Poesía Galega na Postguerra (1936-1976): Xeracións e Legado Literario
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 6,79 KB
Contexto Histórico e Cultural da Poesía Galega (1936-1976)
Unha vez rematada a Guerra Civil, comeza en España un período histórico caracterizado pola ausencia de liberdade e pola anulación dos dereitos elementais dos cidadáns, como a liberdade de expresión, de reunión, etc. A partir de 1939, instáurase unha ditadura militar encarnada no xeneral Franco, que se prolongará ata a morte deste en 1975. No ámbito cultural, a produción xornalística, ao igual que a literaria en galego, cae ata desaparecer case por completo, de maneira que moitos escritores procuran refuxio no exilio americano. No ano 1950, iniciarase unha recuperación da voz cultural galega grazas á creación da Editorial Galaxia.
A pesar desta situación de ausencia dunha produción literaria continuada, nestes anos de posguerra xorden tres grupos xeracionais fundamentais para a pervivencia da literatura galega:
- A Xeración de 1936
- A Promoción de Enlace
- A Xeración dos 50 ou das Festas Minervais
Estes grupos encargaránse de defender a literatura ante a mingua da produción editorial.
A Xeración do 36
A Xeración do 36 está constituída por escritores formados no marco da Segunda República. Nun principio, recoñécense como discípulos da Xeración Nós e da Xeración de 1925, pero pronto atoparán as súas propias liñas creativas. A súa obra acada a maior orixinalidade nos anos 50 e 60. Entre os autores pertencentes a esta xeración destacan:
- Aquilino Iglesia Alvariño
- Álvaro Cunqueiro
- Celso Emilio Ferreiro
Aquilino Iglesia Alvariño
Aquilino Iglesia cultiva o clasicismo, de maneira que utiliza as formas e os metros clásicos en poemas de ton intimista e o ruralismo, liña que ennobrece a paisaxe con resonancias da virxe nos cantos ás terras do interior de Lugo. Toda a súa poesía está marcada polas paisaxes da infancia. É frecuente nos seus poemas o sentimento de soidade envolto nun manto relixioso que nunca o abandona, ademais de emoción e imaxes unidas ás xentes e á lingua labrega. Entre as súas obras destacan:
- Corazón ao vento
- De día a día
- Nenías
Álvaro Cunqueiro
Álvaro Cunqueiro comeza o seu labor literario no período de preguerra e é un dos escritores máis influentes do noso ámbito. Cultiva o neotrobadorismo, de maneira que reelabora as formas trobadorescas galego-portuguesas. A súa obra está caracterizada pola ruptura vangardista, a dimensión lúdica, a ironía, a sensualidade, o vitalismo, a dor existencial predominante na súa última etapa e o amor á súa terra. Escribiu varios libros de poemas como:
- Dona do corpo delgado
- Poemas do si e non
- Cantiga nova que se chama riveira
Celso Emilio Ferreiro
Un dos poetas máis destacados desta Xeración do 36 é Celso Emilio Ferreiro, que é un dos máximos representantes da poesía social en Galicia. Nas súas obras transmite o máis íntimo da súa personalidade, como os recordos da infancia, a visión da muller, as vivencias existenciais, utilizando símbolos como a pedra, a árbore ou a paisaxe sen límites. Entre as súas obras poéticas destacan:
- O sono sulagado
- Viaxe ao país dos ananos
- Terra de ningures
- Longa noite de pedra
A Promoción de Enlace
En canto á Promoción de Enlace, está formada por poetas nados entre 1920 e 1930 que acceden á cultura nos anos 40, nun ambiente de penuria e illamento internacional. Toman os seus modelos da literatura española e actúan como bisagra entre a xeración precedente e a seguinte. A crítica sinala que carecen de unidade creativa e de liñas poéticas propias, e seguen diversas tendencias como o imaxinismo, a poesía relixiosa ou a poesía social. Dentro desta Promoción destacan:
- Antón Tovar con obras como Arredores e Non, nas que cultiva unha poesía intimista e confesional na que non está ausente a preocupación política e social.
- Luz Pozo con Concerto de outono ou Códice Calixtino, obras de gran complexidade simbólica e riqueza expresiva.
- Manuel Cuña Novás con Frauta na noite e Fabulario novo, poemario no que destaca a influencia do surrealismo.
A Xeración dos 50 ou Festas Minervais
Finalmente, a Xeración dos 50 ou Festas Minervais intégrana poetas nacidos entre 1930 e 1940 que fan unha ruptura coa tradición literaria galega. Destacan autores como:
- Manuel María con Muiñeiro de brétemas e Terra Chá.
- Uxío Novoneyra, que cultiva unha poesía paisaxística, social, intimista e mesmo erótica. Entre as súas obras atopamos Os eidos e Muller para lonxe.
- Xosé Luís Méndez Ferrín publicará Voce na néboa e O fin dun canto. Na súa obra conflúen temas como a nostalxia, o amor, o paso do tempo, a morte, etc.
Temos outros poetas que podemos englobar nesta xeración, como:
- Xohana Torres con Tempo de ría.
- Bernardino Graña con Non vexo Vigo nin vexo Cangas.
- Antón Avilés de Taramancos con O tempo no espello.
Conclusión
En conclusión, grazas ao labor de todos os poetas pertencentes a estas tres Xeracións, púidose recuperar a poesía en galego nos anos de posguerra, marcados por unha situación de silencio no ámbito cultural e literario.