Proceso e Criterios de Admisión Escolar en Centros Públicos e Concertados

Clasificado en Magisterio

Escrito el en español con un tamaño de 3,17 KB

Admisión de Alumnos

  1. As administracións educativas regularán a admisión de alumnos en centros públicos e privados concertados de tal forma que garanta o dereito á educación, o acceso en condicións de igualdade e a liberdade de elección de centro por parte dos pais ou titores. En todo caso, tenderase a unha adecuada e equilibrada distribución entre os centros escolares dos alumnos con necesidade específica de apoio educativo.
  2. Cando non existan prazas suficientes, o proceso de admisión rexerase polos seguintes criterios prioritarios:
    • Existencia de irmáns matriculados no centro ou pais ou titores legais que traballen nel.
    • Proximidade do domicilio ou do lugar de traballo dalgún dos pais ou titores legais.
    • Rendas anuais da unidade familiar, atendendo ás especificidades que para o seu cálculo se aplican ás familias numerosas.
    • Concorrencia de discapacidade no alumno ou nalgún dos seus pais ou irmáns.
    Estes criterios non terán carácter excluínte e aplicaranse sen prexuízo do establecido no punto 7 deste artigo.
  3. En ningún caso haberá discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
  4. As administracións educativas poderán solicitar a colaboración doutras instancias administrativas para garantir a autenticidade dos datos que os interesados e os centros acheguen no proceso de admisión do alumnado.
  5. Os centros públicos adscritos a outros centros públicos, que impartan etapas diferentes, consideraranse centros únicos para os efectos de aplicación dos criterios de admisión do alumnado establecidos nesta lei.
  6. Correspóndelles ás administracións educativas establecer o procedemento e as condicións para a adscrición de centros públicos a que se refire o punto anterior, respectando a posibilidade de libre elección de centro.
  7. Nos procedementos de admisión de alumnos en centros públicos que impartan educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou bacharelato, cando non existan prazas suficientes, terán prioridade aqueles alumnos que procedan dos centros de educación infantil, educación primaria ou de educación secundaria obrigatoria, respectivamente, que teñan adscritos.
  8. No caso dos centros privados concertados seguirase un procedemento análogo ao descrito no punto anterior, sempre que as devanditas ensinanzas estean concertadas.
  9. Nos centros privados concertados que impartan varias etapas educativas, o procedemento inicial de admisión realizarase ao comezo da oferta do curso que sexa obxecto de concerto e que corresponda á menor idade. Este procedemento realizarase de acordo co establecido para os centros públicos.
  10. A matriculación dun alumno nun centro público ou privado concertado suporá respectar o seu proxecto educativo, sen prexuízo dos dereitos recoñecidos aos alumnos e ás súas familias nas leis e o establecido no punto 3 deste artigo.

Entradas relacionadas: