Panorama da Literatura Galega Contemporánea e a Evolución do Galego Moderno (1975-2010)

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 12,48 KB

A Prosa de Fins do Século XX a Comezos do XXI

A narrativa dos 80 experimenta toda unha serie de **mudanzas importantes** provocadas polos cambios políticos, a proliferación de editoriais e a aparición de premios. Esta situación xera un **mercado estable** e a aparición de novas voces literarias. É o caso de autores como **Víctor Freixanes**, **Alfredo Conde** ou **Xavier Alcalá**. Estes autores abarcan diferentes xéneros e temáticas: a novela histórica, a novela xeracional, a experimental ou a realista.

A Narrativa na Década dos 80 e 90

Unha das novidades deste período é a aparición de **voces femininas**, é o caso de **María Xosé Queizán** e **Margarita Ledo**.

A década dos 90 vaise caracterizar pola proliferación de novas liñas temáticas: a ficción científica, a erótica, a sentimental e o *western*. O xénero de maior difusión vai ser a **novela policial**, pensada para o público xuvenil e a súa difusión a través do ensino. A presenza do humor mesturado cunha crítica social e de costumes ten cabida na **narrativa humorística**.

Outros autores apostan polo tratamento poético da linguaxe, é o caso de **Anxo Angueira** ou **Ramiro Fonte**. Un fenómeno exclusivo é a **literatura bravú**, transgresora e irreverente cos canons literarios tradicionais. Son autores significativos deste período **Manuel Rivas** e **Xosé Carlos Caneiro**. Teñen o seu recoñecemento literario en Galicia e fóra, grazas á tradución e aos premios acadados.

Os Comezos do Novo Século (XXI)

Os comezos do novo século vanse caracterizar pola continuidade na diversidade de xéneros e pola ampliación de liñas temáticas. A continuidade da **novela negra** vén da man de autores como **Diego Ameixeiras** ou **Marcos Calveiro**. A **novela histórica** continúa con **Teresa Moure**, que ten incursións tamén noutros xéneros como o teatro, o ensaio ou a poesía.

Nos últimos anos desta etapa está a producirse un **boom da narrativa de mulleres** que, aínda sendo moi variada, posúe algúns trazos comúns:

  • Protagonismo feminino.
  • Cuestionamento dos valores patriarcais e dos roles tradicionais.
  • Relacións entre mulleres.

Exemplos destacados:

  • **Rosa Aneiros** con *Resistencia*.
  • **Teresa Moure** con *Herba moura*.
  • **María Reimóndez** con *O club da calceta*.

Literatura Infantil e Xuvenil (LIX)

Mención á parte merece a **literatura infantil e xuvenil**. Algúns dos seus autores son:

  • **Paco Martín** coa súa obra *Das cousas de Ramón Lamote*.
  • **Marilar Aleixandre** coa publicación de *A formiga coxa*.
  • **Francisco Castro** con *Un bosque cheo de fadas* e *Chamademe Simbad* (2009).
  • **Agustín Fernández Paz**, entre os numerosos títulos que escribiu, atopamos unha ampla variedade de temática, desde narracións de medo (*Aire negro*) ata novelas de anticipación (*O centro do labirinto*), pasando por outros que recollen historias realistas (*Rapazas*).

Ledicia Costas Álvarez, nada en Vigo, gañou o **Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de España** en 2015, pola súa obra *Escarlatina, a cociñeira defunta*.

O Ensaio na Literatura Galega

O ensaio é o xénero máis novo da literatura galega, fortemente impulsado na época de preguerra pola **Xeración Nós** e tamén cultivado polos homes do **Seminario de Estudos Galegos**. Mais desde 1936 todo se parou ata que a situación da literatura galega comeza a mudar a partir de 1950 coa creación da editorial **Galaxia**.

Os autores vinculados a esta editorial cultivaron con especial afán o xénero do ensaio:

  • Ramón Piñeiro, principal promotor do proxecto Galaxia, publica e promove o ensaio en galego coa intención de demostrar que a nosa lingua é válida para todo tipo de expresión cultural.
  • Ricardo Carballo Calero é un autor dunha extensa e variadísima obra. Como ensaísta trata temas filosóficos, lingüísticos e literarios.
  • Outros autores: **Francisco Fernández del Riego** (cultura galega), **Xosé María Álvarez Blázquez** ou **Xoán Rof Carballo** (medicina).

Vitalidade do Ensaio a Partir dos Anos 80

Desde os anos 80 o ensaio acada unha grande vitalidade debido a varios factores:

  • Aparición de revistas de pensamento como *Encrucillada*, de pensamento cristián, de orientación feminista ou de expresión artística.
  • A creación de coleccións específicas e a constitución doutras que publican preferentemente ensaio en galego.
  • A **galeguización de moitos ámbitos universitarios**.

Tipos de Ensaio Contemporáneo

Podemos sinalar varios tipos:

  • Ensaio ligado ao galeguismo relixioso: **Xosé Chao Rego**, **Xosé Alvilares**.
  • Libros de gastronomía (iniciados por **Álvaro Cunqueiro** coa súa *Cociña galega*).
  • Ensaio ligado á situación sociolingüística de Galicia: **Alonso Montero** ou **Francisco Rodríguez**.
  • Ensaio ligado ao estudo da literatura galega: **Anxo Tarrío**, **Xosé Ramón Pena**.
  • Ensaio ligado á historia: **Ramón Villares**, **Ramón Barreiro**.
  • Ensaio sobre outros temas de ciencias sociais como filosofía e antropoloxía.
  • Ensaio ligado á economía política con **Xosé Manuel Beiras**.
  • Ensaio ligado ao feminismo con **María Xosé Queizán** ou **Carmen Blanco**.
  • Ensaio ligado aos movementos contraglobalización.

O Teatro de Fins do Século XX a Comezos do XXI

Un dos momentos máis importantes do teatro galego de finais do século XX vén da posta en marcha da **Mostra de Teatro de Ribadavia** (1973), que crea un festival que serve de referente e un premio que servirá de plataforma aos autores. A finais da década, **Manuel Lourenzo** e **Francisco Pillado** fundan a **Escola Dramática Galega** co obxectivo de formar autores e facilitar a representación. Porén, a publicación dos textos desta década vén marcada polo esmorecemento do teatro profesional.

A Década dos 80 e a Creación do CDG

A década dos 80 caracterízase pola aparición de novos proxectos teatrais, como a creación da compañía **Luís Seoane** e dúas salas de representación, a Luís Seoane na Coruña e a Caritel en Ourense.

O momento de referencia desta década vai ser o ano **1984**, data da creación do **Centro Dramático Galego (CDG)**, que nace co obxectivo de:

  • Favorecer o desenvolvemento do teatro profesional.
  • A normalización do teatro a partir da representación de autores galegos e estranxeiros.
  • A publicación de textos teatrais.

Malia a proliferación de coleccións teatrais como os libros do CDG ou a aparición de premios como Álvaro Cunqueiro ou Rafael Dieste, os autores máis vellos da década dos 80 están moi vencellados ás Mostras de teatro de Ribadavia, como **Manuel Lourenzo**, **Euloxio Ruibal** ou **Vidal Bolaño**.

A Promoción dos 80 e 90

Os autores máis novos crearon o que se coñece como **Promoción dos 80**, caracterizada pola:

  • Dimensión simbólica das obras.
  • O culturalismo.
  • O afastamento da realidade inmediata.
  • As reflexións metateatrais.
  • A crítica, o humor e a ironía.

Ao longo da época creáronse novas compañías teatrais ata chegar aos 90, onde, pola maior implicación dos autores teatrais co xénero, as obras terán características comúns como a **intertextualidade**, a revisión da tradición autóctona e a revisión dos modelos xenéricos. Destacan dentro da **Promoción dos 90** dramaturgos como: **Miguel Anxo Murado**, **Cándido Pazó**, **Raúl Dans**, **Manuel Núñez Singala** ou **Teresa Moure**.

A Nova Narrativa Galega

A partir da **década dos 60**, un grupo de mozos universitarios inician un proceso de **renovación técnica da narrativa galega**. Aínda que non forman xeración, si se poden agrupar por presentar unha serie de características en común: teñen formación universitaria e inquedanzas galeguistas; as súas viaxes ao estranxeiro van aparelladas ao dominio de idiomas e ao coñecemento das literaturas europeas.

Este grupo de autores caracterízase pola **introdución de motivos inéditos e técnicas innovadoras**. Esta innovación técnica acádana a través do:

  • Obxectalismo.
  • Perspectivismo.
  • Función simbólica do espazo.
  • Ruptura da linealidade temporal.
  • Dinamización da linguaxe, sinxeleza sintáctica e a condensación expresiva.

Forman parte deste grupo narradores de moita relevancia na narrativa galega como **Xosé Luís Méndez Ferrín** ou **Carlos Casares**.

Autores Fundamentais da Nova Narrativa

O iniciador da **Nova Narrativa Galega** vai ser **Gonzalo R. Mourullo** coa publicación das súas obras *Nace unha árbore* e *Memorias de Tains*. As súas obras caracterízanse pola superposición de planos (real-fantástico), a introspección do subconsciente, o simbolismo e o subxectivismo.

Un dos autores máis destacados e máis prolíficos nesta etapa vai ser **X. L. Méndez Ferrín** con obras como *Percival e outras historias*, *O crepúsculo e as formigas*, *Arrabaldo do norte*, etc. Todas elas presentan características polas que se inclúen na Nova Narrativa Galega: a mestura realidade-ficción, o experimentalismo e os espazos pechados, entre outras.

Aínda que con claras diferenzas respecto dos seus compañeiros de grupo, destaca **Carlos Casares**. A diferenza doutros membros, a súa narrativa céntrase en espazos galegos e cunha forte pegada autorreferencial. As obras desta etapa son: *Vento ferido* / *Cambio en tres*. A súa narrativa está a medio camiño entre realismo e experimentalismo, ademais de caracterizarse polo uso da técnica do **monólogo** e a presenza do narrador protagonista.

O último autor que forma parte do grupo é, coa publicación das obras *Lonxe de nós e dentro* / *Cara a Times Square*, **Camilo Gonsar**. Obras caracterizadas polo discurso ambiguo, o realismo obxectalista e os personaxes inadaptados ao medio.

Historia da Lingua: O Galego Moderno

No ano 1975 morre Franco e en 1978 as Cortes democráticas aproban a Constitución actualmente en vigor. Establécese nela a **cooficialidade do galego e do castelán** en Galicia.

Marco Legal e Normalización

O recoñecemento oficial prodúcese no ano **1981**, no **Estatuto de Autonomía**, que establece que "a lingua propia de Galiza é o galego" e que "ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua".

No ano **1983** entrou en vigor a **Lei de Normalización Lingüística**, que regula o seu uso nas diversas administracións e servizos. Desta maneira, o galego convértese na lingua oficial da administración autonómica, establecendo o seu ensino a nivel obrigatorio nos niveis Primario e Secundario, onde se establece tamén que outras dúas materias deberán ser impartidas en galego.

En 2004 apróbase no Parlamento o **Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega** con 445 medidas para potenciar o galego. Un ano máis tarde, o Consello de Europa recomenda que se imparta principalmente en galego. Coa súa entrada en vigor en 2007-2008, xorden dúas posturas: unha que considera que discrimina o castelán e outra que defende que o galego aínda é a lingua discriminada. En 2010, un novo decreto establece un 50% de presenza máxima do galego que, coa entrada do inglés, é do 30%.

Situación Sociolingüística Actual

Noutros aspectos, como na Igrexa e a Administración do Estado e a Xudicial, o galego está case ausente. Por outra parte, actualmente gaña peso a nivel económico, político, institucional, universitario e cultural. Ademais, o galego introdúcese nas novas tecnoloxías e mantense moi activo en internet.

Tocante ao plano cuantitativo, a realidade é, porén, cada vez máis negativa: a **perda do número de falantes** segue acelerándose. Coñécense nos últimos anos datos moi negativos, con gran repercusión na **prensa**, e indicando que a perda do número de falantes segundo a idade é menor.

Na busca dunha norma escrita, entramos na fase do **galego estándar**. Ao haber un estudo sistemático da lingua, pódese fixar con maior coñecemento unha norma culta, da que se van eliminando dialectalismos, arcaísmos e hiperenxebrismos, seguindo o camiño xa emprendido na etapa anterior, ao tempo que se adapta á nova situación social e internacional.

Entradas relacionadas: