Panorama da Literatura Galega: Xéneros, Autores e Movementos Clave

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 49,69 KB

As Cantigas de Amigo son poemas líricos nas que unha muller nova, unha *dona virxe*, expresa os seus sentimentos de amor cara ao seu amigo. A voz poética é sempre feminina, aínda que os autores destas composicións eran homes. Un elemento clave nestes textos é a palabra “amigo”, que adoita aparecer nos primeiros versos. A rapaza, chamada ás veces “amiga”, relata as súas alegrías ou penas por mor do amor.

Personaxes Principais

Entre os personaxes principais destacan a rapaza namorada, coñecida como “a amiga”, que se caracteriza pola súa inxenuidade, que pode ser real ou aparente, combinada cun certo atrevemento e picardía. A rapaza mostra emocións diversas: pode estar feliz e apaixonada coa chegada do amigo, pero tamén pode sentirse resentida e vingativa se el non cumpre coas citas ou se sospeita dunha posible infidelidade. O amigo, aínda que non fala directamente nas cantigas, é descrito de forma indirecta, podendo amosar emocións positivas como amor, ledicia ou dor, ou negativas como falsidade, traizón ou inconstancia. Case sempre está ausente e non intervén na acción poética. A nai é unha figura importante nestes poemas, pois pode actuar como confidente da rapaza ou ben como autoridade que lle prohíbe ver ao amigo. As irmás e amigas teñen tamén un papel relevante, actuando como confidentes da rapaza e ás veces facendo de mensaxeiras entre os amantes. A palabra “irmás” é un arcaísmo frecuente nestas cantigas. A natureza, en moitos poemas, adopta o papel de personaxe. A rapaza diríxese a elementos naturais como as ondas, o vento ou as flores para expresar os seus sentimentos, e ás veces estes elementos parecen responder.

Temática Central: O Amor

O tema central das cantigas de amigo é o amor, que se presenta en diferentes aspectos. Por unha banda, pode ser insatisfeito ou non correspondido: o amigo pode estar ausente por motivos como servir ao rei, ser infiel, non acudir ás citas, ser inconstante, ou mesmo porque a nai o prohíbe, o que provoca dor e melancolía na rapaza. Por outra banda, o amor pode ser correspondido e feliz, cando a rapaza expresa ledicia pola presenza ou encontro co seu amigo. Ademais, existe o *panexírico da amiga*, que é unha loa á beleza e ás virtudes da rapaza, utilizando termos como “fremosa”, “de bon parecer”, “louçaa” ou “velida”. Esta loa pode ser feita pola propia rapaza, polo amigo, pola nai ou polas amigas.

Simboloxía nas Cantigas de Amigo

A simboloxía empregada nestas cantigas é moi rica e variada. A auga simboliza a pureza cando está limpa, ou a perda da virxindade cando está turbia. O mar representa un elemento de separación ou é símbolo da paixón amorosa. O cervo é un símbolo do amigo. Elementos como o verde piñeiro, a herba ou as avelaneiras floridas representan a sensualidade e a primavera. O cabelo da doncela simboliza a virxindade, e o feito de lavalo (ou lavar as camisas) ten un significado erótico, relacionado cos encontros amorosos.

Subxéneros das Cantigas de Amigo

Dentro das cantigas de amigo podemos distinguir varios subxéneros:

  • Cantigas de romaría: desenvólvense nunha ermida ou santuario, onde a moza reza ou se atopa co seu amigo.
  • Mariñas ou barcarolas: están ambientadas no mar, e nelas a rapaza dialoga coas ondas ou espera a chegada dos barcos.
  • Bailadas: son cantigas alegres que expresan ledicia polo amor e inclúen invitacións ao baile.

Forma e Recursos Estilísticos

En canto á forma e os recursos estilísticos, o trazo máis distintivo das cantigas de amigo é o paralelismo, que consiste na repetición de estruturas ou ideas en cada estrofa. Outro recurso característico é o leixaprén, un procedemento no que o segundo verso dunha estrofa se repite como primeiro verso da seguinte, o que proporciona cohesión e musicalidade ao poema.

Orixe e Evolución das Cantigas de Amigo

A orixe das cantigas de amigo é autóctona, isto é, proceden dunha tradición oral anterior á chegada da lírica provenzal. Con todo, evolucionaron influenciadas polo trovadorismo, e podemos distinguir tres tipos de cantigas de amigo:

  • Tradicionais: son as máis fieis á forma oral, con estrofas de dous versos, paralelismo e leixaprén, e que teñen un ambiente rural.
  • Contaminadas: presentan influencia trobadoresca, con estrofas máis longas, paralelismo pero sen leixaprén.
  • Trobadorescas: adoptan formas e estilo da cantiga de amor provenzal pero coa voz feminina.

Autores Destacados do Século XIII

Entre os autores destacados do século XIII atópanse:

  • Mendinho: xograr e autor da cantiga “Sedia-m’eu na ermida de San Simón”.
  • Martín Códax: xograr de Vigo, do que se conservan sete cantigas no Pergamiño Vindel, seis delas con música.
  • Pero Meogo: autor de cantigas con simbolismo erótico, como as relacionadas co cervo e a natureza.
  • Xoán de Cangas: xograr de Cangas do Morrazo, que escribiu tres cantigas de romaría ligadas ao santuario de San Mamede do Mar.
  • Don Dinis: rei de Portugal e neto de Afonso X, tamén autor de cantigas de amigo.

A lírica galego-portuguesa acadou o seu máximo esplendor durante o reinado de Fernando III e especialmente co seu fillo e sucesor, Afonso X o Sabio (Toledo, 1221 - Sevilla, 1284). Afonso X, educado en Galicia e coñecedor do idioma, ocupou o trono de Castela e León en 1252 e converteuse nun importante mecenas da arte e cultura peninsular. A súa corte en Toledo foi un centro de cultura e aprendizaxe onde se traduciu e compilou o saber da época. Foi nesta corte onde se compuxeron as famosas Cantigas de Santa María.

As Cantigas de Santa María

As Cantigas de Santa María son 427 composicións en honra da Virxe, escritas en galego-portugués debido ao prestixio e valor cultural daquela lingua. Compoñéronse na segunda metade do século XIII e son a colección mariana máis importante da Idade Media.

Fontes das Cantigas de Santa María

As fontes destas cantigas son variadas:

  • Orais: como lendas tradicionais e experiencias persoais do rei e colaboradores.
  • Escritas: en latín e linguas romances, incluíndo coleccións medievais de milagres e obras como Les miracles de la Sainte Vierge de Gautier de Coinci.

Autoría e Colaboración

A autoría destas cantigas é colectiva. Afonso X coordinou un equipo de especialistas composto por:

  • Compiladores: que recollían relatos.
  • Tradutores: que adaptaban composicións en latín, francés ou provenzal.
  • Poetas: como Airas Nunes e Pero D’Ambroa, que axudaban na versificación e creaban novas cantigas.
  • Músicos: que compuñan a música.
  • Miniaturistas: responsables das ilustracións dos códices, que teñen un gran valor documental sobre a vida da época.

Os Códices das Cantigas de Santa María

As Cantigas de Santa María chegaron ata nós a través de catro códices procedentes da corte de Afonso X:

  • Códice de Toledo (TO): Contén 128 cantigas con notación musical pero sen ilustracións. Atópase na Biblioteca Nacional de Madrid.
  • Códice Rico ou do Escorial (T): Ten 193 cantigas con notación musical e 1264 miniaturas moi valiosas, gardado na Biblioteca do Escorial.
  • Códice Escurialense ou dos Músicos (E): Inclúe 417 cantigas con notación musical e 40 miniaturas, que mostran diversos instrumentos musicais como violas, gaitas e arpas. Está na Biblioteca do Escorial.
  • Códice da Biblioteca Nacional de Florencia (F): Contén 104 cantigas, pero está incompleto e faltan notas musicais e miniaturas. Consérvase en Florencia.

Clasificación das Cantigas

En canto á clasificación, as cantigas divídense en dous grupos segundo a súa función:

  • Cantigas narrativas ou de milagres: Relatan milagres nos que a Virxe intervén para salvar alguén. A estrutura típica inclúe un resumo, un refrán repetido, a presentación do protagonista, a intervención milagrosa da Virxe e unha conclusión con agradecementos e loanzas.
  • Cantigas líricas ou de loor: Son poemas de loanza á Virxe. Unhas seguen o modelo das cantigas de amor trobadorescas, onde a Virxe é a dama amada e o trovador o seu vasalo. Outras son himnos, oracións e loanzas, algunhas pensadas para cerimonias litúrxicas con acompañamento musical.

A Cantiga de Amor é un poema con música no que un home (o *trobador*) expresa o seu amor por unha dama. A voz poética é sempre masculina. O trobador diríxese á muller utilizando termos como *senhor*, *dona* ou *molher*, mostrando admiración, respecto e submisión.

Orixe e Amor Cortés

As cantigas de amor galego-portuguesas derivan da *cançó* provenzal, un xénero lírico do sur de Francia. Alí naceu a idea do amor cortés, no que o trobador actúa como un vasalo que lle rende servizo e homenaxe á súa dama, como se fose o seu señor feudal. O trobador busca unha recompensa emocional ou amorosa (*aver ben*), pero nas cantigas galegas, esta recompensa nunca chega, e o amor é non correspondido. A diferenza do modelo provenzal, onde existe o *joï d’amor* (goce do amor físico), nas cantigas galego-portuguesas predomina o sufrimento amoroso ou *coita*.

Temática: O Amor Cortés

Representa un amor cortés, de inspiración feudal: o trobador serve á dama con devoción, recoñecendo a súa superioridade. A recompensa amorosa nunca se produce, xerando frustración e dor. A *coita* de amor é o sentimento central:

  • Provocada polo rexeitamento ou indiferenza da dama.
  • Pode levar ao trobador á loucura, insomnio ou incluso ao desexo de morte como escape ao sufrimento.

O Eloxio da Dama

A dama (*senhor*) aparece idealizada, inalcanzable e etérea: O poeta fai unha descrición abstracta e xenérica, nunca concreta. Eloxia:

  • A beleza física: *fremosa*, *bon parecer*, *corpo delgado*, *ben talhada*...
  • A beleza moral: *de bon prez* (valor), *de bon sen* (sentido común), *mesurada*, *fala ben*...

Características Formais

Estrutura segundo o refrán:

  • Cantigas de mestría: non teñen refrán.
  • Cantigas con refrán: incorporan versos repetidos ao final de cada estrofa (*cobra*).

Recursos Estilísticos Frecuentes

  • Dobre: repetición exacta dunha palabra na mesma posición dentro da estrofa.
  • Mozdobre (ou mordobre): repetición dunha palabra con variación morfolóxica.
  • Hipérbole: esaxeración que engrandece á dama.
  • Metáfora: imaxes simbólicas.
  • Símile: comparación directa.

Autores Principais

  • Airas Nunes: Clérigo e trobador galego de finais do século XIII.
  • Don Dinis: Rei de Portugal (1279–1325), neto de Afonso X. É o trobador máis fecundo: conservamos 137 cantigas, das cales 73 son de amor.
  • Xoán Airas: Poeta galego prolífico (81 cantigas conservadas). Posiblemente burgués de Santiago, activo na segunda metade do século XIII.

Os Séculos Escuros (XVI-XVIII)

Que son os Séculos Escuros?

Os séculos XVI, XVII e XVIII caracterízanse polo estado de marxinación social do idioma galego e pola ausencia case total de literatura culta escrita no noso idioma. Aínda que podemos dicir que os Séculos Escuros comprenden os séculos XVI, XVII e XVIII, adoita darse como inicio desta etapa a data na que o Mariscal Pardo de Cela foi decapitado en Mondoñedo no ano 1483 e como final o ano 1808, data na que comeza a Guerra da Independencia contra os franceses.

Contexto Histórico e Social

A exclusión do galego da cultura está vinculada á marxinación política e ao empobrecemento do antigo Reino de Galicia, que perdera o seu esplendor e influencia. Esta decadencia intensificouse co reinado dos Reis Católicos. Tras a morte de Henrique IV en 1474, tivo lugar unha guerra civil pola coroa de Castela entre Dona Xoana, apoiada por parte da nobreza galega, e Isabel a Católica, que resultou vencedora. Como castigo, os nobres galegos que apoiaran a Dona Xoana perderon as súas terras, que foron entregadas a nobres foráneos que impuxeron o castelán na administración e na Igrexa, substituíndo o galego. A oposición política á centralización dos Reis Católicos estivo representada polo Mariscal Pardo de Cela, executado en 1483. A economía baseábase na agricultura, con máis do 75% da poboación dedicada ao campo. Os campesiños traballaban para os señores, aos que pagaban o foro (entre o 25% e o 50% das colleitas), vivindo na pobreza, analfabetos e sen acceso á propiedade da terra. Esta situación, xunto co crecemento demográfico, deu lugar ao fenómeno da emigración. Dende o século XVI, os galegos marchaban a Andalucía, Portugal e Castela, e a partir do XVIII, tamén á Arxentina, asumindo os traballos máis duros.

Contexto Sociolingüístico: A Diglosia

A pesar da marxinación cultural do galego, esta lingua seguía sendo a maioritaria a nivel oral en todos os estamentos sociais, falada por arredor do 90-95% da poboación. Pola contra, o castelán era utilizado só por unha minoría, maioritariamente de orixe foránea. Non obstante, esa minoría era a clase social privilexiada, que empregaba o castelán como lingua escrita, na Administración e na Igrexa. Ademais, parte da nobreza galega comezou a achegarse a Castela e foi sufrindo un proceso de desgaleguización, que se fixo máis evidente no século XVII. Deste modo, o castelán foi desprazando progresivamente o galego nos espazos asociados ao poder e á cultura, relegando o galego a usos informais e familiares. Esta situación é coñecida como diglosia: o castelán, aínda que descoñecido pola maioría dos galegos e galegas, era a lingua de prestixio, hexemónica, das elites, da escrita e da cultura; mentres que o galego era a lingua minorizada e dominada, usada oralmente polo pobo e socialmente minusvalorada. Como consecuencia da marxinación política e da pobreza da maior parte da poboación galega, nace unha imaxe negativa dos galegos, que son vistos como persoas atrasadas, incultas e pouco atractivas. Galiza tamén é presentada como unha terra inhóspita e fea. Esta visión despectiva está amplamente representada tanto no refraneiro como na literatura española do Renacemento e do Barroco, da man de autores como Tirso de Molina, Lope de Vega, Quevedo ou Góngora, que reproducen expresións insultantes como "Antes puto que gallego". Moi poucos textos replicaron estes ataques e tentaron dignificar a imaxe de Galicia. Un deles é El buho gallego (1620), atribuído ao VII Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro. Nesta obra, o moucho —símbolo de Galicia— debate con outras aves representantes doutras zonas da Península para denunciar a inxustiza co Reino de Galicia. Estes estereotipos proxectados sobre Galicia, os seus habitantes e a súa lingua, rematan afectando tamén á propia poboación galega. Así, nesta época naceron os prexuízos lingüísticos, o complexo de inferioridade e mesmo un sentimento de autoodio ou autodesprezo por ser galego e falar en galego.

A Ilustración Galega

A Ilustración foi un movemento cultural que se desenvolveu en toda Europa ao longo do século XVIII, coñecido tamén como o Século das Luces. En Galicia, os ilustrados perseguían como obxectivo principal superar o atraso económico, social e cultural que padecía o país. Defendían a modernización da agricultura, das vías de comunicación e da industria, así como a promoción da lingua galega e a súa introdución na escola para mellorar o nivel educativo da infancia.

Entre os ilustrados galegos destaca o Padre Martiño Sarmiento, pioneiro na reivindicación do uso do galego no ensino e na defensa de que os membros da Administración coñecesen a lingua galega. Realizou unha importante labor de recompilación de termos galegos en perigo de desaparición, así como de nomes propios (antropónimos) e topónimos. Outro autor destacado foi o Padre Feijoo, quen argumentou que o galego e o portugués tiñan un parentesco común e negou que o galego fose un dialecto do castelán, defendendo así a súa independencia lingüística. Francisca de Isla e Losada (1734-1808) tamén contribuíu á produción literaria en galego. Consérvase dela un romance escrito en 1775 e dedicado a Diego Antonio Cernadas. Esta autora, ao igual que máis tarde fixo Rosalía de Castro, mandou destruír case toda a súa obra pouco antes de morrer. Finalmente, destaca a figura do cura de Fruíme, Diego Antonio Cernadas e Castro (1702-1777), quen escribiu poemas en galego nos que exaltaba constantemente a Galicia e a vida na aldea. Nos seus textos combatiu activamente a mala imaxe e os insultos que se dirixían contra a terra galega.

Manuel Pardo de Andrade

Deste autor conservamos o romance “Os rogos dun gallego establecido en Londres, dedicados aos seus paisanos para abrirlles os ollos sobre certas iñorancias e o demais que verá o curioso leutor” (1813). Era unha sátira contra a Inquisición. Este romance chegou a ser moi popular e foi reimpreso varias veces, mesmo na prensa de fóra de Galicia.

O Teatro no Século XIX

O principal autor teatral do primeiro cuarto do século XIX foi Antonio Bieito Fandiño. Aínda que tamén escribiu poesía de contido irónico e satírico, acadou a fama coa súa peza teatral A casamenteira (1812), escrita no cárcere de Compostela (este autor foi perseguido pola súa ideoloxía liberal). Desenvolve, en tres cadros e en versos octosílabos, o tema dos casamentos amañados por conveniencia. A obra presenta o matrimonio amañado pola tía Goras entre o protagonista (Perucho) e a ama do Sr. Cura (Dominga). Técola (a moza de Perucho) séntese defraudada e el acaba por deixarse convencer da conveniencia do matrimonio.

A Literatura Política

Tamén se conservan do primeiro terzo do século XIX textos de contido político que tiñan unha intención política ou ideolóxica máis ca literaria. Estaban escritos en forma de diálogo. Os autores destes textos reflicten unha suposta conversa entre varios interlocutores, a miúdo de orixe labrega, que opinan sobre determinados temas de política do momento. Moitos son textos anónimos. O anonimato agochaba un certo temor a problemas políticos, que tamén procuraban esquivar trasladando a responsabilidade ideolóxica aos “dialogantes”, de xeito que o autor non sería máis que un mero transcritor. Algúns dos textos conservados son: A Tertulia de Picaños (1836). Neste texto, cinco interlocutores denuncian a corrupción dos empregados públicos e combaten as pretensións coruñesas de arrebatarlle a capitalidade e a Universidade a Santiago de Compostela. Diálogos na Quintana, na que dous personaxes, que representan o pobo, dialogan sobre os privilexios dos que gozaba o clero.

Nicomedes Pastor Díaz

É o primeiro poeta en lingua galega do século XIX con intención estética. Deste autor conservamos dous textos: “Alborada” (1828): poema amoroso no que o namorado, co nacemento do día, agarda o espertar da amada. “Égloga de Belmiro e Benigno”, na que se contan as coitas de amor de dous pastores.

O Movemento Galeguista e o Rexurdimento

A mediados do século XIX xorde o Galeguismo, un movemento ideolóxico centrado na defensa dos intereses de Galicia e na reivindicación da súa identidade e cultura. Este movemento foi fundamental para que se producise o Rexurdimento da literatura galega, xa que sen el non tería sido posible a recuperación da lingua como vehículo literario. Co paso do tempo, o galeguismo foi evolucionando e concretándose en distintas correntes ideolóxicas: o Provincialismo, o Rexionalismo e, a partir de 1916 co nacemento das Irmandades da Fala, o Nacionalismo.

O Provincialismo (1840-1854)

O Provincialismo (1840-1854) marca o inicio do movemento galeguista. Estaba integrado por mozos universitarios e intelectuais de clase media-alta, que difundían as súas ideas a través da prensa. Reivindicaban a unidade de Galicia fronte á división administrativa imposta en 1833, que eliminaba a denominación de Reino de Galicia ao fragmentala en catro provincias. Denunciaban tamén a marxinación que sufría o país e destacaban o carácter diferenciado do pobo galego, ao que consideraban de orixe celta. Os provincialistas participaron activamente no levantamento de Solís en 1846, que rematou en fracaso coa execución de Solís e dez oficiais, coñecidos como os Mártires de Carral. Tras este feito, o movemento sufriu unha dispersión e moitos dos seus membros, como Francisco Añón, tiveron que exiliarse. A partir de entón, o provincialismo adoptou unha orientación cultural, centrada no estudo da historia, o folclore e na defensa da lingua galega, sentando así as bases do Rexurdimento.

O Rexionalismo (Década de 1880)

Pola súa banda, o Rexionalismo nace na década de 1880 como unha evolución do provincialismo. Os rexionalistas consideraban que Galicia era unha rexión culturalmente diferenciada e reclamaban unha maior descentralización e certa autonomía política. No seu seo xurdiron dúas correntes: unha tradicionalista, liderada por Alfredo Brañas, e outra liberal, encabezada por Manuel Murguía, marido de Rosalía de Castro.

Os Precursores (1840-1863)

Os Precursores (1840-1863) son os autores que tiveron actividade literaria antes da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro en 1863, considerado o inicio simbólico do Rexurdimento. A súa denominación provén dun libro de Manuel Murguía publicado en 1885. Os Precursores estaban relacionados co Provincialismo, movemento galeguista que defendía a unidade de Galicia e a súa identidade. Entre os principais Precursores destacan Xoán Manuel Pintos, Alberto Camino e Francisco Añón, autores que contribuíron ao renacemento da literatura galega, especialmente no contexto cultural e político do momento.

Xoán Manuel Pintos (1811-1877)

Xoán Manuel Pintos (1811-1877), nacido en Pontevedra, foi un destacado galeguista e escritor. Estudou en Santiago e exerceu como xuíz en Cambados, fiscal en Pontevedra e rexistrador en Vigo. A súa principal preocupación foi a dignificación e cultivo do galego. A súa obra máis relevante é A gaita gallega (1853), que se considera o primeiro libro en galego do século XIX. Nela mestúranse galego, castelán, francés e latín. O libro combina verso e prosa e ten como obxectivos a defensa e a promoción do galego, ademais de ser un método para aprender a lingua. A obra presenta aos personaxes Cristus, o gaiteiro galego, e Pedro Luces, o tamborileiro de Castela. O gaiteiro ensíñalle ao tamborileiro a cultura galega, a súa lingua e costumes, simbolizando a importancia de transmitir a identidade galega, especialmente a alguén de fóra. A gaita e o gaiteiro son escollidos como símbolos principais da cultura galega. O gaiteiro expresa no libro a súa mágoa pola situación de Galicia, que se sente sometida e colonizada, incapaz de reaccionar ante os abusos e desprezos externos.

Os Xogos Florais

Os Xogos Florais son certames poéticos que se celebraron por primeira vez na Coruña en 1861. Un dos gañadores foi Francisco Añón (1812 – 1878), co seu poema “A Galicia”, no que se presenta a Galiza sumida nun profundo soño do que debe espertar para así recuperar a importancia que tivo noutras épocas. Os poemas presentados foron publicados o ano seguinte no Álbum de la Caridad, a primeira recompilación de poetas galegos do século XIX. Nel hai 40 poemas en galego, entre os cales atopamos poemas de Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. En 1891 celebráronse en Tui os Xogos Florais que pasan á historia porque foron o primeiro acto público celebrado integramente en galego. Neste acto os discursos do bispo Lago González, o do político Alfredo Brañas e o de Manuel Murguía foron en lingua galega.

O Rexurdimento Pleno (1863-1888)

O Rexurdimento foi un período de renovación cultural, literaria e política que se desenvolveu no século XIX, especialmente no último terzo, impulsado polo movemento galeguista. A publicación de Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro marcou o inicio do Rexurdimento Pleno, co apoio de autores como Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal e Manuel Curros Enríquez. A recuperación do galego como lingua de cultura foi un proceso integral que inclúe:

  • A publicación das primeiras historias de Galicia, como a de Manuel Murguía, que defendían as orixes celtas do pobo galego.
  • A creación das primeiras gramáticas e dicionarios en galego, como o de Francisco Mirás (1864).
  • A fundación de imprentas dedicadas ao galego, como a Biblioteca Gallega de Martínez Salazar.
  • A aparición da prensa en galego, destacando xornais como O tío Marcos da Portela e O Galiciano, que defendían a cultura galega e denunciaban as inxustizas sociais.
  • Ademais, o galego tamén se introduciu na música, con coros e orfeóns, e rescataron cantigas populares, así como se musicaron obras do Rexurdimento, como Negra sombra de Rosalía ou Unha noite na eira do trigo de Curros Enríquez.

Manuel Curros Enríquez

Aires da miña terra (1880) é unha obra que reúne toda a produción poética en galego de Curros Enríquez ata esa data, e que se ampliará en sucesivas edicións. A súa temática está fundamentalmente marcada pola denuncia social, aínda que tamén se inclúen poemas de carácter intimista e costumista.

Liñas Temáticas

  • Temática social: É o núcleo central da obra, onde Curros denuncia as inxustizas sociais. Critica a falta de liberdade, o imperialismo, a corrupción e os privilexios dos ricos. Un exemplo significativo é o poema "O maio", no que amosa as súas ideas progresistas, defendendo os dereitos universais, a liberdade de expresión e a igualdade. Para Curros, o progreso vai da man coa cultura e a liberdade, sendo a clave para salvar as clases populares, como se observa no poema "Na chegada a Ourense da primeira locomotora".
  • Anticlericalismo: Curros tamén expresa o seu rexeitamento á Igrexa, acusándoa de apoiar as clases dominantes, de fomentar supersticións e de ser un obstáculo para o progreso e a liberdade. Exemplos desta postura son os poemas "A igrexa fría", "No convento" e "Mirando ao chau".
  • Temática intimista: Nalgúns poemas, Curros aborda asuntos persoais, como a morte dun fillo ("Ai!"), a morte da súa nai ("Na morte da miña nai") ou o nacemento dun fillo ("Ben chegado!"), reflexionando sobre a súa propia experiencia e sentimentos familiares.
  • Temática costumista: Neste apartado, Curros recrea a cultura popular e as tradicións galegas. Exemplos son os tres poemas premiados en 1877 no concurso literario de Ourense: "A Virxe do Cristal", que narra un milagre de Celanova; "Unha voda en Einibó", que describe unha voda tradicional galega; e "O gueiteiro de Penalta", no que se evoca un personaxe típico da cultura galega.

O divino sainete (1888) é unha obra de carácter satírico que inicia a liña de humor na literatura galega moderna. Inspirado na Divina Comedia de Dante, o poema relata a viaxe de Curros e Francisco Añón a Roma para ver ao Papa. Viaxan nun tren de sete vagóns, cada un representando un dos sete pecados capitais. A través desta viaxe, Curros aproveita para realizar unha crítica á sociedade da súa época, especialmente á Igrexa e á política galega. Caricaturiza diversos personaxes e institucións, entre eles, fai mención á escritora Emilia Pardo Bazán, quen, no contexto do poema, viaxa no vagón da envexa. Ela había manifestado o seu desacordo co xiro dado por Rosalía de Castro en Follas Novas e criticaba a obra de Curros e outros escritores galegos.

Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1863)

Cantares Gallegos (1863) é unha obra fundamental no Rexurdimento literario galego, escrita por Rosalía de Castro. O libro consta de 36 poemas que se inspiran nas cantigas populares galegas. A obra destaca pola súa forte conexión coa tradición oral, usando versos de arte menor e rima asonante, características típicas da literatura popular. A súa finalidade principal é social, xa que Rosalía busca reivindicar a terra galega, a súa xente e a súa lingua. A autora escolle o galego para escribir sobre os costumes, sentimentos e tradicións do pobo galego, presentándoos como persoas dignas e sensatas. A súa obra tamén serve para defender a cultura galega fronte á desvalorización interna e ao desprezo de fóra. O libro está precedido por un prólogo no que Rosalía explica as súas motivacións para escribir en galego, destacando a importancia de recoñecer a validez do galego como lingua literaria e denunciando o maltrato que sufría Galicia, especialmente os labregos, os emigrantes e as mulleres.

A estrutura de Cantares Gallegos é circular: o primeiro e o último poema funcionan como introdución e despedida. Estes poemas son narrados desde a voz dunha *meniña gaiteira* que canta na súa lingua, simbolizando o comezo e o remate do ciclo da obra. No resto dos poemas, Rosalía alterna as voces dos personaxes, principalmente labregos, para ofrecer un retrato do pobo galego e da súa realidade social e cultural.

Temática de Cantares Gallegos

A temática dos poemas pode dividirse en catro grandes bloques:

  • Temática costumista: Rosalía describe costumes, crenzas, festas, romarías e personaxes populares galegos, defendendo a dignidade da súa cultura. A imaxe de Galicia que presenta é a dunha terra alegre, chea de tradicións e festividades. Exemplos de poemas desta categoría son "Un repoludo gaiteiro".
  • Temática político-social: A escritora aborda a situación de marxinación e penuria que vive o pobo galego, especialmente os labregos. O drama da emigración é un tema clave nesta sección, destacando os sufrimentos dos galegos fóra de Galicia e as penurias das mulleres dos emigrantes. "Castellanos de Castilla" é un exemplo representativo desta temática.
  • Temática intimista: Aquí, Rosalía expresa as súas propias vivencias emocionais e lembranzas persoais, como a melancolía, a saudade e a soidade. Son poemas nos que o "eu poético" se identifica coa propia autora, evocando a paisaxe galega e a lembranza da súa infancia. Exemplos desta temática son "Campanas de Bastabales" e "Como chove miudiño".

Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)

Follas Novas (1880) é unha obra escrita por Rosalía de Castro entre 1868 e 1870, durante a súa estancia en Simancas, onde acompañaba ao seu marido, Manuel Murguía. Publicada unha década despois, a obra non tivo a mesma boa acollida que Cantares Gallegos, pero representa un achegamento profundo á introspección e á crítica social, facendo desta obra unha rara xema na poesía española. A autora reflexiona sobre a súa propia escrita e, ao mesmo tempo, aborda problemas existenciais e sociais, algo que non se fixera antes nin en galego nin en castelán.

A obra consta de cinco partes e un prólogo. Rosalía presenta unha poesía intimista e existencial na que explora sentimentos como a angustia, a *saudade*, o desasosego e a melancolía, e incluso se apropia de reflexións filosóficas sobre a vida, o paso do tempo e a morte. A *saudade* é un tema central, como resultado dunha sensación de desconexión humana e da certeza de que os seres humanos nunca poderán compartir completamente os seus sentimentos. O desexo de morrer ou o suicidio aparece tamén como unha vía de escape do sufrimento vital. Ademais das reflexións existenciais, Follas Novas inclúe tamén poesía social. Rosalía denuncia as inxustizas sociais, a explotación dos labregos e a dura situación das mulleres e dos emigrantes. A emigración, motivada polos abusos dos poderosos, os excesivos impostos e a pobreza, é un dos temas máis recorrentes da obra. O poema "A xustiza pola man" incita á vinganza contra as hipocrisías sociais e mostra a desesperación que leva ao pobo galego a abandonar a súa terra.

A Lingua en Follas Novas

En canto á lingua, Rosalía utiliza o galego de forma natural, sen as normas ortográficas unificadas que existen hoxe, o que leva a certos castelanismos e vulgarismos na súa poesía. A súa obra reflicte a fala popular, especialmente a das zonas de Santiago e Padrón, e se distancia da poesía lírica tradicional para achegarse á reflexión filosófica e á crítica social.

Estrutura de Follas Novas

A obra estrutúrase en cinco partes:

  • Vaguedás: Poesía intimista e existencial.
  • Do íntimo: Segue unha liña de reflexión profunda sobre a vida e os sentimentos.
  • Varia: Combina varios temas, desde a introspección ata as inxustizas sociais.
  • Da terra: Poesía social que denuncia as penurias e a marxinación do pobo galego, especialmente os labregos e emigrantes.
  • As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos: Outra parte de crítica social, especialmente centrada nas mulleres que sofren as consecuencias da emigración.

Follas Novas é máis introspectiva e menos costumista que Cantares Gallegos, aínda que conserva un cariz reivindicativo nalgúns dos seus poemas. A autora pasa da exaltación das tradicións populares á reflexión sobre a condición humana, e ofrece unha visión máis ampla da súa sociedade e do sufrimento individual e colectivo que a caracteriza.

Eduardo Pondal

A Súa Obra Poética

Os Eoas (= fillos do sol, os galegos); poema épico no que Pondal traballou toda a súa vida nela, pero o seu afán de perfeccionismo e a neurose que padeceu levaron a que nunca chegase a publicala en vida. Publicouse no 2005. Trátase dun extenso poema épico no que relata o descubrimento de América. Está inspirado en Os Lusíadas de Luís de Camões, gran obra da literatura portuguesa na que se relata a conquista das Indias polos portugueses. Queixumes dos pinos (1886). Consta de 21 poemas nos cales o fío condutor é un *bo bergantiñán* que nunha noite de luar conduce un carro e vai escoitando os rumores dos piñeiros; estes piñeiros o que fan é transmitir mensaxes dos bardos, dos primitivos celtas, supostamente os nosos devanceiros.

O Celtismo

O celtismo é un dos elementos máis importantes na obra de Eduardo Pondal, que defende a orixe celta de Galicia e considera aos antigos celtas, liderados por figuras como Breogán e Ith, como os devanceiros do pobo galego. A propia Galicia é retratada como a *nazón* ou *fogar* de Breogán, o principal xefe celta. Moitos dos poemas de Pondal fan referencia a heroes celtas, algúns reais e outros inventados, para os que utiliza topónimos da súa terra natal como Gundar, Froxán ou Ousinde, creéndose que estes nomes ocultaban recordos de antigos guerreiros esquecidos. Na poesía de Pondal, podemos distinguir tres momentos históricos relacionados co celtismo:

  • Pasado (+): O pasado celta é descrito como un tempo glorioso no que o pobo galego era libre e vivía en loitas e fazañas heroicas. Este é un período idealizado e digno de admiración.
  • Presente (-): Fronte á gloria do pasado, Pondal describe un presente marcado pola opresión e a submisión, que comeza coa invasión romana. Neste momento, o pobo galego perde a súa liberdade e os valores que caracterizaban o pasado.
  • Futuro (+): A pesar da opresión actual, Pondal mantén unha visión optimista do futuro. Cría que, se o pobo galego "espertaba do seu sono" e loitaba con valentía e afouteza, podería recuperar o seu pasado glorioso e lograr un futuro de liberdade e grandeza.

A través desta estrutura temporal, Pondal non só enaltece a herdanza celta, senón que tamén convoca á acción e á loita para restaurar a dignidade e a liberdade do pobo galego.

O Bardismo

Os galegos teñen que “espertar do seu sono” e loitar. Para que o pobo lembre o seu pasado glorioso e poida recuperalo precísase un bardo. Na Antigüidade, o bardo eran sacerdotes – poetas - adiviños celtas que gardaban e transmitían a sabedoría da tribo e informaban do seu pasado ás novas xeracións. Así, Pondal autoproclámase o bardo do pobo galego e, como bardo, desempeña na súa obra dúas funcións:

  • Lembralle á xente o seu heroico pasado celta.
  • Mostrarlle o camiño ao pobo galego para que supere a situación de prostración e se dirixa cara un novo futuro glorioso e libre.

Con todo, ser o bardo resultaba tamén unha tarefa ingrata e esta figura aparece ás veces na poesía pondaliana como un ser solitario, atormentado, triste e incomprendido polos que o rodean.

O Helenismo

Mediante a lectura de clásicos gregos como Homero, Platón, Aristóteles… Pondal achegouse ao mundo helénico. Amosou predilección pola Grecia clásica, especialmente por Esparta, pobo austero e guerreiro que representa para Pondal un modelo ético que os galegos deben imitar. O helenismo ponse de manifesto en:

  • A virilidade, a masculinidade forte, o heroísmo, a morte heroica e gloriosa en combate, o sacrificio polo país…, características dos heroes clásicos que tamén atopamos nos poemas de Pondal. Pola contra, todo o que resulta débil, feble, doce... –supostamente feminino– é valorado negativamente.
  • A arenga militar, para incitar á loita e dar ánimos.
  • Inclusión nos seus poemas de personaxes históricos e míticos da Grecia clásica (Dafne, Leónidas…) e topónimos gregos (Atenas, Esparta…).
  • Emprego de abundantes cultismos de orixe grega.

A Natureza na Obra de Pondal

A natureza ten un papel central, sendo descrita principalmente como a paisaxe de Bergantiños, a súa terra natal. Os elementos naturais como a flora (uces, piñeiros) e a fauna (andoriñas, corvos) desempeñan tres funcións:

  • Natureza como escenario: A paisaxe, chea de toponimias locais e elementos naturais, serve de escenario principal na súa poesía, destacando a paisaxe rural áspera e sen intervención humana.
  • Natureza como refuxio e confidente do bardo: O bardo, ao sentirse incomprendido, refúxiase na natureza, onde pode expresar as súas emocións, como a soidade e a nostalxia.
  • Natureza como valor simbólico: Elementos como as aves (corvo, gaivotas) simbolizan o desexo de liberdade, e os piñeiros representan guerreiros celtas dispostos á loita, impulsando á raza de Breogán a pelexar pola súa independencia.

Clasificación de Textos Segundo a Intención e Estrutura

A intención do emisor/a (narrar, describir, informar, ordenar, instruír, convencer, persuadir, entreter, criticar, concienciar, denunciar, reflexionar, facer reflexionar, divulgar coñecementos, defender, conmover...), a forma e a organización dos contidos (estrutura). Esta clasificación dá lugar a seis textos diferentes:

  • Narrativos
  • Descritivos
  • Dialogados
  • Expositivos
  • Argumentativos
  • Prescritivos

Textos Argumentativos

Defenden unha opinión ou idea de maneira razoada mediante argumentos. Polo tanto, o texto argumentativo é aquel que ten como finalidade persuadir ao receptor/a, convencelo/a da validez dunha opinión, achegando para iso probas ou razoamentos. Este tipo de escritos ponse de manifesto en múltiples actividades discursivas, tanto orais como escritas. A estrutura máis común dos textos argumentativos é:

  • Introdución do tema e da tese que se quere defender ou criticar.
  • Exposición dos argumentos e dos feitos.
  • Conclusión, que reafirme a tese da que se parte.

Textos Expositivos

Teñen como obxectivo informar e difundir coñecementos de forma obxectiva, clara e ordenada sobre un tema, para que os destinatarios e as destinatarias o coñezan ou comprendan mellor. A súa finalidade é, pois, informativa e divulgativa. Hai textos expositivos orais (exame oral, conferencia, discurso) e escritos (informe, exame escrito, traballo de investigación, artigo científico, ensaio, libros de texto, etc.). A estrutura deste tipo de textos adoita ser:

  • Introdución do tema que se vai tratar.
  • Desenvolvemento ou explicación do tema.
  • Conclusión ou resumo.

Clasificación Adicional de Textos

Ter en conta tamén que todos os textos se poden clasificar, segundo a canle empregada, en orais e escritos, e, segundo o rexistro, en formais e informais.

Tipos de Textos Non Literarios

Son textos que pertencen ao ámbito persoal, social, académico, profesional, etc. Teñen unha finalidade práctica. Poden ser:

  • Textos científico-técnicos: Transmiten con rigor e precisión os avances que se producen no ámbito da ciencia e da técnica (estudos de matemáticas, física, ciencias da natureza, informática, tecnoloxía...).
  • Textos humanísticos: Transmiten información e valoracións relacionadas coas chamadas ciencias humanas (estudo da literatura, da lingua...) e das ciencias sociais (filosofía, historia...).
  • Textos xornalísticos: Transmiten información e opinións sobre temas de actualidade (política, economía, cultura,...). Exemplos: noticias, artigo de opinión, columna, informe, entrevista, editorial, crónica, crítica.
  • Xurídico-administrativos: Son os empregados polas institucións para comunicarse. Exemplos: redacción de leis, formularios, actas…
  • Publicitarios: Teñen como obxectivo persuadir o receptor cunha finalidade comercial.
  • Textos da vida cotiá e das relacións sociais: Comprenden os textos que usamos para xestionar aspectos cotiáns da nosa vida persoal e social. Teñen un contido moi variado. Por exemplo: conversas cotiás, anotacións na axenda, reflexións nun diario, correos electrónicos, mensaxes nas redes sociais...

Entradas relacionadas: