O Pensamento de Immanuel Kant: Epistemoloxía e Ética

Clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en español con un tamaño de 11,19 KB

Immanuel Kant: Entre Ilustración e Romanticismo

Immanuel Kant atópase, desde un punto de vista filosófico, a medio camiño entre Ilustración e Romanticismo. Educado na relixión pietista, saíu da súa cidade natal en contadas ocasións, pero isto non lle impediu recibir as influencias da súa época. Coa publicación da Crítica da razón pura (1781) comezaron os seus anos máis célebres. Dedicou a súa vida a entender a realidade e a natureza humanas, pois para el esta era a maneira de resolver todas as nosas dúbidas.

A Epistemoloxía Kantiana

Kant considerou que a racionalidade non se limita ao ámbito do coñecemento, senón que tamén é extensiva ao da acción. A razón constitúe, polo tanto, o instrumento que empregamos para coñecer (razón teórica) así como a facultade que guía a nosa acción (razón práctica).

Razón Teórica: O Que É

Kant preguntouse como era posible o coñecemento. Doulle resposta á súa dúbida facendo unha síntese entre os pensamentos racionalistas, que pensaban que a razón opera coas ideas innatas, e os empiristas, que defendían que a razón opera coas experiencias. Concluíu, polo tanto, que sen experiencia non hai coñecemento, pero matizou esta idea alegando que o ser humano non se limita a recibir información, senón que constrúe el mesmo a súa propia imaxe do mundo. Ademais, Kant pensaba que as ideas a priori eran como unhas lentes de cor azul: permítennos coñecer o mundo pero á súa vez vémolo alterado (azul). A súa filosofía denominábase idealismo trascendental.

Xiro Copernicano

Consiste nun cambio fundamental na maneira de entender o coñecemento. Tradicionalmente, pensábase que o suxeito debía adaptarse aos obxectos, pero Kant propón que son os obxectos os que deben axustarse ás condicións cognitivas do suxeito, como o espazo e o tempo. Así, o coñecemento a priori só é posible se os obxectos se conforman ás estruturas cognitivas do suxeito, e non ao revés. Esta idea revoluciona a filosofía, xa que establece que o suxeito ten un papel activo na organización e comprensión da realidade.

Crítica da Razón Pura

Un dos obxectivos desta obra era lexitimar os progresos que a ciencia estaba dando. Kant estableceu na súa obra unha teoría dos xuízos na que establecía as condicións que estes debían cumprir para consideralos científicos. Para Kant, un xuízo é un enunciado no que se relaciona un suxeito (Sol) cun predicado (centro do Universo). Noutras palabras, un xuízo constitúe unha atribución das calidades a un suxeito determinado. Para que sexa científico, debe cumprir dous requisitos:

  • Ser extensivo: debe ampliar o noso coñecemento do mundo.
  • Ser universal e necesario: válido en calquera circunstancia e momento.

Kant tamén clasificou os xuízos segundo a súa extensión e validez.

  • Segundo a extensión, están os analíticos (non amplían o noso coñecemento = un triángulo ten 3 lados) e os sintéticos (amplían o coñecemento = a Terra é redonda).
  • Segundo a validez, atopamos os a priori (non dependen da experiencia = o todo é maior que 1 parte) e os a posteriori (dependen da experiencia = está chovendo).

Xuízos sintéticos a priori: Son extensivos e teñen validez universal, son propios da ciencia. Principios matemáticos e físicos.

Crítica ás Facultades de Coñecemento

Na súa obra Kant analiza criticamente a natureza, a función e os límites da razón. Só coñecendo os límites da razón podemos entender os xuízos sintéticos a priori. Kant analiza a facultade de sensibilidade, entendemento e razón.

Estética Trascendental: Análise da Sensibilidade

A sensibilidade representa a capacidade de construír unha representación da realidade. Nesta análise Kant estableceu que cada especie posúe un aparato sensorial que lle fai percibir o mundo dunha forma particular. Para el, a maneira na que estamos concibidos os humanos afecta á nosa percepción e ademais obríganos a ordenar o que percibimos no espazo e no tempo. Polo tanto, espazo e tempo son dúas formas a priori da sensibilidade, porque son anteriores á experiencia e son factores que a determinan. As representacións son impresións situadas nun lugar e momento concretos. Polo tanto, podemos dicir que as impresións do mundo son unha síntese entre o material sensorial e as estruturas internas do propio suxeito (espazo e tempo).

Analítica Trascendental: Análise do Entendemento

Se ben xa se definiron coa análise da sensibilidade as representacións, estas son inconexas e faltas de sentido. Para que acheguen coñecemento é necesario interpretalas e comprendelas. Esta é a función do entendemento. O entendemento caracterízase pola facultade de pensar ou realizar xuízos a partir das impresións da sensibilidade, tarefa que se realiza mediante conceptos. Estes agrupan impresións, dotándoas de sentido. Estes conceptos son instrumentos necesarios para pensar a realidade. Segundo Kant existen dous tipos de conceptos:

  • Conceptos empíricos: Son os que proveñen da experiencia. Despois de observar e comparar, extráense as características comúns de diversos obxectos e fórmanse conceptos como os de casa, etc.
  • Categorías: Son os chamados conceptos puros xa que non proveñen da experiencia e son estruturas a priori dos coñecementos. A partir dos tipos de xuízo, Kant deduce 12 categorías: totalidade, pluralidade, unidade… Cada unha das categorías constitúe un concepto baleiro de contido, necesita o material que provén da sensibilidade para encherse e proporcionar coñecemento. Tanto as impresións como os conceptos son necesarios para o coñecemento e permiten entender o fenómeno de coñecemento.
Dialéctica Trascendental: Análise da Razón

Kant considera que a razón é a facultade de avanzar por medio da procura de principios máis xerais. Unha vez asociadas as impresións aos conceptos, estes deben ser relacionados mediante argumentacións racionais. Sen a razón o coñecemento sería fragmentario. Esta está marcada polas formas a priori da razón: as tres ideas transcendentais.

  • Idea de alma (agrupa os fenómenos da experiencia interna).
  • Idea de mundo (fenómenos experiencia externa).
  • Idea de Deus (ambos).

Estes principios teñen un uso correcto, sendo empregados como principios reguladores da razón. O uso incorrecto é considerar estas tres ideas como realidades obxectivas, porque así traspásanse os límites do coñecemento e dáse pé a enganos.

A Posibilidade da Metafísica

Kant rexeita a metafísica como ciencia porque considera que non se pode coñecer a realidade tal e como é en si mesma. A súa postura é que todo coñecemento está condicionado polas formas a priori do suxeito, como o espazo e o tempo, polo que a metafísica non pode ser un coñecemento empírico ou científico. Deste xeito, a metafísica, ao tratar de coñecer o"noumeno" (a cousa en si), está fóra das posibilidades da razón humana e non pode ser tratada como unha ciencia.

Razón Práctica: O Que Debe Ser

A razón pura convértese en razón práctica cando se ocupa de guiar a propia vontade. Na Crítica da Razón Práctica Kant dá resposta á seguinte pregunta: Que debo facer? Cando Kant analizou as éticas anteriores deuse conta de que todas elas eran éticas materiais. Son aquelas que teñen unha lista de normas ou preceptos. Segundo Kant, presentan dous inconvenientes que as fan inaceptables:

  • Son empíricas: porque teñen contido. Din o que debemos facer ou evitar. O seu contido provén da experiencia. Ademais, fundaméntanse na busca dun ben (felicidade, saúde) o que as converte en interesadas.
  • Son heterónomas: porque a vontade encóntrase determinada por principios que non proveñen da razón. Estes principios dependen dos intereses persoais.

Para Kant a ética debe ser universal e autónoma. Isto só sería posible nunha ética racional. Kant tamén considera que as éticas materiais non son propias de seres humanos maiores de idade.

A Ética Formal

No conxunto das accións humanas que non vulneran a lei moral, Kant distingue dous tipos:

  • As que están de acordo coa lei, pero foron levadas a cabo en base a unha inclinación natural ou á busca dunha finalidade allea á lei (que foron feitas de chiripa e saíron ben).
  • As verdadeiras accións morais, que seguen a lei polo respecto a ela. Son as feitas por deber.

Cando a vontade humana respecta a lei, sendo universal e necesaria, a vontade é boa. É dicir, unha vontade allea a fins e condicións.

A lei moral exprésase nun imperativo categórico. Os imperativos hipotéticos teñen unha estrutura condicional, polo que non poden ser universalmente verdadeiros. A obediencia ao deber aparece condicionada polo que se quere conseguir. Os imperativos categóricos obrigan incondicionalmente e perciben a moralidade a modo de xuízos sintéticos a priori. A acción correcta consiste en facer o que esixiríamos que fixesen os demais.

Os Postulados da Razón Práctica

(Que nos cabe esperar?)

“Soamente cando o que nos move é a vontade de cumprir co noso deber, podemos dicir que somos morais”

Segundo Kant a liberdade humana é un atributo inalcanzable para a razón teórica. Todo o que nos obriga a falar de ideas transcendentais como se fosen realidades choca coas posibilidades intelectuais humanas. Por iso, Kant recomenda a posición agnóstica, pois considerábaa a única posición coherente. Aínda así, a existencia da alma, do mundo e de Deus é imprescindible para que poidamos falar de moral. Isto deriva en que Kant estableza que as ideas transcendentais da razón teórica deban entenderse como postulados da razón práctica. Os postulados son ideas das que non temos nin podemos chegar a ter ningunha certeza, pero debemos presupor que existen. Son indemostrables cientificamente pero necesarios desde un punto de vista moral.

  1. Primeiro: A liberdade humana. Só ten sentido falar da moralidade desde o ámbito da liberdade, que leva como consecuencia o concepto da responsabilidade moral. O deber moral implica poder actuar libremente con independencia das causalidades mecánicas.
  2. Segundo: A inmortalidade da alma. O tempo é limitado e sería imposible chegar a ser auténticamente morais neste mundo. Por iso a alma debe ser inmortal, para proseguir no camiño da consecución da moralidade.
  3. Terceiro: A existencia de Deus. Deus, como a alma, é unha realidade da cal non podemos ter ningunha experiencia e, polo tanto, ningún coñecemento. É necesario supoñer a súa existencia como última garantía do sentido da existencia humana.

Entradas relacionadas: