Panorama da Narrativa Galega de Posguerra: Autores e Obras Esenciais

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,11 KB

Álvaro Cunqueiro: Mestre da Prosa Galega

Poeta antes da guerra, Álvaro Cunqueiro consolidouse despois como un autor de éxito en prosa. A súa obra destaca por varias características:

Características da Obra de Cunqueiro

  • Mestura de realismo e fantasía: Personaxes da literatura universal comparten con xentes do pobo galego vivencias e preocupacións.
  • Predominio da oralidade no estilo: De neno escoitou moitos contos da boca da nai e na botica do pai, o que influíu no seu gusto pola maneira tradicional de contar, chea de apelacións ao oínte, comentarios do narrador e alusións ás fontes.
  • Tendencia á disgregación da novela: Non hai unha estrutura clásica de presentación, desenvolvemento e desenlace, senón unha técnica de relato dentro do relato, ou relatos sucesivos cun débil fío argumental.

É representativa Merlín e familia, a súa primeira obra narrativa en galego, unha recreación da materia de Bretaña desde a particularidade dunha perspectiva galega.

Escribiu tamén libros de semblanzas, breves retratos de personaxes populares con toda a aparencia de seres reais, aínda que ás veces os seus poderes ou aventuras sexan de natureza marabillosa, relacionados coas crenzas da nosa cultura tradicional.

Bloques Temáticos da Obra de Cunqueiro

A súa obra está formada por dous bloques principais:

  1. Un formado polas tres novelas: Merlín e familia, As crónicas do sochante e Se o vello Sinbad volvese ás illas. Nestas novelas, o mundo que nos fala é un espazo fóra da realidade, cun universo propio e fantástico.
  2. Outro bloque formado pola triloxía de relatos galegos: Escola de menciñeiros, Xente de aquí e acolá e Os outros feirantes.

Ánxel Fole: O Narrador das Montañas de Lugo

Despois da guerra, Ánxel Fole viviu nas montañas de Lugo dando clases particulares. A súa obra está formada case exclusivamente por libros de contos, ambientados nesas montañas de Lugo e escritos coa lingua que alí se fala. Seguen a técnica dos contos populares tradicionais.

Obras Destacadas de Ánxel Fole

  • Á lus do candil
  • Terra Brava

Eduardo Blanco Amor: O Cronista de Auria

Toda a narrativa de Eduardo Blanco Amor desenvólvese en Ourense (que el chama Auria) a principios de século, no ambiente que el vivira de neno. Debemos destacar as súas dúas novelas, que todos os críticos consideran entre as mellores de toda a nosa literatura:

Novelas Fundamentais de Blanco Amor

  • A esmorga: Participa da renovación na narrativa galega da época, tanto na temática como na forma. É a declaración perante un xuíz dun acusado que relata a historia tráxica del e dous compañeiros, todos homes marxinais, en 24 horas de bebedela e que acabará coa morte de todos.
  • Xente ao lonxe: É a crónica da familia Vilar; a acción reflicte ao mesmo tempo a historia particular dos personaxes principais e a crónica da evolución da sociedade en Ourense.

Xosé Neira Vilas: Voces da Galicia Interior e Emigrante

Xosé Neira Vilas reproduce a realidade galega desde unha óptica novidosa que se centra en torno a dous focos principais:

Focos Temáticos na Obra de Neira Vilas

  • Galicia interior: Encádranse aquí as obras de protagonista infantil e as de adulto. A máis sobresaliente é Memorias dun neno labrego. Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho organízanse arredor da evolución dun neno nunha sociedade campesiña marcada pola opresión e pola pobreza económica.
  • Galicia emigrante: Obras como Historias de emigrantes e Tempo novo mostran os problemas xerados a causa da emigración forzosa: a morriña da terra, o illamento e as dificultades de adaptación ao mundo urbano, a loita por saír da miseria.

Tamén escribiu literatura infantil, como Espantallo amigo, entre outros, e ensaios.

Entradas relacionadas: