei de Piemonte e Sicilia.
  • Portugal obtivo a colonia de Sacramento.

Polo tanto, a Paz de Utrecht supuxo que a Monarquía hispánica perdese as súas posesións en Europa que foron divididas entre outros países europeos. Ademais, a nivel internacional, os tratados de paz consagraron a política de equilibrio europeo, convertendo a Inglaterra no árbitro de Europa e na maior potencia marítima do mundo. En España, a guerra continuou ata que o 11 de setembro de 1714 as tropas de Filipe V tomaron Barcelona, e en 1715 ocuparon Mallorca e Ibiza, concluíndo así o conflito. No ámbito español, a vitoria dos Borbóns supuxo a implantación dun modelo político centralista e a supresión dos privilexios forais dos reinos da Coroa de Aragón.


A Monarquía borbónica no Antigo Réxime. OS DECRETOS DE NOVA PLANTA E OS SEUS EFECTOS

En 1700 o rei Felipe V de Borbón recibiu a Coroa de España. Naqueles momentos estaba formada por un conglomerado de reinos, cada un dos cales tiña leis, foros e institucións diferentes. Na Península o poder do rei era forte na Coroa de Castela, pero estaba suxeito a fortes limitacións na Coroa de Aragón. Felipe V impulsou diversas modificacións co obxectivo de reforzar o poder real, na liña do absolutismo monárquico. Os Decretos de Nova Planta. Forman parte dun conxunto de reformas políticas e administrativas inspiradas no modelo político francés, que Felipe V introduciu durante o seu reinado co obxectivo de establecer maior grao de centralización do poder político e a unificación lexislativa e institucional. Son un conxunto de decretos asinados polo monarca durante a Guerra de Sucesión mediante os que quedaban abolidos os privilexios forais dos reinos da Coroa de Aragón, considerados como rebeldes por tomar partido por Carlos de Austria na Guerra. Felipe V, apoiado na forza militar das súas tropas, e, a medida que ía recuperando territorios, aboliu os privilexios de Aragón e Valencia, Mallorca, e Cataluña, impoñendo as leis de Castela. Os efectos dos Decretos de Nova Planta. Os privilexios forais dos reinos integrantes da Coroa de Aragón foron suprimidos e ditos reinos perderon a súa autonomía política e institucional, sendo sometidos aos modelos casteláns. As súas institucións particulares. Os antigos reinos foron transformados en provincias e os vicerreis substituídos por capitáns xenerais, rebaixando así as súas atribucións. As Cortes dos diferentes reinos foron abolidas, integrándoas nas de Castela, que se converteron, de feito, nas Cortes de España. Tamén se suprimiu o Consello de Aragón, e o Consello de Castela constituíuse como órgano esencial do goberno do país. Ademais, potenciáronse as Secretarías de Despacho, que se encargaban de diversos asuntos: Estado, Xustiza, Facenda, Guerra, Mariña e Indias. O Secretario de Estado converteuse nun cargo similar ao de Primeiro Ministro. Os concellos foron sometidos á autoridade dos corrixidores e introducíronse os intendentes. Os tribunais xudiciais dos antigos reinos foron modificados mediante a creación de Audiencias en Zaragoza, Valencia, Mallorca e Barcelona a imitación das de Castela; e o dereito público que se vai a aplicar sería o de Castela.


A Monarquía borbónica no Antigo Réxime. O REFORMISMO BORBÓNICO EN GALICIA

No século XVIII, o reino de Galicia mantivo a súa importancia estratéxica como baluarte marítimo avanzado na defensa do imperio colonial americano, fronte ao paso das armadas inimigas, fundamentalmente inglesas. Ante esta situación, os Borbóns e os seus gobernos interviñeron en Galicia creando novas institucións e servizos. A matrícula do mar. Foi un sistema de recrutamento de tripulacións para os buques da Armada para garantir un persoal competente no seu manexo nun contexto de crecentes enfrontamentos navais polo control das rutas comercias e das colonias. O sistema rexistraba a todas as persoas dedicadas ao mar indicando a clase á que pertencían para coñecer as súas habilidades. Os matriculados quedaban libres de quintas e de impostos municipais, pero podían ser chamados ao servizo da Armada ata cumprir 60 anos. A primeira matrícula do mar foi a establecida en 1626 por Filipe IV de Habsburgo, pero non funcionou ben ata a posta en marcha das reformas borbónicas. En 1714 Filipe V de Borbón creou a Real Armada unificando as numerosas armadas da época dos Austrias e os seus mandos e en 1726 estableceu a división das costas españolas en tres departamentos marítimos, así como as directrices dos comisarios de Mariña para o rexistro da xente do mar, medidas consolidadas en 1751. A extensión do litoral de Galicia e o elevado número de xentes relacionadas cos traballos do mar fixo que na segunda metade do século XVIII a rexión rexistrase a cuarta parte da matrícula humana das flotas españolas. O arsenal de Ferrol. Galicia, pola súa situación xeoestratéxica, converteuse para os Borbóns no lugar onde recibir ou rexeitar as frotas estranxeiras -especialmente as inglesas- que se dirixían a saquear as cidades costeiras españolas ou a capturar os barcos cargados de mercadorías procedentes de América. Ante esta situación, a meirande parte da costa galega foi reforzada con numerosas baterías e castelos. En 1726 Xosé Patiño, ministro de Filipe V, decidiu establecer en Ferrol a sede do Departamento Marítimo do Norte e unha das bases das Armadas reais.


A partir de 1746, co marqués da Ensenada, ministro de Fernando VI, iniciouse a construción dos modernos estaleiros e arsenal que converteron a Ferrol na principal cidade de Galicia e en obxecto de admiración polos estranxeiros. Para a formación dos mandos militares da Armada creouse, en 1776, a Academia de Gardamariñas. A chegada masiva de xente obrigou a engadir ao núcleo orixinario, o Ferrol vello, os novos barrios de Esteiro, para acoller aos traballadores, e o da Magdalena, ocupado principalmente polos oficiais da Armada; no seu deseño seguíronse trazados urbanísticos a base de cuadrículas moi do gusto dos arquitectos ilustrados. A apertura do comercio colonial. A eliminación do monopolio do comercio colonial exercido por Sevilla - Cádiz favoreceu a Galicia, especialmente a A Coruña. En 1764, o goberno de Carlos III estableceu nesa cidade o Servizo de Correos Marítimos, unha compañía estatal de buques encargada de levar a correspondencia ao porto da Habana e a Bos Aires, e que tamén podía transportar persoas e mercadorías, agás nos períodos bélicos nos que se transformaban en navíos de guerra. En 1765 o porto da Coruña foi autorizado para comerciar directamente con América. Tamén destacou a creación, en 1785, do Real Consulado de A Coruña, institución encargada do comercio con América e as Filipinas, pero que, de acordo co espírito ilustrado da época, preocupouse por aspectos educativos. A apertura comercial favoreceu o crecemento comercial e a renovación urbanística e portuaria da cidade.


Antigo Réxime:

Sistema político e socioeconómico vixente en Europa dende o século XVI ata XVIII. Caracterizouse por unha economía de base agraria, a permanencia das estruturas feudais, a sociedade estamental e a monarquía absoluta. Estes trazos foron desaparecendo como consecuencia dos cambios introducidos pola Revolución Francesa.

Catastro de Ensenada: minucioso interrogatorio ou enquisa para coñecer as características demográficas e económicas das poboacións da Coroa de Castela co obxectivo de establecer un sistema fiscal máis racional e substituír a multiplicidade de rendas por unha única contribución (que ao final non se aplicou debido ás protestas dos grupos privilexiados). Foi proposto polo marqués de Ensenada, ministro de Fernando VI, e foi elaborado entre 1750 e 1753. Constitúe unha fonte de gran valor para o estudo da poboación e a economía castelá da época.

Decretos de Nova Planta: conxunto de decretos promulgados por Felipe V, entre 1707 e 1716, que impoñían nos territorios da Coroa de Aragón (Aragón, Valencia, Mallorca e Cataluña) a organización político-administrativa de Castela, eliminando os seus privilexios e institucións. Xustificáronse porque Aragón, Valencia, Mallorca e Cataluña apoiaran a Carlos de Austria durante a Guerra de Sucesión (1702- 1714). Permitiron a implantación dun modelo de estado centralista e uniforme en España agás nas provincias vascas e Navarra.

Despotismo Ilustrado: forma de goberno característica das monarquías absolutas europeas da segunda metade do século XVIII que, mantendo os fundamentos do Antigo Réxime, aplicaba reformas baseadas nas ideas ilustradas (reformas sociais, económicas, educativas, etc). Pretendía promover o benestar dos súbditos sen alterar os principios esenciais do Antigo Réxime (absolutismo político e sociedade estamental). Carlos III foi o máximo expoñente do reformismo ilustrado en España. Porén, as reformas foron paralizadas debido ao impacto da Revolución Francesa.

Motín de Esquilache: revolta popular acontecida en 1766 en Madrid provocada polo decreto de Esquilache, ministro de Carlos III, que prohibía o uso de capas longas e sombreiros de aba ancha. A súa orixe está no descontento social pola carestía do pan, a oposición dos privilexiados ás reformas do rei e a xenofobia ante a abundancia de ministros italianos. A revolta tivo como consecuencia a caída de Esquilache e un xiro no programa reformista, emprendido agora por ministros españois.

Paz de Utrecht: conxunto de tratados de Paz que poñen fin á guerra de Sucesión española que enfrontara as casas de Borbón e Austria polo dominio do trono español. O Tratado de Utrecht, asinado en 1713, completouse co Tratado de Rastadt (1714). Co obxectivo de manter o equilibrio europeo, nos tratados se recoñecía a Felipe V de Borbón como rei de España, aínda que con renuncia expresa aos dereitos sobre o trono francés. A cambio, España tivo que facer concesións a Gran Bretaña (Xibraltar, Menorca e privilexios comerciais con América) e cesións territoriais a Austria (Flandres e Nápoles).

Regalismo borbónico: política de control e limitación do poder da Igrexa católica levada a cabo polos Borbóns en España no século XVIII no marco da potenciación do absolutismo real. Entre outras medidas impuxeron o padroado rexio ou dereito do rei de presentar ou nomear candidatos para ocupar sedes eclesiásticas vacantes (recoñecido polo Concordato de 1753) e o placet ou dereito do rei de retención das bulas e provisións da Santa Sede.

Entradas relacionadas: