A Poesía Galega de Posguerra: Da Editorial Galaxia ao Socialrealismo
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,49 KB
A recuperación da literatura galega na posguerra
A Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura impediron o cultivo literario en galego, pervivindo este unicamente no exilio. Malia a represión e a censura, no ano 1947 Aquilino Iglesia Alvariño publicou o primeiro libro relevante da posguerra, Cómaros verdes. Pero o inicio certo da recuperación da actividade literaria en galego sucede no ano 1950, coa creación da editorial Galaxia.
Debido a esta delongada paréntese, coinciden agora publicando autores de idades e estilos diversos pertencentes a tres promocións, que se presentan a seguir.
Tendencias poéticas dominantes (1950-1962)
Se consideramos as liñas ou tendencias poéticas dominantes, nos anos 50 e ata 1962 cultivarase sobre todo:
- O intimismo existencialista da Escola da Tebra: da man de Cuña Novás ou Manuel María.
- O paisaxismo telúrico: con relevancia nalgunhas das publicacións de Manuel María e de Uxío Novoneyra.
- A poesía social da posguerra no exilio: con figuras como Luis Seoane (Fardel de eisilado) ou Lorenzo Varela (Lonxe).
A partir de 1962, en cambio, e grazas á ampla recepción de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, dominará o socialrealismo.
A Xeración do 36
Esta xeración está composta por autores nacidos entre 1910 e 1920, marcados vitalmente pola guerra e formados na súa primeira mocidade no ambiente do Grupo Nós e das vangardas. Supoñen unha ponte entre a literatura de preguerra e as novas promocións, seguindo tendencias moi diversas.
Principais correntes e autores
Por mor da censura, inícianse cultivando as tendencias poéticas de preguerra:
- O neotrobadorismo: presente en Cancioneiro de Monfero de Álvarez Blázquez e Dona do corpo delgado de Cunqueiro.
- O ruralismo: en Cómaros verdes, de Iglesia Alvariño, e en Nimbos, de Díaz Castro.
Tendencias novidosas da xeración
As tendencias máis novidosas e propias desta xeración son:
- O clasicismo: poesía de temática e formas clásicas na que salienta o mesmo Iglesia Alvariño con Lanza de soledá.
- O intimismo radical de María Mariño: os seus poemarios Palabra no tempo e Verba que comeza lembran o intimismo desacougante de Rosalía de Castro desde unha estética rompedora.
Aínda que pertence á xeración do 22 ou das vangardas, tamén publica nesta altura Luís Pimentel (Triscos e Sombra do aire na herba), poemarios que sintetizan e reactualizan diversas correntes vangardistas, en especial a hilozoísta e a surrealista.
O auxe do socialrealismo
Finalmente, foi o socialrealismo a tendencia máis destacada da xeración, sendo Celso Emilio Ferreiro a súa voz principal. O éxito de Longa noite de pedra (1962) foi o factor determinante que impulsou o dominio desta corrente no panorama literario galego.