Panorama da Literatura Galega: Do Exilio á Renovación Contemporánea (1939-S. XXI)

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 19,26 KB

A Literatura Galega do Exilio (1939)

Contexto Histórico e Cultural

O poema (nome do poema) pertence ao poemario (nome do poemario), de (nome do autor), autor exiliado despois da Guerra Civil e a vitoria do bando nacional en 1939. A represión exercida durante a ditadura imposibilitou que se continuase en Galiza co labor desenvolvido no primeiro terzo do século XX (Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos (SEG) e Xeración Nós), polo que foi no exilio en América o tempo e lugar no que se realizou unha intensa actividade política e cultural (publicación de obras, creación de infraestrutura editorial, creación de grupos teatrais, actos diversos, emisións radiofónicas...).

Conclusión

O exilio serviu como espazo de resistencia cultural e política. Exemplos desta produción son:

  • A soldadeira, obra teatral de Seoane, onde mestura dous tempos (a revolta dos irmandiños e 1936) para situar no pasado os problemas que se estaban a vivir no tempo presente.
  • Non agardei por ninguén, de Ramón de Valenzuela, narrativa de circunstancias situada na Guerra Civil.

Autores de Poesía do Exilio

Luís Seoane

Estivo exiliado en Bos Aires e desenvolveu un importante labor editorial e xornalístico. A súa obra poética iníciase con Fardel do Exiliado e illado, libro de poesía socialrealista que quere reconstruír a memoria da emigración desde parámetros críticos. No libro Na brétema, Sant-Iago, o tema central é a evocación da Galiza medieval, cunha reinterpretación do pasado con proxección sobre o presente. A conciencia e a denuncia irrompen con máis forza en As cicatrices.

Lorenzo Varela

Iniciou a súa obra en galego con Catro poemas para catro gravados, onde se celebran as figuras de María Balteira, María Pita, Roi Xorde e Adaúlfo. Con Lonxe mantén as características da anterior produción. O poemario ten dúas temáticas: unha mítico-histórica centrada na Guerra Civil e as súas consecuencias, e outra da ausencia da Terra, o exilio e a saudade que provoca ese estrañamento.

Outros Poetas

  • Eduardo Blanco Amor con Cancioneiro.
  • Emilio Pita con Jacobusland.

Autores de Narrativa do Exilio

Ramón de Valenzuela

Trata o tema da guerra na novela Non agardei por ninguén, onde nos guía o narrador-protagonista a través do que podemos comprobar o carácter plural das ideoloxías que coinciden no lado antifranquista (comunistas, agraristas, nacionalistas). Os guerrilleiros son protagonistas especiais. En Era tempo de apandar cóntase a vida en Francia do narrador protagonista, a repatriación aos cárceres de Burgos e Ávila e o regreso a Trasdeza.

Silvio Santiago

Despois de fuxir por Portugal, publicou Vilardevós, onde destacan a súa aldea e a súa infancia, e O silencio redimido, onde conta a traxedia vivida por persoas galegas na guerra.

Antón Alonso Ríos

Autor de O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte e Memorias dun fuxido (na Galiza franquista, percorrido feito baixo un disfrace de esmolante portugués e posterior exilio).

O Ensaio no Exilio

  • Castelao con Sempre en Galiza, unha reflexión sobre a política da época, con trazos que definen a Galiza como unha nación e con políticas prácticas para acabar coas inxustizas históricas do noso país.
  • Luís Seoane con artigos e estudos sobre a arte galega.

A Renovación da Poesía Galega (Post-1976)

Contexto: O Cambio de Rumo

A publicación en 1976 de Con pólvora e magnolias, de Ferrín, e Mesteres, de Arcadio López Casanova, marcará un cambio de rumbo na poesía galega. O socialrealismo, rexeitado pola falta de rigor estético e unha mensaxe social repetitiva, deixa paso a unha nova poesía preocupada pola forma, pola linguaxe e aberta a novos temas.

Características da Nova Lírica

Culturalismo, experimentalismo, esteticismo, europeísmo e cosmopolitismo serán as principais características da lírica que define esta etapa e que chega ata os nosos días.

A Poesía dos Anos 90 e o Compromiso

Nos anos 90, aínda que a liña social esgotara o seu tempo, algúns autores e autoras non rexeitan totalmente a crítica co mundo que lles tocou vivir e pronúncianse a favor do antimilitarismo, do ecoloxismo ou do feminismo. Esta temática é abordada por un número moi significativo de mulleres que se incorporan neste momento ao panorama literario galego e que introducen un discurso feminino e feminista que segue vixente no século XXI.

Conclusión

A lista de autoras que abordan o discurso feminista é moi numerosa; entre elas:

  • Lupe Gómez.
  • María Reimóndez (Moda galega).

Todas exploran novas formas, novos temas e contribúen a enriquecer o panorama da lírica galega iniciado a partir de 1976.

Autores e Grupos da Poesía dos 80

Rompente

Méndez Ferrín, Antón Reixa, A. Pexegueiro pertencen a Rompente, que remite ás vangardas e caracterizábase polo protagonismo do mundo urbano, a similitude con outras artes e unha linguaxe orixinal na que se mesturaban os máis diversos rexistros lingüísticos.

Cravo Fondo

Rábade Paredes, Ramiro Fonte, Helena Villar pertencen a Cravo Fondo (en Santiago) e defenden unha poesía coidada na forma e implicada no proceso social.

Alén

Salinas Portugal, Mato Fondo pertencen a Alén e fan innovación lingüística.

De Amor e Desamor

Lois Pereiro, Lino Braxe, Pilar Pallarés, Manuel Rivas pertencen a De Amor e Desamor (na Coruña). De amor e desamor é tamén o título dun poemario que inclúe composicións deles. A posta en escena é o recital de formato clásico.

Características da Poesía dos 80

Culturalismo

Manuel Antonio, Pondal reivindícanse no culturalismo, característica da poesía dos 80 na que se inclúen referencias literarias, filosóficas, mitolóxicas, musicais, pictóricas, artísticas...

Liña Urbana e Cultura Pop

Xunto coa tendencia culturalista, convive unha liña máis urbana e próxima á cultura pop, representada por:

  • Antón Reixa
  • Manuel Rivas
  • Lois Pereiro
  • Xela Arias
  • Colectivo Ronseltz (con Unicornio de cenorias que cabalgan os sábados)

Autores da Poesía dos 90

Fran Alonso, Estevo Creus, Celso Fernández Sanmartín, Kiko Neves, Rafa Villar, Miro Villar manteñen as liñas básicas e os fundamentos poéticos iniciados na década anterior. Tiveron por primeira vez formación de lingua galega no ensino e unha maioría intégranse en grupos poéticos que teñen en común o gusto pola poesía, o desexo de divulgala e o compromiso co galego.

A Incorporación Feminina

A incorporación da muller na poesía de fin de século empeza nos 90 coa publicación da revista Festa da palabra silenciada, que era unha revista crítica convertida nun punto de encontro do feminismo. Estas autoras contribuirán á renovación do discurso poético dos 90:

  • Helena de Carlos
  • Yolanda Castaño
  • María do Cebreiro
  • Enma Couceiro
  • Marta Dacosta
  • Lupe Gómez
  • Olga Novo
  • María Lado
  • Emma Pedreira

Créanse novas editoriais e multiplícanse os certames literarios. Hai preocupación por achegar a poesía á sociedade, rexeitando o formato clásico de recital e levando a ambientes lúdicos, o que fai que o poema se simplifique desde o punto de vista estilístico e simbólico. Combínase tamén con outras manifestacións artísticas e a rede irase consolidando como medio de difusión da nova poesía.

Tendencias Temáticas Clave

Intimismo e Experiencia

  • Rafa Villar (Casa ou sombra): Busca a expresividade coloquial, o verso libre e a linguaxe directa do sentimento, abordando temas clásicos como o amor, a vida, a memoria da infancia, a soidade e as relacións familiares.

Temas Sociais e Patrióticos

  • Marta Dacosta (Setembro): Abordaxe de temas sociais e patrióticos desde sensibilidades alternativas.

Mundo Urbano e Consumo

  • Fran Alonso (Tortillas para os obreiros) e Antón Reixa (Viva Galicia beibe): Consolidación do mundo urbano e da sociedade de consumo como ámbitos poéticos.

O Rural en Extinción

  • Emilia Araúxo e Raúl Gómez Pato (con Chuvia, vapor e velocidade): O canto nostálxico e pesimista sobre a evolución do rural galego visto como un mundo en extinción. Visión dun territorio mestizo onde convive o tradicional e o moderno.

Perspectiva Feminista

  • Yolanda Castaño (O libro da egoísta): Poética construída desde unha perspectiva feminista que cuestiona o amor, o sexo, os mitos femininos e o papel da muller na sociedade.

Metapoesía e Postmodernismo

  • Miro Villar (Abecedario de desolación): Reflexión metapoética.
  • Chus Pato (M-Talá): Liña de poesía postmodernista e política.

Autores do Século XXI

Escrita Feminina e Feminista

Hai peso e relevancia da escrita feminina e feminista:

  • María Reimóndez (Moda galega)
  • María do Cebreiro (Nós, as inadaptadas)
  • Lupe Gómez (Camuflaxes)
  • Olga Novo (Feliz idade)

Compromiso e Experimentación

A recuperación da poesía comprometida virada cara aos conflitos propios do novo milenio, a ruptura temática e formal con incesantes propostas experimentais e a experimentación de novos soportes líricos con xéneros mixtos entre a poesía e o vídeo ou fotografía:

  • Yolanda Castaño (Puño e a letra, 40 poemas recollidos das obras anteriores e ilustrados por 40 artistas de cómic).
  • Antía Otero (videopoemas).
  • Fran Alonso (poesía dixital e transmedia).

Poesía Escénica e Satírica

Tendencia a facer da poesía un espectáculo en vivo e a poesía de tonalidade satírico-irreverente que recolle a herdanza do Colectivo Ronseltz:

  • Aldao con Lucía Aldao e María Lado (Onde estea un cubata que se quite un soneto e Dez poemas por barba).
  • O Leo, Hai cu/Samuel R. París (Inflamable).

Poesía Infantil e Xuvenil

  • Fran Alonso (O meu gato é un poeta, Cidades, Street Poems).
  • Carlos Negro (Penúltimas tendencias, Aplicación instantánea).

A Consolidación da Narrativa Galega (Post-1976)

Contexto: Normalización e Diversificación

A chegada da democracia coa introdución do galego no ensino, a creación de novas editoriais (Xerais, 1979; Sotelo Blanco, 1980...) e a proliferación de premios literarios (Premio Blanco Amor, Premio Xerais...) fan que a narrativa galega acade unhas dimensións —cuantitativa e cualitativamente— non experimentadas anteriormente. A nosa prosa consagrarase definitivamente nos anos 80 cunha importante diversificación de estilos, temas e rexistros lingüísticos. Nace tamén nesta década a Literatura Infantil e Xuvenil (LIX).

Conclusión: A Novela de Xénero

Ademais da narrativa experimental, nesta etapa nace a novela de “quiosco”, coa que se pretende ampliar o público lector. As temáticas son variadas e entre elas cómpre destacar a novela erótica (Xulio López Valcárcel, Anel de mel) e, sobre todo, a novela policial, que se consolida e chega ata os nosos días. A primeira novela policial é Crime en Compostela, de Carlos Reigosa.

Representantes do Xénero Negro Contemporáneo

  • Diego Ameixeiras (Baixo mínimos)
  • Arantza Portabales (Beleza vermella)
  • Domingo Villar (A praia dos afogados)

Autores da Narrativa dos 80

Diversificación de Xéneros

As tendencias narrativas amplíanse e a novela de quiosco empézase a cultivar para captar e ampliar o número de lectores. Aborda temas e estilos que non formaban parte da nosa tradición literaria:

  • Novela policial con Carlos Reigosa (Crime en Compostela).
  • Ciencia ficción con Ramón Caride (Soños eléctricos).
  • Erótica con Xulio López Valcárcel (Anel de mel).
  • Western con Xosé Fernández Ferreiro (A morte de Frank González).

Novela Intimista e Histórica

  • Xavier Alcalá (A nosa cinza): Novela intimista que presenta as memorias dun neno burgués que pretende ser o contrapunto das Memorias dun neno labrego de Neira Vilas, con elementos innovadores como o flash-back.
  • Víctor Freixanes (O triángulo inscrito na circunferencia, O enxoval da noiva) e Alfredo Conde (Xa vai o grifón no vento): Cultivan a novela histórica enfocada á recuperación dos nosos sinais de identidade máis peculiares. Reformulan o xénero introducindo elementos marabillosos e dándolle ás obras unha dimensión alegórica.

Narrativa Experimental

  • Suso de Toro (Polaroid): Texto radical que marca a renovación do xénero pola fragmentación do discurso, pola subversión do papel do narrador, pola incorporación da realidade cotiá e pola apertura a linguaxes non literarias. Pretende captar as contradicións e conflitos da sociedade moderna.

Voces Femininas

Neste período aparecen as voces femininas que lle dan unha nova interpretación ao feito literario:

  • María Xosé Queizán (Amantia, Amor de tango).
  • Margarida Ledo (Mamá-Fé).

Autores Consolidados

Por riba das modas, seguiron publicando estes escritores xa consolidados:

  • Méndez Ferrín (Arnoia, Arnoia, Amor de Artur).
  • Carlos Casares (Ilustrísima, Os mortos daquel verán).
  • Neira Vilas.

Autores da Narrativa dos 90

Persistencia da Novela Histórica

Centrada na antigüidade e no medievo:

  • Darío Xohán Cabana (Galván en Saor, Morte de rei).
  • Rábade Paredes (Branca de Loboso).
  • Fernández Ferreiro (Agosto do 36, retrata a Guerra Civil).
  • Manuel Rivas (O lapis do carpinteiro).

Consolidación da Novela de Xénero

  • Novela negra: Aníbal Malvar (Un home que xaceu aquí).
  • Novela de aventuras: Xosé Miranda (Morning Star).

Novela Experimental

  • Xurxo Borrazás (Criminal): Propostas narrativas arriscadas con afán de ruptura estética (fragmentarismo, desacralización temática, humor corrosivo...).
  • Suso de Toro (Tic-Tac): Influenciada pola cultura underground, polas artes audiovisuais e os medios de comunicación.

Narrativa Bravú

Mestura temas urbanos e ruralistas, retratando o choque cultural producido en Galiza cando a sociedade tradicional adoptou as modas da sociedade de consumo:

  • Jaureguizar (Todo a cen).
  • Xurxo Souto (A tralla e a arroutada).

Manuel Rivas: Proxección e Estilo

Un dos autores con máis proxección fóra de Galiza. Na súa obra hai tensión entre tradición e modernidade, entre o rural e o urbano, nun estilo onde o lirismo e a ironía van unidos:

  • Un millón de vacas
  • Que me queres, amor?
  • Os comedores de patacas
  • En salvaxe compaña

Literatura Infantil e Xuvenil (LIX)

Consolidación da LIX, á que non lle foi alleo o sistema educativo:

  • Marilar Aleixandre (A expedición do Pacífico).
  • Agustín Fernández Paz (Cartas de inverno, Noite de voraces sombras).
  • Xavier Docampo (Cando petan na porta pola noite).
  • Fina Casalderrey (O misterio dos fillos de Lúa).
  • Paco Martín (Das cousas de Ramón Lamote).

Autores da Narrativa do Novo Milenio

Consolídanse tendencias de décadas anteriores:

Xénero Negro Contemporáneo

Principais renovadores do xénero negro:

  • Arantza Portabales (Beleza vermella, A vida secreta de Úrsula Bas).
  • Diego Ameixeiras (Baixo mínimos).
  • Domingo Villar (A praia dos afogados, Ollos de auga).

Liña Feminista e Protagonismo Feminino

Ten relevancia a liña feminista con escritoras que irrompen na literatura e o protagonismo feminino. A denuncia dos roles patriarcais ou a abordaxe das relacións entre mulleres son algúns dos trazos comúns destas obras:

  • Teresa Moure (Herba moura, dá conta da vida das mulleres na historia).
  • Rosa Aneiros (Resistencia).
  • Inma López Silva (Aqueles días en que éramos malas).
  • María Reimóndez (O club da calceta).
  • Anxo Sumai (Así nacen as baleas).

O Ensaio Galego Contemporáneo

O ensaio medrou ao introducirse o galego no ámbito universitario. A oferta editorial medra, podendo dicir que a prosa galega presenta un panorama creativo e editorial normalizado, o que non se corresponde cun índice alto de poboación lectora fóra do ámbito educativo.

Liñas Significativas do Ensaio

  • Xosé Manuel Beiras (O atraso económico de Galicia): Liña de “economía e política”.
  • Manuel Portas (Lingua e sociedade na Galiza): Liña de “sociolingüística”.
  • María Xosé Queizán (Recuperemos as mans): Liña de “feminismo”.

Entradas relacionadas: