Obras Mestras do Renacemento: Rafael e Miguel Anxo no Vaticano

Clasificado en Plástica y Educación Artística

Escrito el en español con un tamaño de 4,85 KB

A ESCOLA DE ATENAS

Rafael de Sanzio (1483-1520), formouse como pintor con Perugino e logo continuou a súa aprendizaxe en Florencia estudando os estilos de Leonardo e Miguel Anxo. Traballou en Roma na corte do Papa Xulio II. O seu estilo caracterízase por usar a técnica do óleo a base de veladuras, cunhas cores cálidas e intensas, moi iluminadas; valorar a perspectiva e os contrapostos compositivos, e estar moi influído pola arquitectura de Bramante.

Descrición da Obra

A Escola de Atenas é unha pintura ao fresco de función decorativa e alegórica. Forma parte do conxunto decorativo da Stanza della Segnatura, a biblioteca das habitacións de Xulio II.

Rafael deseña o conxunto da decoración que presenta o coñecemento da humanidade, ben a través da verdade revelada, ben a través da poesía, ben da lei, ou ben da verdade racional (a filosofía), todo completado coa decoración da bóveda que insiste en parecidos temas.

A escena representa aos sabios da Antigüidade diante dunha arquitectura que recorda a deseñada por Bramante para San Pedro do Vaticano e presidida polas estatuas de Apolo e Atenea (deuses da sabedoría).

Composición e Técnica

A composición é simétrica a partir das figuras de Platón e Aristóteles, que ocupan o centro, e divide a obra en dúas partes con grupos de figuras compensados que presentan unha certa isocefalia; déixase un baleiro no centro para resaltar aos filósofos principais.

O debuxo é fundamental, tanto para a organización da composición, mediante unha perspectiva lineal con centro en Platón e Aristóteles e un punto de vista baixo que ensalza aos personaxes, como por xerar o volume mediante o escorzo das figuras (no que está presente a influencia das pinturas de M.A. na Capela Sixtina).

A luz é clara e diáfana, aínda que incorpora un foco secundario desde o fondo que recorta e individualiza aos filósofos principais cunha receita tomada de Leonardo.

No fondo dispónse unha arquitectura centralizada para loubar a filosofía e o saber. No centro, Platón, co Timeo, sinalando o ceo, e Aristóteles, coa Ética.


A CAPELA SIXTINA

Temáticas Representadas

Aparecen tres grandes temáticas na representación:

  • Nos tímpanos e lunetos representa personaxes do Antigo Testamento que aluden á xenealoxía de Cristo.
  • Entre os oito lunetos pintou aos profetas e as sibilas (os que anunciaron a chegada de Cristo).
  • Na bóveda propiamente dita represéntase dentro dunha arquitectura finxida nove composicións do Libro do Xénese.

Composición

Dende un punto de vista compositivo, en lugar de realizar unha sucesión de cadros como xa se fixera no Quattrocento, dá unidade ao conxunto finxindo na bóveda unhas arquitecturas que enmarcan as escenas principais e que permiten situar como se fose un escenario real aos profetas e sibilas e a un conxunto grande de figuras de mozos espidos en diferentes actitudes (os Ignudi) que simbolizarían os diversos estados das almas neoplatónicas e que constitúen unha afirmación da sintonía da cultura pagá coa cristiá, propia das realizacións artísticas de Xulio II. Ademais, M.A. alterou figuradamente as dimensións da capela: a escala dos profetas e sibilas aumenta gradualmente desde a entrada cara ao altar logrando, mediante esta perspectiva invertida, aumentar opticamente a profundidade da estancia.

A distribución de figuras e escenas organizouse en función dunha lectura que esixía seguir un itinerario que discorre ao redor do muro para percibir as figuras dos lunetos, sibilas e profetas e Ignudi e as representacións dos medallóns situados entre estes, para seguir coa lectura das composicións centrais, polo eixo da capela, desde o muro no que se atopa o Xuízo Final ata o do acceso.

Técnica

Tecnicamente, trátase dunha pintura ao fresco que emprega a perspectiva lineal para organizar o conxunto. O debuxo utilízao para xerar o efecto de volume (case escultórico) monumental. A luz é fría e uniforme, o que xera pouca gradación tonal. As cores son maioritariamente frías e de tons bastante ácidos. Miguel Anxo prescinde da idea de unidade da cor do conxunto para aplicar unha contraposición cromática que subliña con máis forza o drama e a tensión das composicións.

As figuras parten dunhas proporcións clásicas e tende a representalas cunhas calidades escultóricas, para o que recorre fundamentalmente aos escorzos.

Entradas relacionadas: