Orixes e Evolución do Galego: Da Romanización ao Período de Formación
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 12,27 KB
Romanización da Gallaecia
A Gallaecia entrou no dominio de Roma a partir das expedicións de Décimo Xunio Bruto e Xulio César, sendo incorporada definitivamente ao Imperio Romano durante o reinado de Augusto. A administración romana na zona perdurou dende o século I a. C. ata o século V d. C. A provincia de Gallaecia incluía, ademais da actual Galicia, o norte de Portugal e partes de Asturias e León. Durante este período, o latín impúxose como a lingua dominante, facendo que as linguas autóctonas desaparecesen gradualmente, nun proceso lento de latinización, que tamén se viu impulsado pola necesidade de coñecer o latín para obter a cidadanía romana.
A pesar da ampla latinización, algúns idiomas, como o éuscaro, sobreviviron en zonas concretas. No século IV e V, a Gallaecia estaba plenamente integrada na cultura romana e cristiá, destacando figuras como os emperadores Máximo e Teodosio e escritores como Exeria e Paulo Orosio. O cristianismo tamén xogou un papel clave na difusión do latín, especialmente entre a poboación rural, ao usar o latín para expandir as doutrinas cristiás por todo o territorio.
Funcións Sociais da Lingua
O contacto lingüístico ocorre cando varias linguas se atopan nun mesmo espazo xeográfico, o que ten efectos tanto no ámbito social como no individual. As sociedades que experimentan este contacto son bilingües, e os seus membros, en maior ou menor medida, tamén adoitan ser bilingües. O bilingüismo xurde como consecuencia deste contacto de linguas, pero o seu significado é complexo, xa que pode referirse a diferentes situacións.
É importante distinguir entre bilingüismo social e bilingüismo individual. O bilingüismo social ocorre cando unha sociedade usa máis dunha lingua, mentres que o bilingüismo individual fai referencia á capacidade dunha persoa para dominar e usar dúas linguas. Existen casos de individuos bilingües en sociedades monolingües, como os emigrantes que aprenden a lingua do país sen perder a súa propia. Tamén hai sociedades bilingües onde só un pequeno grupo é bilingüe, como os intérpretes.
O bilingüismo individual pode ser analizado desde tres aspectos: a competencia (canto se sabe dunha lingua), o uso (en que contextos se usan as linguas) e a adquisición (como se aprenden). O ideal sería que unha persoa tivese un nivel similar en ambas linguas e puidese usalas de forma equivalente en calquera situación, pero na práctica, a maioría das persoas se achegan a este ideal de maneira parcial.
Bilingüismo Social: Conflito e Diglosia
Se nos centramos agora na existencia de dúas ou máis linguas no mesmo contexto social, as situacións de bilingüismo poden ser tamén moi distintas entre si. Os factores que debemos ter en conta á hora de describir unha situación de bilingüismo social son de tres tipos: demográficos, de status e de apoio institucional.
Factores Demográficos
- O número de falantes de cada unha das linguas, co fin de comprobar cal é a maioritaria e cal a minoritaria, tanto desde a perspectiva da lingua inicial como da habitual.
- A distribución xeográfica dos falantes ao longo do territorio. Neste punto resulta relevante comprobar se están concentrados ou dispersos, así como se predominan en zonas urbanas ou rurais (as cidades convértense normalmente en modelos lingüísticos).
Factores de Status
(Político, simbólico, social, económico e de prestixio internacional):
- O status político refírese á oficialidade das linguas, desde un punto de vista lexislativo. Ademais, independentemente de que se recolla o seu status oficial nas leis, cómpre ter en conta se desempeñan esta función na práctica, isto é, se son utilizadas, por exemplo, na administración pública.
- O status simbólico indica se as linguas son ou non recoñecidas como linguas nacionais polos seus falantes, é dicir, se se consideran símbolos de grupo e funcionan, polo tanto, como elementos identitarios.
- O status social fai referencia ao lugar que ocupan os distintos grupos de falantes na sociedade.
- O status económico depende do poder económico dos diferentes grupos lingüísticos.
- Por último, o prestixio internacional vén marcado pola presenza das linguas máis alá das fronteiras da sociedade analizada.
Factores de Apoio Institucional
Este pódese dividir á súa vez en apoio oficial (o relativo ás institucións públicas) e apoio informal (o que corresponde aos ámbitos da industria, o comercio, a relixión e a cultura).
O Galego e a súa Historia: Período de Formación e Orixes
O Período de Formación da Lingua Galega
No século IX as variedades lingüísticas que se empregaban na Península Ibérica estaban tan distanciadas do latín que podemos falar xa do nacemento de novas linguas: o galego-portugués, o ástur-leonés, o castelán, o aragonés, o catalán e as variedades mozárabes. Na formación de linguas distintas exercen unha grande influencia as que había nas diferentes zonas antes da chegada do latín (linguas de substrato), así como as que chegaron posteriormente (linguas de superestrato). En definitiva, o latín constitúe o compoñente principal do galego, pero non o único. Na formación do noso idioma xogan tamén un importante papel elementos achegados polas linguas dos distintos pobos que se asentaron no noroeste da Península Ibérica ao longo dos séculos, antes e despois da chegada dos romanos.
O Substrato Prerromano
Antes da chegada dos romanos, no noroeste peninsular atopamos a civilización castrexa, que se caracterizaba pola dispersión da súa poboación; descoñecían a cultura urbana e a escrita. Isto dificultou o proceso de latinización, pero o latín acabou impoñéndose debido ao dominio político e á superioridade cultural dos romanos. Podemos distinguir varios estratos previos á latinización:
- Os pobos indoeuropeos, pertencentes á cultura dos metais (entre os que destacan os celtas).
- Os pobos preindoeuropeos, chegados aquí moito antes (na Idade de Pedra).
Prefixos
- Orixe latina: a-, ad-, con-, com-, in-, im-, i-, sub-, su-, so-, ultra-.
- Orixe grega: anti-, hiper-, macro-, orto-, sin-, sim-, tele-.
Os Superestratos Xermánico e Árabe
Nos superestratos do galego debemos distinguir dous compoñentes principais: o xermánico e o árabe. No século V, tras a caída do Imperio Romano e a invasión dos bárbaros (os pobos xermánicos), os suevos estableceron a súa monarquía na antiga provincia romana da Gallaecia. A Gallaecia sueva foi o primeiro reino nacido na Europa Occidental despois da caída do Imperio Romano e mantivo a súa independencia máis dun século e medio (411-585). O reino suevo foi anexionado finalmente polos visigodos e pasou a depender da monarquía hispano-goda, pero o territorio galaico seguiu conservando moita autonomía. Esta relativa independencia da Gallaecia durante os tres séculos do período xermánico (V, VI e VII), favorecida polo illamento derivado da localización xeográfica periférica, tivo especial importancia para a formación dunha identidade lingüística galaica, pois favoreceu tendencias particulares na fala desta zona. Isto ten lugar, ademais, nun momento crucial da fragmentación lingüística dos territorios do antigo Imperio Romano. A pesar da superioridade política dos invasores, estes non chegaron a exercer unha influencia cultural e lingüística importante, pois axiña foron asimilados e latinizados. Ademais de constituíren unha minoría, fronte á poboación hispanorromana, os xermanos eran fundamentalmente guerreiros e non dispuñan dun aparato administrativo nin dunha cultura comparables aos herdados de Roma, polo que se integraron, previa conversión ao cristianismo, e construíron os reinos suevo e visigodo apoiándose na administración eclesiástica, que empregaba no culto, na predicación e na comunicación diaria o latín, a lingua dos cristiáns, idioma máis prestixioso e de carácter universal.
A invasión árabe, no 711, supuxo a fin do reino visigodo. Os árabes comezaron a conquista da Península polo sur e sometérona en pouco tempo, establecendo en gran parte do territorio a súa cultura e a súa lingua. Pero na zona norte da Gallaecia non chegaron a instalarse; de aí que a maior parte dos arabismos que atopamos no galego entrasen de xeito indirecto, a través do castelán e do portugués.
Principais Evolucións Fonéticas do Latín Vulgar ao Galego
Probable influencia do substrato celta
- Simplificación das consoantes dobres -LL- e -NN- latinas en posición intervocálica: GALLU > galo, ANNU > ano.
- Sonorización das consoantes oclusivas xordas intervocálicas (-P-, -T-, -K- > -b-, -d-, -g-): RIPARIA > ribeira, RÕTA > roda, AMICU > amigo.
- Evolución do grupo latino -CT- a -it- (LACTE > leite).
Outras Evolucións Significativas
- Os grupos consonánticos iniciais latinos PL-, CL- e FL- pasan a ch- /tʃ/: PLORARE > chorar, CLAMARE > chamar, FLAMMA > chama.
- Desaparición do -N- e do -L- intervocálicos latinos: LUNA > lúa, FILU > fío.
- Conservación das vogais e, o breves tónicas latinas: NEBULA > néboa, PETRA > pedra.
- O ditongo AU convértese en ou: AUTUMNU > Outono, TAURU > touro, AURU > Ouro, CAUSA > cousa.
- Conservación do F- inicial latino: FARINA > fariña, FACERE > facer.
- Conservación do grupo consonántico -MB- intervocálico: LUMBU > lombo, PLUMBU > chumbo.
- Redución do grupo latino -MN- a -n-: DAMNARE > danar, CONDEMNARE > condenar.
- O grupo consonántico -LT- vocaliza o primeiro elemento: CULTELLU > coitelo, MULTU > moito, SALTU > souto.
Características Básicas do Galego Antigo
A lingua en que estaban escritos os textos medievais acostuma denominarse galego-portugués, xa que nese momento histórico as diferenzas entre as falas do norte e do sur do Miño, das cales proceden respectivamente o galego e o portugués actuais, eran pouco significativas. Algúns dos trazos máis característicos da lingua desta época son os seguintes:
O Galego Antigo
Nivel Fonolóxico
- Existían vogais nasais producidas pola perda do -n- intervocálico: mão (man), ũa (unha), téedes (tedes/tendes), irmão (irmán). Na actualidade o galego non conserva vogais nasais: nalgúns casos perdeuse a nasalidade da vogal e noutros orixinou unha consoante nasal.
- Tamén había oposición fonolóxica entre sibilantes xordas (/s/, /ʃ/) e sonoras (/z/, /ʒ/): passo / rosa; peixe / hoje, gente; cabeça / cozer.
- Existía unha consoante africada /tʃ/ que sobrevive no galego actual (chover, chorar).
Nivel Morfosintáctico
- Ausencia dun morfema de feminino para as palabras rematadas en -or: a pastor, a sennor.
- Uso do pronome persoal te tanto para o acusativo coma para o dativo: falareite de amor.
- Emprego do posesivo sen artigo que o preceda: vodas fazen a meu amigo.
- Vacilación na terceira persoa dos perfectos: no sur, coa terminación -e ou -o (ouve, disse, fez), como resolve tamén o portugués actual, e no norte a terminación en -o (ouvo, disso, fizo) que é a que ten continuación no galego moderno.
Nivel Léxico
- Usábanse na lingua medieval vocábulos que posteriormente se perderon na lingua moderna (assaz 'bastante', eire 'onte', cras 'mañá', vegada 'vez') ou que sufriron cambios de significado (aver, que hoxe xa non ten o significado de 'ter').