Na noite estrelecida: Legado de Ramón Cabanillas na Literatura Galega e o Celtismo
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 2,5 KB
Na noite estrelecida: A Obra Cume de Ramón Cabanillas
Na noite estrelecida é a obra máis importante de Ramón Cabanillas, publicada por primeira vez en 1926 en Mondariz. Leva portada e ilustracións de Castelao e consta de tres partes ou sagas, que se comezaron a publicar en xornais e revistas:
- «A espada Escalibor»
- «O cabaleiro do Santo Grial»
- «O sono do rei Artur»
Propósito e Temática Central
Nesta obra, Cabanillas recolle o relevo de Pondal e intenta concienciar o pobo galego sobre a súa función na historia. Para iso, retoma as lendas celtas da Materia de Bretaña coas que mostra ao pobo o seu pasado glorioso e o mentaliza para loitar por un futuro esperanzador.
Cabanillas móstrase como galego e poeta, mesturando o lirismo e o espírito cívico. Conserva maxistralmente os trazos característicos do material literario que utiliza, transformándoo e adaptándoo: a fantasía, o espírito cabaleiresco e o misticismo cristián.
Elementos Engadidos por Cabanillas
Tamén vai engadindo elementos que, xunto cos anteriores, forman un conxunto inseparable de poesía e vontade cívica. Estes elementos son:
- O sentimento de saudade, que provoca unha identificación entre os personaxes, os seus sentimentos e o contorno natural.
- A caracterización dos personaxes, sempre de orixes celtas e galegas.
- O argumento, reducido á conveniencia, do que utiliza o indispensable para a finalidade da obra.
Estilo e Vontade Estética
O estilo de Cabanillas está orientado, por un lado, á faceta social, á exaltación de Galicia e dos valores que se relacionan coa identidade galega; por outro lado, busca unha poesía coidada e artística, deixando presente a vontade estética.
Simbolismo e Identidade Galega
En canto ás características máis salientables, Cabanillas emprega símbolos nacionalistas a partir de elementos celtas e da relación de personaxes, lugares e paisaxes galegas para identificar Galicia co mundo celta. Tamén utiliza elementos pagáns que aparecen cristianizados, como a espada que simboliza a cruz ou Artur que simboliza o novo Mesías.
Por último, sitúa a historia en ambientes galegos. O Grial atópase no Monte Cebreiro e a espada na Illa de Sálvora. Todo isto co propósito de concienciar o pobo galego e de exaltar Galicia e a identidade galega.